Estamos aquí para facer memoria

Discurso lido na Porta do Sol de Vigo. 86 anos despois do día no que, nesa mesma praza, 24 persoas foron asasinadas polos fascistas. Un deles tiña 14 anos.

Por Francisco Castro

Estamos aquí para facer memoria. Porque a memoria, faise. A memoria dos pobos non aparece porque si, non cae do ceo e moito menos dos púlpitos ou dos cuarteis. A memoria facémola entre todas e todos, a sociedade civil libre, liberada, maior de idade e sen tutelas. A memoria do que debe ser constantemente relembrado. A memoria do que non debe ser esquecido.

En xullo de 1936, tal día coma hoxe, o fascismo español comezaba aquí mesmo o exterminio inocentes que cometeran o delicto, que non era delicto, de manterse fieis á legalidade. Que disparate foi aquel intre histórico no que as persoas decentes eran etiquetadas como rebeldes e malos patriotas e os fascistas, os golpistas, os asasinos, laureados como heroes, salvapatrias e exemplares. Que desatino histórico. Que vergonza colectiva.

Estamos aquí para que a dignidade goberne o mundo. Porque mentres esteamos aquí para lembrar o exemplo de dignidade dos antifascistas aquí asasinados, o mundo será, á súa vez, máis digno. Estamos aquí para contrarestar o discurso fascista hoxe branqueado polas institucións, por partidos políticos tibios, que ou ben non condenan ou ben, directamente, aceptan pactar para así ter poder, aínda que certos pactos sexa como volver fusilar de novo a todos os que aínda dormen nas cunetas, no esquecemento dun estado español que non fixo nada por buscalos, por devolverllos ás súas familias. Un estado, pois, indigno.

Estamos aquí porque somos xente decente e porque non queremos comungar cunha historia feita para elevar aos altares a asasinos que aínda ata hai nada enlixaban as paredes das igrexas cos seus nomes. Que clase de país é este onde os verdugos reciben honores de estado, se lles dá o seu nome ás rúas ou se lles deixa descansar dentro de igrexas e catedrais? Estamos aquí porque non queremos ese mundo para as nosas fillas e fillos. Estamos aquí porque somos orgullosos herdeiros dos que aquí deixaron a súa vida pola nosa liberdade.

Os asasinados daqueles días no que comezou o Xenocidio dun pobo, deron a súa vida. Moitos deles non o sabían pero o seu sangue alimenta coma sabia fresca o rexo tronco da árbore do noso futuro. Republicanos e dignos, sabemos que as nosas palabras conectan con eles, que as nosas verbas acariñan o seu derradeiro alento logo das balas disparadas por aqueles criminais daquela mal chamada “guerra civil” e que foi o que foi: un golpe de estado fascista contra dunha democracia europea moderna, homologada ao resto dos países civilizados.

Estamos aquí porque cremos na República como a máis xusta das organizacións políticas posibles, porque cremos nos valores da Institución Libre de Ensinanza, porque cremos nas lección de Bóveda, na Galiza de Castelao, na cultura democrática, no valor da palabra e da discusión racional, da escola pública e da Igualdade entre todas as persoas que forman a sociedade. Todo o que negou o franquismo. Estamos aquí porque queremos máis Enciclopedia e menos catecismo.

Hai 86 anos, neste mesmo lugar onde hoxe reivindicamos a memoria dos nosos mártires, deu comezo o xenocidio dun pobo. Hoxe, millóns de españois están dispostos a mercar o argumentario dunha ultradereita que nega que iso fose así e que queren devolvernos á tristura cultural, emocional e política dos anos 40. Que saiban que non imos consentilo. Que saiban que nos teñen enfronte. Que saiban, os que aquí deixaron a súa vida, que loitaremos, ata o alento final, pola súa dignidade e pola súa memoria. Que non esquecemos. Que nunca imos esquecer.

Moitas grazas.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.