Entrevistamos a Sabela Iglesias e a Adriana P. Villanueva, directoras da película “Negro púrpura”, e integrantes da produtora creativa Illa Bufarda.
Por Angelo Nero
Caruncho, dentón, cornecho… un fungo parasito que nace nas gramíneas, empregado popularmente para provocar abortos e para facilitar partos, con propiedades coagulantes, e que foi a base da industria farmacéutica galega, é o protagonista de “Negro púrpura”, o documental de Illa Bufarda, que afonda na historia do ouro negro, como foi chamado, que nas primeiras décadas do franquismo revelouse coma unha importante achega económica para moitas familias labregas na Galiza.
Seica o proxecto de “Negro púrpura” xurdiu dunha conversa de compañeiras de piso, no que unha delas comentou que a súa avoa traficara con LSD. ¿Como foi a historia e en que momento xurdiu a idea de que había que contala a través dunha película documental?
Si, foi tal que así. A partir desa información sobre a súa avoa puidemos matizar e ir pouco a pouco coñecendo ese descoñecido fungo e a súa importancia en Galiza. Para nós foi todo un descubrimento de historia que ademais conectaba con moitas cousas que nos parecían moi interesantes de abordar: a memoria, a sabedoría popular, a falta de transmisión da nosa propia historia… Consideramos que é unha historia total, que canto máis sabiamos, máis nos enganchaba. Dende o comezo tiñamos claro o formato, non houbo dúbidas que a forma axeitada era a longametraxe documental: permitíanos compartir ese traballo de campo e tamén nuns tempos e nuns ritmos que nos interesaban para a historia.
A propósito da película falei coa miña nai, que se criou no val do Deva, baixo a Serra do Laboreiro, e contoume que ao seu pobo tamén chegaban os compradores de dentón, ¿porque estas historias permanecen no esquecemento? ¿non deberíamos facerlle máis preguntas as nosas nais, as nosas avoas, para que non se perda a nosa memoria colectiva?
Encántanos que a peli xere diálogos, é xenial! Isto acontécenos moito logo das proxeccións, a xente pregunta nas súas casas, á veciñanza… e ao final todo o mundo coñece o fungo!
Xustamente esa falta de transmisión oral que comentas tamén nos chamaba moito a atención. Cantas cousas máis se nos contaron mal ou directamente non se nos contaron? Ás veces hai que rebuscar información para saber que vivimos nun lugar con moita riqueza e moitos recursos. Supoñemos que pode ter algo que ver coa estima, co valor que a xente que o viviu de primeira man lle dá ás súas vivencias. Ao final, a todas nos pasa, se algo non o consideras de importancia non o contas. Tamén isto nos interpela a nós, a unha posible falta de escoita activa das persoas que nos preceden. Negro Púrpura convida a escoitar a outros ritmos con mirada atenta e curiosa.
Para levar adiante un proxecto como este, houbo que recoller un feixe de testemuñas, de mergullarse no baúl das lembranzas de moita xente, e tamén pescudar en moitos documentos da época, nos que quedaba acreditado a importancia do comercio do dentón. ¿Como foi ese proceso de documentación, tanto oral como escrita?
O proceso estivo ateigado de sorpresas, iamos descubrindo aos poucos todas as arestas do fungo. Ese proceso que vivimos na documentación quixemos levalo á película, ofrecendo a información ao espectador a través do suspense, da imprecisión…
A documentación foi un traballo de moitas lecturas, visionados, visitas a arquivos… e tamén de moito traballo de campo. Contamos con moito material de audio das máis de trinta entrevistas directas (tanto individuais como colectivas) de todo o territorio galego como no norte de Portugal. Moitas delas podedes velas no blog no que iamos contando o proceso todo cando o proxecto aínda se chamaba “O Dentón”.
O diálogo interxeracional foi chave para crear Negro Púrpura nos inicios. A través das redes sociais e da promoción da campaña de micromecenado foi moita a xente que contactou con nós con datos sorprendentes. Desas conversas saíron algunhas das persoas que son protagonistas do documental. A documentación foi un proceso aberto, compartido, participativo e moi ilusionante.
Outro tema importante é o financiamento, xa que un proxecto como este non se ergue só, fai falla un investimento para levalo adiante, ¿con que axudas, públicas e privadas, contou “Negro púrpura”?
O financiamento foi outra película en si mesma, foi por fases, aos poucos, con puntos de xiro inesperados. Desde o 2015 presentamos o proxecto a varias axudas públicas sen sorte. Perseveramos e no ano 2018 a Deputación da Coruña concedeunos unha axuda para Proxectos Singulares que nos permitía levar a cabo todo o proceso de investigación e traballo de campo ata a consecución do guión do documental.
