Entrevistamos á Fanfarria Taquikardia, unha banda de Vigo con forte influencia balcánica, que ven podería aparecer na próxima película de Emir Kusturica. Para eles non hai escenario pequeno, podes velos nun teatro ou nunha rúa, pero sempre con ánimo de montar unha boa festa
Por Angelo Nero
En 1995 estreouse “Underground” do director iugoslavo Emir Kusturica, e moitos descubriron a música balcánica a ráfagas do seu brutal “Kalasnjikov”, mentres naquela república socialista xa comezara unha serie de guerras que terminarían con voar en mil anacos o estado que había dirixido Josip Broz Tito. Fomos moitos os fieis ó cine de Kusturica -a min a sua última película de ficción, “Na vía láctea”, pareceume tan abraiante como “Gato negro, gato branco, con 30 años de diferencia-, e tamén os que nos fixemos seareiros dos sons dos Balcáns. A banda sonora de “Underground”, asi como moitas das películas de Kusturica, son obra de Goran Bregović, e o director tamén toca o baixo nunha banda, Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra, na que a herdanza balcánica está moi presente.
Na Galicia, onde Goran Bregović visitounos en dúas ocasións, en 2003 e 2014, e Emir Kusturica coa sua banda, unha, en 2008. Tamén se deixou se deixou ver con asiduidade a banda romanesa Fanfare Ciocarlia, que aínda que se recoñezan orgullosos de su herdanza romaní, levan no seu repertorio sons que abarcan desde el Cáucaso hasta los Balcáns, pasado por Centroeuropa, e mostrando que a música, ó fin e ó cabo, non ten fronteiras. Aínda que non teña fronteiras, a música tamén ten as súas embaixadas, e a embaixada balcánica en Galicia chamase Fanfarria Taquikardia, unha “Banda esporádica formada por músicos de diversas formacións de Galiza alá polo ano 2010 e que a partir do 2012 colle pulo cunha formación que lle quere dar continuidade.”
Con eles conversamos hoxe, coa resaca dunha das súas noites xitanas, dignas dunha película de Kusturica.
Para comezar, gostaríame saber se recoñecedes esta influencia, ou, polo contrario, é so unha das moitas que traen cada un dos compoñentes da Fanfarria, porque imaxino que cada un ven ca súa propia música baixo o brazo, e iso tense que notar.
Certamente, se falamos de grupos que inflúen nas nosas composicións, Ciocarlia ou Kusturica son dous dos referentes. A música tradicional centroeuropea, bandas serbias, os virtuosos ciganos rumanos como tamén os grandes violinistas ou clarinetistas xudeos apórtannos unha ampla variedade de melodías e ritmos aos que darlle a nosa impronta.
Xa levades unha década de viaxe sonoro levando a festa por toda a península, algo que, por outra parte, non debe ser doado, cunha formación tan numerosa, así que tamén cumpre preguntar ¿cal é o xermolo do voso proxecto, e como foron eses comenzos musicais?.
A Fanfarria comezou como un grupo no que integrantes de varias bandas se xuntaban para facer algún bolo puntual. Pero chegou o momento que pedía facer algo máis serio así que, os que naquel momento formabamos parte, fixemos por ensaiar máis, ampliar repertorio e presentar ante o público a próxima Taquikardia.
Imaxino que, ó longo desa longa traxectoria longa, a Fanfarria foi mudando, deixando compañeiros polo camiño, e sumando novos músicos á vosa caravana. Fálanos deles, e da vosa formación actual que agora mesmo está xirando polos palcos do país.
Comezamos con 7 ou 8 músicos e actualmente somos 13. Berto na batería e caixa, Carlos na percusión e bombo. Apuril e Claudio nas tubas, Chiru e Emílio nos trombóns, Sotelino e Candi nas trompetas, Lois, Chino, Nico e Iago na corda de saxos tenor, alto, soprano e sopranino e Amelia, no clarinete. E polo camiño acompañáronnos moitos máis, amigos que deixaron a súa pisada e que saben que sempre serán parte do grupo. Non é doado entenderse sendo tantos. Ademais, como dicía ó principio, moitos temos outros proxectos musicais paralelos e coincidir datas sempre é complicado. Pero cando hai gañas o tempo faise.
Antes falaba dos palcos, pero a Fanfarria Taquikardia tamén é unha banda de pasarrúas, ¿non hai escenario pequeno para a vosa música?
Ao contrario, a Fanfarria naceu como banda de rúa e para nós é esencial seguir traballando entre a xente. Pero tamén desfrutamos facendo bailar ó público no escenario. Iso permitiunos entrar en diversos festivais e poder ofrecer un directo moi potente, dos que é imposible non bailar.
No voso primeiro traballo, “Sístole-Diástole”, gravado en 2014, xa facedes unha boa declaración de intencións, mesturando ritmos balcánicos, melodías klezmer, e ritmos dos Cárpatos, en temas como Yidish Blues, Goldene Kashene, Randufe o Chassid in Forcarei, que animan, sobretodo, a bailar. ¿A invitación ó baile, a que a música entre polos pes, é un dos vosos obxectivos principais dos temas que forman este disco?
