![]()
O illamento político e económico de Rusia tivo un efecto contrario ao supostamente pretendido: Rusia pasou de ser no 2022 a sétima a ser hoxe a cuarta economía máis grande do mundo en termos de paridade de poder adquisitivo, segundo o FMI.
Por J.F. Kastro | 22/02/2025
Millán, moitísimas grazas pola túa colaboración dende a equipa de NR, onde xa tes publicado artigos previamente…
Grazas a vós polo interese. Si, tamén agradecido de que publicarades en NR dous extensos textos meus “A perversa semente da Guerra” e “Como destruír un Estado e a paz mundial” na altura de febreiro do 2023, cando non se cumprira o primeiro ano da chamada Operación Militar Especial rusa en Ucraína. Máis ou menos daquela chamáranme para comezar unha colaboración regular cunha columna semanal no Nós Diario (“Orde en crise”) na que tratei de ir explicando e interpretando do meu punto de vista algúns acontecementos que foron sucedéndose cunha ollada crítica e cun certo desacougo ao ver a enxurrada propagandística vertida sobre os pobos europeos e todos nós desde marzo de 2022. Coido que esas xa máis de 100 pequenas pílulas semanais no Nós Diario, ademais dos artigos reproducidos en NR ou en Globalter (que tamén recollestes recentemente: ¿Sabrá Europa “guiarse a si misma”?), resisten ben o paso do tempo á luz dos acontecementos en curso. Están a disposición de todas e todos para ler.
Eu viña publicando desde facía anos cos amigos de Praza Pública e noutros medios dixitais. Nalgúns dos artigos do Praza ao comezo da pandemia (alá por marzo de 2020) falaba daquela situación tan excepcional en chave de “Shock e final dunha era” e avanzaba algunhas reflexións que seguín desenvolvendo sobre as profundas dinámicas xeopolíticas concorrentes, onde refería ademais algúns elementos que catalizaría aquel “feito social total” como a dunha advertida dinámica de “friccións tectónicas” no marco da chamada des-globalización. Apoiándome no estudo e na lectura dalgúns autores como Naomi Klein, Noam Chomsky, Franco Berardi ou Tony Judt entre outros, maila miña propia diagnose informándome e analizando, reflectía neles a evidencia dunha serie de fenómenos e de fracturas que avanzaban xa unha sorte de “cambio de época” no panorama internacional e que ían alén da “crise sanitaria”.
Lembro que aquel texto inicial do Praza comezaba coa famosa frase de Albert Camus recollida na Peste: “houbo no mundo tantas pestes como guerras e, sen embargo, pestes e guerras collen ás xentes sempre desprevidas”, o cal non significa que eu sentise ningún tipo de intuición “premonitoria” sobre a proximidade dunha guerra tan ampla nin nada similar, pero o certo é que cando en marzo do 2022 comezou a escalada bélica entre Rusia e a OTAN (intervindo a primeira xa directamente no conflito ucraíno) e representando aquilo tamén outro “shock” engadido, persoalmente non me colleu con excesiva sorpresa porque seguía unha lóxica histórica terriblemente racional e perfectamente explicable. Principalmente porque xa seguira con bastante interese o acontecido desde antes do 2014 co golpe reaccionario do Maidán baixo a administración Obama, ata entón arrombado dos grandes medios de comunicación e despois tan terxiversado e pesimamente contado. O certo é que, retomando a Franco Berardi “Bifo”, a pandemia activou mecanismos psico-sociais a nivel planetario onde se normalizou a morte masiva e as foxas comúns, abrindo unha porta a que “o imposible trocase real”. De repente, as grandes traxedias semellaban posibles outra vez.
No mundo do activismo, mais tamén a través das redes sociais, era coñecida a situación de guerra no Donbass desde facía anos (a onde se enviaban xa armas occidentais e a onde ían combater militantes antifascistas de todo o mundo na defensa daquelas poboacións que se levantaran contra o golpe liderado polos sectores máis extremistas e ultra-nacionalistas ucraínos co apoio financeiro con ata 5.000 millóns de dólares dos EUA, e pola UE), ademais de ter algúns contactos que viviron en Donetsk e contaban feitos dun xeito case oposto a como se relataban por aquí. As campañas de solidariedade do movemento internacionalista galego coa poboación agredida polo réxime de Kiev, aínda que minoritarias, eran tamén públicas e coñecidas.
