Entrevistamos a Manuel Reboiras Noia, no cabodano do asasinato do seu irmán, a mans da policía franquista, no Ferrol, o 12 de agosto de 1975.
Por Dani Seixo
Poderías realizar un pequeno esbozo da figura de Moncho Reboiras para todos os nosos lectores?
Xosé Ramón Reboiras Noia naceu en 1950 no lugar de Laiño, aldea de Imo, concello de Dodro, a Coruña entre o Padrón de Rosalía e o Rianxo de Castelao, de familia labrega e pai mariño dunha navieira de Noruega.
Aos 10 anos, 1960, a familia emigra ao barrio obreiro de Teis onde rexentan un negocio de hostalería para poder os fillos continuar os estudios e procurar un futuro mellor.
Moncho Reboiras foi un militante comprometido cos dereitos estudantís, a cultura galega, a loita pola liberación nacional da súa terra e un firme defensor da loita sindical. A súa vida e a súa loita teñen un significado importante hoxe para o nacionalismo e a clase traballadora galega?
O nome familiar era Pepe e cando chegamos a Teis tocoulle sufrir nas propias carnes o desprezo, que naqueles anos 60, había con todo o que tiña que ver co galego como idioma e a cultura rural como expresión de atraso. Co tempo e as relacións con asociacións e grupos culturais de Teis foi tomando conciencia do problema lingüístico e cultural que lle tocou sufrir en plena xuventude. Esta humillación, desprezo e resignación convertese en reivindicación cando acude ao instituto Santa Irene e participa nas actividades da Asociación Cultural o Castro, Asociación Cultural de Vigo e da Biblioteca Penzol con outros mozos de Vigo e do Morrazo, onde descubre o marxismo, o colonialismo, a historia e a cultura que non se ensinaba nos currículos escolares.
En 1969, toma a decisión de comprometerse mais co nacionalismo popular e a loita antifranquista e comeza a militar na UPG.
Remata enxeñería en 1971. No 72 está traballando en Barreras cando se producen as grandes mobilizacións de Ferrol e Vigo e asume responsabilidades na organización do movemento obreiro e sindical no campo do nacionalismo popular.
Que levou ao seu irmán á loita política e despois dar o paso á clandestinidade?
Na década dos 70, toda actividade política, sindical ou cultural organizada fora do aparato franquista era ilegal e clandestina e só comezou a ser un pouco consentida a partires da morte do ditador e do proceso de Reforma democrática. Os partidos nacionalistas e de esquerdas, utilizaban certos medios culturais e plataformas sociais para facer política.
Outra cousas é o que aconteceu após do 74, da Revolución dos Cravos e a caída da ditadura de Salazar en Portugal, cando o franquismo lle mira as orellas ao lobo e decide rematar con todo indicio de oposición que non entre no seu proxecto de Reforma. Moncho ten que deixar os traballos profesionais en Vigo, a Coruña e Ferrol e a persecución policial faise canda vez mais agresiva e violenta.
Como conciliaba a súa militancia política coa súa faceta máis persoal, coa súa familia?
Despois das grandes mobilizacións de 1972, Camilo Nogueira e Casal de Citroën e Reboiras de Barreras, entre outros moitos son investigados, perseguidos e represaliados (sumario do TOP 126/72) e a policía visita e controla a casa familiar provocando malestar e medo. Moncho despois dunha pequena estancia como enxeñeiro na fábrica de Álvarez en Cabral, decide buscar traballo en Intelsa de a Coruña e logo en Wat, auxiliar de Astano en Ferrol, para protexer á familia e ao tempo, contribuír a reorganizar o partido e o sindicalismo nacionalista na Galiza Norte.
Contribúe tamén a formación dos primeiros xermes sindicais (FO, SOG), a vertebración e organización da Fronte Cultural e é un dos cadros que poñen as bases organizativas e operativas da refundación da UPG no ano 1971.
Participa tamén con outras organizacións nacionalistas de Euskadi e Cataluña no proceso de construción dunha alternativa nacionalista á ditadura.
Após de 1974 o franquismo mais reformista dáse conta que hai que cambiar algo para conseguir o visto bo europeo e evitar a caída do réxime (Reforma si; Ruptura democrática, non) e a represión faise mais brutal, intensiva e selectiva. Moncho sabe que é un dos perseguidos e buscados e o partido toma a decisión de construír unha fronte armada (os irmandiños) para protexerse das agresións do réxime, defender os intereses populares e conseguir medios e recursos materiais para seguir facendo política contra as reformas formais e fornecer os aparellos de axitación e propaganda. Con tan só 25 anos e unha vida persoal e profesional con moito futuro é asasinado mas rúa de Ferrol.
Como coñecen o asasinato do seu irmán?
O 12 de agosto polo mañá, alguén da policía ven á casa e informa que vaiamos a Ferrol que algo grave tiña pasado. O pai estaba embarcado e a nai e o irmán collen o coche e van a Ferrol. Polo camiño poñen a radio para saber se daban algunha noticia. No parte das 12, a radio informa dun “enfrontamento armado” nas rúas de Ferrol. En Ferrol un funcionario nos dirixe ao cemiterio de Catabois e alí enriba dunha rudimentaria mesa de pedra estaba o corpo de Pepe con tres impactos de bala nas costas.
