![]()
Compañeiros e compañeiras do nacionalismo, deixádeme dicirvos algo duro pero necesario: se o MS vén a Galicia e ocupa espazos, é porque nós os deixamos baleiros durante moito tempo.
Por Dani Seixo | 25/02/2026
Vilalba amence coa resaca dun acto de xustiza poética e material. O busto de Manuel Fraga Iribarne, ese tótem de bronce que vixía a terra lucense coma un señor feudal eterno, amence de novo tinguido de pintura vermella. Non é vandalismo, é política e hixiene democrática. É a memoria histórica abríndose paso a cóbados no presente, lembrando que ningún fascista merece un chisco do espazo público. Foron os militantes de GKS, Gazte Koordinadora Sozialista, aparentemente en peregrinaxe desde Euskal Herria, quen nesta ocasión executaron a sentenza simbólica. E, sinceramente, hai que ter o sangue moi frío ou a memoria moi curta para non sentir unha faísca de satisfacción ao ver o responsable da masacre de Vitoria do 3 de marzo de 1976, aquel que dixo «la calle es mía» mentres a policía asasinaba obreiros, manchado da cor da vergoña. Ata aquí, ninguén no seu san xuízo podería poñerlle un pero á acción dos compañeiros e compañeiras vascos.
Desde unha perspectiva de clase, a acción é simplemente impecable. Suave incluso, con gusto en Galiza lles tivésemos facilitado aos militantes vascos ferramentas para poder causar un dano maior se fose preciso. Ao fascismo non se lle discute, combátese en todas as súas formas. Que un xerarca franquista teña un lugar de honra nas nosas prazas é un insulto diario á clase traballadora galega, vasca e mundial. Neste punto, GKS ten toda a razón: a paz social non pode construírse sobre o silencio dos mortos, nin a expensas do próximo resultado electoral.
Con todo, o diaño está nos detalles e a política revolucionaria non ocorre no baleiro.
GKS operou con audacia, certo, pero co compás táctico imantado cara ao seu propio embigo. Unha acusación que se repite continuamente contra este colectivo desde diferentes partes do estado. Practicaron un desembarco en territorio alleo sen contar coa trincheira local. O internacionalismo proletario, ese diamante que Lenin nos ensinou a pulir constantemente, baséase na coordinación, en comprender as nosas respectivas loitas e en golpear xuntos, non en vir facer a guerra pola túa conta mentres os nativos libran outra batalla. E é que Galiza estaba a ferver esa semana coa vitoria popular contra a celulosa de Altri. Era un momento doce de loita de masas, unha oportunidade para presionar os herdeiros de Fraga que aínda sobreviven na nosa terra e para mostrar aos nosos propios dirixentes que a única vía posible é a mobilización popular constante. E nese contexto, a acción de GKS, desconectada desa axenda, regaloulle ao Partido Popular galego a cortina de fume perfecta para victimizarse e deixar de falar da súa derrota máis dolorosa en moitos anos. É un erro de forma, de tempos e de non ler o terreo. Pero ollo, é un erro nas formas de quen fai e actúa, pero xamais un erro de fondo. GKS tiña todo o dereito a lembrar os seus mortos nesa acción, tiña a obriga de denunciar o seu vitimario.
E aquí é onde o nacionalismo galego ten que deixar de chorar e mirarse ao espello.
Vin as reaccións. Vin a Ana Pontón condenando o ataque ao busto. En serio? Condenar que se manche a estatua dun ministro franquista para demostrar «respecto institucional»? Iso supón un erro nefasto guiado polos tempos e as formas do Partido Popular galego. É a socialdemocracia intentando demostrarlle á burguesía que son «xente de orde». E sinceramente, ese é un camiño a ningures.
Compañeiros e compañeiras do nacionalismo, deixádeme dicirvos algo duro pero necesario: se o MS vén a Galicia e ocupa espazos, é porque nós os deixamos baleiros durante moito tempo.
Non podemos chorar porque GKS ou o MS galego organicen a mocidade, enchan as bancadas, tomen os barrios ou monten ximnasios populares. Eses espazos son trincheiras da loita de clases e durante anos, o nacionalismo hexemónico, embriagado de electoralismo, abandonounos. Confiouse demasiado en que a hexemonía cultural galega era eterna por dereito divino. E non. A política aborrece o baleiro. Se ti te retiras do conflito diario para xestionar as institucións, virán outros ocupar a barricada. E teñen todo o dereito lexítimo a facelo. Sinceramente, que o MS galego os ocupe é preferible a velos ocupados polo fascismo. E iso debemos agradecerlles.
O Movemento Socialista non é o inimigo. Pode que a súa retórica sexa áspera, pode que sufran ese complexo de Edipo político de querer «matar o pai nacionalista» para autoafirmarse. É unha fase, todos cremos nalgún momento que politicamente a historia empezaba con nós. Pero mirade máis aló dos chíos incendiarios e as formas toscas. Mirade a súa praxe. Están a mobilizar unha mocidade que o sistema dera por perdida ou por narcotizada. Están a politizar o malestar. Están a crear comunidade onde o capital só quere individuos illados. E si, non comparto gran parte das súas formulacións políticas e a práctica totalidade das súas formas, pero iso non me impide recoñecer os seus acertos.
Debemos ter a honestidade intelectual de recoñecer os puntos nos que lograron dar coa tecla. Se o MS medra en Euskadi ou o fai nun futuro en Galiza, non é por unha conspiración, non son axentes do CNI, nin xorden da nada, é polos nosos erros, pola nosa incomparecencia en certas loitas, por voltarnos demasiado cómodos, demasiado previsibles.
En lugar de sinalar co dedo e berrar «intrusos!», o nacionalismo de esquerda debería tomar nota. Debería volver manchar as botas de lama, recuperar a tensión militante e entender que a lexitimidade se gaña na praxe, non nas urnas nin nas redes sociais con campañas dignas do mellor folclore.
Hoxe, eses rapaces de GKS pódennos parecer molestos, «paracaidistas» ou sectarios. En certa medida é certo. Pero non nos equivoquemos de trincheira. O inimigo é o que puxo o busto de Fraga, non o que lle tira pintura. O inimigo é o capital que quere converter A Ulloa nun eucaliptal tóxico. O inimigo é o fascismo que se reorganiza mentres nós discutimos por purismo ou incluso por importantes diferenzas tácticas que en nada varían a nosa realidade inmediata.
Nesa masa de xente nova que hoxe milita no MS, coas súas contradicións, os seus excesos e os seus importantes erros, hai miles de cadros políticos en formación. Mañá, cando o capitalismo aperte de verdade e as urnas non sexan suficiente parapeto, eses mozos serán os nosos compañeiros de loita independientemente de onde militen nese momento. Custa nestes momentos recoñecer tal cousa, pero a dialéctica é así.
Así que, menos bágoas polo bronce de Fraga e máis autocrítica. Menos distancia que nos leve a pisarnos o terreo e máis debate, confrontación e incluso coordinación meramente táctica. O MS non vai desaparecer, así que de nós depende convivir nun marco que fomente a radicalización teórica e movilización das nosas bases ou simplesmente seguir lanzándonos estúpidos e inútiles reproches nas redes sociais, mentres as rúas nos empurran a ter que compartir as mesmas causas, aínda que difiran enormemente os nosos enfoques para encarar as mesmas.
Fraga segue manchado. E iso, ao final do día, é o único que debería importarnos.
Se el primero en comentar