Loita Amada: “é fundamental que o pobo cante á revolución”

Conversamos cunha nova banda armada con letras combativas e ritmos incendiarios, comandada pola pandereteira Nébeda Piñeiro e o rockeiro Jasper, que veñen a animar unha revolta músical co seu ¡Viva a Loita Amada Revolucionaria!

Por Angelo Nero

Nébeda Piñeiro e Pablo Carracedo, Jasper, veñen de formar unha banda cargada de cancións, un proxecto tan revolucionario que non oculta o seu propósito de voarnos a cabeza disparando ritmos e letras incendiarias, e que no seu manifesto fundacional deron en chamar Loita Amada. Xa teñen varias datas para percorrer o pais cos seus artefactos sonoros, cun disco baixo o peto que semella procurar despertar conciencias á vez que anima a mover o corpo. A xente que xa tivo a sorte de asistir a un dos seus directos xa non pode máis que berrar: ¡Viva a Loita Amada Revolucionaria!.

15 anos de militancia en Nao, son antecedentes suficientes para prestarlle atención a este novo proxecto de Jasper, que une a súa voz a de Nébeda Piñeiro, que ven da música tradicional, nun rexistro e nun formato ben diferentes. ¿Que foi o que vos animou á crear esta nova Loita Amada e como foi esa mestura, vindo de escenas aparentemente tan dispares como o rock e a música de raíz?

Basicamente, o que nos anima, é que a música forma parte das nosas vidas, e está no noso adn, no noso xeito de ser no mundo, pois somos músicos, e moitas veces estes procesos creativos, que liberan o poder expresar o que sentes, e o mesmo tempo tamén o poder facelo, porque realmente sabes que axudas a determinadas persoas, a determinados movementos, e sabes que axudas tamén a que o status quo trema un pouco, ou que as cousas se poñan en dubida, ou que, directamente, se poidan combater. Nos somos xente moi inqueda, e que está en constante evolución, e tamén nos apetecía experimentar, tamén temos curiosidade e aí xuntase levar a música no noso adn, con querer explorar, experimentar cousas, como para seguir aprendendo vitalmente, e utilizar a música como arma de transmisión.

Loita Amada é un termo que pode evocar a outro tipos de loita, nun tempo no que hai músicos en prisión como Pablo Hasel, ou no exilio como Valtònyc, polas letras das súas cancións, ¿non vos da un pouco de vertixe lanzar un proxecto con un nome que pode asociarse facilmente a outra cousa?

Realmente non. E vou explicar porque. Non podemos autocensurarnos, eso o primeiro. Pero tamén temos que ser intelixentes, e iso o aprendín fai moitos anos, non darllo fácil. Nos temos claro que vamos a cantar o que queiramos denunciar, e meternos con quen queiramos, e vamos tentar facelo dun xeito tan elegante que non lle demos armas a unha posible fiscalía ou xudicatura, para que nos poida reprimir. E eu poño sempre un símil que soa forte, pero fácil de entender: a xente cando vai roubar un coche ou vai por unha bomba, non vai deixando as pegadas dactilares por aí. Pois isto é un pouco o mesmo, facelo, pero con esa sutileza revolucionaria que ten a poesía.

Contades con dous bos artefactos a modo de presentación, ós videoclips de “O naufraxio”, e “Quero”, nas que coidades moito a posta en escena, ¿como foi a realización destes dous vídeos, quen está detrás deles? E ¿para cando un novo vídeo, xa que hai moitos temas no álbum que o demandan?

Nos traballamos con WeAreCinema, que é un rapaz que se chama Fernando Lozano, moi amigo meu, que xa traballou comigo en Nao, e durante toda a xira final. Tamén fixo un videoclip daquela con nós, e ó final imos todos medrando, el medrou profesionalmente, dun xeito incrible, e gústame traballar con el porque fai cas cousas moi sinxelas, e ó mesmo tempo porque temos un filin moi común, unha idea moi semellante das cousas. Eu espétolle as miñas loucuras e el as concentra, el espétame tamén as súas loucuras, e eu intento tamén darlle forma, e dai saen os videoclips.

Naufraxio” gravámolo en Fisterra, nunha praia fermosísima, bastante agochada e nun terreo moi empinado, custounos moito baixar ó mar o barco, gravar a oito grados de temperatura, ca auga totalmente xeada, no mes de novembro, e foi unha experiencia espectacular, porque vese a forza do noso mar, entendese o que queríamos dicir no videoclip. Penso que é unha historia que quedou moi ben contada.

