Nuria Vil: “Moitas das persoas que me escoitan, viviron as revoltas obreiras, as manifestacións dos autobuses, A Maradona, a reconversión naval”

Foto: Dania Pol

Entrevistamos a Nuria Vil, resitadora, que forma parte do espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro canda Vanessa Glemsel e da plataforma literaria A Sega. Agora presenta o seu novo proxecto Delincuente, un repaso a historia obreira recente da cidade de Vigo

Por María Seráns

Nuria Vilán Prado (Nuria Vil no escénico) defínese como resitadora. Comparte un escénico audiovisual con Iria SIlvosa (creadora audiovisual) e MorlitaM (música experimental) que acaba de presentarse no Festival Escenas do Cambio da Cidade da Cultura. Forma parte do espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro canda Vanessa Glemsel e da plataforma literaria A Sega. Filólogue de (de)formación, traballa como correctore editorial, xestiona un perfil na páxina de mecenado Patreon (onde comparte relatos sonoros inéditos) e na canle de YouTube Coidado coa Cadela.

Colaborou en proxectos multidisciplinares con A Banda da Loba, Rabuda, coas marcas de roupa ourensás BoroTM e Salsa Gaucha, os grupos extintos Sésega (danza e música experimental)… No último ano participou en galego no ciclo Pictura Fulgens no Museo Reina Sofía.

Simún (Chan da Pólvora, 2021) é o seu primeiro e único poemario escrito e foi finalista nos Premios Follas Novas. Vén falarnos do seu proxecto Delincuente para o que abriu un crowdfunding en vkm.is/delincuente

Cóntanos, Nuria, que é Delincuente?

Delincuente inspírase no meu poema homónimo e constrúe un imaxinario no que eu mesma fantaseo con ser a líder dunha banda de delincuencia xuvenil… Repaso a historia obreira recente da cidade de Vigo, rescato referentes escritoras contemporáneas e vou trazando un mapa da violencia sistémica. Non hai heroes nin heroínas, tan expoño varios escenarios nos que a violencia se repite de formas diversas. Vai ser unha peza audiovisual, en formato curtametraxe, duns 10 minutos de duración, con BSO electrónica experimental de MorlitaM (Olga Martínez).

Como xurdiu a idea? Sempre tiveches claro o formato?

Delincuente naceu como un monólogo duns 8 minutos para un espectáculo en homenaxe a Xela Arias a carón de A Banda da Loba… Desde o comezo, imaxineino como unha especie de película, como os propios filmes quinquis dos que falo no texto. Sempre quixen facer algo con esa estética. Este ano Ensaia concedeume unha bolsa económica como recoñecemento á miña traxectoria artística e eu decidín investila en facer este proxecto realidade. Sempre fanteaseei con este formato, pero sempre souben tamén que era bastante inviable… Que agora esteamos a 3 semanas da rodaxe é un logro total!

Quen forma a equipa e por que? Fálanos da vosa “banda organizada”. Que diferenzas e que similitudes imos atopar con respecto a traballos anteriores?

A equipa técnica está conformada por persoas profesionais e encabezada por Alba Domínguez á dirección. Eu levo tempo namorade do seu traballo e nos últimos anos repetía que de facer esta idea real, sería con Alba como directora. Dinlle liberdade para escoller á equipa de cámara (Aaron Vilariño, axudante de cámara, María Viana, axudante de dirección) e tamén fixen as miñas suxerencias. Intentei non tirar de amizades e para iso abrín a oferta de traballo de forma pública… Escribíronme persoas descoñecidas para os departamentos de dirección de arte, produción e algunha cousiña máis que agora non lembro. CRU Producións apareceu así e fixéronse cargo da produción da rodaxe desde uns meses atrás. É inabarcable tentar facer algo así soe.

Foto: Dania Pol

A nosa banda organizada é diferente… Esa banda é a que vai saír no vídeo e si, son es miñes amigues. Non son actores nin actrices, fíxenlles un convite persoal porque son persoas que de formas diversas me acompañaron nos últimos anos desde o antirracismo, o transfeminismo, as non monogamias, a anti-gordofobia, o veganismo, na propia poesía… En xeral no menos normativo e na revisión de privilexios.

