Por Daniel Seixo
«Só cantos de independecia e liberdade balbucen os meus beizos, aínda que ao redor sentise, desde o berce xa, o ruído das cadeas que debían aprisionarme para sempre.«
Rosalía de Castro
“Porque a verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin no porvir; non é servente do tempo. A tradición non é a historia. A tradición é a eternidade.”
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao
«A xustiza pertence ao campo das forças da alma. E por iso pode brotar nos lugares menos propicios, pois cando a chamamos, alí acode, ás veces coa venda nos ollos pero alenta ao oído, desde non se sabe moi ben onde, como unha cousa anterior a xuíces e acusados, mesmo ás propias leis escritas.»
Manuel Rivas

Cumprido fin terán
Catro anos e aquí estamos de novo querido pobo, querida terra. Catro anos nos que moitas cousas mudaron no mundo, pero non así na nosa lenta e escura existencia. Case como atados ás pesadas e eternas noites de pedra do noso pasado máis remoto, aínda hoxe os «féridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden, non«. Sei que eles teñen os votos e o poder, sei que nosa é a tarefa de crear alternativa e cimentar a esperanza que venza ao seu escurantismo, seino e respecto os resultados que durante tantos anos marcaron as urnas, faltaría máis. Non tenten por tanto tacharme de antidemocrático por non comprender e asumir como pétrea unha realidade social que afoga ao meu pobo, porque os responsables dos fusís, os paseos, os caciques e os carretaxes, son outros. Non é en min, nin no meu bando «bando» no que cae precisamente o compoñente autoritario de todo este circo que desde a ditadura vostedes montaron e polo que aínda hoxe, aínda que nos fagamos os civilizados, a nosa é unha democracia tutelada. Unha democracia na que sen aparente disimulo o alcalde outorga preeminencias a aqueles que lle confían o seu voto.
Catro anos e poucas cousas cambiaron, seguímonos movendo lentos, case á imperceptible velocidade deses 118,5 quilómetros de vías que unen as estacións de Lugo e A Coruña, nos que os trens apenas poden circular a unha velocidade constante durante dez quilómetros seguidos. Todo polo mal estado das vías e un investimento inexistente que transforma unha viaxe entre Curtis e A Coruña nunha odisea na que a cámara lenta do noso progreso nos retrotrae ás viaxes e os motivos polos que os nosos avós abandonaban esta terra, tamén en moitas ocasións facíano en vellos trens cargados de frustración e abandono institucional. Un abandono que se fai latente nas estacións de Redondela, Guillarei, Sarria, Carballiño, Ribadavia, Feve, Ortigueira, Burela e Viveiro, todas elas estacións sen venda presencial de billetes. Unha solución oportuna cando ante as eternas viaxes, os atrasos, as condicións terceiromundistas e o aumento de prezos, non queres escoitar reclamacións e queixas. Un mal negocio con todo para unha poboación envellecida na que os nosos anciáns e anciás, non deberían verse abocados ao uso obrigatorio das máquinas de autovenda cando ninguén, literalmente ninguén, preocupouse no goberno por familiarizalos coas mesmas. E é que ao señor Feijóo e ao Partido Popular, tan só lhes interesa a conexión Galiza – Madrid a través do AVE. Dá o mesmo, que o mesmo dá, que o noso tecido ferroviario interno se desmoroe aos poucos mentres en Madrid miren a provincias con bos ollos. Todo sexa polos suculentos sobrecustos que o propio Íñigo da Serna, ministro de Fomento popular, recoñeceu esconder tras as contas do AVE galego.
