Imprescindible Pepe Álvarez

O seu exemplo de serenidade convértese nun esconxuro nestes tempos escuros nos que se derruban pontes e se levantan valos, nos que estás comigo ou estás contra min, nos que o rival político é o inimigo, é moeda común a falta de humanidade.

Por Fernando Salgado | 26/10/2025

Sacaba os rapaces da aula e levábaos polo monte. Non quería tirar de Google para falar de Pepe Álvarez e non se me ocorreu mellor idea que botar man do teléfono e chamar a unha muller de Sanxenxo, a Reme Varela. A primeira resposta súa foi que pouco sabía del, pero que coñecía algunha veciña que podería axudarme. E antes de despedirse soltou a frase coa que comecei a miña intervención: Sacaba os rapaces da aula e levábaos polo monte. Dez palabras bastaron para acender a luz.

Porque está publicado que Xosé Álvarez Castro, Pepe Álvarez, é mestre e profesor de historia xubilado, licenciado en Xeografía e Historia e máster en Educación Ambiental (Fundación Universidad-Empresa. UNED). Que en 2011 a Fundación Alexandre Bóveda lle concedeu o VI Premio Día da Galiza Mártir á recuperación da memoria histórica. Que escribiu artigos sobre historia, medio ambiente e didáctica en diversas revistas e participou como relator en numerosos congresos. Tamén que colabora no xornal Nós Diario, e dende 2008 mantén activo o blog Pontevedra nos anos do medo (http://anosdomedo.blogspot.com), dedicado á difusión da historia da represión na comarca pontevedresa. Sabemos da súa ampla produción bibliográfica: Pontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)Mourente nos anos do medo. Sociedade, golpe militar e represión e Os anos do silencio. Represión e resistencia na provincia de Pontevedra (1936-1951). Tamén é coautor d’Os nomes do terror. Galiza 1936: os verdugos que nunca existironRebeldía galega contra a inxustizaO pasado por vir. Achegas á historia da Pontevedra que desbotou o franquismo e Historia de Lérez. Unha ollada desde Cedofeita.

Que non é pouco.

Pero volvamos ao monte.

No século XVI, un pedagogo e humanista francés chamado François Rabelais facía pasear polos campos a Panócrates mentres lle falaba das árbores a Gargantúa, e ámbolos dous contemplaban de noite o ceo estrelado seguindo o camiñar dos astros. O Padre Sarmiento afirmaba, en 1768, que o neno non debía aprender de memoria, senón que terá a diversión do paseo, e se instruirá no coñecemento das cousas naturais que deus criou, e das cousas artificiais que os homes fabricaron; cando menos, na súa provinciapaís e lugar. Teriamos que agardar ata o século XIX para que o excursionismo se implantase no ensino e este método foi un procedemento que identificou o estilo da Institución Libre de Enseñanza.

Leo a carta que me enviou Mari Agís, unha alumna de Pepe Álvarez no Colexio de Educación Infantil e Primaria Magaláns.

O recordo que teño del é do innovador que era para ensinarnos certas cousas, porque procuraba sempre levarnos ao sitio para que aprendésemos, e eu non notaba que seguise o currículo estritamente. Ensinábanos cousas que a nós nos parecían súper interesantes, por exemplo: iamos ó monte a buscar setas e identificábanos se eran velenosas ou non, faciamos exposicións con elas… despois, no laboratorio elaborábamos xabóns con aceite usado e sosa, materiais moi perigosos para os nenos, pero faciamos ese tipo de cousas.

Tamén construïamos unha cámara de fotos cunha caixa de galletas, entón estabamos alí quietos esperando a que a cámara fixese a foto e logo revelabamos as fotos no laboratorio con luz vermella e líquidos reveladores. Por outra banda, tamén creabamos tintas con pel de cebola para tinguir las. Así, quédache o recordo de todas estas actividades manipulativas e vivenciais que el facía, porque, no monte aprendiamos as especies arbóreas, os distintos cogomelos… ou incluso en Xeoloxía, tamén coñeciamos e buscabamos rochas.

Á hora de explicar, era como si estivese contando un conto e era moi motivador. Non notabas que tiveras que facer un esforzo para aprenderte iso porque xa quedaba aprendido.

E ese é o recordo que teño eu, de facer moitas actividades súper innovadoras que a min non me parecían que ían dentro do currículo, pero levamos moitas cousas para a vida que non se nos esqueceron nunca máis.

Un don que tiña -que me parece súper importante véndoo agora de adulta, porque antes non te dabas conta- é que captaba a atención de nenos que tiñan dificultades e que non tiñan ningún interese por estudar. Había un montón de rapaces aos que non lles interesaba nada o colexio e que ían alí a non facer nada, e nas clases de Don Pepe sempre poñían moito interese e participaban porque sabía como motivalos.

