Melania Cruz: ‘A cultura tamén é un dereito, pero o sistema capitalista que nos devora parece indicar claramente que a cultura é só para quen poida pagala’

Foto Marc Várez

Conversamos coa actriz Melania Cruz, a propósito da última película do director Alfonso Zarauza, «Malencolía», da que é protagonista.

Por Angelo Nero | 31/01/2024

Malencolía é a última película do director compostelán Alfonso Zarauza, a cuarta na súa filmografía tras “A noite que deixou de chover” (2008), “Os fenómenos” (2014), “Ons” (2019), nesta nova obra, presenta a historia dunha parella que, despois de coñecer a vida nunha grande cidade, como Berlín, deciden regresar á terra, a unha pequena aldea do interior de Galiza, practicamente abandonada, agás por unha veciña retranqueira e curiosa. Mentres tentan arranxar a casa para facela habitable, e afacerse a vivir nun medio que se lles revela hostil, comezan a xurdir sucesos misteriosos, mentres van descubrindo segredos que alberga a aldea, non moi agradables.

Sobre Malencolía falamos cunha das súas protagonistas, a actriz lucense Melania Cruz, que ten ás súas costas unha ampla e recoñecida traxectoria profesional tanto no teatro, como no cine en na televisión.

Repites baixo a dirección de Alfonso Zarauza, con quen tamén traballaches como actriz principal en “Ons”, ¿como foi volver a ser dirixida por Alfonso en tan pouco tempo, e que destacarías da ollada persoal deste director dentro do panorama do cinema galego?

Foi unha sorte ter a oportunidade de traballar de novo con el, e facelo cun proxecto tan diferente como Malencolía.

Proporcionounos acceso ao guión dende as primeiras versións e dialogaba moito con nós arredor das características da personaxe que iamos encarnar, o que nos permitiu ir construíndo certos trazos paralelamente ao avance do proxecto. Alfonso é unha persoa honesta e xenerosa, con moita capacidade de escoita da realidade que o rodea, o que queda moi patente nos seus traballos. En Encallados ou Fenómenos, por exemplo, consegue retratar dúas realidades moi diversas dunha maneira directa e clara, con multitude de matices e cunha serie de personaxes que conectan coa ollada da espectadora.

A rodaxe de “Malencolía” realizouse en plena pandemia do coronavirus, de feito, creo que o contaxio dun membro da equipa retrasou o inicio da rodaxe, ¿como foi rodar nestas condicións tan especiais e onde foron as localizacións da película?

Fun eu quen contraeu coronavirus. Os momentos iniciais foron tensos e paseino realmente mal, pero dende a dirección, a produción e as compañeiras de elenco houbo moito coidado, paciencia e cariño, ata o punto de que decidiron agardar por min para dar comezo á rodaxe, que tivo lugar nun tempo récord grazas ao traballo colectivo. As condicións eran pouco habituais, obviamente, xa que tiñamos que tomar todas as medidas sanitarias diarias necesarias para que todo puidese marchar correctamente e era a primeira vez que nos enfrontabamos a unha rodaxe nestas circunstancias, mais o feito de gravar en localizacións practicamente deshabitadas dos concellos de O Irixo e O Carballiño facilitou, en certo modo, un illamento case preciso para poder rodar o filme que, talvez por cousas do destino, xa estaba proxectado antes do estado de alarma.

Ons” era realmente unha historia dramática, pero “Malencolía” é unha mistura porque ten moito drama, pero tamén un chisco de comedia costumbrista, é unha película de terror, mesmo de Folk horror, se me apuras, pero tamén un humor negro que nos fai pasar da risa a sentir unha badalada no corazón. ¿Era esta a intención do film, a de facer escarnio dos xéneros? O digo porque, se foi así, o resultado foi ben acertado…

Que ben o que comentas! A verdade é que Alfonso buscaba esa mestura dende o inicio. Quería xogar con ese tránsito por xéneros a través da propia historia e dos personaxes, de aí a estética tan marcada no aspecto físico que presenta cada un deles e as situacións ás veces tan tópicas que se dan, pero tamén facelo dende a nosa idiosincrasia.

Nesta película das vida a personaxe de Sira, unha muller que viaxa cunha ferida e, dalgún xeito, quere comezar unha nova vida, mais as cousas non serán como tiña pensado, pois semella que a vida na aldea non é tan doada, ¿realmente a Malencolía -esa que é como a luz que penetra no cuarto dun moribundo- do título é a que habita nesta muller, decidida a tirar para adiante, pero ancorada polo pasado?

