O cervo e a sombra, de Diego Ameixeiras

Tal vez a novela máis estilizada, máis redonda e, ao tempo, máis desacougante e penetrante entre as que deu a coñecer ata agora.

Por Ramón Nicolás / Caderno da Crítica

Sempre entendín a escrita de Diego Ameixeiras como un exercicio de honestidade; esixente e discreto, afastado do compracente a perseguir con devezo e teimosía horizontes gobernados pola intensidade, emocional e narrativa. Un exercicio do que se aprende moito e que, como lector, resulta imposible quedar indiferente. Confírmame esta percepción O cervo e a sombra:  talvez a novela máis estilizada, máis redonda e, ao tempo, máis desacougante e penetrante entre as que deu a coñecer ata agora pois nela a palabra convértese en gume que disecciona as estremas, que as hai, da condición humana.

Cuns diálogos que brillan con luz propia, o ritmo vertixinoso que se enseñora a proposta – ideada se cadra a través dunha sucesión acertada de fotogramas narrativos-, xunto á acaída dosificación argumental que nos fai ser parte activa e actuante, a carón desa atmosfera do Ourense de hai seica un par de décadas, resultan claves para explicar algunha das razóns que nos obriga a empatizar cunha sombra que é o personaxe de Mateo: un provedor de droga que conta en primeira persoa unha historia de redención e de esperanza. Non todas as cousas son como parecen en primeira instancia e Mateo revela, con certeza, que o seu mundo é, ou foi, un ente complexo onde nada é branco ou negro. Nel inzan anxos custodios e insurxentes que terman dunha esperanza por veces transformada en algo tanxible pero que, noutras, se esvaece e abre a porta ao abismo.

A novela convídanos a tocar as “cicatrices invisibles”, rescata historias silandeiras e silenciadas e ten a rara habilidade de permitir que sintamos na pel o tormento que sofren os “espectadores atormentados do mundo”. A estes podemos acompañalos nunha viaxe en forma de espiral onde atopamos violencia, si, mais ao tempo fardeis de memoria familiar e colectiva, entrelazados con historias de amizade luminosas, taleigas anoadas ao amor e desexo. Un libro poboado de almas que emerxen da noite, que veñen desde o lado máis salvaxe, para quedar na nosa memoria.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.