
Os sionistas e os imperialistas de Occidente non contaban con este profundo nivel de apoio popular logo de tantas masacres e bloqueos. Porén, os palestinos non temos nada que perder senón as nosas cadeas.
Por J.F. Kastro | 30/01/2025
Militante marxista-leninista e nacionalista palestino dende os 12 anos, Fayez Bardawi naceu no campo de refuxiados de Tal Azzatar , no Líbano, hai 70 anos. Residiu moito tempo na Galiza por motivos de traballo, concretamente na Coruña, onde aprendeu galego. Fayed foi filiado da CIG e mantivo relacións de irmandade e camaradería anti-imperialista co movemento nacionalista de esquerdas galego. Agora tras do último Congreso da Frente segue vencellado á organización e ao movemento de resistencia palestino contra o colonialismo sionista. Prosegue a súa labor como como militante de base dende o último Congreso da Frente Popular de Liberación da Palestina. Participa de palestras, como analista político, en actos por todo o estado español denunciando a ocupación e xenocidio do sionismo na Palestina histórica.
Queremos agradecer dende estas liñas ao camarada Fayed a dispoñibilidade para atender a NR, co transfundo da recente tregua en Gaza, da operación de terror sionista de Jenin e perto de rematar o prazo de 60 días acordado no sul do Libano con Hizbullah para a retirada das tropas invasoras.
Fayed, poderías facer unha síntese histórica sobre as orixes e o desenvolvemento do conflito colonial que padece o pobo da Palestina histórica?
Todo comenza coa aparición do movemento sionista e o seu proxecto colonialista. Israel é xa de inicio un produto fabricado polo imperialismo europeo para nos dividir e dominar. Colonialismo occidental é o mal absoluto no mundo. No Congreso sionista de Basilea en 1897 decide-se crear unha colonia na Palestina por motivos «relixiosos», pois senón tiñan pensado en África ou Arxentina tamén para o seu proxecto.
En 1916, durante unha reunión secreta en Moscovo baixo os auspicios do Zar Nicolás II o imperialismo británico e o francés acordan repartirse entre eles a Palestina histórica, o Líbano, Siria…. Sabemos deste acordo secreto grazas a Lenin que o fixo público logo da Revolución Bolxevique de 1917. E para isto van empregar o movemento sionista como unha guarnición colonial. En 1917 coa Declaración Balfour e o Acordo Sykes Picot os imperialistas Franco-británicos dan carta branca para establecer a entidade sionista na Palestina Histórica. Establecen aquí centos de milleiros de colonos polacos, rusos, alemáns sen vencello real con Palestina aproveitando o lema falso e supremacista do Congreso sionista Mundial: Un pobo sen terra para unha terra sen pobo.
Iso é totalmente mentira, os habitantes nativos levamos aquí dende sempre en Palestina, que sexamos de confesión cristiáns, musulmáns ou tamén xudeus.. Non somos antixudeus,e hai moitos xudeus anti-sionistas no mundo. O sionismo é un proxecto europeu racista e colonialista.
Entón dende hai un século xa comenza a resistencia do pobo palestino contra a colonización sionista e o seu patrocinador, o imperialismo occidental. En 1929 temos a Revolta contra o sionismo e o mandato británico dirixida por 3 mozos de Acre, os 3 mártires de Acre. O 14 de Abril de 1936, principia a Grande Revolución Palestina que será dirixida por un predicador sirio, Izzedin al-Qassam, por quen as Brigadas Qassam actualmente levan o seu nome. En 1930, al-Qassam xa fundara al-Kaf al-Asuad,a primeira organización militante palestina. Os británicos e as milicias sionistas actúan para reprimir a Grande Revolución Palestina. Os franceses neste tempo teñen ocupado Siria e Líbano onde patrocinan uns títeres entre a burguesía cristiá de Beirut e provocan divisións sectarias. Logo en 1948 chega para nós a Nakba ou desastre. O sionismo coas súas organizacións terroristas IRGUN e Haganá adicase a masacrar aldeas palestinas enteiras para logo expulsar a quen sobrevive. Antes mesmo da proclamación do Estado de Israel xa tiñan arrasado 531 aldeas e poboacións. Isto foi un verdadeiro xenocidio. En 1947 acordan na ONU a resolución 181 de partición da Palestina Histórica, e mesmo o representante da URSS vai apoiar isto tamén nun grande erro deles para o porvir.
Un dos problemas históricos da esquerda occidental é o seu eurocentrismo. E o movimento comunista internacional, moi especialmente a URSS, con Andrei Gromyko entón, cometerán un erro estratéxico gravísimo apoiando a partición da Palestina histórica na ONU en 1947.
