Feijóo, Marcial Dorado e outras amizades perigosas

A trama Gürtel seguiu actuando en Galiza despois de que Pablo Crespo cesase en 1999 como responsábel de Organización do PP de Galicia, e cobrou diñeiro do PP polos actos celebrados en Galiza, cando Alberto Núñez Feijóo xa era consellerio

Por Manuel Monge

Capítulo 1 de «O perverso goberno de Feijóo» (Edicións Laiovento, 2016)

1.1.Feijóo non sabía nada

Cando Feijóo é preguntado polos casos de corrupción do PP, non asume ningunha responsabilidade política e contesta con frecuencia: “Non sabía nada”.

Pablo Crespo, responsábel de organización en Galiza do PP de 1995 até 1999, é un dos principais implicados na trama Gürtel e o financiamento ilegal do PP. Cando Crespo abandonaba esa responsabilidade (por certo, despedido con honores), Feijóo, que era conselleiro de Política Territorial, mantivo a Crespo no consello de administración de Portos de Galicia até decembro de 2005, sendo Carlos Negreira Presidente dese organismo. O xefe de contabilidade de Portos de Galiza, Victoriano Lago, tivo relación con Pablo Crespo a través dunha empresa ubicada no paraíso fiscal de Illa de Nevis. Entre 1999 e 2005 Portos adxudicaba catro contratos, entre setembro de 2004 e xullo de 2005, a Constructora Hispánica por importe de 13 millóns de euros, cuxo expresidente, Alfonso García Pozuelo, está imputado no caso Gürtel. Mais Feijóo non sabía nada.

Feijóo xustificaba a súa ignorancia porque en 1999 non militaba no PP (“El señor Crespo, cuando yo llegué al PP, llevaba muchos años desaparecido de allí”), mais a rede de empresas Gürtel seguiu actuando en Galiza durante moitos anos despois desa data. Feijóo, que era conselleiro de Política Territorial en 2003, adxudicou por 21 millóns de euros a Constructora Hispánica, en xullo de 2005, o inicio da autovía entre Sarria e a A-6, dentro do Plan Galicia. Cando xa era presidente do PP de Galicia, a empresa SWAT SL, vinculada á trama Gürtel, foi a responsábel da marca Feijóo09 da campaña electoral das eleccións autonómicas de 2009. Mais Feijóo non sabía nada.

A trama Gürtel seguiu actuando en Galiza despois de que Pablo Crespo cesase en 1999 como responsábel de Organización do PP de Galicia, e cobrou diñeiro do PP polos actos celebrados en Galiza, cando Alberto Núñez Feijóo xa era consellerio de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e membro do Comité de Dirección do PP da provincia de Ourense. Segundo o sumario da Gürtel, Gerardo Galeote, eurodeputado do PP, ingresaba 20.000 euros para esta rede corrupta o 13 de marzo de 2003 (Xornal de Galicia, 9-10-2009). Mais Feijóo non sabía nada.

Na campaña electoral das eleccións galegas de 2005, cando Feijóo era vicepresidente da Xunta, o PP recibiu case dous millóns de euros en doazóns de empresas, a maioría construtoras, que tiñan adxudicacións de obras da administración galega. Mais Feijóo non sabía nada.

O PP preocúpase moito de que alí onde goberna os contratos da administración queden na casa, é dicir, nas empresa amigas. A Xunta adxudicaba 1,4 millóns de euros en contratos ao Grupo Eulen, do cal era apoderada Micaela Núñez Feijóo, irmá de Alberto.

Eulen, fundada en Bilbao en 1962 como unha empresa de limpeza, ten entre os seus directivos a persoas relacionadas coa extrema dereita como Jaime Mayor Oreja, eurodeputado do PP, que traballou nesa empresa nos anos 80 e na que agora conta con participacións, especialmente no eido da seguridade privada. O presidente de Eulen, David Álvarez, manifestaba no Salón Alimentario de Valladolid: “Para salir de la crisis hay que trabajar más y vivir peor”.

Con Carlos Negreira como alcalde, esta empresa gañaba o concurso en agosto de 2012 para xestionar a Rede de Bibliotecas do concello da Coruña por 2,26 millóns de euros. En todas as convocatorias anteriores sempre aparecía como requisito indispensábel para se presentar ser unha empresa especializada na xestión bilbliotecaria, condición que non tiña Eulen, que está centrada en servizos de mantemento, seguridade e limpeza. O goberno municipal do PP eliminou esa condición (Sermos Galiza, 8-10-2012).