Co tema de “Quero”, queríamos un videoclip que tivera unha imaxe máis poética, por iso a fixemos en branco e negro, e tamén era un vídeo que probablemente queríamos que fose a carta de presentación, aínda que o primeiro fora “Naufraxio”, porque é un tema moi significativo. Entón queríamos que se entendera esa clandestinidade que mostramos, ese xogar cos sentidos das palabras, esa poesía profunda, esas ansias de liberdade, esas ansias revolucionarias, a solidariedade, o compañeirismo, e que todo iso fluíra en torno a unha metáfora fermosa, que é estar desenterrando o que parece, nun principio, que son armas, e acaban sendo flores. E alistar o noso pequeno exercito para saír a loitar, o noso exército revolucionario, a nosa amada guerrilla, e penso que se ve moi ben aí.

Con respecto a novos videoclips para temas do disco, todos os temas penso que se prestan a un videoclip, pero, de momento, non temos pensado sacar máis. Si que sacaremos algo do directo, para que tamén a xente vexa que isto non é so un disco, para que produtoras de festivais vexan que aquí hai moita máis música, e que hai un concerto que ten moita acción, moita caña, e si que sacaremos algo diso.

Quero ser a voz que enterre as mentiras / que che cante agarimos ao oído / que se deite contigo / en cada portal un amigo en cada rosa un fusil. (…) Quero ser obediente sen causa / atender a desidia e a farsa / vivir resignado, feliz e contento / agradecido de ser explotado”, di a letra de “Quero”, ¿As letras son peza fundamental nesta Loita Amada, son as vosas balas de prata?

As letras son as nosas balas de prata, si que as empregamos como armas, e temos claro que hai que facelo deste xeito, hai que facer que a xente pense. Vivimos no mundo da inmediatez, vivimos no mundo da imaxe, e tamén do postureo, pra que negalo. Nós queremos ir á profundidade das cousas, nós somos radicais, porque vamos á raíz das cousas, e na raíz dos problemas vemos que o capitalismo non é reformable, se venden discursos que son zafios e se responsabiliza á xente de cousas que non ten que ser: recicla a túa bolsa de lixo, e non comas carne… moi ben, pero realmente o problema de que o planeta estea nun perigo climático brutal é das grandes empresas, das multinacionais, e deste sistema de mercado. Entón hai que ir á raíz dese problemas para extinguilos. O outro día lía que queren reformar o capitalismo, é como querer perfumar a merda, tal cal.

E iso é para todo, se agora temos unhas eivas tremendas con respecto ó galego, e é que na rapazada por primeira vez o idioma máis falado sexa o castelán, é culpa do Partido Popular, da Xunta de Galiza, e tamén do PSOE a nivel central, que na vida mirou pola lingua, e que a combate con saña. De nada serve que haxa unha Secretaria Xeral de Política Lingüística facendo parvadas, se logo temos prohibido dar as matemáticas en galego nas aulas, e se non hai o que chama a inmersión lingüística das crianza, eso o temos clarisimo. Nós, a través das letras, e da poesía, intentamos indagar en diversas cuestións, moitas deste tipo, para axudar a que as cousas cambien a mellor.

Branquean fascismos ensucian resistencias / cans obedientes da mans que os alimentan crean / novos labirintos nos que buscas a saída / quen pensas que os puxo no sitio onde están?” escotamos en “Unha nova era”, un tema que ben podería ser un manifesto. ¿É tempo de recuperar os himnos que a xente cantaba para sentirse pobo?

É tempo de recuperar os himnos, si. Neste mesmo proxecto, cando comezamos, Nébea máis eu, fixemos un par de concertos en formato de dúo, antes de gravar o disco, no cal recuperábamos a canción protesta. Eu penso que é fundamental que o pobo cante, e que o pobo cante á revolución, e que o pobo lle canté ó combate, e que lle faga ter folgos, que lle dean azos para seguir coa cabeza erguida, tirando cara adiante. E si, “Unha nova era” pode ser un manifesto, un manifesto real. Vemos todas estas ana rosas polas mañás branqueado o fascismo, como El Hormiguero, etc, pero logo nos asustamos cando saen enquisas de que, como saíu esta semana, entre os rapaces da ESO hai machismo e racismo. Se os medios públicos están todo o día na senda do fascismo, como non vai pasar iso, e claro, miramos cara outro lado, e non pode ser. Ao final isto estásenos vindo enriba e estanos gañando por goleada. E isto hai que combatelo, e combatelo radicalmente.