É hora de elixir confiar en Galiza e na forza produtiva da súa xente ou seguir esperando a triste e puntual esmola do cacique
Pouco importan as vítimas mortais no noso país por mor dos accidentes de tráfico nunhas estradas que en moitas ocasións, do mesmo xeito que á propia Xunta, boa falta faríalles unha nova capa de pintura para renovarse. Pouco importa a perda de oportunidades comerciais que pode supoñer non dispoñer dunha vía férrea adaptada aos novos tempos, o seu potencial para revitalizar o territorio ou o seu enorme impacto no descenso da contaminación provocada polos vehículos de motor en Galiza. Iso non importa, Feijóo e a Xunta mirarán para outro lado, ignorarán a quen ten verdadeiros proxectos de futuro para este país e aguantarán o tirón con populismo e demagoxia mentres o tráfico rodado galego segue soportando as peaxes abusivas e insultantes de Audasa –a concesionaria da autoestrada AP-9– e os radares da DGT converten ao noso país nun terreo fértil para cobrar os diezmos ao estado español en forma de multas aos nosos traballadores. Vostedes, si, vostedes, os traballadores, os parados, os pobres en definitiva, todos aqueles que non teñen capacidade adquisitiva para pagar as autoestradas e que circulan polo territorio galego a diario, son finalmente os encargados de pagar unha nefasta política de transporte en Galiza. Pero non se preocupen, a próxima lexislatura de Feijóo, quizais se poña con iso. Aínda que xa lles adianto que el é máis de coche oficial e telepeaxe.
A nosa é unha terra na que 4.400 aldeas sobreviven con dúas ou menos persoas e 2000 delas foron xa abandonadas. Na última década, son case 600 os novos núcleos de poboación que quedaron deshabitados, sen conexión co mundo, sen infraestruturas, por tanto o noso rural morre lentamente. Non existe peor pecado para un gobernante que deixar morrer a súa propia terra, hoxe o 75% da poboación vive na franxa costeira, mentres o 80% do noso territorio apenas está habitado. Décadas de abandono e políticas de gaita e anuncios baladís que remataron con partidas destinadas ao rural investidas en pistas de pádel, campos de golf, infraestruturas con sobrecustos hoxe abandonadas e centros sociais destinados a entreter a unha sociedade tradicional galega que morre. Unha sociedade que necesita sangue nova e non entretemento. Chegado a este punto, quixese lembrar ao alcalde do meu propio municipio, César Longo Queijo, ese cacique, neste caso socialista, que nun vídeo realmente vergoñoso apostaba por gastarse o pouco que nos queda en festas e entretemento ata que desaparezamos. Os teus veciños, eses sen oportunidades de emprego e infraestruturas deficientes, lembramos as túas palabras. E é que o cacique en Galiza é un sentimento, unha forma de facer política e non só algo propio da dereita. Pero iso nesta terra xa o sabemos todos.
Máis de 34.000 hectáreas de terra de labor foron abandonadas en Galiza desde o inicio da crise de 2008, unha superficie dedicada ao cultivo de cereais, legumes, hortalizas e forraxe que hoxe desapareceron para a economía rural. Unha realidade de abandono e incomprensión que non só desdibuxa o noso territorio, senón que o fai á súa vez coa nosa economía e a nosa forma de vida. O noso comercio pasou de ser un excelente produtor agrícola a importar en apenas un trimestre 300 toneladas de tomate. Os estantes dos nosos supermercados comezan a estar invadidos de produtos estranxeiros, mentres a nosa agricultura morre froito das abusivas tácticas do mercado e a escasa conciencia dos nosos gobernantes. Alimentámonos con lixo tendo ouro na nosa terra disposto a ser traballado. Hoxe poida que o prezo a pagar non sexa directamente económico, aínda que a cesta da compra xa se encarece paulatinamente, pero nun futuro e seguindo esta dinámica, isto será a nosa definitiva ruína. A crise láctea, a tendencia ás macrogranxas ao estilo Coren e o abuso aos pequenos agricultores, fixo que a perda de peso do sector agrario na economía galega supoña nos últimos anos unha sangría de preto de 20.000 afiliados á Seguridade Social, o 35% do volume de traballadores que se rexistraba unha década atrás. Sen futuro laboral, sen conexión coa cidade e por tanto con escaso futuro, o afundimento poboacional galego aumenta de forma alarmante debuxando unha caída demográfica do 8% no medio rural. Unha poboación envellecida e escasa que debuxa con todo a trampa de dobre dirección da actuación kamikaze da Xunta: un rural dependente da vontade do cacique e por tanto sometido ás súas redes clientelares, pero tamén un éxodo ás cidades que aos poucos transforma estas en núcleos de maior resistencia á política do goberno de Nuñez Feijóo. Poida que o rural morra ás mans do PPdG, pero todo apunta a que chegado o caso, o seu recordo cobrarase vinganza nas urnas das principais cidades.