Conseguía tamén a xestión de numerosos centros culturais como o Teatros Jofre de Ferrol, a Rede de Espazos Xoves de Dinamización Xuvenil e Emancipación, os almacéns da Consellería de Cultura no polígono de Tambre etc. Eulen facíase coa xestión do Teatro Colón, propiedade da Deputación da Coruña, cando a oferta máis ventaxosa economicamente era a da Cávea Producións, participada ao cento por cento por unha caixa galega e que levaba xestionando o teatro desde o ano 2007. Conseguía tamén o contrato da xestión da atención telefónica das vítimas da estafa das Preferentes por 85.000 euros, que pagou a Xunta, sen que se convocase concurso público. Esta relación de Eulen co PP non é nova, xa que en xuño de 2005, despois de perder o PP as eleccións ao Parlamento Galego, a Consellería de Vivenda (Alberto Núñez Feijóo era o titular en funcións) asinaba un contrato con Eulen (Sermos Galiza, 8-10-2012) cun custo de 370.000 euros para “divulgación das axudas en materia de vivenda”.

Axentes de policía da Unidade de Delincuencia Económica e Fiscal (UDEF) entraban o 9 de marzo de 2016 en dependencias da concellaría de Cultura do concello da Coruña para requisar contratos baixo sospeita. A investigación por suposto tráfico de influencias estaba relacionada coa adxudicación a Eulen dos citados servizos bibliotecarios do concello da Coruña, e despois da denuncia dunha empresa porque Eulen non era a que presentaba a mellor oferta económica. Mais Feijóo non sabía nada.

A chamada Operación Zeta puña tamén ao descuberto o tema do financiamento ilegal do PP, o mesmo que nos casos Gürtel, Camps, Bárcenas, Rita Barberá etc. Gerardo Crespo, que era un destacado militante do PP, é o principal imputado e conseguiu 20 millóns de euros de subvencións (15 de Xunta de Galicia) para realizar cursos de formación a través de empresas pantasmas ou relacionadas con autónomos e discapacitados. Tiña en nómina a altos cargos da administración e actuaba como unha auténtica axencia de colocación que recibía peticións de enchufe de dirixentes do PP e de altos funcionarios.

O enlace, conseguidor ou valedor de Gerardo Crespo en Madrid era Francisco Ramón de Lucas Blanco “Pachi”, unha persoa próxima a Feijóo e que conseguía para Crespo contactos, contratos e até entrevistas con ministros. Como declaraba o mesmo Crespo: “Yo le pagaba a Pachi, sí. No estaba en nómina, le pagaba 3.000 euros al mes en plan comisiones…Me conseguía contratos”. Eses pagos a Crespo eran considerados como “prioritarios”. Sobre este conseguidor, dicía Crespo: “Es de Pontevedra, tiene un chalé en Beluso y es amigo de Feijóo, su mejor amigo. Está siempre con él todas las campañas”. Por outra parte, o PP pagou 25.583 euros nas eleccións de 2009 á empresa Disart 4 SL, que presidía Pachi Lucas. Estas relacións privilexiadas con Feijóo eran recollidas nun SMS que Pachi enviaba a Crespo o 22 de maio de 2012 e que figura no sumario: “Comendo en Beluso, presidente, mar…!Todo ben”. Nunha fotografía de agosto de 2011 aparece Pachi Lucas na feira de touros de Pontevedra con Feijóo, Rajoy, Alfonso Rueda e Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra. Mais Feijóo non sabía nada.

1.2.As relacións de Feijóo con Marcial Dorado

Feijóo coñeceu ao narcotraficante Marcial Dourado Baúlde a través do seu amigo Manuel Cruz, que era testaferro do contrabandista. El País de 31 de marzo de 2013 publicaba unhas fotos de Feijóo con Marcial Dorado e nalgunhas aparecían navegando en 1995 no iate Oratus (foi intervido anos máis tarde nunha operación contra o branqueo de diñeiro), propiedade de Dorado. A deputada de AGE, Yolanda Díaz, denunciaba que Manuel Cruz era Guerrilleiro de Cristo Rei, dedicábase ao narcotráfico, levaba pistola e, entre outras cousas, dedicábase en Ferrol na ditadura a dar malleiras aos demócratas. Mais Feijóo non sabía nada.