Isto lévame a lembrar aquelo que o magnífico historiador da Escola dos Annales Fernand Braudel dicía arredor dunha Historia que se move en tres tempos: o xeográfico e “de longa duración”, o social que afecta á “conxuntura” e o tempo individual que fai referencia aos “acontecementos”. Para todas estas cuestións complexas e con tantas arestas é bo telo presente e discernir ben ese “tempo longo” da “conxuntura” e do inmediato dos “acontecementos”, que é onde adoitan centrarse os grandes medios de comunicación de masas. Demasiadas veces fano sen contextualizar, desvirtuando ou manipulando os antecedentes e os feitos, relatándoos cunha óptica nesgada e censurando outras narrativas válidas. Cando non o fan directamente mentindo e prestándose (ou vendéndose) como poderosísimas ferramentas de propaganda. No espazo dos medios galegos foron moi valiosas as crónicas aportadas in situ polo xornalista Bruno Carvalho nos primeiros compases na contenda a gran escala.
A de Ucraína, como di o catedrático contemporaneísta Francisco Veiga, foi e está sendo “unha guerra programada”. Unha contenda que levaba aparellados enormes riscos para a UE debido á súa errada abordaxe inicial pola maioría de gobernos: sostiven sempre que involucrarse e “empantanarse” alí traería consecuencias perniciosas con total seguridade polas razóns expostas nesa serie de textos antes citados. Houbo máis voces nunha liña similar en moitas partes do mundo. A UE tiña marxe para actuar doutro xeito máis prudente e intelixente sen traizoarse a si mesma: un Chirac ou un Mitterrand non terían actuado como o fixo Macron, por exemplo. Así como a resultante do Maidán foi a destrución do Estado de Ucraína continúa incorporando o potencial de estragar toda Europa do Leste, así como o de acabar devorando á propia UE. A posición máis europeísta era manterse fieis ao seu espírito fundacional e, no canto de alimentar a Guerra, buscar unha Paz que agora buscan sen ela. Ter un papel mediador: acoller refuxiados, enviar a axuda precisa no plano humanitario, etc. É certo que había unha violación do dereito internacional por parte de Rusia, mais viña precedida de moitas outras violacións previas a varias bandas.
Como valoras entón o escenario xeopolítico actualmente? Estamos asistindo ao principio da decadencia do Imperio USA, tal e como outros caeron antes?
A resposta ás dúas preguntas non é simple e requiriría abordala desde múltiples ángulos e botando man de distintas disciplinas e ferramentas analíticas, e nin así podería responderse satisfactoriamente porque non podemos prever o futuro. O que si ollamos son tendencias xerais, e algunhas son medibles. Outras variables, son imponderables. Comezo pola segunda cuestión:
O imperialismo estadounidense que coñeciamos fundaméntase en tres aspectos nucleares desde a fin da Segunda Guerra Mundial cos Acordos de Bretton Woods e a aparición do comercio global des-regulado: por unha banda no “patrón dólar”, ou o que algúns gobernos e organizacións denominan “a ditadura do dólar”, que non é outra cousa que practicamente todas as moedas nacionais do mundo definen ou definían o seu valor en relación á divisa ianqui, converténdose así na principal moeda de reserva e de referencia internacional e empregándose nunha altísima porcentaxe das transaccións comerciais que representan máis da metade das reservas mundiais. Esta realidade hexemónica ten unha serie de vantaxes para eles, xa que permiten aos EUA ter frecuentemente déficit orzamentario que cobren con emisión de máis moeda; mais ten un impacto colateral moi negativo nas economías do Sur Global, como por exemplo en América Latina e outras rexións do planeta. A aparición con forza dos BRICS cuestiona a “lexitimidade” deste abuso, e non esquezamos que boa parte dos conflitos bélicos do último ciclo de guerras de agresión imperialistas (como a de Libia) motiváronse pola contestación deste axioma monetario.
Noutras palabras: unha das principais razóns para derrocar a Gadafi foi precisamente propoñer o dinar de ouro como divisa única para África. Obviamente, o proxecto quedou liquidado. Que quero dicir con isto? Pois que aínda que se albisca un proceso de des-dolarización da economía mundial este non avanzou en grado tal que poña neste intre nun perigo definitivo esa hexemonía.