Todo isto nunha lexislatura que polo 2016 Nuñez Feijóo asegurou sería a lexislatura do rural, non sendo pola eucaliptización do territorio para beneficio de Ence e polos numerosos incendios que arrasaron o medio rural ante a incompetencia e neglixencia da Xunta, un non pode senón tomarse como unha broma pesada as palabras do aínda hoxe presidente galego. Aínda que tampouco aqueles que perderon o seu emprego nas actividades gandeiras e agrícolas no rural, puideron atopar consolo na industria xa case inexistente do noso país, así seis de cada dez empregos creados en Galiza desde 2009 foron nas actividades cos salarios máis baixos e a conflitividade laboral e a desmantelación da industria ten nome propio en casos como o de Alcoa, Thenaisie Provoté, Reymogasa, Isidro 1952 e por desgraza tantas outras empresas. Tras varios anos consecutivos de desaceleración económica e cunha redución do ritmo de creación de empresas do 68%, o noso país vai camiño, se nada o impide, de converterse nun deserto industrial duramente afectado pola deslocalización e os novos procesos xeopolíticos e económicos que sorprenderon a Madrid e ao goberno de Nuñez Feijóo co pé cambiado. Mentres na capital de España a situación galega parece importar unicamente como unha moeda de cambio con Europa, que xa supuxo a perda do noso sector pesqueiro, naval e gandeiro, en Santiago a única saída a isto son boas caras e unha aposta polo emprego no sector do lecer e o turismo que xa mostrou as súas claras debilidades durante a crise do Covid-19 que aínda estamos a vivir. Todo isto mentres as loas e os aplausos puntuais a Amancio Ortega e Inditex, a táctica da caridade e a explotación agradecida, logra tapar a realidade laboral do noso territorio. Unha realidade que se debuxa en folgas silenciadas polos medios e un aumento da sinistralidade laboral que sitúa a Galiza na cabeza de accidentes durante a xornada de traballo.
Hoxe o líder popular atópase cómodo nesa política da identidade nacional, incluso podendo capear sen demasiadas dificultades temas aparentemente tan comprometidos como o desafío catalán ou os envites de Vox
Galiza é hoxe un país dividido en barrios ricos e pobres, unha terra de caciques e labregos, aínda que estes mudaran ás cidades. No noso foro interno, seguimos sendo aquela terra da que escribía e debuxaba Castelao. O 12,5% dos fogares galegos ingresaban en 2018 menos de 450 euros ao mes por persoa. Ademais, un 18,8% dá poboación atopábase en risco de caer na pobreza, medio millón de persoas con ingresos inferiores aos 9000 euros anuais. Segundo informes de Cáritas, o noso país sitúase como o territorio con máis persoas ás portas da exclusión social. Un debuxo social que se completa coa realidade dunha sociedade na que máis persoas maiores viven soas a pesar de que a metade das pensións galegas non superan os 700 euros e os mozos móstranse incapaces de marcharse do fogar familiar, algo que é lóxico coa escalada de prezos no aluguer nas nosas cidades que se chegou a situar nun aumento de preto do 15% desde 2016. Todo mentres dende 2017 o goberno galego unicamente construíu 12 novas vivendas protexidas, a cifra máis baixa do conxunto do estado español. Como di meu propio alcalde: gozar ata extinguirnos que a este paso pouco queda, por algo a Xunta adxudicou a dedo preto de 2,5 millóns de euros ao macrofestival electoral «O son do Camiño», as verbenas e o pan e circo para os maiores adaptado ás novas xeracións. Mentres o teu país morre, ti podes sentirche cool nas túas redes sociais coma se estiveses en Madrid. Ósea, mientras dure el pan tío, que tampoco va a ser eterno.