O presidente da Xunta semella tiña unha estreita relación con Dorado xa que, ademais de acompañalo no seu barco pola ría de Arousa, visitou as súas mansións durante anos e facían viaxes xuntos a Picos de Europa (desta viaxe só lembraba que “había nieve”), Ibiza, Tenerife e Cascais, como o presidente da Xunta recoñeceu. Daquela, Feijóo tiña 34 anos e era secretario xeral da consellería de Sanidade, que ocupaba Xosé Manuel Romay Beccaria. O presidente da Xunta explicou que todo se reducía a unha cuestión de “torpeza” e “ingenuidad” e que a publicación desas fotos eran “un intento de amedrentarme”. Quen ameaza a Feijóo?

Para eludir responsabilidades e xustificar a súa actuación, Feijóo chegou a comparar esas fotos coas que se fai na rúa: “No creo tener amistades peligrosas, pero me he hecho miles de fotos con desconocidos, en la calle, en los restaurantes, y no sé el currículo de todos”. Feijóo aseguraba que rompera as relacións con Dorado en 1997, pero pinchazos telefónicos da policía revelaban que seguiron en contacto entre 2001 e 2002. Manuel Cruz implicouse en empresas de Dorado como Petrogalicia e Xatevín, dirixindo as gasolineiras que aquel tiña en Caldas de Reis e no porto deportivo de A Illa. Morreu nun accidente en 1999.

1.3.“Los cadeneros” Manuel Cruz e Arsenio Fernández de Mesa

Manuel Cruz era coñecido na década dos 70 como CruzGamada, pola súa ideoloxía fascista. Xunto con outros mozos franquistas de Ferrol organizaron un grupo dos chamados Guerrilleros de Cristo Rey, que se dedicaba, entre outras cousas, a agredir a demócratas, sindicalistas, curas progresistas e estudantes. Eran coñecidos como “los cadeneros” porque utilizaban cadeas de bicicleta como arama para realizar as súas agresións. Tamén militaba neste grupo Arsenio Fernández de Mesa, alias Cuco, alias El Estirao (Reportaxe de Anibal Malvar en Público, 12-4-2015).

Afiliáronse en 1977 ao franquismo sociolóxico de Manuel fraga, a través de Alianza Popular, promovido por ministros de Franco. Segundo o escritor Xavier Alcalá, “Cuco era de los cobardes. No solía actuar a cara descubierta, salvo cuando arengaba a sus camaradas en el patio del colegio Tirso de Molina”. Alí, no patio do colexio, reuníanse os Guerrilleros de Cristo Rey para organizar as súas actividades por Ferrol ou A Coruña.

No Tirso de Molina traballaba o autor deste libro a finais de 1973, que fun despedido por “falta injustificada al trabajo”. A dirección do centro sabía que estaba plenamente xustificada porque estaba no cárcere da Coruña por non pagar unha multa gobernativa por “propaganda ilegal” con motivo do Xuízo 1.001 contra dirixentes de CCOO.

Cuco era “discípulo” de Jesús Suevos, amigo de José Antonio Primo de Rivera, e fundador en 1935 de Falanxe Española en Galiza. No franquismo Suevos foi correspondente da prensa do Movemento en París, director de TVE e presidente do Atlético de Madrid. Fernández de Mesa fixo carreira política: concelleiro de Ferrol polo PP en 1983, tenente alcalde en 1987, deputado en 1989 e Director da Garda Civil no goberno de Rajoy.

A escritora Ánxela Loureiro, daquela estudante, foi unha das vítimas dos “cadeneros” e a primeira en denuncialos. O xuízo celebrouse o 5 de marzo de 1975 e poucos días antes, o 21 de febreiro, era expulsada do instituto feminino por alteración grave da orde académica (así definína a realización de reunións, manifestacións etc.). Bernardo Máiz, historiador e profesor no instituto de Ferrol, manifestaba: “A Fernández de Mesa le recuerdo como palmero [dos agresores] durante el juicio y oportunamente en el WC cuando fueron a por él en el café SakusKa de la calle Real. Era ya un lechuguino y un cobarde, siempre con ellos [os Guerrilleros de Cristo Rey], pero siempre detrás. La permisividad policial con ellos era absoluta”.

Manuel Cruz acabou de chofer na consellería de Sanidade de José Manuel Romay Beccaria, cando Fraga gaña as eleccións autonómicas, e despois foi chofer de Alberto Núñez Feijóo, número dous desa concellería. Foi precisamente Manuel Cruz quen presentou ao narcotraficante Manuel Dorado a Feijóo en 1994.

