Na folga do 1934 na Illa confluíron tres reivindicacións: independencia con respecto a Vilanova de Arousa, mellora das condicións de vida e solidariedade cos mineiros de Asturias
Por Angelo Nero
“Papel de estraza” é unha lectura obrigada entre os veciños da Illa, e entre todos os da ría de Arousa, pero tamén entre os que desexen coñecer a nosa Memoria Antifascista, a de aqueles homes e mulleres que se atreveron a soñar, incluso con un Estado Insular na ría de Arousa. Pero, ¿como xurdiu a idea de escribir este libro, e de facelo a catro mans, con Juan Otero, Genito?
Un libro leva a outro libro. Cando rematou a presentación do meu anterior traballo na Illa de Arousa, ‘1306/36’, unha persoa que traballa no eido cultural do Concello plantexoume a idea de abordar a memoria deste concello, contando coa indispensábel colaboración de Juan Otero ‘Genito’, que dispón dun amplísimo arquivo da historia recente deste territorio, tanto noticias publicadas en xornais e revistas como escritos, documentos diversos, fotografías e testemuños. Ademais, é sobriño de Juan Otero Maestú, que publicou numerosos artigos en varios xornais nos anos anteriores a Guerra Civil, era o dono la taberna O Nicho, e foi nomeado ministro de Propaganda cando proclamaron, neste lugar, a República Federal Independiente.
“Muy de mañana salieron para la Isla de Arosa fuerzas de la Guardia Civil, Carabineros y Seguridad, con el objeto de someter a un minucioso registro a los pobladores de la isla”, sinalaba o periódico de Vilagarcía, Galicia Nueva, en octubro de 1934. Con tal despregue de forzas semella que as autoridades tomáranse en serio a réplica da revolución de outubro na pequena illa. ¿Foi tan inmediata a represión por temor a que houbera un contaxio revolucionario na comarca?
Ademais de condicionar a vida diaria dos veciños, a insularidade tamén provocou que nun primeiro momento se producira unha cerca confusión, ao no saber que estaba acontecendo na península, e como pasou noutros municipios, aqueles máis decididos e concienciados promoveron a requisa de armas para impedir incidentes e defender o Goberno lexítimamente constituído e a República.
A principios de outubro do 34, como en moitos outros lugares do estado, na Illa de Arousa chamouse á Folga Xeral en solidariedade coa Revolución de Asturias, reivindicando tamén melloras nas condicións de traballo. ¿Esto xa viña xermolando coa forte implantación dos sindicatos obreiros na contorna?
Sen dúbida. O alento da emigración, a necesidade de estar unidos para saír adiante nunhas condicións de vida marcadas polo duro e perigoso traballo no mar e a laboura formativa que se estaba levando adiante no Pósito, e tamén polos mestres, foron o alicerce dunha concienciación social, política e sindical moi forte. Daquela eran ao redor de medio cento os afiliados a Agrupación Socialista nun territorio de pouco máis de 2.000 habitantes, e na folga do 1934 confluíron tres reivindicacións: independencia con respecto a Vilanova de Arousa, mellora das condicións de vida e solidariedade cos mineiros de Asturias. Convén resaltar que os socialistas da Illa seguían as directrices de Largo Caballero.
Se algo fai singular este revolución de outubro na illa foi a proclamación dunha sorte de Estado Federal, tomando o exemplo do President da Generalitat, Lluís Compayns. ¿Como xurdiu este feito que deu pe para que escribirades “Papel de estraza”?
A orixe do título do libro é o feito de que nunha charla de taberna, a un grupo de veciños ocurríuselles a idea de proclamar unha república federal e escribir os nomes do presidente e dos ministros nun papel de estraza que estaba enriba do mostrador. Sen deixar de ser un divertimento, o certo é que daquela a marxinación por parte de Vilanova de Arousa era o mar de fondo dunha xa longa demanda de xustiza que deu paso a esixencia de independencia, que no acadaron pero foi a orixe de que daquela pasaran a depender do Concello de Vilagarcía, aínda que fose por poucos anos.