Outro era acertar as vocacións dos alumnos. Dicía: Ti serías bo mecánico ou bo mestre ou o que fora…, e con moitos dos meus compañeiros acertou. Coñecía moi ben aos alumnos.

Toda esta metodoloxía que tiña el, innovadora e motivadora, non se rifaba para nada coa esixencia, porque despois tamén facía exames, exercicios e estudabamos. Era súper esixente. (As veces, incluso, por experiencia propia, el sabía da capacidade de cada alumno e entón dicíache que tiñas a nota para un sete pero como non te esforzabas collía e dicía un 5 porque ti podes facer máis).

O importante do primeiro que che contei, de todas esas actividades que faciamos da cámara, de tinguir con cebola… era que el buscaba o espazo fóra da aula. Sacaba a actividade ao propio entorno no que estaba a aprendizaxe, que era o que nos motivaba, non estar alí sentados na cadeira e no pupitre facendo exercicios. Espertaba interese e curiosidade por aprender máis.

Outra carta.

Pola miña parte, e a diferenza de Mari, eu so tiven a Pepe de mestre no primeiro trimestre de 1º da ESO, sendo o seu último curso como docente.

Os recordos non son moitos e a parte téñoos mesturados cos da miña nai,  que foi alumna do CEIP Magaláns, e da miña propia etapa nese colexio.

Sempre foi unha persoa que estivo moi presente como exemplo do seu bo facer. Propiamente, só recordo unhas clases moi amenas, divertidas, interesantes e un exame, non sei si difícil, pero si que corrixido estritamente cunha nota estándar.

Como anécdota, nunha clase de Xeografía trouxo anacos de pedras volcánicas, de Canarias creo, para explicalas, e non lembro o proceso de repartición, pero sei dalgunhas alumnas que a teñen presentes nas súas casas. No meu caso, acompáñame sempre nos estoxos que fun tendo na miña etapa académica e é unha especie de amuleto que levo a tódolos exames e probas que teño. Pepe e a súa mensaxe sempre están presentes.

Non é a pedra, senón todo o que representa. Subliña Carmen Sanmartín, que foi alumna súa no Instituto de Ensino Secundario de Sanxenxo.

Paciente, perseverante e emprendedor, en sintonía coa natureza, Pepe Álvarez cultiva verzas, espárragos, aguacates, fixalis ou amorodos, poda e coida a parra e elabora viño, enxerta maceiras e pereiras, recupera árbores froiteiras en vías de extinción. Coida un recuncho da nosa maltratada terra e fai mellor o mundo coas súas accións diarias.  É actor e tamén músico. Agardamos que algún día faga soar no Campo das Laudas a gaita que mercou no obradoiro de Seivane.

Ten a prudencia que caracteriza aos sabios, non busca o protagonismo, é xeneroso e non aforra palabras de louvanza para os demais. Non direi del que é un personaxe do Renacemento porque xa o dixeron antes Manolo Ayán e Manolo Vázquez de la Cruz, O Ferruxo, e porque nos atopamos, en Meilide (Cerdedo), temos a uns pasos a casa de Martín Sarmiento, e desde aquí aproveito para afirmar que Pepe Álvarez é un dos seus alumnos máis avantaxados.

Sentimos o seu alento desde o día que puxemos en marcha o Colectivo Capitán Gosende, e o seu exemplo de serenidade convértese nun esconxuro nestes tempos escuros nos que se derruban pontes e se levantan valos, nos que estás comigo ou estás contra min, nos que o rival político é o inimigo, é moeda común a falta de humanidade, a dureza das descualificacións, a brutalidade, o emprego do insulto, a mentira, a calumnia e o uso de calquera recurso para acadar o poder.

No Cerdedo dos meus vinte anos e pelo longo, moitas noites remataron na beirarrúa diante la casa de Pachi, a última do pobo saíndo cara a Folgoso. Alí falabamos de Herman Hesse e escoitabamos nun radiocasete Sony a Silvio Rodríguez e souben da existencia dun dramaturgo alemán chamado Bertold Brech. Hay hombres que luchan un día y son buenos. Hay otros que luchan un año y son mejores. Hay quienes luchan muchos años y son muy buenos. Pero los hay que luchan toda la vida: esos son los imprescindibles, recitaba  o trobador cubano no inicio dunha canción titulada Sueño con serpientes.

Pepe Álvarez é un dos imprescindibles.

Que sexa longo o camiño das xentes que traballan para facer un mundo mellor.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.