O Campo das Laudas de Cerdedo acollerá unha Lauda na memoria dos Arca e dos Bugallo

O monólito conmemorativo, da autoría do escultor Marcos Escudero, chantarase no Campo das Laudas de Cerdedo a canda os sete existentes

O Campo das Laudas, un tributo do pobo para o pobo, é, xaora, unha iniciativa cultural sen parangón non só na Galiza, senón no resto do Estado.

Por Calros Solla / Capitán Gosende

En chegando o outono, facendo realidade o anunciado o pasado mes de abril, o colectivo Capitán Gosende fincará na aldea das Raposeiras (Meilide-Cerdedo) o oitavo monólito do seu Proxecto Campo das Laudas. Nesta ocasión, o vargo, labrado coma sempre polo escultor Marcos Escudero, honrará o sacrificio e fará perdurábel o recordo dos republicanos cerdedeses Francisco Arca Valiñas, Secundino Bugallo Iglesias, Xerardo Bugallo Lois e Roxelio Arca Rivas. Francisco e Secundino foron salvaxemente asasinados por fascistas de Cerdedo en 1936. Xerardo correu a mesma sorte en abril de 1939, xa finalizada a Guerra Civil. O cuarto, Roxelio, combateu no bando leal á República até o 29 de marzo de 1939, data na que foi feito prisioneiro en Teruel. Amais das penalidades do cativerio, unha vez de volta no fogar, Roxelio Arca cangou co xugo represivo do menosprezo e da exclusión social nun Cerdedo cribado pola vinganza, o fanatismo e o terror.

Por desgraza, dos catro homenaxeados só posuímos fotografías de Roxelio Arca Rivas, falecido en 2010, a piques de cumprir un século de republicanismo e dignidade. Non obstante, estes documentos posúen un indubidábel valor colectivo, xa que o retratan a carón da lápida e placa de bronce que, grazas ao patrocinio da asociación Verbo Xido e á colaboración do canteiro Xosé Nieto Xidavante, fincamos o 13 de agosto de 2006 na Ponte do Barco (Pedre), no infausto lugar onde, setenta anos antes, os fascistas asasinaran a seu pai Francisco Arca Valiñas e o seu camarada Secundino Bugallo Iglesias: “Morreron pola liberdade”.

Punto de encontro e mostra de resarcimento para as familias dos republicanos represaliados, o Campo das Laudas, inaugurado en 2016, vaise paseniño facendo realidade, grazas ás achegas dos membros do colectivo Capitán Gosende e á colaboración dos seus amigos e simpatizantes (cómpre resaltar a xenerosidade do vuxa Marcos Escudero). Dignificación, reparación e visibilización de todas as vítimas cerdedesas do fascismo: labor titánico no que teimaremos até onde dean as forzas. O proxecto non se beneficia de subvención pública ningunha, e naquel territorio carecente de tolerancia política, deixa en evidencia a tendenciosidade ideolóxica dos seus gobernantes e o seu flagrante incumprimento da Lei. En compensación e malia o silenciamento, o Memorial das Raposeiras é un dos lugares máis visitados e fotografados de Cerdedo.

O Campo das Laudas, un tributo do pobo para o pobo, é, xaora, unha iniciativa cultural sen parangón non só na Galiza, senón no resto do Estado. Até o momento, o colectivo Capitán Gosende preservou do tácito esquecemento institucional os nomes de 13 cerdedesas e cerdedeses mortos ou damnificados polo franquismo. Son os seguintes: o mestre, divulgador científico e poeta Xosé R. Otero Espasandín (natural de Castro do Medio-Castro), o canteiro Antonio Sueiro Cadavide (alcalde republicano; natural de Limeres-Cerdedo), o comisionista e xornalista Francisco Varela Garrido (secretario municipal; natural de Cerdedo), o carpinteiro Xosé Torres Paz (escribente municipal; natural de Cerdedo), o mestre de obras Martiño Ferreiro Álvarez (tenente de alcalde da Coruña; natural do Outeiro-Quireza), o canteiro Manuel Garrido o Resucitado e a súa muller Esperanza Barros García, labrega (naturais de Fondós-Quireza) e a labrega Xosefa Rivas Touriño, matriarca dos Ventín: Erundino, Manuel e Olegario Ventín Rivas; Perfecto Ventín Barreiro e Ramiro Lois Ventín (carrilanos, naturais de Tresaldeas e Piñeiro-Quireza, en Cerdedo, e As Quintas-Codeseda, na Estrada).

