Falece Agustín Malvido, figura chave do sindicalismo nacionalista da Galiza

Entra no SOG como responsábel de negociación colectiva, e catro anos despois é elixido secretario comarcal da ING, cargo que mantivo logo na INTG, a CXTG e a CIG, até a súa xubilación en decembro de 1997.

Por Nós Diario

CIG vén de notificar o pasamento aos 94 anos de idade de Agustín Malvido Broullón, «figura chave do sindicalismo nacionalista», subliñan. Malvido comezou a súa longa traxectoria sindical no Sindicato Obreiro Galego (SOG), que precedeu no tempo a propia CIG, en 1976.

«Fillo de Agustín (mariñeiro) e de Josefa (conserveira), naceu en Cangas do Morrazo en outubro de 1928. Quedou orfo aos catro anos, trasladándose aos oito a Vigo, onde en 1940, con 12 anos, entrou a traballar como botóns no Real Club Náutico», lembran desde a central sindical.

Posteriormente exerceu de aprendiz na fábrica de Álvarez e en Vidrios La Florida, onde permaneceu desde 1944 até 1978. Nesta etapa foi tamén enlace sindical, unha experiencia que lle valería máis tarde para contribuír ao desenvolvemento das primeiras organizacións sindicais de carácter nacionalista.

Entra no SOG como responsábel de negociación colectiva, e catro anos despois é elixido secretario comarcal da ING, cargo que mantivo logo na INTG, a CXTG e a CIG, até a súa xubilación en decembro de 1997. Foi, de feito, o primeiro secretario comarcal da CIG en Vigo, «sendo un dos alicerces básicos no nacemento, crecemento e consolidación do sindicalismo nacionalista tanto na bisbarra como no conxunto do país».

«Até o seu pasamento mantivo unha relación constante coa CIG, con visitas periódicas ás instalacións do sindicato, e participou activamente nas principais mobilizacións convocadas na cidade pola central. Ao longo da súa vida tamén tivo tempo para a militancia política, sempre da man do nacionalismo. En 1998 foi nomeado Vigués Distinguido en recoñecemento da súa tarxectoria», sinalan desde a central sindical.

A CIG traslada a familiares e amizades de Agustín Malvido o seu afecto e o «máis sinceiro agradecemento» pola súa «enorme contribución á causa da clase obreira galega e dunha Galiza ceibe e sen explotación».

O BNG de Vigo sumouse ás condolencias a través dun comunicado no que o seu portavoz municipal, Xabier Pérez Igrexas, subliñou que Malvido «xogou un papel fulcral no abrollar do sindicalismo nacionalista e de clase e co seu desempeño incombustíbel axudou a eito a empurrar a causa das traballadoras e traballadores de Vigo e da Galiza».

«Malvido é un expoñente dunha xeración á que lle debemos unha inmensa gratitude, por se revolver fronte á inxustiza en tempos moi duros e complexos en favor dos dereitos da maioría social e das liberdades, sempre coa cabeza e co corazón na Galiza», engadiu.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.