Cales son as raíces da Frente Popular de Liberación da Palestina dentro do conxunto do Movimento de Liberación Nacional?
Se ben existira dende 1921 o así chamado Partido Comunista Palestino, isto non era nen comunista nen palestino realmente. Foi outra das vergoñas históricas da III Internacional e do Movimento Comunista. Na dirección deste partido non había palestinos nativos senón recen chegados polacos, rusos, etc…. En 1964 fundase a OLP con Al Fatah,agora somos 13 organizacións representadas e logo a FPLP será a segunda forza dentro da OLP. Eramos nacionalistas árabes primeiramente, pois para nós a idea de nacionalismo é liberadora, defender a túa xente, terras, costumes, lingua e cultura…
E tamén sabemos que son os pobres, os traballadores palestinos os que máis sofren en Gaza, Cisxordania, na diáspora ou na zona histórica anexionada para o Estado de Israel. É realmente coa constitución en 1967 da FPLP onde se fusionan correctamente a loita anticolonial e o marxismo-leninismo. Estivemos inicialmente influídos polo maoísmo. E logo xa nos definimos simplemente como marxistas-leninistas e patriotas anti-imperialistas pola Liberación de Palestina e solidarios internacionalistas con todos os pobos en loita contra o Imperialismo e o colonialismo.
Para nós non se pode ser nacionalista sen ser internacionalista,como tamén pensades vós na Galiza.
Ti mesmo naciches no Líbano nunha familia de refuxiados após da Nakba. E viviches a Guerra aló entre as falanxes e a esquerda libanesa aliada cos combatentes palestinos. Tamén a invasión sionista en 1982 e o cerco de Beirut.
Os refuxiados somos parte integral da nación palestina xunto cos nosos irmáns de Gaza, Cisxordania e da zona anexada polo ilexítimo “Estado de Israel”. A estratexia do sionismo precisamente consiste en dividir e fragmentar o noso pobo para sentar precedentes cos que garantir a súa expansión colonial. Esta idea é ir expulsando, confiscando e confinando o pobo palestino cada vez máis en reservas como no Apartheid. E finalmente acadar a limpeza étnica total. Por isto nós non podemos admitir a idea de dous estados, pois isto supón lexitimar a colonización das nosas terras históricas e darlle aos colonos sionistas dereitos sobre as vilas e aldeas da nosa terra de onde nos expulsaron en 1948 e ás que mesmo lles mudaron os nomes para tentar eliminar a nosa historia milenaria.
Podemos dicir que son un histórico da Frente. Viñen ao mundo no campo de Tal Azzatar, destruído en 1976 na guerra do Líbano, e mudamos para Chatila. Comenzo a militar con 12 anos. A miña conciencia política foi adquirida na realidade dos campos de refuxiados do Líbano. A miña familia é orixinaria do Norte da Palestina Histórica, o meu pai era orixinario da da Montaña de Haifa e a miña nai de Arab al Raml preto de Acre. Como moitos outros palestinos viviamos no Líbano sen dereitos e explotados, morando en chabolas sen luz e sen auga, o pozo máis achegado a 1 km. Ata os 18 anos nen cama propia tiña. Estudaba á luz do candil. Traballabamos de sol a sol cos meus irmáns, porque eramos inmigrantes sen dereitos e sometidos á represión policial das autoridades libanesas. Todo isto en flagrante incumprimento das mesmas resolucións das Nacións Unidas, como a 194, e que xa en 1948 garante o noso dereito ao retorno.
O Líbano fora unha colonia francesa e seguía en mans da burguesía colaboracionisra de Beirut e tamén a policía libanesa seguía o modelo francés, co seu infame Deuxième Bureau de intelixencia a facer redadas nos campamentos de refuxiados palestinos. Foi aquí onde contactamos coa resistencia e principiamos a repartir panfletos con outros mozos e logo xa entramos na clandestinidade.

Unha cousa que sempre lembrarei é cando tratei persoalmente no Líbano ao noso grande escritor e mártir do FPLP Ghasan Kalafani. El sempre afirmou que o pobo palestino ten catro inimigos: O imperialismo de Occidente (USA, UK, UE ,OTAN…), o sionismo internacional, o Estado de Israel e os réximes árabes colaboracionistas e reaccionarios como Arabia Saudí, Xordania… O Rei Hussein de Xordania é responsable da matanza de 20.000 palestinos no famoso Setembro Negro de 1970. Sen o apoio armado do imperialismo occidental e os poderes traidores e reaccionarios locais o Estado de Israel non tería aguantado tanto tempo.
