Margarida Mariño: “Deberíanse fomentar dende as institucións propostas mais vangardistas, alternativas e de formatos diversos que se saian un pouco do habitual”

Á hora de facer a música intentamos deixarnos levar e expresar a idea que tiñamos cada un das distintas fases deste cambio de plano existencial, evitando caer en misticismos ou vínculos coa relixión.

Por Angelo Nero | 2/02/2025

Descubrín a Margarida Mariño en 2015, aínda que ela xa tiña unha importante traxectoria musical detrás, cando formaba parte do dúo Treme, coa cantante e guitarrista Su Garrido Pombo. Dous anos despois vina nun proxecto radicalmente distinto, xunto Fernando Barroso á mandolina, presentado o álbum “Silence Lovers Club”. Logo púxolle música, co seu irmán Borja, ó espectáculo Pulcinella, producido polo Teatro Real, e tamén ó espectáculo de danza Good Luck de Alfonso Rivera, sobre o drama das migracións. En 2020 volvín vela sobre un escenario presentado “Cello & Electronics”, onde procuraba novos camiños, experimentando nos límites sonoros do violonchelo. E a pique de rematar o 2024 volveu sorprenderme cunha aposta vangardista, que firma xunto ó pianista Álex Aller.

Dende aquel 2015, no que te escoitei por primeira vez ata hoxe, semella que houbo un longo camiño de aprendizaxe e de experimentación, ¿cal deses proxectos dos que formaches parte nestes case dez anos te axudou a crecer máis musicalmente? ¿ou pensas que todos eses pasos foron igual de importantes para chegar a esta “Transmutation”?

De todos eses proxectos que mencionas aprendín moito, a distintos niveles, e colaborando con diferentes artistas tamén coñeces outras formas de traballar, outras perspectivas.. Para crear este proxecto con Alex en remoto, estando el en Madrid e eu en Vigo, e véndonos moi pouquiño en persoa (nada mais que para gravar, os concertos, etc) penso que foi posible grazas á experiencia e ó bagaxe de cada un por separado, aportando o que considerábamos mellor o un do outro para facelo, poñéndo moito mimo no proceso de composición e respectando as ideas que veñen do outro.

No teu anterior traballo reflexionabas sobre a ecoloxía, as migracións ou o cambio climático, pero, nesta novo álbum a tua fonte de inspiración e a morte, ó efémero da nosa condición humana e as posibilidades de transcendencia, ¿como xurdiu esa reflexión e como foi o proceso de creación para transformala en música?

Para nos é un tema que está moi presente, aínda que moitas veces na nosa cultura, ou no sistema no que vivimos e traballamos cada día pareza que ese momento non vai chegar. Ó certo é que vivimos de costas a moitos procesos naturais e a morte é un mais deles, o mais ineludible e tamén necesario e rexenerador, que permite que algo novo medre, polo que non pensamos que sexa un tema necesariamente pesimista ou triste, ó contrario. Á hora de facer a música intentamos deixarnos levar e expresar a idea que tiñamos cada un das distintas fases deste cambio de plano existencial, evitando caer en misticismos ou vínculos coa relixión etc. Traballar con Alex é unha pasada porque pon todo o corazón no que fai, e iso nótase (creo eu).

O pianista Álex Aller é a outra parte desta “Transmutation», compositor de bandas sonora e espectáculos de danza, que mestura a electrónica con outras músicas, como a neoclásica, no seu interesante proxecto Jus Kno’. ¿cales foron os camiños que vos levaron a atoparvos e erguer este traballo?


A historia de como nos coñecimos é curiosa xa que, aínda que Alex é asturiano e eu galega, e compartimos un perfil estético-musical parecido non foi ata despois de vernos nun par de concertos (el a min no WOS 2019, e eu a el no Underfest 2022) que comezamos a falar e a seguirnos polas redes sociais. A el sempre lle gustou engadir instrumentos acústicos e orgánicos á súa música (de feito no seu proxecto persoal traballaba antes con outra cellista) e a min fascíname todo o universo que consegue crear dominando os sintetizadores, efectos, etc que aínda que alguén poda pensar que é doado son horas e horas de experimentación, aprendizaxe e cun gusto exquisito que admiro moito do seu xeito de crear.

Unha parte importante do voso directo o pon a artista visual Irene Sáenz, que crea unha serie de imaxes que reforzan as texturas das melodías que saen das teclas e das cordas, ¿porque é tan importante para vos esta posta en escena e que queriades transmitir con ela?


Porque dende o principio pensamos no proxecto coma unha proposta multidisciplinar, e temos a inmensa sorte de ter a Irene con nós dende o minuto 0, durante todo o proceso creativo tamén da música, e pensamos que o seu universo electroanalóxico tiña moito que ver tamén co noso, ademais de que pensamos que esteticamente consigue potenciar e elevar todo o que nos facemos. Creo que sabe levar ó directo a outro nivel, evocando mais alá do que nos podemos chegar coa música.