No traballo de campo, ao coñecer as persoas, a idade que tiñan e ver como a memoria en moitos casos xa fraqueaba, decidimos lanzar unha campaña de micromecenado para non adiar máis as gravacións. Tivo moi boa acollida e estamos inmensamente agradecidas ás 276 persoas e entidades que posibilitaron a rodaxe.
A parte de edición, posprodución e distribución completámola coas axudas de outras entidades públicas e privadas que lle viron interese ao proxecto: Myco Galicia Plantae, DaVeiga, Fundación Xosé Soto de Fión, Concellos como os de Mesía, Maside, Nigrán e O Barco de Valdeorras e tamén a Deputación de Pontevedra e Lugo.
A comercialización do caruncho galego non só foi cousa dos laboratorios galegos, senón que tamén tivo demanda en EEUU, o que levou a unha alza de prezos, seica mesmo Rusia competiu por este valioso fungo. Salvando as distancias, ¿pasou algo semellante á disputa comercial polo volframio?
As persoas entrevistadas entrecruzaban informacións sobre o mineral e o caruncho. Algunhas, afirman que o fungo ía nos canóns de guerra, outras, falan das propiedades antihemorráxicas para os soldados feridos… Supoñemos que isto vén influenciado por ter acontecido máis ou menos na mesma época, pois aínda que o fungo alcanza o maior valor do ano 1950 ao 1954, xa se comerciaba décadas antes, coincidindo coa II Guerra Mundial. Pode recordar pola fugacidade da súa demanda, por estar arrodeado de falta de información dos destinos finais dos recursos e tamén polas febres económicas que trouxeron. Ten sentido a comparación, de feito, o fungo chegouse a chamar “o volframio vexetal”.
A colleita do cornecho, que foi unha importante achega económica para un agro no que se vivía en condicións moi duras, era realizado maiormente por mulleres, o que lles daba tamén unha certa independencia, ¿que significou isto para esas mulleres do rural que recollían o ouro negro?
Pois supúxolles gañar uns cartos propios que moitas veces eran usados para mercar cousas persoais que non se podían permitir doutro xeito. Temos que pensar que o quilogramo de cornello chegou a pagarse no ano 50 a 1000 pesetas, o cal era unha barbaridade naquel entón. Unha muller de Lodoselo en Ourense díxonos que grazas ao caruncho puido mercar as súas primeiras medias de cristal, outra das protagonistas do documental de Betanzos comenta que abriu a súa primeira cartilla de aforros no banco despois de cobrar o que apañara de caruncho… Ao final, os traballos que realizamos as mulleres, sempre son considerados de segunda e téñense en menor estima, aínda que o que beneficio económico sexa maior ca noutros traballos. O descoñecemento na actualidade e esa falta de transmisión da que falabamos antes pode ter que ver con que sexa un traballo feminizado.
Tamén foron as mulleres, como depositarias da sabedoría popular, as que primeiro aproveitaron as propiedades medicinais deste fungo, ¿porque aínda non se recoñece como se debe ás nosas devanceiras, que durante moito tempo, a través da medicina popular, foron as que coidaron da saúde da nosa poboación, especialmente das clases populares?
Con este documental confirmamos que a industria farmacéutica medrou aproveitando esa sabedoría das mulleres pero sen darlles ese valor, sen citar as fontes. É unha cara máis do machismo. Mulleres que en moitos casos foron xulgadas, repudiadas e asasinadas por “bruxas” cando coidaban doutras mulleres axudándolles a abortar. Tamén coñecemos historias de parteiras que foron desprazadas polos médicos “que tiñan estudos”. Un bo exemplo disto é Concha da Reina, a parteira de Vilalba, que tivo que poñer límites aos médicos para que non se meteran no seu traballo cando se comezaron a medicalizar os partos. Este traballo desta parteira non foi recoñecido publicamente ata o ano pasado, que o concello lle fixo unha homenaxe póstuma por insistencia da familia e da veciñanza.
No filme “Os fillos do sol”, centrado na creación do laboratorio Miguel Servet e da empresa farmacéutica Zeltia, fálase da conexión entre a explotación do caruncho, e o galeguismo que tentaba resistir á represión. No filme céntrase na figura de Ferran Calvet, máis tamén teñen un papel destacado Ramón Obella e Isidro Parga, ¿cumpre rescatar estas figuras da resistencia interior no desenrolo económico de Galicia?