Entón nos 70 agudízase a situación dos refuxiados palestinos, que en alianza coa esquerda libanesa e o seu Partido Comunista comezan a resistir os ataques dos falanxistas libaneses e a oligarquía neocolonial de Beirut xa en 1973. A chamada Guerra do Líbano de 1975 é unha guerra de clase e anti-imperialista entre os explotados e os explotadores e contra os imperialistas norteamericanos e franceses que apoiaban aos reaccionarios libaneses xunto co réxime sionista. En 1978 invaden o Líbano e novamente en 1982 a Resistencia Palestina manten Beirut durante 3 meses perante o asedio sionista. Sobre Beirut cae un millón de bombas. E NON SOMOS DERROTADOS. O exercito sionista somentes entra en Beirut após unha saída negociada con mediadores occidentais. Ainda así dos imperialistas nunca nos debemos fiar. Sempre actúan co engano. Estaban enviando armas, no entanto, para rearmaren as Falanxes Libanesas. Entón acontecen as masacres de Chabra e Shatila onde 3000 civís palestinos son asasinados con arma branca polos escuadróns falanxistas con apoio de Ariel Sharon e das tropas sionistas. E digo ben, foron masacrados con armas brancas. Non empregaron munición nen artillaría ou aviación para evitaren que a nova se transmitira a outros campos de refuxiados e ás nosas posicións militares. Sabían que senón terían un inferno militar en toda a zona e que vingariamos aos nosos de inmediato. Cando as nosas tropas son evacuadas logo seguimos apoiando á resistencia progresista libanesa. O noso armamento pesado vai parar ao Partido Comunista Libanés cos que sempre tivemos unha magnifica relación de irmandade e camaradería.
A Resistencia no Líbano continúa , sendo aínda reforzada coa aparición de Hizbullah nos anos 80 e tamén en Palestina continúa logo coa Primeira Intifada de 1987. Entón é cando xorden Hamás e a Yihad Islámica que non integran a OLP mais que son parte da heroica resistencia do noso pobo.
Temos outro grande problema cos Acordos de Madrid en 1991 e logo de Oslo en 1993. Aló o sionismo tenta que aceptemos unha autoridade palestina que non inclúe o noso territorio integro e onde as promesas que se fixeran son sistemáticamente incumpridas. Olla senón para a proposta de retirada de colonias en Cisxordania. Agora temos un millón de colonos en novos asentamentos aló. Veñen de Polonia, de Ucraína, Rusia, ata medio millón temos agora da Arxentina e o Estado de Israel destrúe vivendas e confisca terras de nativos palestinos para acomodalos. Se a ti te botan da túa casa, secan os teus pozos, arrasan as túas colleitas e rouban as túas terras debes resistir. É un dereito humano básico.

Un dos referentes máis famosos internacionalmente da loita palestina é precisamente unha militante histórica da Frente Leyla Khaled…
A Leyla trateina moito tempo no Líbano. É grande camarada e amiga. É unha das maiores figuras e dirixentes da Frente e da enteira Resistencia. En 1969 o primeiro secuestro dun avión no que participa é parte dunha estratexia de internacionalización da cuestión palestina. O noso pobo estaba silenciado internacionalmente, ninguén case sabía do noso sufrimento e das nosas xustas reivindicacións. Entón a FPLP acorda realizar estas accións para que o mundo tome consciencia do noso problema. Nunca quixemos causar vítimas inocentes nen ameazar aos pasaxeiros. A única vítima mortal foi un mártir internacionalista de orixe nicaraguano, Patrick Arguello, tiroteado polos sionistas durante o segundo secuestro en 1970. Os comandos que participaran nestas accións recibiran sempre instrucións moi estritas de non colocar en risco as vidas dos pasaxeiros civís. Logo en 1973 nunha Conferencia da Frente decidimos centrar o noso combate no interior e rematar con estas accións. Aínda así internacionalistas e simpatizantes palestinos e doutros países continuaron con estas accións durante os anos vindeiros. Mais non eran militantes da FPLP.
Podemos ver estes días as imaxes de trocas de prisioneiros de guerra da Palestina por colonos sionistas.
Foron moitos os militantes históricos da FPLP que ficaron no exilio ou na prisión. Olla o caso da nosa camarada Khalida Jarrar a quen quixeron exterminar lentamente na cadea. Khalida é membro do Buró Político e exdeputada. Foi detida en Cisxordania e ten estado presa dende finais de 2023, ainda por riba sen cargos. Pasou os últimos meses en illamento, sen case auga para beber e tentando que se volvese tola, sometida a unha tortura permanente, cando a liberaron a semana pasada case non se podía recoñecer e non daba falado con ninguén.

