MJ Pérez: “A música é algo transversal, sempre foi unha boa canle para contar historias, tanto para falar do pasado, coma do presente e do futuro”

Unha historia que é tremendamente impactante e moi descoñecida nesta beira do Miño. En Galiza apenas coñecemos a historia de Inés de Castro e cando a descubrín sentín que iso non podía ser.

Por Angelo Nero | 7/02/2025

«Sempre falamos de Galicia e Portugal, de tecer pontes e crear lazos, mais existe unha figura que marcou a historia de Portugal varios séculos atrás e que representa un vínculo entre ambos territorios. Unha figura e unha historia case descoñecidas a esta beira do Miño. Ela é Inés de Castro, e é aquilo que nos une.«

Este é o arranque do documental realizada pola cantante, produtora e compositora, MJ Pérez, unhas das voces que brillan con luz propia no actual universo musical galego, con centos de concertos ó longo e ancho de Galiza e Portugal, onde tamén ten parte das súas orixes. O latexo lusófono do seu corazón quizais foi o que, entre sístole e diástole, fixo que se interesara por unha figura central da historia e da mitoloxía deste país irmán, a de Inés de Castro, e que quixera darlle forma dunha peza audiovisual para reivindicar a súa figura. Petamos na porta da traballadora cultural de Arzúa, para falar da figura daquela nobre galega que forma parte do imaxinario portugués, e tamén de músicas, de fronteiras, e de memoria.

Ola MJ, a figura de Ines de Castro ten atractivo dabondo para mergullarse na súa historia, pero a ti, en particular, ¿que foi o que máis te chamou a atención como para que te embarcaras nun proxecto como o de “Inês, aquilo que nos une”?

O que máis me chamou a atención para embarcarme nun proxecto como este documental sobre Inés de Castro foi precisamente a súa historia. Unha historia que é tremendamente impactante e moi descoñecida nesta beira do Miño. En Galiza apenas coñecemos a historia de Inés de Castro e cando a descubrín sentín que iso non podía ser. E iso foi o que me levou a querer contala. Pero se algo destaco é, precisamente, a espectacularidade desta historia que a pesar de ser un acontecemento real, parece ficción, parece un guión.

Para darlle contexto histórico ó teu documental, contaches coa axuda dun profesor de historia do cine e cun profesor de filoloxía portuguesa, que nos poñen en antecedentes baixo á ollada do Zeca Afonso e de Benedicto, con isto semella que as pontes están tendidas e que as fronteiras esvaecen, ¿non?

Precisaba de contar con voces galegas que me axudasen por un lado a dar un mellor e máis preciso contexto das orixes de Inés de Castro, pois esta é a parte da súa historia máis descoñecida en Portugal. Mais tamén quería ter esa visión galega do resto da historia, polo que estas declaracións esténdense ao longo de todo o documental.

O filme é unha viaxe, onde nos levas da man ata Coimbra, “onde todo aconteceu”, escenario dos amores de Dom Pedro e Inés de Castro, e onde atopaches versións complementarias e ata contraditorias do seu romance, ¿seica tamén foi algo complicada a viaxe, pois a rodaxe coincidiu coa pandemia?

Foi complicada pola pandemia porque a pesar de estar nun momento no que xa se podían facer moitas cousas, seguía habendo unha serie de restricións, tiñamos que utilizar a máscara, etc. etc. Pero o máis difícil foi dar co feito de que todo o mundo coñece a historia, pero cada quen con detalles diferentes, polo que foi moi complicado tecer a historia de forma exacta. Tecer a historia do mellor xeito para explicarlla e transmitirlla á xente da forma máis clara e sinxela posible.

Como non podía ser doutro xeito, a música recorre as rúas de Coimbra, cos fados de João Farinha, e cunha peza tua que tamén fixo de detonante para o proxecto “Agarda no horizonte”, ¿a música tamén pode ser un instrumento para, dende o presente, interpelar ó noso pasado?

Sempre, a música é algo transversal, sempre foi unha boa canle para contar historias, tanto para falar do pasado, coma do presente e do futuro. Sempre foi e sempre será unha ferramenta clave de expresión.

Recolles as testemuñas de xornalistas, de guías turísticas, de xente do común, para debuxar un fresco o máis completo posible da figura de Inés de Castro, pero ¿foi doado separar a historia do mito, para facer unha reconstrución da historia o máis fiel posible á realidade?