E mentres todo isto sucede, Feijóo non parece preocupado, non en balde, Galiza e Murcia son as únicas autonomías de réxime común sen traspasos de competencias na última década. O autogoberno galego nótase por tanto unicamente nos tejemanejes con Pemex, as falsas promesas, as portas xiratorias ao estilo Beatriz Mato ou as sentenzas por “nepotismo” que a xustiza confirma na creación e adxudicación dunha praza de Educación para a cuñada dun alto cargo do PP. Galiza para eles é a sua corrala particular, terra de caciques e como tal actúan. O tráfico de influencias, as fotos con narcos, as dubidosas negociacións con funcionarios, a ditadura mediática a basea de subvencións a medios como La Voz de Galicia ou o autoritarismo na CRTVG, o abuso nos dereitos laborais ou os continuos casos de corrupción que salpican á xestión de Feijóo e que sen dúbida reamatarán estalando nestes catro anos goberne ou non frijolito, son temas simplemente evitados por un dirixente que impón o silencio informativo no seu feudo e que é visto pola ignorante progresía madrileña como unha especia de Iñigo Urkullu con acento riquiño. Por suposto, tanto Feijóo como Urkullo son dous personaxes da dereita máis rancia, maliciosa e casposa que nos podemos imaxinar. Pero iso non o saben ou non lles interesas saber aos super analistas da «esquerda» posmoderna española. Esperemos a que se enteren de todo o lixo que garda a xestión das Caixas, quizais entón algún xornalista estrela deses que saen na televisión con gran pompa, decatrase do que aquí pasa, pero tampouco depositen demasiada esperanza niso.
E é que ao señor Feijóo e ao Partido Popular, tan só lhes interesa a conexión Galiza – Madrid a través do AVE
E vostedes preguntaranse, como é posible que Feijóo se atope ás portas doutra maioría entón? Pois vaiamos por partes. Primeiro animando á esquerda a ir votar esta fin de semana para cambiar as cousas, para construír un país con mobilidade e futuro para o rural, polas nosas tradicións culturais e tamén polo seu futuro como fonte de riqueza e benestar para o noso pobo, por un país industrializado e con emprego e especialmente, por un país libre de ataduras que nos impidan xestionar as nosas riquezas e as nosas vidas. Dito isto, a Síndrome de Estocolmo electoral en Galiza non ten fácil explicación, pero deriva principalmente de dous factores: o caciquismo e o abandono institucional. Do mesmo xeito que Galiza caeu en mans franquistas sen apenas historia que o reflicta, pese á dor e sufrimento do noso pobo todo parece resumirse a un «así fueron las cosas«, a democracia instaurouse no noso país de forma defectuosa sen apenas atención política por parte das institucións e os diferentes partidos. Aquí moitos alcaldes levan ininterrompidamente no seu cargo máis tempo que a propia democracia e os Baltar e compañía compran votos e vontades á luz dos focos sen que ninguén diga nada porque o que aquí pasa non interesa se non é para a triste crónica de «así fueron las cousas, así son los gallegos». Ante tal abandono político e institucional, os galegos interiorizaron outra forma de ver e facer política, aquí o voto para as xerais non ten que corresponderse necesariamente ao voto local e o cacique do pobo é unha institución que supera en importancia ao presidente. Cando encaras o paro, a precariedade e a falta de infraestruturas, a importancia do traballo público e a prestación de favores ten a súa importancia, algo que non deberían xulgar vostedes se non están nos pés dunha terra na que a fame e a migración aínda non pasaron a ser un recordo. Aínda se atopa moi presente na pel dos maiores e doutros que non o son tanto.
Durante anos, Don Manuel, Fraga Iribarne para os que non tedes corazón, foi a base de caciquismo e populismo un segundo pai para moitos galegos, por suposto o primeiro sempre será Xosé Ramón Gayoso ou na súa falta Santiago Pemán. O home que foi ministro franquista e xogou entre cuncas de viño ao dominou con Fidel Castro, soubo combinar unha especie de curioso galeguismo supeditado a Madrid co manexo impecable de amplas redes clientelares que chegaban desde o despacho das empresas á máis pequena obra pública do último concello galego. Todo en Galiza durante moitos anos, era levantado no sentir popular por obra e graza de Don Manuel.