1.4.De contrabandista a narcotraficante

Marcial Dorado foi detido e procesado por contrabando de tabaco en 1983. A causa foi arquivada cando chegou á Audiencia Nacional porque prescribira. En xuño de 1990 foi detido na operación Nécora, impulsada polo xuíz Garzón, pasando varios meses en prisión. Quedou en liberdade, entre outras razóns, por deficiencias na tramitación do sumario. Era detido na súa mansión de A Illa de Arousa en outubro de 1992 como presunto propietario de 10.000 caixas de tabaco de contrabando, valoradas en 1.100 millóns de pesetas. Condenado por suborno en decembro de 2005 a tres anos de cárcere e 60.000 euros de multa, por delitos realizados entre maio de 1997 e xullo de 1998 (a pena foi rebaixada a seis meses polo Tribunal Supremo). En outubro de 2003 foi detido en relación cun cargamento de 6 toneladas de cocaína confiscadas no South Sea e condenado en novembro de 2009 a dez anos de cárcere (cumpre outros catro anos máis por subornar a tres gardas civís en 1998) e 70 millóns de euros de multa. Durante vinte anos o nome de Marcial Dorado aparecía en numerosas ocasións nos medios de comunicación, relacionado con actividades ilegais. Mais Feijóo non sabía nada. Semella que os únicos en Galiza que non sabían quen era Marcial Dorado foron Feijóo e Romay Beccaría que, como titor político do presidente da Xunta, saíu na súa defensa, dicindo que el tampouco sabía nada dese narcotraficante.

Naqueles anos miles de persoas participaban nas manifestacións que convocaban Érguete, Esperta Cambados e outras entidades, reclamando o fin da impunidade dos narcotraficantes e que se acabase coa morte de moitas persoas (máis de 1.000 ao ano en 1995) vítimas da droga. Mais Feijóo non sabía nada.

Estamos ante algo máis que “simplemente unhas fotos”, como dicía Feijóo. O tema de fondo é a estreita relación que mantiveron durante anos moitos contrabandistas e narcotraficantes con altos cargos do goberno, co partido de Fraga e a súa contribución ao financiamento ilegal do PP.

1.5.O patrimonio de Marcial Dorado

O patrimonio inmobiliario que a Axencia Tributaria logrou identificar e embargar preventivamente en España a Dorado, segundo recollía unha reportaxe de Julio Á. Fariñas en La Voz de Galicia de 6 de abril de 2013, está taxado en máis de 20 millóns de euros e en máis de 8 millóns o patrimonio intervido en Portugal:

Na provincia de Málaga localízanse cinco locais comerciais, un párking de cinco plantas, un ático de 530 metros cadrados e un piso de 70 metros. Na ría de Arousa está embargado un ático de 211 metros cadrados, un párking de catro plantas, unha casa de 600 metros, un piso en Carril, un chalé en O Lagartiño. Na Illa de Arousa unha vivenda unifamiliar de 280 metros cadrados e 150 rústicas, a maioría edificábeis. En Pontevedra ten un piso de 125 metros e 10 locais comerciais. Dous pisos en Santiago, cinco fincas rústicas en Caldas de Reis e unha finca de 50 hectáreas en Ávila. En Portugal ten a Quinta do Feital en Caminha, de 153.000 metros cadrados, e a Quinta Dourado en Melgaço, de 25.000 metros cadrados.

Están confiscados numerosos vehículos, propiedade de Dorado e colaboradores, entre eles sete Audi e dúas embarcacións. En bancos suízos están bloqueadas contas por importe de 1,8 millóns de euros; 1,5 millóns de euros en contas localizadas nas Bahamas e 300.000 euros en Portugal.

Na Illa de Arousa Dorado é propietario de 175.000 metros cadrados, é dicir, a cuarta parte do solo non edificado dese concello, que aparecen rexistrados a nome de familiares ou de empresas controladas por Dorado. Ten propiedades en Caldas de Reis, Catoira, Baiona, Vilagarcía; concesións administrativas de abastecemento de combustible nos portos de Cambados, O Grove e Illa de Arousa, segundo publicaba o citado xornalista en La Voz de Galicia de 21 de abril de 2013. E Feijóo non sabía nada.

Despois da súa detención como narcotraficante en 2003, Dorado tiña pendente un xuízo por branqueo de 20 millóns de euros. Están acusadas 16 persoas, entre elas tres fillos de Dorado, a súa actual muller, un tenente coronel da Garda Civil, Juan Miguel Castañeda Becerra, que até xullo de 2009 era o responsábel da Comandancia de Guadalaxara, e os avogados con despacho en Madrid, Félix Pancorbo Negueruela e Rosa María Stampa Rodríguez.