O caso de Georges Abdullah é o máis paradigmático desta política represiva apoiada por Europa.
A represión na Europa e USA sobre o movemento palestino e contra a solidariedade internacionalista foi e segue a ser moi forte. Georges Abdullah é un camarada internacionalista libanés, o preso político máis antigo aínda en cárceres europeas. O seu proceso foi unha farsa total. O avogado defensor era un membro da intelixencia francesa. Cando debería ter sido liberado xa, segue preso por intervención da CIA outros dez anos. Agora en Febreiro veremos se o poñen en liberdade ou non. Os imperialistas no fondo queren velo morrer no cárcere. Mais el non é ningún criminal senón un revolucionario. Mais todo militante revolucionario en Occidente sabe que desafiar o imperialismo ou a OTAN pagase caro. Olla mesmo un xornalista como Pablo González, o que lle fixeron. Sabemos que a UE nos acusa de terroristas aos palestinos, a quen está encerrado en campos e vive en chabolas, a quen masacran nun Campo de Concentración inmenso a ceo aberto chamado Gaza. E sen embargo os nazis, os verdadeiros terroristas fascistas nunca son perseguidos nen ilegalizados. Terrorismo en Palestina foi o Irgun sionista a colocar bombas no Hotel King David, as matanzas de aldeas enteiras en 1947 e 1948…. A Isaac Rabin déronlle o Premio Nobel da Paz e ordenara aos militares disparar a nenos nas pernas durante a Intifada e deixalos inválidos para sempre.
Que análise fai a FPLP sobre a campaña de Al Aqsa, e o apoio do Eixo da Resistencia, con destaque no Hizbullah e no Iemen?
A Resistencia existe polo combate heroico do noso pobo. A Unidade Nacional segue firme. Tanto en Gaza como en Cisxordania. O plano do sionismo e da Internacional Fascista que o apoia consiste en rematar a limpeza étnica de Palestina. O imperialismo é sempre o mesmo, non nos enganemos, Biden apoiou e deu armamento para o xenocidio do noso pobo. Se non for polo apoio financeiro, militar e diplomático do Imperio o Estado de Israel non atura dous meses. Biden é un criminal de guerra. Trump coa sua proposta de limpeza de Gaza e Cisxordania xa fracasou no inicio. Non nos imos mover da nosa terra. Non nos asustan o auxe das ultradereitas prosionistas e do neofascismo en Europa. Temos total confianza e seguridade na resistencia do noso povo. Os nosos compatriotas defenderon e gañaron a batalla contra o invasor sionista. O sionismo non acadou os seus obxectivos. O noso pobo está máis unido do que nunca na idea e práctica da resistencia. O apoio do Líbano e do Iemen foi tamén moi importante. Hizbullah abriu a fronte Norte e fixo que os colonos se retiraran ata hoxe. A invasión de Outubro foi detida na fronteira e as perdas de material e soldados do inimigo sionista foron grandes. Ao final tiveron que pactar unha tregua de 60 días porque as cidades e asentamentos que ocupan estaba diariamente baixo os misís da resistencia libanesa. E cando agora os sionistas quixeron prolongar a presencia das súas tropas ata mediados de Febreiro o pobo libanés simplemente retornou ás súas casas sen medo a eles. O seu plano fracasou novamente. Dende aquí saúdo tamén á grande dignidade e o heroísmo do pobo dos Iemen contra os ataques do Imperio por defender a causa de Palestina. Eles desafiaron durante un ano o Imperio todo. Resistiron victoriosamente contra os barcos de guerra, os portaavións e reiterados ataques de aviación dos imperialistas USA, de Gran Bretaña e de Israel. O Iemen é a mostra máis elevada da idea e práctica da solidariedade.
Que balance humano e material deixa por agora o xenocidio sionista contra o povo de Gaza?