Coa chegada de Donald Trump vemos unha ofensiva radical contra os membros do club BRICS, ameazando cunha batería de aranceis indiscriminados de ata o 100% e tratando de dividilos politicamente mediante esa presión. Posiblemente en función do alcance das negociacións bilaterais con Rusia tamén terá derivadas e repercusións neste sentido e veremos si se reverte ou acelera o proceso de des-dolarización podendo debilitarse as alianzas dentro do club económico alternativo ao de predominio occidental. Noutras etapas e conxunturas do século XX existiu tamén o movemento dos Non-Alineados, mais finalmente non frutificou. Pode acontecer agora que coa apertura dun diálogo e distensión entre o Kremlin e a Casa Branca vaian a un proceso de “des-demonización de Rusia” que alivie sancións e verifique o fracaso no intento de illamento internacional da potencia euro-asiática, reintegrándose aínda que sexa parcialmente no espazo das finanzas globais. Se fose así o proxecto dunha moeda BRICS puidera quedar “conxelado” ou aparcado de momento.
O illamento político e económico de Rusia tivo un efecto contrario ao supostamente pretendido: Rusia pasou de ser no 2022 a sétima a ser hoxe a cuarta economía máis grande do mundo en termos de paridade de poder adquisitivo, segundo o FMI. Só por detrás da India, dos EUA e de China. A quen máis afectaron na práctica esa batería de medidas impostas (e non respectadas por Washington) foi á UE, deducindo desta maneira que o conflito en Ucraína representou na praxe o inicio dunha guerra económica dos EUA contra a propia UE.
Outra pata do imperialismo estadounidense é a presumible superioridade militar, mais isto cada vez está máis cuestionado e non só pola posible “retirada” agora dos EUA do conflito no Leste europeo para centrarse en Asia. O exército dos EUA acumula derrotas militares nas últimas décadas pero é que cada vez hai máis razóns obxectivas para pensar que o seu potencial é contestado non xa só pola Federación de Rusia se non tamén polo auxe da República Popular de China e mesmo polo potencial militar de Corea do Norte. Con estas tres potencias combinadas e aliadas, a gran maioría de analistas solventes na materia e máis ou menos “imparciais” coinciden en que poderían rivalizar actualmente con garantías co potencial conxunto da OTAN. Neste sentido, eu sempre recomendo a lectura “De Ucrania al Mar de la China” do profesor de RRII e Dereito Internacional Público Augusto Zamora: nese libro veñen moitas razóns do declive relativo do poderío militar estadounidense respecto a rivais estratéxicos. E, por abundar: cada vez son máis as voces que conclúen que o elemento definitorio de que a de Ucraína represente unha derrota estratéxica da OTAN (no interese de infrinxirlle unha derrota estratéxica á Federación) é a desvantaxe tecnolóxica. Dito doutro xeito: nalgúns ámbitos da produción dentro da carreira de armamentos a tal hora perdérona os EUA. Algo que os obriga a “réndense” ou a gañar tempo…Rusia estaría en posesión dalgunhas armas avanzadas para as que non existen contra-medidas eficaces na contra-parte estadounidense-occidental hoxe: mísiles hiper-sónicos Oreshnik e outros, armas de pulso electromagnético, etc…
É tamén moi recomendable o libro A derrota de Occidente do sociólogo francés Emmanuel Todd onde recolle análises socio-antropolóxicas sobre a evolución intelectual, cultural, técnica e económica dos Estados Unidos nas últimas décadas e que explicarían ese retraso relativo despois dunha etapa na que creron chegar baixo a hipótese da Fin da Historia. Dito o cal, non hai que esquecer que manteñen preto de 800 bases militares no exterior e o Pentágono e as empresas asociadas son, se non me engano, o maior empregador do planeta. Isto dá conta da dimensión da súa ambiciosa aposta nos cinco continentes, propia dun imperio talasocrático clásico ao xeito moderno. Precisamente agora fálase de que poderían retirar a súa presenza de Europa do Leste, e descoñecemos si sería dun xeito gradual ou máis abrupto: Europa Occidental está de facto “ocupada” por eles desde o 1945 e a algúns aspectos da expansión da OTAN desde a caída da URSS puidera reverterse. Iso tería implicacións inauditas e de alcance histórico.
