Primeira parte da entrevista con Jose G. Barral, novelista vigués, que ven de publicar a súa terceira novela, “Blues da Florida”, ambientada nun cambio fundamental na cidade, cando os seus icónicos tranvías foron substituídos por autobuses
Por Angelo Nero | 1/02/2025
“Blues da Florida” ten moito de homenaxe ó tranvía, que para varias xeracións de vigueses foi algo máis que un medio de transporte que comunicaba a cidade de Vigo, e a súa área metropolitana, ata Baiona e Gondomar, e ata Mos e Porriño, nun tempo no que non había moitos automóbiles circulando.
A novela da conta dun proceso que se viviu en moitos outros lugares, a desaparición dos tranvías. En 1917 circulaban por 24 cidades españolas, pero entre 1964 e 1972, desapareceron da metade delas. ¿Foron comúns as causas para a desaparición deste transporte colectivo?
Houbo varias circunstancias que, efectivamente, deron pé á desaparición, nun montón de cidades, do sistema de transporte de tranvías. Habería unha razón económico-política de fondo que é o desenvolvemento da industria dos motores de explosión e das multinacionais do petróleo, que tiñan un interese importante á hora de poder vender os seus produtos.
De feito nos EEUU, por exemplo, iso provocou unha polémica importantísima, xurídica e política, que chegou ó Tribunal Supremo, porque desapareceron tamén un montón de cidades importantes o sistema de tranvías. ¿Por qué razón? Porque en cada cidade o mercou unha multinacional do petróleo. Mércanas, xustamente, para facelas desaparecer, e poder instaurar o seu modelo de negocio.
En Europa sucedeu algo semellante, co Plan Marshall, que determinaba unha serie de investimento, pero sempre a cambio de algo. Aí efectivamente había contidos importantes para estes grupos empresariais.
E España foi un pouco a rebufo diso, aínda que non entrou no Plan Marshall como tal, pero tivo un pequeno plan de investimento de empresas americanas e, en certa medida, iso si que foi un condicionante importante á hora que desaparecese.
Non deixa de ser curioso que aquí se substituíran os tranvías por buses, como elemento de modernidade, mentres vemos que agora, moitas cidades teñen este transporte por ecolóxico e mesmo como un reclamo turístico…
Entendo eu que hai un problema de planificación e de anticipación dos problemas. Non obstante, houbo cidades, en Europa, que o mantiveron, canto máis ó este do continente maior polivalencia seguen tendo, porque non lles chegou a onda do Plan Marshall, e en España algunha se conseguiu manter, case en plan testemuñal, e logo nos últimos dez, vinte anos, hai unha nova tendencia a volver a sistemas de transporte limpos, máis ecolóxicos.
Vendíase, no caso de Vigo, como un elemento fundamental para dar pasos cara unha modernización -aínda que sería un término que habería que rascar para saber que significa- pero dende logo se dicía que era un elemento fundamental para levar o transporte a outras zonas xeográficas da cidade, da contorna, pero esa non era a única alternativa.
Sucede que, nesa época, efectivamente, cando as cidades deciden promover ese sistema de transporte, tamén en España houbo grandes grupos, como foi o caso que sucedeu en Vigo, que pertencía ao grupo de Álvarez Arrojo, que xa tiña unha presenza moi importante non so en Asturias e en Galicia, senón en outras partes do estado. Era unha torta moi golosa na que quixeron entrar.
O ano no que se sitúa a novela, 1968, foi tamén un ano no que aconteceron moitas cousas salientables no mundo, o maio francés, a primavera de Praga, a matanza de Tlatelolco en México, o asasinato de Martin Luther King… moitos ventos de cambio, ¿a Vigo tamén chegaban eses ventos, quizais viaxando nos paquebotes ingleses?