Gaza precisa axuda urxente. Sobretodo viveres, medicinas…. Os bombardeos e masacres sionistas teñen destruído a meirande parte da infraestrutura civil. Temos máis de 500 escolas arrasadas e as crianzas non poden ir aos colexios dende hai ano e medio. e cos servizos médicos practicamente eliminados, o único hospital que fica, o Kamal Adwan, tamén foi asaltado por Israel hai poucas semanas. Temos 50.000 persoas desaparecidas, 22.000 crianzas orfas, a cifra de mortes oficial está infravalorada porque non ten en conta a xente que non puido sequera ser rexistrada nos hospitais ou está aínda soterrada entre ruínas bombardeadas. Ou a xente que morreu por causa das feridas logo sen recibir asistencia por culpa do bloqueo militar sionista. Podemos calcular que un dez por cento da poboación de Gaza foi vítima do xenocidio. Gaza con apenas 366 KM2 e millóns de refuxiados internos é o maior Campo de Concentración a ceo aberto da Historia.
Cales son as expectativas da Resistencia Palestina após este cesar- fogo?
A Resistencia é a Dignidade que nos queda. Vou contar un caso paradigmático que pasou hai uns días. Nas ruinas dunha poboación atoparon a unha avoa e preguntáronlle se apoiaba a resistencia. Ela dixo que a sua enteira familia ERA a resistencia, os seus fillos,os netos… A moral está intacta. Estes días as unidades militares da resistencia apareceron en moi bo estado no Norte de Gaza. Mesmo con milleiros de soldados, tanques, aviación e misís con Intelixencia Artificial os inimigos sionistas non puideron evitar que os atacasen día tras día dende túneles con lanzagranadas e armas de todo tipo. Tampouco puideron controlar efectivamente o terreo. Os sionistas e os imperialistas de Occidente non contaban con este profundo nivel de apoio popular logo de tantas masacres e bloqueos. Porén, os palestinos non temos nada que perder senón as nosas cadeas. Non confiamos xa moito na palabra do chamado Dereito Internacional logo de tanto cinismo das potencias durante todos estes anos. Confiamos na forza e apoio do noso pobo heroico, nas masas árabes progresistas e anti- imperialistas e tamén saúdo aos estibadores de portos europeos que recusaron cargar armamento para Israel, aos millóns de persoas solidarias que saíran e saen nas rúas de todo o mundo contra o fascismo sionista. A universitarios que ocuparon facultades en América e Europa, aos sindicatos de traballadores solidarios coa nosa loita. O cesar-fogo é unha vitoria da Resistencia e do pobo palestino. O que pode pasar no futuro quen sabe… Agora ben, peor do que levamos aturado en Gaza non vai ser. Non temos nada xa que perder e seguiremos resistindo até liberar a nosa Patria. Poñamos o exemplo de Arxelia que logo de 132 anos de colonización francesa e sacrificando millóns de mártires expulsou ao invasor e aos colonos Pied Noir do seu chán. A Vitória deles contra un grande Imperio é tamén algo posible e necesario para nós aquí.

Como vai afectar á Resistencia no Líbano e á causa palestina o derrocamento da Republica Árabe Siria xunto coa invasión sionista no sur do país?
Siria cometeu o grave «delito» de ser un país sen débedas co FMI antes da Guerra. Era un Estado progresista, secular e independente, inimigo do sionismo. En Siria daquela a sanidade era gratuíta, a matrícula na universidade non superaba os 3 euros sequer…. En 2011 principia unha guerra mundial híbrida en territorio sirio por intervención do imperialismo e do sionismo financiando e armando grupos locais. Ainda que o Exército Árabe Sirio resiste todos estes anos, as sancións e ocupación de parte do seu territorio polo imperialismo e seus títeres conseguirá baixar o nivel de vida da xente e desmoralizar a boa parte das tropas. Os militares non chegaban a 50 euros ao mes. E cando volta a contraofensiva do HTS e outros grupos moitos efectivos do Exercito simplemente deixan as armas. A situación actual é aproveitada polo sionismo para invadir impunemente o sur de Siria e arrasar a infraestrutura estatal. Nós agardamos que a integridade territorial, a soberania e autodeterminación de todo o pobo sirio, con todas as confesións e grupos poida ser preservada e o sionismo sexa expulsado.
Ti estiveches moito tempo na nosa Terra. Como valorades na Fronte a solidariedade internacionalista histórica do nacionalismo popular e da esquerda galega coa causa palestina?
A Galiza sempre foi moi solidaria coa loita do pobo palestino. As ducias de cidades e vilas galegas onde cada semana saen milleiros de persoas en defensa do noso pobo son un grande exemplo de solidariedade. Isto sabeo ben a nosa xente de Gaza, a de Cisxordania, a de Haiga ou no Líbano… Estamos moi agradecidos ao pobo e movemento galego. Sempre tiven e teño moi bos amigos na Galiza. Dende a FPLP nós sempre defendemos o dereito de autodeterminación nacional de todos os pobos.
Se el primero en comentar