
Por Telmo Comesaña
Iso era o que o avó lle dicía a un neto picariño. O neno non tiña xoguetes nin compañeiros con quen xogar, e daquela xa imaxinaba cousas e enredaba co que tiña a man: nun rego de auga facía encoros e púñalle tubos de cana a distintas alturas e contemplaba a obra pero, de súpeto a forza da auga derrubáballe a obra; insistía e facía o muro máis groso pero seguíallo derrubando, ata que ademais da terra púñalle pedras. ¡Menuda obra de enxeñaría! non sabía o neno que descubrira os encoros de terra batida como o de Portodemouros. Íalle a construción porque facía casas de barro con fiestras, portas, divisións interiores e ata lle puña antena de radio das que había daquela, aínda que el nunca vira un aparello de radio, pero vira as antenas e oía dicir que con unha “galena” e unha antena oíase o radio.
O neno era curioso, todo lle chamaba atención, malia que estaba soiño, aprendeu a sacar os grilos do burato na primavera, que era cando aparecían; facía gaiolas de cana para gardalos e púñalle de comer, serradela e follas de leituga ¡e como cantaban! Mágoa que de noite non deixaban durmir a xente,e a nai, facíallos poñer foras da casa. Tamén buscaba niños de paxaros e os seus rechouchíos tamén formaban parte do seu divertimento, e facía o seguimento dos ovos e logo dos casapiños, primeiro sen pelo e sempre co peteiro aberto esperando a chegada da nai; os paxaros formaban parte da vida do neno e coñecía unha morea deles: pardais, carrizas, chascos, bardeiroles, lavandeiras, xiríns, pardillos, xílgaros, merlos, lavercos, poupas, pegas, corvos, estorniños, etc. Outro enredo eran os lagartos que os collía cunha palla; as cobras xa metían respecto e o neno tamén as repectaba, non se metía con elas. Tamén se asombraba cando os soldados pasaban por diante da casa con carros de mulos portando os trebellos para facer a instrución nas dunas de Samíl; e aqueles homes parecíanlle moi vellos, non tanto como o avó pero, vellos. Xa no vran chegábase a praia no lusco/fusco a mirar os mariñeiros que andaban a rapeta, e logo dábanlle uns peixiños e ía pa casa contento como un cuco.
O neno foi medrando e o avó foise decatando que xa era quén de sacalo dun apuro de cando en vez.
No devalar da vida aquel neno chegou a vello, sentou, lembrou e decatouse que o avó non acertou porque foi operario e mestre, o que nunca deixou foi de ser neno.
Se el primero en comentar