Só o desastre do Prestige e a próxima visión do fin dos fondos europeos dilapidados en paseos marítimos e verbenas, puido lograr que a esquerda se fixese co poder durante un breve período de tempo. Tras esa paréntese que por buenismo, honradez e decencia o bipartito non soubo aproveitar para substituír ou ocupar as presentes redes clientelares, fixo a súa posta en escena Feijóo. Pero aquel candidato electoral, non era o Feijóo que hoxe todos coñecemos, aquel inexperto candidato á sombra do enorme poder de Fraga era un cachorro neoliberal puro, un líder disposto a renunciar ao sementado por Don Manuel e abandonarse ao Partido Popular da aznaridade. Un Partido Popular que en Galiza era visto como un ente estraño, un partido político madrileño que atacaba a identidade propia dos galegos. Pronto descubriu o noso particular «heroe» dereitista galego que o ataque de cara ao idioma, a renuncia ao populismo de feira e ese toque de emperador romano na Galia, non ía funcionar no noso país. Aplicar recortes e privatizacións sen o son da gaita e a alegría da verbena, non era posible nesta terra. Foi entón cando Feijóo decidiu seguir firmemente a política da identidade, camuflarse nun home do pobo e soster con iso un partido o suficientemente afastado de Madrid como para poder ter o seu propio espazo teórico e discursivo co que profundar na política neoliberal máis extrema sen demasiadas preocupacións ou sobresaltos. Coa renuncia á ideoloxía e por tanto perfeccionamento das tácticas do seu mestre Fraga, Feijóo mostrouse capaz de aglutinar o voto de centro de maneira efectiva e mesmo de atraer votantes de todo o espectro político galego, tamén nas rexións máis afastadas ideolóxicamente da súa xestión. Non esquezamos neste punto a herdanza caciquista e os seus milagres, habelos haylos.
Case como atados ás pesadas e eternas noites de pedra do noso pasado máis remoto, aínda hoxe os «féridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden, non«
Hoxe o líder popular atópase cómodo nesa política da identidade nacional, incluso podendo capear sen demasiadas dificultades temas aparentemente tan comprometidos como o desafío catalán ou os envites de Vox achega do idioma ou o autogoberno. Feijóo sae reforzado dos extremos e mentres o foco apunta a temas identitarios, as súas políticas económicas mostran a súa cara máis dura en Verín ou entre os traballadores de Alcoa, a realidade dun país que se desintegra aos poucos inmerso na competición cultural de quen di amalo. O dano ao líder dos populares galegos inflíxeselle cando se fai mención á súa xestión da sanidade, o desmantelamento dos sectores produtivos ou a deriva de temas como a vivenda ou o traballo. Un exemplo paradigmático atopámolo no peche do paritorio do hospital comarcal de Verín, un tema co que todo galego e galega sentiuse identificado dada a degradación constante da sanidade propiciada pola xestión de Feijóo e que sen dúbida custou á Xunta máis dun desgusto e apuros á hora de programar o calendario electoral. O material, neste caso exemplificado no desmantelamento da sanidade, serve como nexo para estruturar un discurso que á súa vez atravese as loitas » identitarias» como a feminista ou a defensa do mundo rural. O material, pon en xaque a Feijóo e logra que as miserias do seu goberno saian á luz.
Curiosamente, ás portas das eleccións e en plena crise polos novos rebrotes de cornovarirus na Mariña de Lugo, podemos ver como Feijóo escúdase de novo exclusivamente no identitario, no sentimento, no suposto amor a Galicia. Mentres tanto as enfermeiras eventuais piden un cambio de goberno que poña fin á súa precariedade, os traballadores de Alcoa prometen guerra e a situación sanitaria deteriórase inexorablemente froito da incompetencia dunha autoxestión raquítica que por falta de uso e costume apenas saben executar en San Caetano. Suceda o que suceda esta fin de semana, os problemas seguirán aí, a lenta morte do rural non vai a esfumarse, a precariedade e sinistralidade laboral, a deterioración de infraestruturas, as privatizacións, a falta dun autogoberno efectivo e práctico e o deserto industrial ao que nos encamiñamos, nada vai solucionarse da noite para a mañá, nada o vai a poder solucionar de forma sinxela e rápida. Pero catro anos despois, querido pobo, vostedes volven ter a ocasión de decidir se continuar co sentimentalismo identitario que non nos leva máis aló que a un «vivamos como galegos» encarnado nun bonito eslogan publicitario compartido por populares e empresarios, ou se pola contra, comezamos a votar e a vivir como verdadeiros galegos non supeditados a órganos partidistas situados en Madrid. É hora de elixir confiar en Galiza e na forza produtiva da súa xente ou seguir esperando a triste e puntual esmola do cacique. Vostedes e o seu voto deciden.
Se el primero en comentar