Esta reflexión foi un dos desencadeantes que motivou facer a novela nese espacio e nese tempo, xustamente porque, claro, cando foi no 2018 o aniversario do 68 si que seguín con bastante interese todos os eventos que se foron producindo no mundo, de tipo político, social, deportivo. Por exemplo, a Olimpíada de México foi a mellor da historia, foi un evento deportivo fantástico, e entón cabría pensar, se iso se produzo aí fora, estaba claro que España estaba moi ó marxe, e Galicia tamén, de todos eses momentos de transformación, pero si as placas tectónicas da historia se moven repentinamente, seguro que, en maior o menor medida, aquí terá que haber rabexadas, ou cando menos pequenas oscilacións. E, efectivamente, a pouco que un se documente, dende o punto de vista político, houbo unha reagrupación das forzas de oposición ó réxime importante, xa non so era a preponderancia do Partido Comunista, senón que xurdiron outros grupos de orientación comunista, nacionalista e demais, que xa estaban creando unhas circunstancias de oposición activa ó réxime.
Dende o punto de vista sindical, tamén se produciron varios feitos relevantes. Non é casual que en Vigo, onde xa se empezaba a mover o sindicalismo con bastante firmeza daquela, no ano 72 desenvolvérase a maior mobilización obreira que se deu durante o franquismo, sindical, pero tamén política, de xerar novos espazos para a defensa dos traballadores e para a defensa das liberdades.
No ano 68 aquí tamén se notou, dende o punto de vista da afirmación e das novas conquistas da cultura alega e do idioma. Plásmase na plástica galega, con pintores que alcanzan certa fama xa fora de Galicia. Sucede no ámbito da literatura. E sucede tamén no ámbito das costumes e da vida cotiá, posiblemente sexa un dos elementos máis complicados dos que non tes claramente como chega esta vaga de cambio, pero que, por outro lado, aquí si que era perceptible que as modas, os costumes, a ruptura xeracional, isto todo se estaba provocando, xustamente, nese período , pola influencia, obviamente, de fora.

Un dos elementos centrais da trama é a investigación dunha avaría que deixa sin fluído eléctrico á metade da liña de tranvías, xusto cando se está decidindo a concesión do transporte urbano en Vigo, ¿como se che ocorreu este punto de arranque para xirar arredor dela parte da trama?
Eu estiven indagando nos arquivos, bibliotecas, e demais, dalgún suceso que fose suficientemente atractivo como para poder montar uha novela, porque digamos que toda a parte documental, de arquivos, de facerse con elementos para dar pé a un libro, eso xa o tiña feito, e faltábame a parte novelística, para engrenar isto.
Entón, apareceume, por un lado, que esa avaría foi certa, foi real. Case a metade dos tranvías quedou en suspenso, porque non había corrente eléctrica, por unhas avarías moi gordas que se produciron aí, porque aparte coincidiu xustamente en ese proceso de anuncio político de que van ser cambiados. Entón, había unha serie de elementos que lle daban unha certa solidez ao argumento de que ese feito puidera non ser fortuíto.
Por outro lado, tiña tamén outros elementos interesantes, como o propio feito de que o sistema de transporte que substituíu ós tranvías, xa o alcalde determinara que fose barra libre, que calquera empresa que tivese un autobús podía participar, cando a propia empresa de tranvías xa fixera unha alternativa para poder cubrir ese servizo con autobuses propios, e non foi posible.
Eu creo que me veu moi ben, tanto polo engrenaxe dentro da novela, en canto a que en que momento suceden os feitos, como tamén que suceda en ese momento, poder dar pé, efectivamente, a que non era un suceso con carácter aleatorio, senón que podía obedecer a algo máis. De feito, a trama fundamental do libro é ¿que pasou neses días ou nesa semana que houbo esa gran avaría?.
Na outra banda, o controvertido alcalde Portanet, que ademais de eliminar os tranvías, foi o causante de importantes cambios urbanísticos, cunha importante perda do patrimonio arquitectónico, e moitos damnificados, como os humildes habitantes do barrio do Sagrado Corazón, ¿podemos dicir que con Portanet Vigo perdeu parte da súa alma?
Xa tal como formulas a pregunta, claro, perdeu algo, por un lado, a oportunidade de que nun período de crecemento dotado dun maior financiamento público, para poder acometer as grandes obras de infraestrutura non se aproveitou dunha maneira adecuada. A maior perda posiblemente sexa dende o punto de vista patrimonial, en efecto.
Vigo é unha cidade tremendamente extensa, ese crecemento pouco ordenado, de toda a periferia dun xeito natural, como hai moito espazo, moita superficie, se pode acometer sen grandes trastoques dentro do que é a vida e os espazos urbanos, pero o que é o propio centro dunha cidade tamén está necesitado dun crecemento en canto a novos servizos.