Que versión lles transmiten as autoridades nun primeiro momento?
No primeiro momento a policía danos a entender que se suicidara cun impacto de bala na cabeza e deunos a impresión que querían desfacerse do corpo canto antes, pero a familia xa estabamos alí e xa viramos o corpo e na cabeza non había ningún impacto de bala. Pola noite contratamos os servizos dunha funeraria local e déixannos saír cunha discreta escolta policial para enterralo ao día seguinte no cemiterio familiar en Imo.
Dirías que existiu un plan premeditado para ocultar a realidade deste asasinato?
O dia 12 de agosto había en Astano a botadura dun gran barco petroleiro construído cunha técnica novidosa en dique seco e había moita expectación con presencia de moitos políticos e empresarios xaponeses e europeos. O nerviosismo era evidente.
Mais de 300 números da policía de varias comisarias participan na operación e unha ducia ao mando dun tenente participan directamente no intento de ocultar o asasinato e montan unha historia que repiten con pequenas variantes todos os policías que declaran no informe policial que se contradí co informe pericial da autopsia que fala dunha morte por anemia aguda e inminente provocada por un impacto na arteria subclavia, vena pulmonar esquerda e ril dereito.
Informe autopsia. Perito Jaime Quintanilla Ulla. INFORMA: M8792869 (13 agosto de 1975) Cavidades. “El reconocimiento detallado de la masa encefálica, no permitió el hallazgo de ningún proyectil”. TORÁCICA. “La herida descrita en el hábito general perfora la arteria sub-clavia, vena pulmonar izquierda y riñón derecho. Las dos primeras lesiones detalladas produjeron una anemia aguda y fulminante que fue la causa de la muerte” |
Sofreron represalias por parte das autoridades cando intentaron coñecer a verdade do que sucedera?
A familia intentou repetidas veces conseguir o informe policial da actuación da policía na noite do 11 ao 12 de agosto do 75, sen ningún resultado.
Foi a raíz da publicación do libro «Historia de Galicia» de varios autores, onde o compañeiro e historiador Francisco Carballo, afirmaba que Moncho Reboiras fora asasinado nas rúas de Ferrol e ábrenlle ao autor un expediente e unha denuncia que finalmente quedou en nada e foi o avogado Nemesio Barxa quen conseguiu o informe policial e a pericial da autopsia que foi aclarando os feitos.
Represalias.
En outubro de 1975, (un mes antes da morte do ditador) cando eu ía encargar a lápida para a tumba do meu irmán fun detido pola garda civil por facer unhas pintadas nos valos do campo de fútbol de Padrón denunciando á policía e a ditadura. A garda civil monta un operativo por toda a zona e un coche patrulla detenme nunha estrada de montaña, cando visitaba a miña familia en Buxán, concello de Roi. Ademais da brutalidade, insultos e malos tratos, aplícanme técnicas de tortura; ameázanme con baixarme do coche e darme un tiro por «intento de fuga» e, despois xa no cuarteliño, o número que facía de xefe, ademais de múltiples golpes, xoga coa súa arma sobre a miña cabeza disparando, tipo ruleta rusa, provocando en min unha sensación de terror que era horrible. O que querían era saber e que lle cantara onde estaba o resto do comando. Pola noite trasládanme aos servizos centrais da garda civil en A Coruña onde seguen os insultos e cando me pasan ao xuíz declara a miña liberdade sen mais.
No verán de 1976, a policía armada detenme no Castro de Vigo xunto cunha compañeira que acababa de regresar do exilio portugués e aplícanme a lei anti terrorista e mantéñenme na comisaría, non recordo, se 4 ou 5 días.
Como reacciona a militancia política nacionalista?
O 75 e 76 foron anos de dura represión en Galicia e a maioría dos dirixentes que non foron detidos e procesados, tiveron que exiliarse en Portugal amparados polo movemento das forzas armadas e as organizacións progresistas da Revolución dos Cravos de abril de 1974.
Após do 76 renace unha nova militancia e o nacionalismo popular se expande por tódolos sectores: a UPG como partido militante e entregado; a ANPG como fronte apartidario e interclasista; o BN-PG como plataforma electoral co PSG e outros; colectivos sindicais do ensino (UTEG), dos estudantes (ERGA), sindical (SOG, INTG), labrego (CALL, SLG), mariñeiro (SGTM); e nos barrios asociacións de veciños cos seus voceiros de denuncias nas distintas localidades. Eran un fervedoiro de mobilizacións e xente que quería mais soberanía e liberdade e reclamabamos e precisabamos mais lideres que dedicasen tempo e entrega á causa. Se hoxe vivira Moncho, estaría preocupado como evoluciona a política en xeral e a galega en particular.
Decidides recorrer á xustiza española para esclarecer o sucedido e as responsabilidades polo asasinato de Moncho Reboiras, pero a xuíza decreta o arquivo desta querela debido a que existe un impedimento legal pola Lei de Amnistía de 1977 e a prescrición. Considerades que será posible lograr xustiza dentro do marco legal español?
O marco legal español é o que é o que falta é vontade política para cambiar o que haxa que cambiar para facer xustiza coas vítimas do franquismo. Se o marco legal español non cambia, quédanos Europa e a xustiza internacional.
Se el primero en comentar