Francisco Arca Valiñas , alcumado Brillante, e o seu fillo Roxelio Arca Rivas eran naturais da parroquia de Figueiroa. Francisco Arca naceu no ano 1883 (ou 1886), desempeñando os oficios de canteiro e tratante de gando. Esforzado profesional, o xornal bonaerense Correo de Galicia do 21 de setembro de 1924 leva ás súas páxinas a noticia dun grave accidente laboral sufrido por Francisco Arca durante a construción dunha ponte no lugar da Montesiña (Soutomaior), na estrada de cara a Ponte Caldelas (PO-244). Arca presentaba importantes heridas en la cabeza, pérdida del dedo de una mano, rotura de varias costillas y síntomas de conmoción visceral. Malia padecer lesións de prognóstico grave, deu saído do transo.

Secundino Bugallo Iglesias, alcumado o Cambo, e o seu fillo Xerardo Bugallo Lois eran veciños da parroquia de Figueiroa. Secundino Bugallo, oriúndo da Barciela (parroquia de Castrelo, Forcarei), naceu no ano 1886, desempeñando os oficios de canteiro e tratante de gando.

Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias foron dirixentes da Sociedade de Agricultores “El Trabajo” de Figueiroa, vinculada ao sindicato CNT e integrada na Federación de Agricultores e Obreiros de Cerdedo con sede na Casa do Pobo de Deán. Secundino Bugallo Iglesias chegou a presidir en 1931 a devandita Federación, referente na Galiza dende a época do agrarismo.

En agosto de 1934, Secundino Bugallo Iglesias integraba a comisión organizadora que posibilitou en Cerdedo a creación de Izquierda Republicana, tarefa compartida, entre outros, con Antonio Sueiro Cadavide (o alcalde republicano), Severino Bugallo Valiñas e Ánxel Bugallo Camiña (El País, 7-8-1934). Secundino Bugallo tamén desenvolveu o cargo de xuíz municipal (El País, 18-8-1934).

Malia as manobras obstrucionistas da dereita caciquil, o 17 de febreiro de 1935, a xunta xeral de afiliados da Izquierda Republicana cerdedesa nomea a Bugallo Iglesias e a Arca Valiñas tesoureiro e segundo vogal, respectivamente, do cadro directivo da formación política. No organigrama local, Sabino Bugallo Valiñas ocupará a presidencia, Ánxel Bugallo Camiña, a secretaría e Luciano García Ventín, a primeira vogalía (El País, 20-2-1935; El Pueblo Gallego, 22-2-1935). Durante a sesión, o presidente Sabino Bugallo Valiñas lembrarase dos correlixionarios encarcerados pola súa suposta participación nos sucesos ocorridos en Cerdedo a raíz da folga de outubro de 1934: o alcalde Antonio Sueiro Cadavide, o seu fillo Camilo Sueiro Bouzas, Carlos González Estévez, Xosé Torres Paz, Francisco Varela Garrido, o presqueirán Alfredo Iglesias Álvarez e o propio Sabino Bugallo Valiñas.

Unha das primeiras decisións que toma o novo cadro directivo da IR cerdedesa é a recolla de sinaturas en solidariedade cos obreiros detidos durante a folga xeral revolucionaria. Suplícaselles ás autoridades estatais que se poña fin ás execucións. Consonte o xornal El Emigrado (28-2-1935), o pobo de Cerdedo respondeu, achegando en poucos días unhas dúas mil adhesións, que acompañarían un escrito remitido a Niceto Alcalá-Zamora, presidente da República e a Alejandro Lerroux, presidente do Consello de Ministros.

O 18 de abril de 1935, Francisco Arca Valiñas, o seu fillo Roxelio Arca Rivas, Dositeo Cortizo Penelas, Xosé María Vilas Sueiro, Constantino Troitiño Sieiro e Guillerme Valiñas Bugallo irromperon na igrexa de Figueiroa, interrompendo os oficios do Xoves Santo. Segundo coliximos do publicado por Dionísio Pereira (A II República e a represión en Cerdedo, 2006, páxs. 15-6), este altercado débese contextualizar no enfrontamento que moitos veciños de Figueiroa mantiñan co párroco de ideoloxía carlista Manuel López Vizcaíno, xa que, amais doutras corruptelas, opúñase con ardencia a que os librepensadores se enterrasen no camposanto da parroquia e, asemade, á construción dun cemiterio laico. O caso, avivado pola prensa católica, tivo moita repercusión mesmo a nivel estatal. O 31 de agosto, os Arca e os máis veciños foron xulgados de urxencia na Estrada e condenados a catro meses de arresto. Francisco Arca, Roxelio Arca e Xosé María Vilas non se entregaron e, reclamados polo Xulgado, foron detidos pola Garda Civil (El Pueblo Gallego, 13-9-1935).