Xa levades uns cantos bolos ó lombo por todo o noso país. ¿Como foi o voso debut na Capitol? ¿Cal está sendo a resposta do público e o interese dos medios de comunicación?

O primeiro concerto na Capitol foi unha pasada. Soñas, cando presentas un disco, ter unha sala chea como a Capitol, e dubidábamos se seríamos quen de facelo, pero aí está, estaba chea. Sorprendeunos moito, e tamén nos sorprendeu o público que había, porque era un público do máis diverso. Pensaba que, ó mellor, vindo doutros proxectos, estaría xente seguidora de Nao, pero vin moi pouca, un 10%, e vin xente nova, e nun principio sorprendeume, e despois aledeime moitísimo.

Este é un proxecto novo que nace novo, e que ten unhas expectativas diferentes ás que tiña Nao, e que ten todo un camiño por percorrer, como ben dixemos, abrimos unha porta e non sabíamos que iamos atopar, e vimos unha sala chea. Logo na xira de salas estamos levando unhas alegrías brutais, porque estamos tendo xente, moita xente en algunhas, e estamos tendo un filin co público moi guai, moita xente repetindo. O que máis me gusta é a diversidade do público porque temos dende unha media de idade que si que é alta, que é algo que me gusta, porque tamén entra ca miña idade, e iso tamén está ben, que con 40 ou 50 anos fagas música para rapaces de 15 anos, que veñan bailar, pero eu me entendo mellor coa xente da miña quinta.

Foto: Xabicas

Entón entendo que haxa xente destas idades, dos 30 para arriba, como Nébeda, e ver toda esa gran familia revolucionaria que estamos creando ó redor, e estamos comezando, que levamos seis ou sete bolos, e o rollo non para, cada vez hai máis xente. Estamos animadísimos, emocionados, orgullosos e co peito cheo.

Os medios de comunicación estanos cubrindo, aínda que non temos unha axencia de prensa. Afortunadamente, co paso dos anos, penso que ós medios tamén hai que educalos. Nós, por exemplo, eu xa de antes, se un medio nos traduce ó castelán nunca lle volvo conceder unha entrevista. Entón, a lingua nola están respectando todos, están deixando que nos expresemos e que digamos o que temos que dicir, incluso a propia TVG, que xa vai varias veces que nos ten sacado, nos ten entrevistado, e penso que moita xente nos medios de comunicación, que aparte de traballar para o medio, que teñen un obxectivo claro, e que favorecen os intereses dos seus accionistas, ben sexa Inditex, Citroën ou o Partido Popular, mesmamente, pois hai moito traballador e traballadora periodista que está do noso lado e nos fan preguntas cómodas. Eu estou moi contento de como está resultado, de como nos están tratando os medios.

E logo boto en falla, prensa independente, como vós, prensa revolucionaria. Cando eu era rapaz, na época da xenreira, cando tiña 17 anos, había moito fanzine e había moita xente tentando dar esa outra cara do contrapoder, loitar contra o discurso unidimensional, e cada vez disto hai menos, e é unha desgraza.

Tamén estades nomeados nos Premios da Música Independente MIN en ata cinco categorías, entre as que están o mellor álbum de música de raíz, e mellor álbum en galego. ¿Como acolléchedes este recoñecemento?

O dos premios MIN recollémolo cunha honra tremenda, e agora mesmo acabamos de ser nomeados semifinalistas, e se somos finalistas, Nébeda e mais eu xa o falamos, iremos ata ali, polo menos a estar presentes, porque é un recoñecemento que é estraño, é de música independente, pero en Madrid, non en Galiza, entón, a verdade que nos sorprende moito.

O voso proxecto, ademais de vos, de Nébeda e Jasper, ten unha auténtica “banda amada” que a acompaña nos directos, e dou fe de que para os que pensen Loita Amada é so cousa de dous, vanse atopar cunha bandaza sobre o escenario ¿quen son estes músicos que vos acompaña nos directos?

Con respecto á banda que levamos en directo, pois si, hai xente que sigue pensando que vamos en formato dúo, porque a banda creámola nós, pero eu a día de hoxe podo dicir que a banda, que Loita Amada, non somo so Nébeda e eu, a nosa banda Amada somos oito persoas. Catro homes e catro mulleres marabillosas, musicazos profesionais, xente súper sana, súper boa, súper concienciada, con moito filin, e que estamos creando unha familia, internamente, cunhas dinámicas que xa lle albisco un futuro eterno.