Si. A decisión de regresar vén motivada, entre outras cousas, pola busca dunha vida máis tranquila, con máis calma, afastada tamén desa traxedia que supón a perda de Navia. Mais esa ausencia continúa a ser unha pantasma que a persegue na distancia. Hai un que ten que pasar e está en pleno proceso de facelo, coa ferida aínda en carne viva.

Penso que son varios os personaxes do filme que teñen ese sentimento asociado á posible perda de alguén ou de algo.

Alfonso Zarauza, o director do filme, sinalaba que as personaxes tiñan diferentes tipos de melancolía, a da persoa que xa non está, e a melancolía por un tempo pasado ou por un lugar, eso que os galegos chamamos morriña. ¿Pensas que ese sentimento, con matices diferentes é o que atravesa as personaxes que interpretas en “Malencolía”, e en “Ons”?

Ambas comparten a decisión de partir a un novo destino coa ilusión de continuar ou retomar as súas vidas e co obxectivo máis ou menos consciente de aceptar, asimilar e superar un asunto que non está pechado para elas.

Desafortunadamente, para Mariña (Ons) non resulta curativa a estancia na illa, senón máis ben o contrario, e todos os sucesos que van acontecendo acaban por sumila nun abismo do que parece non ser quen de saír cos escasos recursos cos que conta.

No caso de Sira (Malencolía), creo que ese cambio, a pesar da dor, non lle impide proxectar certos plans de futuro que semellan ser quen de facer medrar nela algunhas esperanzas (o proxecto de construír un fogar, a posible maternidade…).

A tensión entre o urbano e o rural, entre a modernidade e a tradición, atravesa toda a historia, e a que semella estar tensando sempre a situación é a veciña, Isolina, magnificamente interpretada por Iolanda Muíños, ¿era importante tamén que ese conflito entre os urbanitas e os aldeáns, estiveran protagonizado por dúas mulleres?

Efectivamente, penso que o traballo de Iolanda é extraordinario. Foi un pracer traballar con ela e co resto do equipo.

En relación ao que apuntas, creo que o conflito parte de que as dúas son persoas directas, sen pelos na lingua, que expresan o que pensan sen moitas ambaxes e que teñen moito amor por aqueles que consideran a súa familia. Nos momentos en que algunha percibe que os seus seres queridos poden estar en perigo, a tensión entre elas increméntase. É un encontro frontal porque Isolina leva habitando esa aldea toda a vida e compórtase de maneira natural, e Sira vén buscando unha privacidade e unha intimidade que lle resulta difícil de atopar coa presenza constante e sen preaviso da súa veciña. Non é doado que haxa un entendemento, as súas realidades non teñen moito que ver, non se comprenden nin parece que haxa moita vontade por facelo por parte de ningunha delas, xa que teñen maneiras de relacionarse diferentes e atravesan circunstancias vitais distintas, pero habería que ver que acontecería con algo máis de tempo, escoita e conversa Ese final de película quizais abra unha porta a algo.

A túa parella na película é Xulio Abonjo -co que tamén ese ano 2021 traballaches en ¿Qué hicimos mal”, de Liliana Torres-, que interpreta a Pepe, un home que quere fuxir do conflito, e tenta mediar entre Isolina e Sira, e que tamén semella ignorar os estraños sucesos que pasan ó seu redor, ¿como ves ós protagonistas masculinos da película, e en especial a Pepe?

Pepe mostra unha actitude bastante optimista e tranquila á súa chegada á aldea. Non manifesta demasiada incomodidade coas continuadas visitas de Isolina e mesmo parece que lle inspira certa simpatía ou curiosidade. É bastante aberto e confiado.

Para min hai un momento do filme no que me parece espectacular a conexión que se establece entre os personaxes protagonistas masculinos, Pepe e Paulino, Xúlio e Diego: cando empezara soar a canción de Andrés do Barro. Vin varias veces a película en distintos pases e esa sensación de emoción perdura mesmo agora, ao lembralo. Créase un espazo de entendemento e empatía que non precisa de palabras entre dous seres que levan consigo unha fonda ferida.

Todos son personaxes poliédricos, non hai bos nin malos, teñen as súas razóns para comportarse da maneira en que o fan.

Ademáis dos protagonistas principales, no film hai unha boa mostra do mellor do panorama actoral galego, dende Diego Anido e Xosé Touriñan, a Déborah Vukušić, Ledicia Sola e Tito Asorey, ¿temos unha industria audiovisual galega, tanto no cine como na televisión, á altura dos nosos actores e actrices?