Aí se acometeron certamente obras que botan por terra todo aqueles elementos arquitectónicos que podían ser xeniais, que podían haber sido, no seu momento, referencias da cidade, como o edificio Rubira, que era o edificio de canteira galega máis grande da cidade, toda a fronte marítima antes da Ribeira, que estaba conformada pola Casa de Baños, polo Mercado de A Laxe, polo Hotel Continental. Todo iso desapareceu.
Parece que nesta carreira por facer unha cidade máis “moderna” aquí non se tivo en conta ningún tipo de consideración, nin estética nin de cuidado patrimonial, maila que o propio alcalde si que dicía que facía unha política respectuosa con estes elementos, pero formaba parte, entendo eu, dese discurso político que en ocasións para nada se parece coa propia realidade.

E logo, aparte, a xente que quedou na rúa…
A novela arranca con esa situación de desafiuzamento de todo un barrio tremendamente humilde do centro da cidade, que era o barrio do Sagrado Corazón, ó final do Areal, e que coloco como punto de arranque do libro, ¿por que o sitúo así? Porque quero representar como, efectivamente, houbo persoas que quedaron fora desta modernización, de crecemento, pero, por outro lado, porque desde o punto de vista persoal ai había compoñentes, así como na propia idea dos tranvías, da miña propia historia persoal.
Porque isto se produce cando eu son un rapaz aínda, pero si que quedou na conciencia da cidade, dos nosos pais, dos nosos avós, de moita xente desa época comentaba que fora unha tremenda inxustiza, que se cebaron cunhas persoas que non tiñan absolutamente nada, nin posibilidade de defensa, cando a cidade estaba facendo no polígono de Coia un montón de novas construcións, e esta xente quedou cunha man atrás e outra diante. Empezo por aí porque, claro, eu cando nacín era a parroquia a que pertencía, a casiña onde vivía, onde fomos bautizados. E había unha ligazón persoal, que sempre motiva máis a un á hora de poder plasmalo dentro dunha novela.
No libro tamén están reflectidos os cambios culturais que se daban a fins dos sesenta na cidade, o rexurdimento da literatura galega, con escritores como Ferrín e Casares, ou a aparición de grupos de música influenciados por bandas británicas como os Beatles, ¿que influxo tivo isto na sociedade viguesa da época?
Eu creo que moito. O movemento de recuperación do idioma tiña unha raíz máis estritamente política, de feito eses primeiros literatos, e pintores, cursaron unha militancia política activa. Nesa época e con posterioridade, pero no que te refires ás cuestións de tipo musical, de vestimentas, incluso de romper a forma de vida das xeracións precedentes, prodúcese fundamentalmente polo impacto, pola influencia da moda pop, que se da dentro do mundo. Despois da Segunda Guerra Mundial, en canto se consigue un certo nivel económico, sobretodo por países con gran desenvolvemento, como é o caso de Gran Bretaña, hai unha eclosión de persoas, de movementos, que queren rachar con todo. Eso manifestase nunha forma de vestir distinta, cunha forma de peiteado distinta, e nunha forma de expresarse musicalmente distinta.
Foi un movemento que estoupa naquela década, pero que chega ata estas décadas, e continuará. Entón, por un lado, hai elementos obxectivos dentro do conxunto do estado que permiten a entrada destes cambios, destas formas de vida, fundamentalmente, polo contacto co Reino Unido, pero por riba de todo, está documentado, polas bases americanas, que se instalan en España, eso provoca que por aí tamén houbese unha corrente de posta ó día de modas que se levaban fora do país, que era un país autárquico, pechado e que facía gala de estar pechado ó mundo.
E, por outro lado, aquí en Vigo tamén, isto si que está documentado desde o punto de vista histórico, que esa influencia existiu, houbo persoeiros, houbo feitos que chegaron a través dos transatlánticos, e tamén polo propio feito de que a rapazada daquela época ía ver os transatlánticos por que o Begoña e o Montserrat levaban a emigración cara Alemaña ou cara Sudamérica, pero había outros atractivos que certamente eran magnéticos para unha mocidade que certamente quería cambiar.