Acaecida a sublevación fascista, o 20 de xullo de 1936 Secundino Bugallo Iglesias (IR) e Francisco Arca Valiñas (IR) sumáronse ao comité de emerxencia que, en Cerdedo, defendeu heroicamente a legalidade e a vontade popular referendada nas urnas cinco meses antes. En ausencia por inhabilitación do alcalde Antonio Sueiro Cadavide e por delegación do tenente de alcalde Luciano García Ventín, o comité estaba dirixido polos secretarios municipais Francisco Varela Garrido (IR) e Francisco Varela Buela (PSOE), compartindo dita responsabilidade cos camaradas e concelleiros Xosé Torres Paz (PSOE), Sabino Bugallo Valiñas (IR), Casimiro Cortizo e Manuel Gamallo Bugallo (IR). Secundino Bugallo ocupouse, entre outros labores, de requisárllelas armas porta a porta aos dereitistas máis exaltados. Os veciños da parroquia de Figueiroa, coñecida en Cerdedo por “A Pequena Rusia”, plántanlle cara na ponte Valoutas a un destacamento da Garda Civil que, proveniente de Pontevedra, traía a encomenda de prender as autoridades republicanas. O baluarte popular cede. Aqueles homes que non son detidos, poñen terra polo medio ou agóchanse nos acubillos monteses. As súas mulleres serán obxecto de continuas coercións e vexacións.

Dobregada a resistencia republicana, Francisco Arca Valiñas e Secundino Bugallo Iglesias son detidos e recluídos no cuartel da Garda Civil de Cerdedo.

Días despois, na noite do 13 de agosto de 1936, un fato de falanxistas cerdedeses, en conivencia con membros da chamada Guardia Cívica, “sacáronos” do cuartel e conducíronos ao anfraito da Ponte do Barco (parroquia de Pedre). Alí, no antigo quilómetro 74 da estrada de Ourense, os pistoleiros das dereitas torturáronos e déronlles morte. Os terríbeis berros de dor conturbaron as inadvertidas tesmuñas que, malia unha omertá de décadas, xamais darían esquecemento nin ao crime nin aos seus autores. Os cadáveres, abandonados na cuneta cos xenitais mutilados, foron descubertos á primeira hora da mañá polos pasaxeiros dun coche de liña. Entre os viaxeiros atopábase a muller de Francisco Arca, que baixaba a Pontevedra para informarse do paradoiro do seu home.

López Vizcaíno, o cura de Figueiroa, impediu que se lles puidese dar sepultura no cemiterio parroquial. Pola contra, Xosé Paramá, o crego de Pedre, permitiu que fosen soterrados no cemiterio desta parroquia. Tempo despois, as familias dos asasinados trasladaron as cinzas con discreción a Figueiroa. As lápidas de Francisco e Secundino aínda se conservan no cemiterio de Pedre (Solla, C.: Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo, 2016, páx. 341).

Xerardo Bugallo Lois, fillo de Secundino Bugallo Iglesias, tamén estaba afiliado á Sociedade de Agricultores “El Trabajo” de Figueiroa. Días despois da sublevación, foi detido a canda seu pai e recluído no cuartel da Garda Civil de Cerdedo. Ao parecer, o cabo Avelino Sánchez, enfastiado polas actuacións arbitrarias dos falanxistas locais, foi quen de salvarlle a vida in extremis. Lembremos que o día 11 de agosto de 1936, os pistoleiros da Falanxe levaron do cuartel e cunetearon en Pontevedra (parroquia de Alba) aos cerdedeses Xosé Torres Paz e Xosé Cortizo González, dando por morto a Manuel Garrido o Resucitado; e aos souteláns Xosé Mª Taberneiro Fraiz o Rolo de Vilapouca e Xesús González González Pernas. Dous días despois, empregando o mesmo execrábel procedemento, asasinarían na Ponte do Barco (Pedre) a seu pai Secundino Bugallo Iglesias e a Francisco Arca Valiñas. As listaxes negras dos fascistas estaban ateigadas de nomes.