Non, foi moi difícil, o que máis me custou deste documental foi ordenar a información, darlle sentido e transmitila ben. Eu mesma neste proceso fun descubrindo e tecendo a verdadeira historia, descubrindo que cousas que daba por certas eran mito, e cousas que descoñecía eran certas. Pero foi unha aventura moi interesante porque tamén me axudou a coñecer mellor Coimbra, pois a cidade é moi protagonista nesta historia. E si, quixen falar con xente diversa, para fuxir de algo encorsetado meramente académico. Creo que lle dá cercanía e frescura as intervencións de xente coma a Lena, por exemplo, unha hostaleira de Coimbra de toda a vida, a súa visión sobre a historia e todo o que di no documental creo que aporta moita frescura.

Tamén o mito deu pé a películas e a pezas de teatro, e no documental entrevistas a varios directores, dun e doutro lado da raia, ¿das ficcións creadas arredor da figura de Inés de Castro, con cales te quedas ti?

A última que vin foi a do António Ferreira, a máis contemporánea, o propio director aparece no documental tamén. Chamoume a atención o feito de que é unha abordaxe diferente, é darlle unha volta á historia, que parte dun libro chamado “A trança da Inês” da Rosa Lobato de Faria. Algo que me gusta moito deste filme é como reproduce a parte da coroación de Inês (que hoxe sabemos que non sucedeu), o director fai un contraste entre o que vian os ollos do Pedro e a realidade e creo que plasma moi ben esta parte da historia.

Tamén me chamou moito a atención falar con Candido Pazó da súa obra “Raíñas de Pedra” e descubrir aquí que non só a historia de Inês foi impactante, senon tamén a da súa irmá Xaoana.

E, como non, o poema de Rosalía.

Con dez anos de traxectoria musical e catro discos no peto, no ano 2021 recibiches o recoñecemento dos Premios Martín Códax, máis hai que seguir traballando, ¿cales son os horizontes que tes para este 2025?

O horizonte é sacar novo disco antes de que remate o ano. Agardamos que así sexa, alomenos, estamos traballando ao máximo para iso.

Aproveitamos para falar tamén da túa última novidade audiovisual, o vídeoclip “Barco á deriva”, que foi rodado na Ribeira Sacra e cun resultado espectacular, tanto na calidade e orixinalidade do vídeo, como na forza que ten a canción, ¿como xurdiu a idea desta peza, e que dificultades enfrontaches na rodaxe?

A idea xurdiu da necesidade de facer un videoclip, coma tantas veces, e xa levabamos un tempo con esa vontade de facer algo na Ribeira Sacra, pero non chegaba o momento, ata que Barco á Deriva encaixaba perfectamente, pois a paisaxe é unha das protagonistas esenciais do videoclip. Ademais, non me valía a Ribeira Sacra en calquera momento, eu quería esa paisaxe outonal, esas cores, iso implicou gravar en novembro, e unha das grandes dificultades foi o frío.

Despois, a pesar do espectacular da gravación, non foi dos videoclips máis difíciles de levar a cabo, fixemos unha boa produción para que así fose, e contamos coa gran axuda de Turismo Pantón, Juan Millara, grazas a quen puidemos facer todos os planos da barca, que era o máis difícil.

Para rematar, gustaría que nos falaras do podcast Canto Conto, no que entrevistas a diversas persoas do noso panorama cultural?

Este podcast nace da miña inquietude e vontade de facer algo que eu botaba de menos na nosa lingua. Tamén de facer algo persoal pero en formato podcast. Eu son comunicadora alén de outras cousas e moita xente descoñecía toda a miña faceta de comunicación e audiovisual, porque se non o mostras e non o compartes, pois a xente non o sabe. Este proxecto nace desa inquietude e tamén de que considero que hai persoas (algunhas máis coñecidas, outras menos) que teñen cousas moi interesantes que contar.

A intención é esa, compartir esa conversa co público e tamén achegar unha perspectiva diferente das nosas profesións, pois ás veces idealizamos certos sectores ou ámbitos, e a realidade é igual ca tantos outros traballos, coas súas dificultades, obstáculos, incertezas e cousas boas tamén. Trátase de humanizar e achegar ao público iso. Mais tamén hai outras conversas nas que simplemente se fala doutros temas ou afondamos máis na figura da persoa coa que me sento a falar.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.