Miles de manifestantes protestan en Pontevedra contra Ence e Altri

Foto: CIG

Este ano, co pulo da enorme mobilización social contra a instalación doutra celulosa no corazón da comarca da Ulloa, acudiron á manifestación contra a pasteira de Ence, diversas entidades en defensa da terra de todo o país.

Por Angelo Nero | 1/06/2025

Nunha mañan solleira dun primeiro de xuño, e convocados pola Plataforma en Defensa da Ría de Pontevedra (PDRA), baixo o lema “Nin Ence na Ría, nin Altri na Ulloa, Celulosas fora”, os cidadáns de Marín e Pontevedra saíron un ano máis de cadansúa vila, as doce da mañán, para xuntarse fronte o complexo da fabrica de celulosa de Ence, en Lourizán, que leva dende 1957 envelenando as augas e o aire da ría de Pontevedra. Pero non estaban sós.

Este ano, co pulo da enorme mobilización social contra a instalación doutra celulosa no corazón da comarca da Ulloa, acudiron á manifestación contra a pasteira de Ence, xente boa e xenerosa da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e Ulloa Viva, así como diversas entidades en defensa da terra de todo o país, como a Plataforma Veciñal mina Touro–O Pino NON, Palas Viva e Melide Vivo, colectivos ecoloxistas como Adega, Bloque Ecoloxista Galego, Greenpeace e Ecoloxistas en Acción, sindicatos como a CIG, CUT e a CGT, e unha nutrida representación do BNG, encabezada polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a sua portavoz nacional, Ana Pontón, a que tamén hai que sinalar unha pequena representación do PSOE, ca presenza do seu deputado Guillermo Meijón. Tamén había presenza dos estudantes de Erguer, de Galiza Nova, ou do Sindicato de Estudantes, do Centro Social A Pedreira, de Esquerda Revolucionaria, ou do Comunismo Revolucionario Galego.

A convocatoria desbordou todas as expectativas, convertendo unha reivindicación local, no reclamo de todo un país. A estrada que une Pontevedra é Marín quedou invadida pola cidadanía, porque, como ben dixo o portavoz da PDRA, Alfredo Otero, proxectos como o de Ence ou o de Altri, “só se poden combater dende a unidade”. Tamén declarou, sobre a ameaza de Altri que, “a ría de Arousa é a gran despensa de Galiza e ningunha empresa, por moito beneplácito político que teña da Xunta, merece arruinar un río e un paraíso como é o río Ulla e a ría de Arousa”.

Pola sua parte, a presidenta a Plataforma Ulloa Viva, Pilar Naveira, insistiu en que esta unión, entre as loitas contra Ence e Altri, procura “dicir máis alto que nunca que non queremos outra celulosa na Galiza, porque presentan un modelo trasnoitado, que destrue o territorio, precariza o emprego e pon en risco a saúde, a biodiversidade e o futuro das próximas xeracións. As nosas comarcas comparten feridas. A ría de Pontevedra foi sacrificada fai décadas pola instalación de Ence, cun impacto que hoxe seguimos sufrindo. Pero non permitiremos que esa historia se repita na comarca da Ulloa, coa macrocelulosa imposta por Altri e avalada pola Xunta de Galiza, sen consenso social nin garantías ambientais. Retrocedan, recalculen e rectifiquen, porque aínda están a tempo de poñerse á altura da marea de dignidade galega que hoxe aquí e unha vez máis está falando.”

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Fernández Lores, tamén insistiu en que dende o goberno da cidade e dende a súa formación política van “loitar por terra, mar e aire, por todas as vías, manifestacións, recursos xudiciais, etc, para recupera a ría, porque é un dereito que temos todos os pontevedreses, que levamos sesenta anos sufrindo esta peste de celulosas.”

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.