Así é. Na primeira maqueta que gravamos queríamos deixar claro que unha Taquikardia era o que tiña que darlle ó público polo que foi un disco con moito punchi e moita alegría. Gravamos en Estudios Poucho, da man de Petete, e foi a demostración do que estabamos facendo nese intre. Precisábamos material para promocionar nalgúns concursos e festivais e así saíu Sístole-Diástole. Os primeiros arranxos da Amsterdam Klezmer Band, Dobranoch… Un disco cunha capa preciosa que se vendeu a 3€. Regalado. 3€ de moito punchi.
Empezades a ser reclamados polos festivais máis festeiros do país, como Revenidas, Festigal, Pardiñas ou o Castanhazo Rock, e mesmo levades a vosa música alén do telón de grelos, a Catalunya, Euskalherria, e mesmo á capital do Reino, ¿Como son eses primeiros anos de festivais e concertos, nos que espallades os vosos ritmos taquikardicos por toda a xeografía peninsular? ¿Entendese tan ben a vosa proposta musical en Lalín ou en Madrid?
A banda foi facendo nome e un oco no panorama festivaleiro. E nós estábamos desfrutando. Tocamos moito na rúa pasando a gorra, fixemos moitos quilómetros de pasarrúas, coñecimos xente moi valiosa e amizades que perduran e paramos en moitísimos bares. Incontables. Sempre dá tempo a unha caña.
En “Café Bar Sovia” (2016), seguides indagando na música dos romanís e dos xudíos dos Balcáns e de Centroeuropa, con delirios como Gypsy, Satanklezmer ou Harrinho, xa cun son máis compacto, máis de banda, cun son propio, e ademais gravades tamén o voso primeiro videoclip “Balkanico”, e, por outra parte, ¿a rodaxe do videoclip foi tan trepidante como semella?
Volvemos a Estudios Poucho para gravar este segundo traballo. Nótase a influencia de Harry, que se incorporou co violín e lle deu ao son do grupo unha distinción melódica en moitos temas. Mesturamos electrónica, fixemos brincadeiras e tamén gravamos o noso primeiro videoclip, certo. Saíu unha historia de acción e intriga chea de situacións divertidas e tolas.
Antes deste videoclip xa tiñades unha aparición moi comentada diante das cámaras, participando nunha procesión relixiosa mentres tocabades unha das máis cancións anarquistas, “Ás barricadas”, que ademais mesturades coa melodía do “Coche Fantástico”, ¿A quen se lle ocurreu algo tan provocador e, o máis importante, pagouvos a Comisión de Festas?
O vídeo da procesión foi unha falcatruada que tivo máis repercusión da que imaxinábamos pero si, é a esencia do noso espectáculo, de facer humor coa música. Polo nadal tamén paseábamos ó San Faneco Cabrón polas rúas do Casco Vello en Vigo e tiña moitos adeptos. Tampouco tiñamos intención de abrir mercado no sector procesional. Por sorte non estábamos contratados para a procesión se non para a sesión vermú de despois.
Volvedes a gravar en 2018, cun disco de estudio ó que pondes de título “Serán Romaní”, e que ven acompañado de dous videoclips, “Gelem gelem / Ederlezi” e “Leinho”, onde aparece un colaborador moi especial… A nave de Fanfarria Takicardia estaba voando xa moi lonxe, polos torreiros, rúas e teatros do mundo mundial, máis un ano despois tocou facer unha toma de terra, e o mundo parouse. ¿Como foi ese terceiro lanzamento voso e a aterraxe forzosa que, obrigada pola pandemia, vos afastou dos escenarios?
Serán Romaní gravouse en Ancestral Estudios co bo traballo e facer de Isaac Millán. Daquelas incorporouse o acordeonista e cantante de orixe romaní Leonard Roman e mudou o concepto da Fanfarria no escenario. Os dous videoclips son a mostra dunha pequena parte da súa aportación, un precioso arranxo de dous temas tradicionais: Gelem-gelem, himno do Pobo Xitano e Ederlezi, a celebración da primavera. Nesta ocasión xa non editamos en formato físico.
A pandemia adiou moitos plans e desbotou moitísimos máis. Pero había que coidarse. Tivemos tempo de darlle volta a cousas, estruturar de novo o grupo e coller forzas.
En 2023 regresades o estudio para a gravación de “Dende Chandebrito a Forcarei”, toda unha declaración de intencións, na que, sempre coa vosa esencia da música romaní, Klezmer e dos ritmos dos Balcáns e de corazón da vella Europa, introducides as voces en galego, para reivindicar ás vosas orixes. ¿Que supón este, ata o de agora, último traballo, que estades a presentar nos palcos de toda canta festa vos reclama este verán?
Dende Chandebrito a Forcarei son as gañas acumuladas dende a pandemia. Naceu no 2022 e gravamos no 2023, de novo con Isaac Millán en Ancestral Estudios. Aínda que o noso son os instrumentos, en tódolos traballos metemos voces en galego. No primeiro disco había unha letra que dicía Ven a bailar, a desfrutar, coa Fanfarria Taquikardia ei! De verbena por todo lugar, dende Chandebrito a Forcarei. E asi comeza o tema que dá nome ó novo traballo. Unha declaración de querer montar festa dunha punta a outra. En Chángola quixemos falar dun problema habitual nas praias e mostrar que temos gañas de festa.
As últimas incorporacións son recentes, polo que a frescura do grupo é notoria e van a seguir saíndo cousas novas durante o verán e de cara o outono. Así que seguide as nosas rrss para estar á última!
Se el primero en comentar