Xerardo Bugallo foi mobilizado á forza no bando franquista, participando na sanguenta batalla do Ebro (xullo-novembro de 1938). Rematada a contenda (1 de abril de 1939), o tren que o conducía a Galiza fixo parada en León. Na plataforma da estación foi recoñecido por un falanxista implicado no asasinato de seu pai, quen non dubidou en matalo polas costas.

Roxelio Arca Rivas, fillo de Francisco Arca Valiñas, naceu no ano 1913. Exerceu a profesión de canteiro e ghalruou xidamente en vervo de arghinas. Cando aconteceu o golpe de Estado (17-18 de xullo de 1936), Roxelio atopábase traballando en Madrid. Seguindo o relato de Dionísio Pereira e do propio Roxelio Arca (Álbum de guerra. Canteiros da Terra de Montes no Exército Popular da República, 2008), o de Figueiroa, contando 23 anos de idade, alistouse voluntario no Grupo 33 da primeira columna confederal da CNT organizada na capital do Estado (Columna Del Rosal). Pouco despois, o Grupo 33 integrouse no 153 Batallón “Ferrer”, reconvertido posteriormente na 39 Brigada Mixta.

A 39 Brigada Mixta combateu na fronte de Aragón até decembro de 1936, cando os seus compoñentes foron trasladados a Madrid para gozaren duns días de descanso, antes de enfrontar a defensa da capital do Estado. Alí, o 21 de Nadal, na pensión galega onde se hospedaba, Roxelio Arca ten coñecemento do falecemento de seu pai: El vil asesinato de mi querido padre Francisco Arca Valiñas y de su compañero y amigo Secundino Bugallo, por los canallas, criminales y asesinos falangistas del municipio de Cerdedo, hecho ocurrido en la trágica noche del jueves 13 de agosto de 1936, y al saber la triste noticia, cuantas lágrimas vertieron mis ojos, lágrimas de pena, rabia e impotencia por lo sucedido, y de uno no ser capaz de protegerlos, mártires los dos compañeros de un ideal noble y justo (páx. 16).

A 39 Brigada Mixta foi quen de conter a ofensiva franquista sobre Madrid durante meses. A Roxelio, o seu denodo no combate valeulle o ascenso a cabo. O 21 de marzo de 1938 son relevados da primeira liña. Roxelio Arca escribiría: Durante un año, dos meses y ventiún días, hemos estado en la primera línea de fuego, defendiendo la libertad y la capital de España … contra las feroces embestidas de las fuerzas franco-fascistas (páx. 19). Non obstante, a guerra continuou para Roxelio nas frontes de Guadalajara e Teruel até o 29 de marzo de 1939, que, apeando a metralladora, deberon renderse na serra de Camarena, sendo confinados no campo de concentración da praza de touros de Teruel. Roxelio Arca ofrecerá fidel testemuño da morte en combate de moitos dos seus compañeiros, non poucos, paisanos da Terra de Montes; testemuño oral e escrito, posto que, como xa apuntamos, conservou un diario de guerra e máis de corenta fotografías, obtidas na fronte de Madrid, material editado por Dionísio Pereira en 2008.

Xa na Galiza, baixo constante vixilancia da Garda Civil, foi obrigado a incorporarse a un batallón disciplinario, constituído no desaparecido Cuartel das Mercedes de Lugo, en cuxos calabozos permaneceu, pasando mil calamidades, até que lle foi condonada a pena.

Roxelio Arca Rivas, manténdose firme nas súas conviccións, faleceu en Figueiroa (Cerdedo) o 6 de novembro de 2010 aos 97 anos de idade, non sen antes participar en 2006 (e seguintes) nos actos de homenaxe que a asociación Verbo Xido de Terra de Montes lles dedicou a seu pai Francisco Arca e mais ao seu camarada Secundino Bugallo. O monumento da Ponte do Barco foi obxecto de innúmeras agresións por parte da nostálxica intolerancia.

Cerdedo, en poder do golpismo fascista e dos seus herdeiros ideolóxicos dende o fatídico verán do ano 1936, desapareceu como concello en 2016. Aínda hoxe, naquel territorio desnortado séguese a incumprir a Lei de Memoria Histórica (2007) e, ben seguro, imcumprirase a Lei de Memoria Democrática.

Porén, non tardando, o Campo das Laudas das Raposeiras (Meilide-Cerdedo) arrequecerase coa oitava lauda na honra de Secundino e Francisco e na honra dos seus fillos Xerardo e Roxelio. Nós non esquecemos, Cerdedo non debera.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.