Mariña Paz: ‘A historia do meu bisavó está profundamente ligada ás de todas aquelas persoas que foron represaliadas, oprimidas, maltratadas, humilladas e desprovistas de toda dignidade durante a súa estadía na illa de San Simón’

Intervención de Mariña Paz na Homenaxe Nacional ás vítimas do franquismo na illa de San Simón, organizado pola Iniciativa Galega pola Memoria.

Por Mariña Paz | 24/07/2025

Ola, son Mariña, bisneta de Ramiro Paz Carbajal. O meu bisavó foi asasinado a mans do réxime franquista o 12 de novembro de 1936, como tantísimos outros. Vouvos contar algunhas cousas sobre el. Era de Pontevedra, e aprendera desde moi novo o oficio de tipógrafo. Durante a súa vida profesional colaborou en numerosas revistas de corte socialista, ofrecendo nelas un espazo a escritores e poetas para publicar a súa obra, e foi militante do Partido Socialista desde os anos 20. Tendo en conta a súa ideoloxía, xa vos podedes imaxinar o que lle pasou ao estalar a Guerra Civil.

En xullo de 1936 foi detido no hospital onde traballaba. Alí quedou retido para pasar despois pola Escola Normal, que fora habilitada como prisión, e logo por aquí, por San Simón. Do seu tempo aquí, nin eu nin a miña familia sabemos case nada, pero xa nos imaxinamos que non sería moi agradable. O 31 de outubro comezou un xuízo pola súa liberdade, no que foi tachado de “propagandista perigoso”. E por certo, resultou imposible que saíra inocente, xa que en realidade o seu destino estaba decidido desde antes de que o xuízo comezara.

Ramiro foi asasinado no quilómetro 1 da estrada de Campañó ás 7:15 da madrugada xunto a outros nove homes. Todos eles loitaran ata o final por defender a liberdade de pensamento e a difusión da cultura para vivir unha vida mellor. A continuación, os seus corpos foron conducidos ao cemiterio de San Mauro, onde nin sequera se puido realizar un enterro. Despois de estar no nicho duns amigos, a familia Estévez, o corpo do meu bisavó trasladouse ao nicho familiar. A súa historia está profundamente ligada ás de todas aquelas persoas que foron represaliadas, oprimidas, maltratadas, humilladas e desprovistas de toda dignidade durante a súa estadía aquí, nesta illa de San Simón.

Hoxe é un día para lembrar a obreiros e sindicalistas, labregos e catedráticos, os que fuxiron ao monte e aos que decidiron quedar, pero cuxo horrible final foi o mesmo. Tamén para denunciar a violencia contra as mulleres, rapadas e violadas, humilladas e torturadas, ignoradas e silenciadas.

Vivimos nun momento no que o panorama político e social dá bastante medo. Refírome ao auxe da dereita e, por que non chamalo polo seu nome, do fascismo, en todo o mundo. Parece que ninguén recorda a onde levan este tipo de ideas, o perigosas que poden ser, o dano que causan. Para iso serve a memoria, para facernos recordar e non repetir o horror pasado, para facernos seguir a escoller un mundo tolerante, no que todos e todas temos cabida, sen importar as nosas ideas, xénero, cor de pel ou identidade ou orientación sexual. Pese a todo o horror, e a dor que este nos causa, temos que seguir reavivando a memoria destes homes e mulleres.

A verdade é que agora, estando aquí, o único que podo pensar é, “que sitio tan bonito”. Con estes buxos e este mar marabillosos, e esta calma. Faime pensar en como un espazo no que tivo lugar unha traxedia tan grande, pode, co tempo, transformarse nun lugar fermoso. Un espazo no que podemos falar abertamente das feridas da guerra e a posguerra, compartir as nosas historias, transmitilas entre xeracións, tratar de mitigar o trauma. E sobre todo, seguir a formar unha memoria digna por todas esas persoas que tanto sufriron naqueles anos. Sigamos a construír. Aínda queda moito por facer. Que viva a memoria, moitas grazas.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.