Grazas, Chato

Na memoria de Chato Galante, irmán na loita pola verdade e pola dignidade humana

Chato Galante na Homenaxe ás víctimas do franquismo en San Simón, en xullo de 2019

Por Luís Bará

Grazas por ser, por existir. O mundo e a vida son máis grandes, máis habitábeis e máis humanos por ti. Pola túa grandeza e a túa humildade, por seres capaz de dar tanto, de darte, de entregarte en corpo e alma a unha causa, a da xustiza contra a impunidade, na que nos arrastraches co teu vendabal de enerxía e entusiasmo xuvenil. Que saibas que esa marca xa vai con nós e con nós fica para sempre.

Grazas por seguir o camiño recto, por non claudicar, por non dobregarte. Por non conxugar o verbo renderse nin nos tempos máis adversos, que ti quixeches que fosen de lealdade. Grazas pola dignidade e a grandeza da túa loita, sempre declinada en plural, en colectivo. Grazas inmensas por seres home de palabra, nos pensamentos e na acción. Nos principios e nos fins.

Grazas pola coraxe, pola afouteza. E tamén pola delicadeza, pola emoción e a fraxilidade das bágoas. Grazas pola corrente de simpatía que nos atravesou desde a primeira vez. Como no amor, quedamos prendidos a ti, á túa mirada limpa e soñadora, á túa nobreza, á túa voz calma e rexa no silencio de outros.

Grazas pola simpatía e pola bondade, que levabas tatuadas na pel, no rostro, nos ademáns. Grazas pola dozura e pola tenrura. E polo humor e polas risas. Grazas polos pasos compartidos en San Simón e Pontevedra, que fican tamén gravados nesta Terra e nesta pedra. Grazas polo goce inmenso da conversa, da camaradería e da complicidade.

Grazas por poñerte do noso lado, por abeirarnos, por entendernos, por compartir as nosas arelas. Por ser de aquí, da nosa tribu, sen distancias e sen artificios. Grazas, de verdade, por compartir os nosos soños.

Hoxe, no medio do baleiro e da rabia, quixera estar en Madrid para acompañarte, para dicirche que te queremos e que te lembraremos sempre. E para darlle a Justa unha inmensa aperta, inzada do amor, do respecto e da gratitude que hoxe sente toda a boa xente de Galiza que te coñeceu. Seguimos adiante, camiñando guiados pola súa luz.

 

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.