Aquí tamén, falei logo con persoas, un pouquiño maiores ca min, que estaban aí en plena adolescencia, e parece ser que había colexios que a rapazada cando había arribada destes transatlánticos, non daban clase. Era todo un espectáculo. Era unha apertura ó mundo.
Tamén creo que a distancia social que había daquela era unha sociedade moito máis desigual ca actual, pero unha das características que marcou tamén o desenvolvemento da cidade, boa parte desa clase, de propietarios de clase alta, armadores, conserveiros, vivía ó marxe da propia sociedade, eran persoas que non tiñan unha implicación clara, directa, máis aló dos seus negocios.
Digamos tamén que os mozos e mozas desas familias si que eran os primeiros en chegar porque non agardaban a que chegaran as modas aquí, senón que eles viaxaban a París, a Londres, porque as súas familias tiñan contacto co estranxeiro, e ian fora a mercar moda ou coches, ou a mercar maquinaria ou o que fixera falta.
Iso pretendín trasladar, era a vangarda, á hora de vestir dunha forma distinta, enfrontarse ós cánones estéticos, ou mesmo de forma de vida, imperantes naquel momento, e tamén no papel da muller, que xa non se conforma, neste caso por desavinzas familiares, con ser un membro máis continuador dunha saga, senón que quere buscar o seu propio espazo.
Na novela hai tres policías, ben diferentes, que indagan na avaría dos tranvías, o inspector Taboada, o subinspector Vidal e o axudante Piñeiro, que, a pesares de ser policías franquistas, fan méritos para que o lector lles colla cariño, mesmo un deles ten un pasado republicano…
A hora de facer a novela, foi un proceso creativo bastante traballoso. Custou bastante traballoso. Custou bastante ir perfilando as personaxes como poder implicalos dentro da propia trama. Creo que un dos privilexios de quen escribe algo é que pon o perfil das personaxes que lle interesa, e nese sentido si que eses tres policías non se parecen ó modelo que podemos pensar da policía daquela época, pero nese sentido, cun enfoque algo romántico, entendían ofrecer distintas caras. A dun policía xa consolidado, profesionalmente, con moi boa formación, pero un home de réxime; logo unha persoa maior, efectivamente, rebotada, cunha vida moi centrada nel mesmo, pero cun pasado republicano; e logo un rapaz que se vai introducindo aí. Estou satisfeito dese resultado, con independencia de que, se cadra, hai unha certa idealización das personaxes, creo eu podían dar máis de si, máis cara adiante.
E sobre o policía maior, con pasado republicano, eso foi coller referencias familiares que foron que non era policía, pero era unha persoa con certa relevancia pública, e tivo ese pasado republicano, de UHP, e de ter que buscar salvocondutos para evitar que a represión acabase con el. Ese foi un tio do meu pai, que cando se produce o alzamento, el era do PCE, era un rapaz novo, moi alto e moi guapo, e como aquí non había medios posibles, as clases populares toman as armerías e a que había en Elduayen el foi un dos primeiros en entrar, e marcharon a toda hostia para Lavadores, para Pardavila, e coloraron, está documentado, unha barricada, e estiveron varios días aguantado, por que o capitán Carreró e toda chusma esta estaban bastante pertrechados. Cando cae? Cando a garda civil, que ata o momento non apoiou o golpe militar, e logo si, e o cuartel que había en Pardavila, xustamente, fan un bocadillo cos resistentes, e teñen que fuxir.
Hai un montón de historias de xente que morreu polos montes, que durou escapado case unha década, e aquí na zona de Vigo houbo moitos fuxidos. E este tivo que ir a familia a Madrid, ante Eijo Garay, que era arcebispo, era irmán da miña avoa paterna, foron falar con el e conseguiron un salvoconduto asinado por Franco. Eijo Garay movía a hostia en España, tiña un poder brutal. Volven, vai ó goberno militar, onde estaba Felipe Sánchez, outro fillo de puta, o meu avó era moi humilde, moi tranquilo, veño polo meu cuñado, ¿quen é o seu cuñado? Pepe Paz. Vaya hijo de puta, comunista, como le veamos por aquí le damos dos tiros. E meu avó, todo coitadiño, dixo vale, pero mire esto, e lle deu o sobre firmado por Franco. Así me gusta, un patriota es un patriota, dixo, deveu levar un pracer meu avó.
Se el primero en comentar