Este sábado constitúense as corporación locais saídas das urnas do 28 de maio. A foto final sitúa as forzas progresistas e o nacionalismo gobernando a maioría da poboación galega.
Por Xacobe Ferreiro / Nós Diario
A foto final dos pasados comicios locais sitúa as forzas progresistas e do nacionalismo gobernando a maioría da poboación galega. Á espera dos resultados definitivos dos plenos de investidura deste sábado e dos tradicionais cambios de última hora que alterarán nunha pequena porcentaxe as previsións das propias formacións, Gobernos do PSdeG e do BNG rexerán nos vindeiros catro anos 58,9% das e dos habitantes da Galiza.
O Partido Popular ficará á fronte de 134 municipios, que suman unha poboación de 613.687 persoas e que representa 22,81% das e dos residentes da Galiza. A estes Gobernos engadirá, con toda seguridade, a partir do 7 de xullo as Alcaldías de Noia, Lousame, A Pobra do Caramiñal e Porto do Son.
O PP sae destas eleccións situado como unha formación fundamentalmente rural, en claro retroceso nos ámbitos vilegos e de escasa relevancia no espazo urbano. Neste sentido, a primeira localidade en habitantes gobernada polos populares é Ferrol, mantendo entre os concellos de máis de 25.000 residentes só o Executivo de Arteixo. Asemade, a suma total de sufraxios non lle outorgaría maioría absoluta nos comicios galegos e deixaría a súa representación no Congreso dos Deputados en 11 escanos (na Galiza escóllense 23).
PSdeG
O Partido Socialista gobernará 1.216.775 galegas e galegos a partir deste sábado. Malia o retroceso electoral rexistrado nos comicios do 28 de maio, que lle fixo perder 76.002 votos no conxunto da Galiza, retén con maioría absoluta a cidade de Vigo e co apoio do BNG a da Coruña, Lugo, Vilagarcía, Ames ou Redondela. Precisamente, o seu maior retroceso electoral certificouno na área de Vigo, onde se deixou perto de 30.000 sufraxios, e cedeu Alcaldías como Baiona ou A Guarda.
Os socialistas galegos saen dun contexto electoral adverso para a súa formación con 100 Alcaldías. Manteñen practicamente intacto o seu poder nas áreas urbanas, perdendo o Goberno de Ferrol e a Alcaldía de Compostela, e resisten en grandes núcleos de poboación e nas cabeceiras da comarca.
BNG
A formación que lidera Ana Pontón conseguirá este sábado previsibelmente 35 Alcaldías, ás que se sumará o 7 de xullo Corcubión, Mazaricos, Muros e Ribeira. Nesta dirección, gobernará -sen contar as corporacións que se constitúen o 7 de xullo- 370.128 habitantes, após conseguir nos comicios de 28 de maio un ascenso no número de sufraxios de 28% e de 29,4% no número de concelleiras e concelleiros. A formación logra por primeira vez a Alcaldía de Compostela, após triplicar a súa presentación, retén Pontevedra e Carballo e engadirá Cangas do Morrazo e Ribeira, localidades todas elas por encima de 25.000 habitantes.
O BNG rexistra unha suba equilibrada no conxunto do país. Así, reteñen e gañan forza nas comarcas do conxunto da fachada atlántica, desde o Baixo Miño até Trasancos e avanzan de forma importante no interior de Ourense, con especial relevo nas comarcas de Celanova e no Macizo Central.
As outras formacións
A Alcaldía de 23 concellos ficará en mans doutras formacións políticas. Neste caso, trátase dun conglomerado variado no ideolóxico e no organizativo, mais cun predominio de formacións situadas no abano da esquerda. Así, entre estas destaca Alternativa dos Veciños, liderada polo alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, que gobernará ademais dese municipio, Carral e Fisterra e diferentes candidaturas herdeiras das antigas mareas.
Democracia Ourensá, a formación do alcalde en funcións de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, e Partido Anticorrupción e Xustiza, do rexedor da Agolada, Luís Calvo ou Veciños de Meaño, do antigo alcalde do PP na localidade, Carlos Viéitez, son das poucas formacións da órbita da dereita que alcanzaron Gobernos locais nos comicios do 28-M. A este respecto, nas últimas eleccións locais asistiuse a un proceso de concentración das opcións da dereita nas filas do PP.
Á espera do acordo
11 concellos dependen dun acordo de última hora. É o caso de Ponteareas, cunha poboación de 23.409 habitantes e onde as diferencias entre o PP e a dereitista Alternativa Cidadá de Ponteareas (ACIP) respecto á proposta para a Alcaldía podería abrir a porta a un Executivo liderado polo BNG.
Se el primero en comentar