E, por último, está a pata cultural: todo o que ten que ver coa hexemonía na produción de relato por medio de todos os dispositivos intelectuais e dos consorcios comunicativos, das redes sociais e Internet, creativos (o cine, a música, outras artes…). Non hai dúbida de que nas últimas catro ou cinco décadas foi xeralmente así, mais a demografía é elocuente nun mundo habitado por 7.000 millóns de persoas. Esa hexemonía sigue sendo poderosa e determinante no que chamamos Occidente xeográfico (as Américas e Europa Occidental) mais comeza a estar notablemente cuestionada en lugares como China (con 1.400 millóns), a India (1.400 millóns), África (1.370 millóns), Sureste Asiático (242 millóns), a propia Rusia (143 millóns)…que dispoñen de centros de difusión cultural propios e nos que os EUA teñen unha influencia decrecente. Non son xa “tan atractivos” como proposta civilizatoria a nivel mundial. Falamos de nacións-civilizacións, como por exemplo Persia (a actual República Islámica de Irán), co que isto implica. O modelo político-social, económico e cultural estadounidense non é hoxe tan incontestado como o era nos albores do milenio. A “caída das Torres Xemelgas” no 2001 supuxo tamén un símbolo que, visto en retrospectiva, tivo un peso incluso maior do prognosticado naquel momento.
A onde quero chegar co das tres patas en relación á suposta decadencia do imperialismo norteamericano? Pois que logo da desintegración da Unión Soviética, e da derrota ideolóxica na meirande parte do mundo do chamado “socialismo real”, nos Estados Unidos auto-convencéranse de que o século XXI sería inevitablemente un “século americano”. E precisamente diso ía o Project for de New American Century, que pretendía a suprema hexemonía militar, cultural e económica da Terra, do Espazo e do Ciber-espazo así como a consecución da Pax Americana: un proxecto de dominio global que sigue vivo nas mentes dos máis fanáticos neocon e que bate coa realidade dos feitos na altura de 2025. De feito hoxe fálase abertamente de que o XXI será, salvo que haxa unha gran colisión que o tente evitar, o século que vexa o sorpasso doutra nación-civilización dirixida polo Partido Comunista Chino. Si é que non o estiveramos vendo xa en innumerables aspectos. Aí os traballos de Xulio Ríos ou de Javier García en Akal aportan moita información proveitosa..
Todo isto quere dicir que o imperialismo estadounidense avanza indefectiblemente cara o seu declive? Si e non: hai claros síntomas de decadencia (no exterior e no interior) e pola aparición con forza de novos centros de poder que o rivalizan, mais este tamén pretende “rearmarse” e precisamente por iso está nunha das fases máis perigosas da Historia. Dependerá en boa medida de como se axeite ás novas realidades dunha tripolaridade emerxente e acepte ou non un rol novo en forma de competición (que vai na súa natureza intrínseca) ou de cooperación. O cal, por outra parte, non semella ser o caso unha vez vistos os primeiros pasos dunha equipa de Trump con deseño “de carácter Imperial” mais ca “republicano”, atendendo ao símil coa Roma clásica. Ante esa posta en cuestión da súa autoridade ata fai pouco incontestada, lanzouse a unha Guerra Híbrida Global multi-dimensional que non sabemos a onde levará.
Respondo con isto á primeira cuestión: valoro nesa liña que transitamos un escenario de incertezas e altamente convulso, moi desordenado e que afronta o que deu en chamarse unha poli-crise. Nese sentido a guerra en Ucraína, coas terribles consecuencias humanitarias que tivo (mortos, feridos, desprazados, refuxiados…) e co que impacta por canto foi a volta da guerra industrial e a gran escala en Europa (obviando a desintegración de Iugoslavia e as guerras balcánicas sobre as que Carlos Taibo ten boas publicacións…) é outro síntoma de toda unha serie de “crises” acumulativas: eco-social, desigualdades, migratorias, climáticas, avances tecnolóxicos disruptivos, outros conflitos armados esquecidos ou do regreso das limpezas étnicas e do colonialismo…no marco dun sistema dominante irracional que, de non mudar radicalmente, leva dentro súa a barbarie e unha posible auto-destrución. Hai que afrontalo e transitalo, claro. Habitamos un lugar “privilexiado” comparativamente con outras realidades. Non podemos afirmar con rotundidade que isto seguirá sendo así nos vindeiros anos e décadas, pero a tendencia desa policrise non é agora mesmo a mellor.
En resumo: está por ver aínda que sexa o inicio dun ocaso definitivo dese imperialismo estadounidense pero para a UE si que serán tempos turbulentos e dunha crise duradeira. Houbo moito de “elección propia” e de falta de visión estratéxica niso, e agora pode ser tarde.
Se el primero en comentar