Eu si voto

Victoria Portas
Relaciones Laborais e experta en Seguridade Social
Membro de COESPE e MODEPEN


A ninguén lle estrañou a pouca repercusión (ou nula) dos medios de comunicación cun tema tan transcendente como foi a aprobación por parte do Parlamento Europeo do Produto Paneuropeo de Pensións Individuais (PePP)?

A realidade é que no noso país ténsenos atontados co conflito catalán, independencia si ou independencia non, e mentres o importante estase a tratarse por baixo da mesa sen pena nin gloria e somos a clase traballadora a que o imos a padecer a curto e medio prazo.

En escasos dous meses serán as eleccións europeas, o mesmo día que as xerais e as municipais, e canto máis pasen desapercibidas moito mellor para os grandes capitais. O noso goberno xa non é gobernado desde o Congreso ou o Senado, está a ser gobernado desde a Comisión Europea (CE) e o Parlamento Europeo (PE) e controlado polos grandes capitais e lobbies como son a OCDE (Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos), FMI (Fondo Monetario Internacional) e o BM (Banco Mundial).

Canto antes tomemos conciencia de que as eleccións europeas marcarán o noso rumbo, antes poderemos ter polo menos unha esperanza dun futuro diferente. Este ano, o 2019, pode ser un ano para a historia. É o ano no cal a clase traballadora ten o poder na súa man para cambiar a situación que estamos a vivir, pois a crise non é social, é unha crise financeira que a banca debería haber resolvido co seu propio patrimonio, e non coa nosa suor.

Esta crise non se levou a sanidade, a educación, a dependencia, a vivenda, os traballos, as prestacións, as pensións, etc. Todo iso levouno unha política neoliberal e quitoullo á clase traballadora, ao pobo para darllo aos ricos, ao gran capital. E si, existe outro tipo de política.

Onte, no Parlamento Europeo, perdemos algo moi importante, perdemos parte do noso sistema de protección social, pero gañamos estar no debate.

Victoria Portas

Onte, no Parlamento Europeo, escoitouse a nosa voz. Por primeira vez na historia escoitouse a nosa voz, situóusenos no mapa non só a España, senón tamén a Galicia.

Onte, no Parlamento Europeo, en contra da dereita rancia europea e dos lobbies que a mantén coas súas portas giratorias, tívose que votar unha emenda da Coordinadora Estatal de Pensións porque houbo unha eurodeputada valente, Lidia Senra, que non se achicou aos poderes do capitalismo.

Unha eurodeputada que nos comunicou desde o primeiro día o que a CE e a UE pretendían aprobar por baixo da mesa, un ano de traballo intenso con diferentes países: Grecia, Portugal, Francia, Finlandia, Suecia…, que se logrou o voto a favor da nosa emenda e en contra do PePP de 143 votos, de 143 eurodeputadas e eurodeputados que entenderon a quen representaban.

Imaxinádevos se conseguimos moitas eurodeputadas e eurodeputados valentes.

O 28 de abril e 26 de maio somos a clase traballadora os que temos o poder na nosa man para poder levar ás deputadas e deputados ao Congreso, ao Senado, aos Concellos e ao Parlamento Europeo. Imaxinádevos o que poderiamos conseguir se a quen envíamos son valentes.

Europa non está lonxe, incide na nosa vida diaria, incide no noso presente e no noso futuro, o poder da clase traballadora é o VOTO, non deixes de exercitalo, pois do mesmo xeito que a abstención de onte, o non ir votar é ser cómplice do roubo dos dereitos da clase traballadora.

Eu irei votar por todas aquelas mulleres que loitaron para que nós hoxe podamos exercer o dereito ao voto.

Eu irei votar coa concienciación da quen vai o meu voto e para o que quero que se utilice.

Eu irei votar pola defensa da clase traballadora, das mulleres, do futuro das miñas fillas, do meu futuro como pensionista, da miña amada Galiza, e dos que menos teñen.

EU SI VOTO

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.