As asociacións de memoria histórica de Galiza, reunidas na Iniciativa Galega pola Memoria, expresan o seu máis fondo pesar polo falecemento na pasada noite en Madrid de José María Chato Galante, referente inesquecíbel da loita pola xustiza e fronte á impunidade dos crimes do franquismo. Ex-preso nos cárceres franquistas e torturado por Billy el Niño, o Chato Galante era membro do colectivo La Comuna Presxs del Franquismo, da Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina CEAQUA e colaborador estreito e entusiasta do movemento memorialista galego.
Nos últimos tempos, o Chato Galante visitou en numerosas ocasións Galiza para participar en actividades de asociacións locais e da Iniciativa Galega pola Memoria. A súa presenza entre nós foi determinante para que se reactivase en Galiza a loita contra a impunidade dos crimes do franquismo e a participación de familias e entidades na causa aberta polo xulgado do criminal número 1 de Buenos Aires, como Querela Arxentina. Entre as súas intervencións públicas cabe salientar a da Homenaxe nacional ás vítimas do franquismo en San Simón en xullo do 2019 e o acto de adhesión á Querela Arxentina promovido pola Deputación de Pontevedra en novembro dese mesmo ano. Ademais, participou en actividades que tiveron lugar no Val Miñor, Ribeira, Pontevedra e Vigo.
Dentro do seu inxente labor social destaca a participación no documental El silencio de otros (2018), que o levou a falar da represión franquista e da loita pola xustiza en cidades de todo o mundo, en asociacións e sobre todo no ámbito escolar, que era o público que el estimaba máis.
Desde a Iniciativa Galega pola Memoria agradecemos o inmenso exemplo de loita, de xenerosidade e de entusiasmo que nos brindou o Chato Galante, e expresamos o noso compromiso por manter viva a súa memoria da mellor maneira que se pode facer: dándolle continuidade, ate rematala, á tarefa que el nos deixou en herdanza, facer xustiza.
Se el primero en comentar