Si, é moi importante porque foron fundamentais para o desenvolvemento médico e económico de Galicia e o Réxime sabíao, por iso sobreviviron. Neste sentido, parécenos fundamental poñer en valor a Misión Biolóxica de Galicia, que o franquismo permitiu porque precisaba o seu coñecemento. Incluso é interesante destacar figuras como a de Xan de Forcados, Juan López Suárez, do que se fala en Negro Púrpura, porque grazas a mecenas coma el moitas investigacións puideron saír adiante. Tamén é importante contextualizar todo isto na súa época e ter en conta que afortunadamente a ética científica mudou.
Un dos grandes acertos da película é a banda sonora, hipnótica e psicodélica que firma o thereminista vigués Paulo Pascual. ¿Como foi para que decidirades incluír este particular soporte sonoro no voso filme?
Tivémolo claro dende o comezo. Para nós o theremin conectaba con moitas cousas do propio filme algunhas evidentes como a psicodelia e outras que descubrimos no proceso. É un instrumento intanxible como a memoria e é dual: tócase pero non se toca, coma o fungo que cura e envelena, que é peste e riqueza ou que é negro por fóra e branco por dentro. O seu son é ás veces similar a un laio e isto tamén nos conecta co ergotismo e a dor que provoca.
Agora mesmo temos á venda o vinilo da Banda Sonora da película que producimos conxuntamente con Paulo. É bonito ver que a andaina continúa.
A tradición tamén está moi presente no documental, con cantigas e refráns, e ritos como os ligados coa ruta Xacobea. ¿Aquí hai un traballo que coido podemos cualificar de etnográfico, de procura das nosas raíces? ¿como é, por exemplo, a historia do Fogo se San Antón, que está tan ligada ó caruncho?
O fogo de San Antón ou foghoardente, tamén coñecida como ergotismo, é unha enfermidade provocada pola inxesta continuada do fungo. Esta intoxicación pode ser de tipo convulsiva provocando espasmos musculares involuntarios, coma o famoso baile de San Vito. Ou pode ser de tipo coagulante provocando gangrena nas extremidades. En calquera das súas formas pode ser mortal e a sanación deste mal está moi ligada á ruta Xacobea e á Orde de San Antón.
Nunha historia tan alucinante como a do dentón ata aparece o mesmo Albert Hofmann ¿Cal foi a relación entre o científico suízo, que sintetizou o LSD, e o noso fungo do centeo?
Hofmann investigou moito sobre os alcaloides deste fungo con cornello do norte de Portugal e a nós gústanos preguntarnos: sería dentón galego o que o transportou nesa primeira viaxe lisérxica con LSD?
A psicodelia está presente na película a través da música de Paulo Pascual, pero tamén das imaxes, tanto nas partes ficcionadas como nas testemuñas, que crean unha atmosfera moitas veces onírica, cun efectos moi orixinais. ¿Estades satisfeitas co resultado deste, tratamento das imaxes, que moitas veces crean ese efecto do que está baixo os efectos dun alucinóxeno?
A verdade é que si. Queriamos crear unha atmosfera entre o real e o máxico, tamén en relación coa psicodelia, e para iso creamos efectos especiais ao longo do filme. Un muíño abandono situado en Piñeira de Arcos, na Limia, serve no documental como ese escenario onírico que nos permite viaxar no tempo. Aquí acontecen cousas que non seguen a lóxica narrativa, remiten á memoria, aos recordos vagos que van e veñen… Coa montaxe tamén alteramos a liña do tempo facendo que os lugares e as protagonistas bailen no relato. Se ves Negro Púrpura máis dunha vez é posible que percibas películas diferentes.
Agora “Negro púrpura” pódese ver nunha plataforma dixital, pero xa leva un longo camiño recorrido. ¿Cal foi ese camiño dende a súa estrea, en 2021, e que resposta tivo por parte do público e da crítica?
En 2021 preestréase na MICE (Mostra Internacional de Cine Etnográfico do Museo do Pobo Galego), onde tamén nos deron a oportunidade de facer unha proxección para as persoas que protagonizan o documental. Logo estréase en varios cines e está en carteleira máis dun mes o que para nós foi unha sorpresa. A maiores proxéctase na Sección Oficial do Festival Internacional de Cine Play-Doc. A partir de aí comeza unha viaxe por moitas vilas e cidades galegas, estatais e internacionais. Na actualidade segue habendo proxeccións públicas por diferentes territorios nun circuíto cultural que abre debates e nos permite conectar directamente coa xente. En xeral ao público gústalle e sorpréndese e, como comentabamos antes, xera debate e trae o tema de novo á actualidade o que provoca moitas conversas interxeracionais na busca de máis datos e da proximidade do relato.
Por parte da crítica recibimos moi boas recensións onde se resaltan aspectos moi variados da película en positivo. Isto axuda a crear seguridade e crenza no traballo feito. É un proceso moi enriquecedor e resulta moi interesante ver os efectos que causa o filme.
Se el primero en comentar