Gómez Reino: «Feijóo non pode abandoar aos nosos maiores e ao personal das residencias»

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas, Antón Gómez Reino, instou hoxe ao presidente, Alberto Núñez Feijóo, a intervir de inmediato as residencias de maiores do país antes de que se agudice a gravísima situación que atravesan.

“Feijóo non pode deixar abandonado ao persoal das residencias e aos nosos maiores. A Xunta ten que intervir xa, no inmediato, todos o centros de terceira idade”, dixo.

O voceiro da coalición referíuse, ademais, á denuncia da Federación Galega de Usuarios de Residencias (REDE), que hai tres días reclamaba á Fiscalía do Estado e á Policía Xudicial que comprobaran nas propias residencias as denuncias formuladas sobre o incumprimento reiterado de protocolos, ratios de persoal e condicións de seguridade sanitaria que padecen tanto os usuarios dos centros como os profesionais que traballan neles.

“Levamos dúas semanas pedíndolle á Xunta que interveña e medicalice todos os centros de maiores, menores e dependentes do país”, lembrou Gómez Reino, “pero esas intervencións soamente se executan cando a situación xa é gravísima e insostible”, subliñou, en referencia a actuación da Administración autonómica nos centros San Carlos, de Celanova (Ourense), e da empresa DomusVi en Vigo e en Cangas, que suman centenares de infectados por Covid-19.

O número de doentes de coronavirus nas residencias galegas da terceira idade supera xa os 400, é dicir máis do 10% de todos os casos positivos detectados no país.

O voceiro de Galicia en Común-Anova Mareas insistía hoxe  na “perversidade” do sistema deseñando polos succesivos Gobernos populares de Feijóo para a atención das persoas maiores, que na práctica  supuxo “desmontar un modelo de coidados para implantar un modelo de negocio” que nestes momentos supón un risco para a saúde dos usuarios.

Segundo datos de REDE, en Galicia hai 22.000 prazas en residencias para maiores, das que 17.000 están xestionadas por empresas privadas. O último informe do Consello de Contas para a Fiscalización do Gasto en Atención Residencial a Persoas Maiores e Dependentes en Galicia recolle que durante os Gobernos de Feijóo reduciuse un 7% o número de prazas en residencias públicas, mentres crecía un 9% a oferta en centros privados e concertados.

Por último, o Grupo Común da Esquerda pedíu hoxe a comparecencia da Conselleira de Política Social ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para que explique, con urxencia, a situación das residencias da terceira idade no país e rinda contas da actuación do seu departamento.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.