Aínda que a República da Illa foi efémera, os protagonistas da súa proclamación non escaparan ás gadoupas da represión desatada dous anos despois, cando outro pronunciamento, esta vez militar, masivo e de signo contrario, deu paso á longa noite de pedra. ¿Cal foi o destino destes protagonistas da declaración de independencia da Illa de Arousa?
Foron máis de trinta os detidos no ano 1934, e deles catorce pasaron varios meses no cárcere antes de saír absoltos no xuízo ao que foron sometidos en Pontevedra. Pero no 36 pasou o mesmo que noutros concellos: moitos daqueles que apoiaron a Folga de Asturias foron asasinados. Na Illa de Arousa mataron a Santiago Otero e a Avelino Fuentes. Juan Otero e Manuel Iglesias tiveron que fuxir. José Búa, Esteban Picón, Francisco Vázquez, Luis Castro, Narciso Suárez e José Besada tamén foron asasinados. Todos eles, menos Narciso Suárez, eran do PSOE.
“Papel de estraza” non é so un libro de investigación histórica, si no que comprende unha ampla radiografía da sociedade da illa, así como da súa evolución ó longo dos anos. ¿A verdadeira transformación viu coa construción da ponte que a uniu ó continente, ou ven de máis atrás?
O primeiro fito está rexistrado no inicio do século XX, cando unha familia catalana, Goday, abre unha factoría conserveira, á que segue a posta en marcha de varias máis, e en todas elas hai una maioritaria presencia de man de obra feminina, o que fai que as mulleres acaden una independencia económica e un protagonismo na vida social moito máis intenso que na maior parte dos concellos galegos. Non hai dúbida de que a ponte foi a clave da mellora das condicións de vida dos seus habitantes e da urbanización dun territorio que no verán é o destino de milleiros de turistas, cuxa presión está comezando a converterse nun problema para os veciños, especialmente no apartado correspondente ao tráfico de vehículos, que o Goberno local está tratando de solucionar.
Na Illa sempre existiu unha pulsión segregacionista, e as mobilizacións do movemento veciñal conseguiron que en xaneiro de 1997 se separara do Concello de Vilanova de Arousa. ¿Houbo algún recoñecemento a aqueles veciños que foron os primeiros en sinalar o feito diferencial da Illa, mesmo declarando a súa independencia?
Na Illa de Arousa todos os grandes obxectivos foron acadados por medio da constitución de plataformas veciñais, incluso desde que conta co Concello, e no caso da súa independencia, trátase dun logro protagonizado pola práctica totalidade dos veciños. Como acontece noutros municipios, a celebración ten lugar coincidindo con determinados aniversarios, como aconteceu con vixésimo quinto.
No libro tamén se sinala a loita das mulleres polos seus dereitos, con protagonistas como Pepa, a Cullereira, ¿cal foi o papel que xogaron as mulleres nas loitas do 34 e como se cebou nelas a represión do 36?
Como sinalei antes, as mulleres traballaron no eido social e político, aínda que no figurasen nos listados da militancia. Protagonizaron obras de teatro e tamén celebracións como a do Primeiro de Maio. A consecuencia en 1936 foi que varias delas foron rapadas, como Carlota Iglesias, María Ínsua, Pepa Allo, Teresa A Torrado, Carmen Allo, Carmen Carmuega, Dolores Lojo, Josefa Vázquez e Pepa A Cullereira.
Nesa radiografía social que falabamos antes, tamén hai espazo para o fútbol, o cine, actividades que tiñan certa importancia entre a sociedade da Illa naquela época.
Resulta chamativo que o equipo de fútbol se chamase Céltiga, como a revista fundada por intelectuais galegos en Arxentina. O seu nome inicial era Titanic e a idea de cambiarllo corresponde, entre outros, ao mestre e secretario do Pósito, Víctor Trabazo, que tamén foi asasinado. Respecto do cine, chegou haber ata tres salas, e unha delas de cine sonoro, nun tempo no que a luz eléctrica chegaba a poucas casas e os apagóns eran unha constante.
Magnífica a entrevista con Fernando Salgado, excelente escritor e periodista con quen tiven a sorte de escribir Papel de Estraza,libro que moi ben resume nesta entrevista.