Unha obra chea de humor con situacións delirantes mais que no fondo articula unha fuxida recorrente de todos os personaxes cara a ningures con algo de novela picaresca de grande profundidade
Por Ramón Nicolás / Caderno da crítica
Saúdo como unha excelente noticia a aparición no mercado da tradución galega da novela gráfica inspirada na novela de Arto Paasilinna O bosque dos raposos aforcados, interpretada e recreada -ao meu ver con grande acerto- polo autor de banda deseñada Nicolas Dummontheuil e en tradución ao galego a cargo de Sergio Gómez Blanco.
Se o orixinal narrativo se converteu, ao que sei, nun dos grandes éxitos da editorial canguesa que incorpora no seu catálogo outros títulos do autor bo sería que esta entrega seguise ese mesmo camiño. Unha excelente oportunidade, así pois, para reencontrarse, nun formato que indiscutiblemente está en auxe, con ese peculiar ladrón que responde ao nome de Oiva Juntunen e co non menos singular comandante Remes, alén da nonaxenaria fuxitiva Naska Mosnikoff e dese raposo que responde, ou non, ao nome de Cincocentos nun territorio inesquecible como é a Laponia finlandesa.
Unha obra chea de humor con situacións delirantes mais que no fondo articula unha fuxida recorrente de todos os personaxes cara a ningures con algo de novela picaresca de grande profundidade como se testemuña cando aborda, a modo de sinal, asuntos como os valores que acompañan o concepto da amizade, o poder do diñeiro ou mesmo cal é a operatividade das normas sociais nun contexto nas que estas semellan estar de máis.
Deséxolle a maior das sortes posibles a este proxecto tan necesario para avanzar nun xénero como é o da novela gráfica na nosa lingua.
Nicolas Dummontheuil
O bosque dos raposos aforcados (tradución de Sergio Gómez Blanco)
Rinoceronte, Cangas do Morrazo, 144 páxinas, 18 €, 2022
Se el primero en comentar