Baixo a dirección de Pablo Villanueva gravades un “Live” espectacular no Mosteiro de Carboeiro, que é unha boa mostra do novo traballo, ¿como foi rodar nun entorno tan particular e como sentiches as túas melodías dentro desas paredes de pedra?


A verdade é que o proceso de gravación foi bastante odisea xa que, visitamos distintos lugares, museos, auditorios, etc e o único que non tiña pantalla ou opción a incluír os visuais era este, pero, tanto Alex coma min sentimos que era un espazo espectacular con moitísima Forza, moi único (para nos que xa o coñecemos quizais non tanto pero para o público de fóra están alucinados, ou iso nos din no YouTube) e pensamos que merecía a pena sacrificar os visuais para gravar alí. Tamén nos atraía a idea das columnas xa que tiñamos claro que queríamos que fose un plano secuencia e poder moverse entre elas creemos que quedou xenial. Pero o certo é que gravar alí non foi doado, aínda que o Concello de Silleda deunos o permiso e foron encantadores (ningunha pega) ó estar aberto ó público tiñamos que ter constantemente coidado con que non se metera xente no plano, ademais de que non hai luz e tivemos que levar nos os xeradores, etc mais o frío, o pó, a humidade.. pero a maiores o xa evidentemente o arriscado de facer un plano secuencia tan longo e que saia todo ben nunha soa toma. A que escollemos foi a derradeira, na que todo equipo entregámonos a tope, remando na mesma dirección, e tiñamos claro que esa tiña unha enerxía moito mais potente ca o resto. E non paramos ata conseguila. Despois estabamos esgotados pero moi satisfeitos de argallar esa tolemia.

A presentación de “Transmutation” foi na última edición do WOS Festival, no Teatro Principal de Compostela, onde compartiches cartel con proxectos vangardista como a da pianista Lauren Halo, que viña acompañada da chelista Leila Bordreuil, ¿como foi a resposta do público? E, a proposito do festival ¿pensas que é preciso que as institucións apoien dun xeito máis decidido este tipo de iniciativas?


A resposta do público foi sorprendentemente acolledora. A nos non nos coñecía ningúen, foi estrea absoluta, e aínda así o teatro estaba bastante cheo (unha das marabillas que ten o WOS, que o público vai a descubrir novas propostas, coa mente aberta), pero tanto eles coma nos levámonos unha sorpresa, aínda hai xente que me di que lle encantou ese concerto e nos lembrámolo con moitísimo agarimo.

Creo que sí deberíanse fomentar dende as institucións propostas mais vangardistas, alternativas e de formatos diversos que se saian un pouco do habitual, porque doutro xeito é moitísimo mais complexo levalas ao público, e non vexo que mal pode traer, ao contrario só pode mais que enriquecer tanto ao tecido cultural dunha cidade coma aos locais, espazos, etc.

En novembro presentades o voso traballo no Réplika Teatro de Madrid, e en decembro no Auditorio Municipal de Vigo, aínda que semella que non foi doado montar o concerto na túa cidade, ¿porque non hai máis facilidades para traer propostas como a vosa a Vigo?


Porque un concerto coma o noso en Vigo non ten cabida a nivel interese xeral, comezando polo Concello. Pero para min que son de aquí, que vivín moitos anos fora, e que escollín voltar porque sigo amando a pesar de todo a miña cidade era importante organizar polo menos 1 concerto de presentación aquí e compartir con tod@s no que estivemos traballando os últimos meses, e tamén fixémolo por se a alguén lle interesaba ver algo mais que luces, macro-concertos en Castrelos, monólogos no teatro ou fútbol.

Participaches na banda sonora de “Soy Nevenka”, como as Fillas de Cassandra, unha das últimas revelacións da música galega, ¿que tal foi a experiencia de formar parte desa película?


Foi moi ilusionante porque, aínda que eu era unha mera intérprete/executante da fermosa BSO escrita por Xavi Font, ó haber tan pouquiña instrumentación durante toda a película distínguese moi ben e recoñécese o papel do cello. E para min foi un soño poder aportar o meu graniño de area e sentilo tan real vendo e escoitando e película no cine. Non esquecerei esa sensación.

Por último, queríamos preguntarte pola traxectoria de “Transmutation”, si tendes xa datas confirmadas para presentar o disco en outras cidades, e tamén si tes algún outro proxecto para o ano que ven.

Agora mesmo e a raíz dos concertos de presentación, Alex e eu estamos argallando un novo proxecto que aínda do que aínda non podemos falar, pero sí podemos dicir que está relacionado tamén co mundo do cine, e que estamos moi ilusionados de que sexa o noso próximo traballo en colaboración.

Transmutation – Portada (by Irene Saenz)

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.