Afortunadamente, dende hai un tempo vense falando moito da calidade dos equipos técnicos e artísticos galegos, algo co que estou totalmente de acordo. De feito, hai moitas produtoras non galegas que deciden vir rodar aquí os seus proxectos e contar cunha parte considerable de equipo galego. O noso audiovisual é un importante escaparate para dar a coñecer a realidade e cultura galegas arredor do mundo.

Dende o meu punto de vista, nun momento en que case todo se mide en relación ao cuantitativo e non ao cualitativo, percibo que custa traballo levar adiante moitos proxectos que acaban por desenvolverse con esforzo, precariedade e dedicación, xa que os apoios cos que deberían contar por parte das administracións non son suficientes ou non están á altura, como si o están noutros sectores, o que contrasta bestialmente coa sensación de que non para de rodarse ficción en todas partes a través da abrumadora oferta das plataformas. Non consigo comungar coa velocidade e avidez coa que se “consume” ficción. Non sei ata que punto da tempo a filtrar e establecer certa reflexión consciente arredor do que vemos.

Pensando nese elenco de Malencolía, vexo que a meirande parte tamén tendes un pe no mundo do teatro, e outro no do audiovisual, polo que te quero preguntar tamén como está o noso panorama escénico, xa que nos últimos anos vimos como no noso país pechaban moitos cines, pero tamén moitas salas de teatro, ¿é preciso que as institucións apoien dun xeito máis decidido ás nosas artes escénicas?

A miña sensación, como a de outras compañeiras, é que dende a pandemia asistimos a unha considerable reducción da programación de espectáculos galegos. A cultura tamén é un dereito, pero o sistema capitalista que nos devora parece indicar claramente que a cultura é para quen poida pagala, e hai perdas que son irreparables (espazos que pechan, compañías que desaparecen). As artes escénicas xeran postos de traballo, ofrecen alternativas moi diversas para públicos múltiples, favorecen a comunidade, o diálogo, a integración e a capacidade crítica. Son ameazas para este sistema? É moi posible. De aí, quizais, o desleixo, o desinterese e o gradual desmantelamento.

Quería preguntarte tamén a túa opinión sobre esa censura que dende a extrema dereita, se tenta impoñer no teatro, como recentemente pasou coa estrea de “Altsasu”, de Maria Goiricelaya, en Madrid, ou con clásicos como “La Villana de Getafe”, de Lope de Vega, ¿non cumpre dar unha resposta firme, de toda a sociedade, para que estas situacións non se normalicen?

Oxalá. Casualmente, tiven a sorte de ver Altsasu no Teatro Principal de Pontevedra, unha peza que me removeu e que quedou resoando en min. O teatro, dende as súas orixes, foi un espello no que reflectir a nosa realidade, no que cuestionar e poñer o foco sobre determinadas situacións que nos preocupan, así como para poder expresar puntos de vista plurais. Hai pouco lía unha novela gráfica sobre Hannah Arendt que incide na necesidade de aceptación de que non hai unha realidade única, senón de que existen múltiples realidades. A pluralidade forma parte deste universo que habitamos, enriquécenos, amplía as nosas perspectivas, fainos máis tolerantes e empáticas.

A polarización e a desinformación que recibimos a diario a través dos medios e as redes sociais, xunto con outras cousas, lévannos directamente a unha censura absolutamente irracional e inadmisible en termos democráticos, e desvíanos da necesaria confrontación e o diálogo. É esgotador. O foro presencial foi absurdamente substituído polo virtual, e dende é moito máis fácil desprestixiar, humillar, insultar a calquera persoa e/ ou colectivo sen argumentos, ou descontextualizar por completo frases e opinións.

Para rematar, gustaría de saber en que proxectos anda, agora mesmo, Melania Cruz.

Moi recentemente tiven a fortuna de participar na última longametraxe documental de Margarita Ledo, Prefiro condenarme.

Ela é un referente, unha persoa á que admiro no ámbito persoal e profesional, íntegra, valente e fiel a si mesma; ten unha voz e un xeito de contar moi auténtico que se desmarca de calquera tendencia. Foi toda unha aprendizaxe que non vou esquecer nun ambiente de rodaxe grato e acolledor.

Agora mesmo estou tendo aulas en Espazo Aberto, e marcharemos tres días a Uruguai nun par de semanas para representar Continente María no marco do festival Temporada Alta de Montevideo.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.