Con respecto a traballos anteriores eu sigo na miña liña de mesturar disciplinas… Quen coñeza os meus intereses sabe da miña paixón pola literatura comparada, en especial pola relación literatura cine. Delincuente podería ser unha tese académica, hai unha investigación académica detrás, pero é un vídeo. Podería ser un poema, un libro, un ensaio, pero vai ser precisamente un vídeo. Non sei nunca se estas decisións xogan ao meu favor ou en contra, pero a estas alturas non me importa demasiado. A diferenza fundamental con respecto a todo o anterior, eu creo, é que isto vai moi en serio, non estou soe, este é un proxecto moi grande: implica unha equipa de case 20 persoas, un elenco de 17 figurantes… Esta é a miña forma de dicir: sigo aquí pese a todo, isto é o que fago, estas son as historias que quero contar.

A poesía escénica, a performance, a palabra falada… Non temos espazo consolidado, non entramos nas programacións culturais e sobre todo non se nos remunera de forma profesional. É unha putada para min que se me dese por expresarme deste xeito, cun grupo musical o camiño estaría un chisquiño máis andado. Éche o que hai. A tirar padiante e a seguir sumando aos pouquiños.

Eu que tiven a sorte de asistir á presentación do proxecto no Centro Social “A Revolta” de Vigo, onde conversaches con persoas que coñeceron á “Maradona” e/ou a xente do seu entorno, vin claramente unha oportunidade para o diálogo interxeracional, que considero moi necesario nos tempos que corren, concordas?

Totalmente… De feito o que máis me sorprende cando o público escoita o poema é que moitas das persoas que viviron as revoltas obreiras, as manifestacións dos autobuses, A Maradona, a reconversión naval… Decidiran achegarse a min para contarmo. Ao final eu ideei un inicio de poema moi cinematográfico e que apela directamente a Diego Armando Maradona, busquei a conexión poesía-fútbol, delincuente-heroe, para min son elementos tremendamente poéticos e que funcionan xenial. Utilizo unha linguaxe que se entende tradicionalmente como masculina e iso remexe a un público moi diverso. Sorpréndense de que manexe datos históricos, de que bromee con El Pelusa, de que me atreva a chamar delincuente a un futbolista, a políticos, á manipulación dos medios… Sobre todo, sorpréndense de que unha persoa «tan nova» (cito textualmente XD, eu xa teño 30 anos, nova si, pero é que con 20 escoitaba os mesmos comentarios) teña interese na historia e TAN BOA MEMORIA hahahah. Hai unha desconexión total entre xeracións e este patrón repítese xa coa xeración Z ou alfa… Non temos nin idea de cales son os seus códigos.

E xa que falamos doutras xeracións, fálanos de referentes.

Sempre me parece complexo dar nomes de referentes… Eu escoito moito rap e en Galicia imos moi nutrides. Ademais temos moitas propostas de poesía escénica e todas temos moi poucas cousas en común. Digo isto como algo moi positivo, un pouco en resposta a situacións nas que se nos di: xa hai unha proposta de poesía no festival, non podemos programar máis… Como se non existisen centos de grupos tocando o mesmo. O percorrido Poescénicas no Festival Escenas do Cambio foi boa mostra do noso potencial. Por dar algúns nomes: Silvia Penas en Cinta Adhesiva, Aldaolado, Lúa Mosquetera, Samuel Merino, Branca Trigo, Xiana Arias en CloPlás, Yolanda Castaño, Nieves Neira, Andrea Nunes, Alba María, Fanny e Alexander (grupo musical con influencias poéticas), Fillas de Cassandra (grupo musical con influencias poéticas)… E isto é por dar un par de nomes, fáltanme moitos e estou a deixar atrás moitas propostas que me fascinan. En galego temos unhas propostas potentísimas.

Para rematar, convéncenos, por que temos que participar no Verkami e facer posible este proxecto?

A verdade é que non o sei. Sayre Domínguez e Xavier Pérez deseñaron camisetas, parches e carteiras CHULÍSIMAS… Se todo o anterior non esperta ningún tipo de interese en quen le: quedar sen camiseta sería unha absoluta parvada. Non imos volver facelas iguais. Para quen, polos motivos que sexa, non teña interese na cultura, non creo que haxa nada que eu poida facer ou dicir por convencer. Hai pouco dinlle a Nee Barros, para un vídeo na súa canle, varios motivos: 1. Polas risas. 2. Para revisar de onde vén a rabia e o odio na nosa sociedade. 3. Para ter referentes.

Vivimos no auxe da ultradereita… Facer posible un proxecto coma este quizais non sexa posible nun futuro próximo.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.