Nos ventos temos a María Prado e a Xiana Naval, que son trompetista e trombonista, e teñen unha calidade inmensa. No teclado está Iria Iglesias, que é unha pianista marabillosa. De guitarrista temos a Iván Barreiro, un guitarrista fora de serie, especialmente no tema da música tradicional, e no rock estame dando unhas alegrías brutais. De baixista, oficialmente está Xelo, pero agora está de baixa, por motivos de saúde, e dende aquí lle mando unha aperta enorme, e no seu sitio estao substituíndo Iván Bernárdez, que tamén é unha persoa que tocaba comigo en Nao, co que me entendo moi ben, e que é un musicazo como a copa dun pino. Na batería temos a Quico Saborido, que é un referente na música tradicional como percusionista. E logo está Nébeda e estou.

Nos levamos unha big-band para facer unha festaza enorme e, claro, a crítica máis habitual cando a xente nos ve en directo, primeiro, que a xente se sorprende de que haxa unha banda tan grande, e segundo do son que sacamos. Temos varios directos gravados e a verdade que estou orgullosísimo de como soa, é unha banda de primeiro nivel.

Loitemos por quen perdeu a casa, por quen non ten traballo / loitemos irmáns con fouces e machadas loitemos galegas / enchamos os foles, que canten as gaitas / loitemos para sermos libres cando caia a noite / loitemos, noso é o futuro, tomemos o cárcere / fuxan os traidores, que se ergan os montes e as ondas do mar”, di outra das vosas cancións, “Loitemos”. Hai moito de reivindicación na vosa música, que nos leva ás cancións protestas de outros tempos, ¿cales son as loitas polas que paga a pena loitar hoxe en día para vos?

As loitas que debemos de estar dando… primeiro, temos que dar unha batalla clara e contundente contra o fascismo. Vivimos un proceso de fascistización tan bestia, mediático, social, que hai que dicilo claramente. Cando os fascistas chaman ó PSOE comunista, realmente están dicindo unha auténtica barbaridade. O PSOE é un partido de dereitas, unionista, e liberal, que ten moi claro que primeiro de nada está a constitución española, e despois os intereses dos banqueiros, e da burguesía, do IBEX 35, non do pequeno burgués, nin moito menos. Podemos é un partido de centro esquerda, por dicilo dalgún xeito, claramente burgués, e logo, a partir dai todo é dereita e extrema dereita. O Partido Popular é extrema dereita, e VOX extrema extrema dereita, son neonazis.

E, que quero dicir con isto? Que cando ves a Pablo Motos, que é un fascista, a Ana Rosa, que é unha fascista, cando ves o discurso que adoitan os medios de comunicación, que é un discurso fascista, claramente.

Que é bolivariano? Que é comunista? Aquí xa vai sendo hora de nacionalizar os medios de produción, o digo claramente, as eléctricas. Unha loita que hai que dar: os eólicos, vamos unha vez mais como cando foi o tema dos encoros, vamos a ser unha colonia, a escombreira, a corte, na que van botarnos a merda, na que nos van a expropiar os nosos recursos, e a riqueza para eles, os danos para nos e os beneficios para eles. Esas eléctricas hai que nacionalizalas, Repsol, Endesa, Naturgy…

Que prezos son eses que temos? Mercadona sube os prezos como lle da a gana, pois a nacionalizala, a partir de agora público. Movistar, público, como era cando Telefónica. Que hostias.

Eu teño claro que eses cando falan de comunismo non teñen nin puta idea. PSOE comunista? Pero si o PSOE é a banca, por favor… e aí están os feitos, joder. Entón, batallas? Batallas temos a mil, nos a nivel galego temos que dar unha batalla contra o colonialismo, temos que dar unha batalla, temos que nos facer valer, temos que ensinar os dentes, como dicimos na canción, non podemos consentir que se nos vaia expropiar o vento, non podemos consentir que a nosa cultura desapareza, non podemos consentir que se nos exploten os aforros. Aquí hai moitas batallas que hai que dar, e hai que estar en todas elas, e hai que loitar por un traballo digno, por unha vivenda digna, para que a sociedade poida ter futuro. Podemos falar dos suicidios, e que non se lle da alternativas por parte do poder a esa xente deprimida, traballando con medo, e á xente lle pasa factura, e pasa o que pasa.