Unhas reportaxes de Julio Á. Fariñas recollían o proceso seguido por Dorado para o branqueo de diñeiro, procedente das súas actividades ilegais, que era explicado no escrito de acusación da Fiscalía Antidroga da Audiencia Nacional. Tratábase dunha complexa trama de sociedades que ten o epicentro en Suíza e ramificacións nos paraísos fiscais de Illas Virxes, Bahamas, Belice e Panamá. Entre 1994 e 3003 Dorado tivo abertas 47 contas en sete bancos suízos. Eses cartos, que estaban en sociedades radicadas en Suíza, eran repatriados a Programallo, creada en 1988 e que, actualmente, ten o domicilio social en Málaga. Así, entre xuño de 1998 e xaneiro de 2000, Programallo recibiu cinco préstamos por importe de 10,1 millóns de euros e outros 16,5 millóns de euros entre 2001 e 2003. O diñeiro que chegaba de Suíza era investido en negocios inmboliarios e outras empresas, algunhas relacionadas co viño e o aceite. (La Voz de Galicia, 19 e 20 de abril de 2013).

O xornalista Perfecto Conde (publicou numerosas reportaxes sobre o contrabando e o narcotráfico, e o libro La conexión gallega, del tabaco a la cocaína) facía estas declaracións sobre as fotos de Feijóo con Marcial Dorado e o financiamento ilegal do PP:

Me resulta difícil creer que un personaje como éste, que ocupaba cargos importantes, no leyese periódicos y revistas en los años noventa. Indudablemente, lo hacía. Tenía que estar al tanto de su vida, porque era conocida por todos. Esto parece una mala novela de misterio. Y si está siendo sincero, todavía peor, porque evidenciaría la ignorancia supina impropia de un gobernante. En todo caso, Feijóo no es un precisamente un hombre que se relacione con los obreros de la Bazán, sino más bien un señorito… que confunde Andorra con Picos de Europa.

Marcial Dorado tuvo una juventud pobre y difícil. Trabajó muchos años como piloto en un barco de pasajeros, propiedad de una familia de A Illa, antes de empezar en el negocio del tabaco de la mano de Terito (Vicente Otero), un hombre ligado directamente con la AP de Fraga. Llegó a haber una famosa reunión de capos en el Parador de Cambados en la que se discutieron las aportaciones que había que dar para la campaña de Alianza Popular. Incluso hubo un disparo, pero uno de los presentes apartó el brazo del que portaba la pistola a tiempo, dirigió el arma hacia el suelo y alguien terminó con un pie perforado. (Entrevista en público.es, 3-4-2013).

Feijóo esixía a dimisión de Anxo Quintana nas eleccións ao parlamento Galego de 2009 pola publicación dunha foto do Vicepresidente da Xunta no barco do empresario Jacinto Rey. Foto tomada un ano antes de que Quintana chegase á Xunta e catro anos antes de adxudicarse o concurso eólico. Feijóo declarara, daquela, que “un goberno debe coidarse das malas compañías”. Coñecemos tamén despois unha foto de Mariano Rajoy (tomada o 19 de maio de 2009, dous días antes de iniciarse a campaña das eleccións europeas) no pesqueiro Moropa, propiedade dun narcotraficante da familia de “Os Caneo”. E non pasou nada. Anxo Quintana, moi indignado coas comparacións con Feijóo, declaraba na SER: “Se isto me pasase a min non tería que demitir; unha parella da Garda Civil iríame buscar a casa”.

No marco da operación South Sea contra o narcotráfico, e por orde do xuíz José Antonio Vázquez Taín, no período 2001-2003 (Feijóo era Director da entidade pública estatal Correos e Telégrafos), foron gravadas conversas telefónicas entre Dorado e Feijóo; este mentiu cando dixo que cortara a súa relación co narcotraficante en 1997. Preguntado ese xuíz sobre as declaracións nas que Feijóo dicía que descoñecía as actividades delituosas de Marcial Dorado, respondeu: “Je, je, je, je”.

