Galiza ten dereito a ser e a seguir sendo

Por André Abeledo

O españolismo rancio e casposo que representan VOX, PP e CIUDADANOS, conta cando se refire ó ataque ás nacións do Estado español que temos un idioma propio, co apoio doutro españolismo progre, supostamente de esquerdas, que ve no respecto ao feito diferencial un ataque contra a unidade de España.

Ese nacionalismo centralista, monocultural, que quere impoñer o españolismo dende unha posición de forza. Entendendo que os outros idiomas, as outras culturas, as diferentes idiosincrasias do Estado español son inferiores ou un perigo para esa idea fascista da «España una, grande y libre».

Algúns tatúanse o nome dos seus fillos en chino e en élfico, pero indígnanse cando os galegos falamos en galego, os cataláns en catalán ou os vascos en euskera.

Ninguén esta a facer tanto por fortalecer e facer medrar o independentismo nas nacións históricas do Estado español como o rancio e prepotente nacionalismo español.

O verdadeiro problema para a convivencia son os españolazos de banderita e pulserita que desprezan ao resto das nacións, que nos tratan como pobos de segunda, que insultan aos nosos idiomas e aos nosos acentos, que negan a nosa historia e miran por riba do hombreiro a nosa cultura.

Os intolerantes son españoles e moito españoles de mentes pechadas e corazóns negros, grazas a súa insultante postura o «que se rompe España» esta asegurado.

Ningún Estado pode ser unha cárcere de pobos indefinidamente e menos un tan podrido a tódolos niveis como o Estado español.

Na Galiza, o galego, o noso idioma continua a estar en perigo por acción e por omisión dun goberno da Xunta de Galicia que o menospreza, en vez de defendelo como un tesouro, como parte da identidade do pobo galego, unha parte imprescindible para seguir sendo galegos.

O galego na Galiza foi sempre o idioma da clase traballadora, o idioma do campesiñado, da casa do humilde, o idioma do pobo que non dos señoritos.

O goberno do PP tanto na Galiza como en Madrid veu sempre o feito identidario de ter un idioma propio na Galiza, como en Catalunya, ou Euskadi, como un perigo para a sacrosanta unidade do Estado español, como unha agresión ao españolismo rancio que eles representaban.

No Goberno Central tamén hai un Ministro de Interior, un xuíz, Fernando Grande-Marlaska, que na súa etapa na xudicatura tratou ao galego de dialecto menosprezando o noso idioma.

Non hai idiomas de primeira e de segunda categoría, todos os idiomas do mundo deberían ser declarados patrimonio da humanidade, porque son moito máis que un xeito de comunicarse, son o froito da evolución dos pobos, son séculos de construción dunha comunidade lingüística. O feito de que no Estado español convivan catro idiomas como son o castelán, o catalán, o euskera e o galego debería ser visto como un tesouro, como unha posibilidade de enriquecemento mutuo.

Por desgraza no Estado español non é así, segue a ter xente que pensa que falamos galego para amolar, que o facemos por ignorancia, ou que falar galego é un atraso, é xente que non entende nada, e vai dar igual que lle o expliques en galego, en castelán ou en chino mandarín, porque non queren entender, os move o odio e o medo ao diferente, os mantén na ignorancia a herdanza do nacional catolicismo e o franquismo da «España una, grande y libre» que nunca foi ningunha das tres cousas nesa escura etapa.

Por ese motivo debemos continuar a loita porque no Estado español se entenda que non existen idiomas de primeira e de segunda categoría, que o idioma da Galiza é o galego e iso non é unha agresión é unha realidade a longo de séculos de historia, que os idiomas non separan se non que abren fronteiras na terra e na mente. Debemos esforzarnos en que entendan que cando usamos o galego na nosa vida diaria non o facemos por amolar, nin sequera como unha opción política, o facemos porque estamos na Galiza, porque o galego e o noso idioma, porque nos peta e danos a gana de falalo, e sobre todo porque é unha necesidade defender un patrimonio do noso pobo tan importante como o galego. A nosa obriga é recuperar e salvagardar o noso idioma para as futuras xeracións.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.