E aí temos que dar unha resposta na rúa, que se apoie despois nunha resposta institucional. De nada serve que cambiemos de goberno e que Ana Pontón sexa presidente de Galiza polo BNG, se logo aquí non hai un millón ou dous millóns de persoas que apoien ese proxecto. Porque vamos ter á dereita máis rancia, que é toda a dereita, que son todos os medios de comunicación, A Voz de Galicia, o Faro de Vigo, todos os accionistas destes periódicos son fascistas, e vamos a telos dándonos caña dende o primeiro día, no suposto de que Ana gobernara. Batallas? Un millón hai que dar.

Foto: Xabicas

A vosa música é rabiosamente actual, máis non por eso deixades de ollar cara ese pasado onde comezou a agromar a música galega, logo da longa noite de pedra. Nos vosos directos recuperades a “Cantiga pra unha antroitada” de Fuxan os ventos. ¿Hai que saber de onde vemos para saber onde queremos ir?

Por suposto, nos temos claro que vivimos e bebemos desa tradición, da tradición popular, das cancións que cantaban as señoras nas foliadas, con esa cultura oral, popular, que se transmitiu, con esa auténtica poesía da clase obreira, poesía labrega, que a día de hoxe sigue cantando ó amor, e cunha retranca, e cunha metáforas que son incribles. Tamén o amor e o escarnio, e todo tipo de cousas. E bebemos de toda esta xente que abriu o camiño como pode ser Suso Vaamonde, Mini ou Fuxan os Ventos, ou toda a xente do colectivo Voces Ceibes, e como foron toda a xente dende Latinoamericana, que axudou a tomar conciencia e a visibilizar problemas que pasarían de forma inexistente se non estiveran aí. Nos intentamos poder estar á altura de esta xente, ese é o noso soño, que non estamos nin moito menos, pero ese é o noso obxectivo.

Nos vosos directos tamén facedes gala do voso internacionalismo, interpretando temas da Banda Bassotti, con que seica hai algo máis que afinidade musical, ¿non é certo? Sodes quen de cantar en italiano e ata en éuscara. ¿Pensades que isto tamén vos pode abrir os escenarios de fora de Galiza?

Realmente o facemos por unha afinidade musical e ideolóxica, e facémolo dende o respecto, non o facemos con visión de abrirnos portas fora, nin moito menos, nos cremos que as portas abrense coa nosa propia lingua, e un exemplo claro está nas Tanxugueiras, e noutros proxectos que foron polo mundo adiante cantando na nosa lingua propia. Nós facémolo porque realmente a nosa loita non é unha loita que sexa dende aquí, dáse dende o local pero é unha loita internacional, ai está o internacionalismo. Pensa global, resiste local. Nos facémolo co orgullo do que somos, pero tendo en conta que a nosa loita é a mesma que a loita do pobo palestino, a mesma que a loita do Curdistán, a mesma loita que a da Banda Bassoti nas rúas de Italia, e a mesma loita que dan os nosos camaradas vascos e cataláns.

Unha das miñas letras preferidas do disco, é esa que comeza con “Estudaba entre cafés e moitos soños / creaba textos libertarios nunha terra ocupada / na universidade revolucionaria / para seguir medrando, escritor e becho raro”, e realmente penso ¿non será tempo de cumprir “as promesas que nos fixemos”? ¿precisamos de máis artefactos como Loita Amada para non conformarnos con ser escravos asalariados?

Cando a fixen estaba pensando nesta xente que agora está presentando un telexornal na galega, e que na universidade era o máis revolucionario, o mais de esquerdas, o máis anarco-comunista, o máis independentista galego que había, e agora lle está lavando a cara ó poder. Eu coñezo periodistas así. E eu realmente me pregunto esas promesas que te fas de adolescente, esas promesas das cousas que te fan sentir orgulloso, das cousas que realmente te honran como persoa, e por enriba de todo se tes vocación de transmitir e de contar historia, realmente non te estás a traizoar a ti mesmo, a ti mesma, son esas promesas que nos facemos de adolescentes, de o ben común, a solidariedade, a xustiza social, a igualdade, eso que son ideas nobres, ideas que van facer que mellore o mundo. En que momento a xente cando medra as perde, e se traizoa completamente, a ese adolescente, a esa persoa que foi no seu momento, e esas ideas que te fan ser mellor ser humano, en que momento te traizoas a ti mesmo e as esqueces completamente.

Entón o facemos a modo de crítica, e tamén a modo de recordatorio, que se lembren disto, lembrádevos do que fostes, e se a xente non se esquecera, e non fora cambiando, pois todos nos iría moito mellor. Iso é o que queremos dicir con esa canción.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.