As relacións de Feijóo con Marcial Dorado e as fotos no iate recibiron unha crítica unánime de todos os partidos da oposición. Pola contra, o presidente da Xunta, recibiu o apoio de Francisco Vázquez, que seguía presentándose como socialista, sen que ninguén no PSOE se atrevese publicamente a desautorizar as súas lamentábeis declaracións. Vázquez, que sempre axuda o PP en momentos difíciles, declaraba: “A Núñez Feijóo le tengo respeto porque ha sido un político valiente que tomó medidas no precisamente populares pero que han permitido que Galicia sea junto a Madrid las dos comunidades más saneadas”. E sobre o escándalo das fotos, Vázquez repetía o mesmo discurso que Feijóo: “Todo eso es una ignominia. Se intenta sacar réditos políticos a un suceso acaecido hace 20 años, cerrado por la investigación de un juez. Eso demuestra la incapacidad de hacer oposición. Cuando el adversario es incapaz de ganar en las urnas, el mediocre recurre a la difamación, a la calumnia, a la injuria, yo lo he sufrido en carne viva” (El Correo Gallego, 21-4-2013).

1.6.Marcial Dorado, colaborador do CNI?

Está por investigar a colaboración de Marcial Dorado co Centro Nacional de Intelixencia (CNI). O exgarda civil José Manuel Sánchez Zabala, unha das principais testemuñas de cargo no xuízo contra Dorado, denunciaba ante a Fiscalía Anticorrupción o 5 de novembro de 2007 que o narcotraficante foi utilizado polo CNI para introducir espías en Marrocos. Segundo denunciou Sánchez Zabala, “todo el objetivo de la operación no fue otro que utilizar el poder económico de D. Marcial Dorado para comprar una empresa estratégica en Marruecos. Cuando Dezcallar fue elegido por Aznar para dirigir el CNI, la empresa de Marcial Dorado fue ofertada como cobertura para la actuación de los servicios de inteligencia que operaban en Marruecos en plena crisis diplomática”. A empresa que Dorado instalou en Marrocos dedicábase á produción de aceite, baixo o nome de Oil-Maroc SA. Segundo esa denuncia, “el propio embajador de España en Rabat (Sr Dezcállar) facilitó a través de sus consejeros la compra de dicha empresa para Dorado”.

O exgarda civil manifestaba que sempre actuou baixo as ordes dos seus superiores e que estes coñecían a súas relacións con Dorado. Algúns altos mandos da Garda Civil incluíran a familiares no accionarado das empresas de Dorado en Marrocos: «prueba de que la adquisición de la empresa estratégica se llevó a cabo con éxito son los numerosos documentos mercantiles registrados en los que figuran como accionistas Marcial Dorado y María del Pilar López López, cónyuge del superior del denunciante (jefe de equipo de Policía Judicial)” (eldiario.es, 5-5-2013).

Ante a demanda de información por parte da oposición sobre as concesións e contratos das empresas de Marcial Dorado coa Xunta, Feijóo daba unha información insuficiente e manipulada. O 19 de novembro de 2013 a Xunta manifestaba que non podía entregar parte deses contratos porque se destruíron cinco expedientes sobre axudas a Xatevín S.L., Efectos Navales Arousa S.L., Mitulo e Inmobiliaria Marli, empresas vinculadas á familia de Dorado. A explicación que deron desde a consellería de Traballo foi que eses expedientes, que abarcaban desde 1990 a 2001, estaban en mal estado polas inundacións que se produciron no Centro Integrado de FP de Coia (Vigo) onde estaban custodiados por falta de espazo no arquivo da delegación provincial. Entre os expedientes destruídos estaba a renovación dunha batea da empresa Mitulo S.A., propiedade do narcotraficante. Podemos estar ante un trato de favor a Dorado porque a pesar de que a petición foi realizada fóra de prazo, a Consellería de Pesca explicaba en 1999 que o interesado non puido renovar o permiso por un “despiste administrativo”.

Que opinaba a cidadanía da actuación de Feijóo? Segundo unha enquisa de Sondaxe, que publicaba La Voz de Galicia de 5 de maio de 2013, o 55,8% consideraba insuficientes as explicacións de Feijóo sobre o caso Dorado e só un 28,7% consideraba suficientes esa explicacións.

Feijóo autodefiníase como austero, adaíl da dignidade, conciencia crítica do PP, que nunca cala etc. Acabouse a súa carreira política despois de ir en barco e de festa cun narcotraficante? Se tivese un mínimo de dignidade, debería aplicarse aquilo das malas compañías e dar exemplo. Como dicía Francisco Jorquera, en calquera país cunha democracia minimamente asentada, as relacións do Presidente do Goberno cun capo da mafia do narcotráfico serían consideradas como un feito de extrema gravidade. A dimisión de Feijóo era un imperativo ético, unha medida exemplarizante para frear o deterioro da política galega e rexenerar a democracia, mais non se produxo.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.