Do centro explosivo da Memoria Popular, érguese en luminaria de festa democrática unha labarada radical e na raíz mesma da nosa razón ferve a verdade da Historia
Por Xosé María Álvarez Cáccamo
Invadiron, ocuparon, esmagaron o circundado completo do espazo, a esfera do tempo enteiro. Veigas e quintanas, a casa toda, do soto ao faio, a vida dunha xeración desde os días do asombro sen peso até o cimo da hora derradeira. Abateron as portas, bruaron e bradaron, arrastraron os corpos amañecer arriba contra o muro da primeira luz. Déronlle volta á pel e á víscera da historia coma quen obriga o curso do río a regresar á nai. Espreitaron, vixiaron, sinalaron, denunciaron, perseguiron a todos os marcados, homes e mulleres que tiñan habitación de seu na casa do pobo e andaban a construír a xeometría da razón. Entre a multitude dos asasinados, no mundo incontábel dos depurados, dos silenciados, dos derrotados, dos desterrados, dos entobados, moitos soñaban unha verdade máxima, outros defendían o perímetro da propiedade comunal. Todos vivían na cidade de lei que edificaran xuntos. República. Fronte Popular.
Envisgada no sudre, a turba invasora chegou desde a beira negra co documento ilegal da propiedade absoluta nunha man. E na outra a semente do terror indescritíbel, delación e tortura, ameaza e chantaxe, xuízo sumarísimo, desolación, crime de dimensión cósmica. O día esnaquizado en milleiros de cristais de sal infecciosa. Invadiron a historia, ocuparon vontades e conciencias. Organizaron o sedimento esencial do medo como cerna da existencia pública. Enzoufaron a paisaxe universal da xustiza. Instauraron o goberno infinito da mentira. E aínda lles dura o pulso desa gramática. Aínda respiran cos folgos daquel designio devastador. Aínda conservan fragmentos do símbolo insultante no centro dos frontóns victoriosos, nas paredes da igrexa cómplice, nos rótulos das rúas oblicuas. Aínda manexan os fíos da semántica adulterada que afortala as certezas da tribo reaccionaria, seduce a tropa acomodaticia e consagra a melodía falsaria da guerra fratricida, a cínica ladaíña da reconciliación como sinónimo de esquecemento, a necia copla negacionista que iguala vítimas e verdugos.
Pero nós temos a Memoria, arma incruenta de resistencia e avance. Memoria do instante inmenso da despedida, do século mouro de metálica tristura e silencio, do segredo cultivado en leiras clandestinas, da ira latexante e transmitida en herdo de obrigado cumprimento, da crónica imparábel da loita antifascista. Temos urxencia da verdade total, da inadiábel revelación da nómina detallada dos asasinos e da lista completa dos asasinados e represaliados. Do centro explosivo da Memoria Popular, érguese en luminaria de festa democrática unha labarada radical e na raíz mesma da nosa razón ferve a verdade da Historia. Non, xa non hai quen pare a enxurrada do río que somos. Xa ninguén pode coutar, enturbar, temperar o curso transparente da memoria que nace nas fontes da II República.
A vontade unánime dos que vivimos na paixón política da Memoria Histórica declara nulos os xuízos sumarísimos do 36 e os que se arbitraron durante a ditadura, establece o recoñecemento xurídico e moral das vítimas, a restitución dos dereitos e bens patrimoniais incautados polo franquismo e decreta o derrubamento definitivo de todos os símbolos fascistas, vergoñantes nomes de rúas, prazas e avenidas, violentas estatuas imperiais, cruces e apelidos consagrados en santa cruzada do nacional catolicismo, xugos, frechas, aguias e datas ignominiosas. Os que reivindicamos outra memoria erguemos a voz coral e a exacta figura pétrea da homenaxe ás vítimas do terror de estado, inmolados desde o 18 de xullo de 1936 até a derradeira hora gris do posfranquismo. Estamos a xulgar en tribunal permanente e popular os represores, os asasinos e os seus cómplices. Estamos a reedificar a Casa da Memoria do Pobo. Ese é o noso rumbo. Non hai quen poida deter xa este río que somos.
Fragmento de A voz quebrada. Da memoria histórica e o terror fascista, publicado en 2014 polo Instituto de Estudos Miñoranos. Foi lido no acto promovido por Vigo Antifascista para rememorar o 85 aniversario do Genocidio Galego.
Se el primero en comentar