Entrevistamos o colectivo Defende a Galega: » Non temos un medio de comunicación senón unha canle de tranmisión de intereses que non son os da cidadanía»

Por Daniel Seixo

Máis dun ano de protestas, represalias, silencio e dignidade. Máis dun ano dende que o persoal dá TVG e dá Radio Galega decidía unirse á iniciativa dxs companheires dá Radio Televisión Española en solidariedade coas súas demandas e co obxetivo de denunciar a propia manipulación na CRTVG. Entre o prepotente silencio da Xunta, a tímida resposta do xornalismo espanhol e o apoio incondicional do persoal da CRTVG, en Nueva Revolución puxémonos en contacto co colectivo Defende a Galega para conhecer de primeira man a iniciativa dos Venres Negros e poder achegar deste xeito aos nosos lectores un movemento de dignidade sin precedentes no seo do xornalismo público galego, que semana tras semana segue reclamando o fin da inxerencia política da Xunta nun medio de comunicación que nos pertence a todos e a todas.

Resultado de imagen de venres negros

Cando xorden os venres negros?

O primeiro venres negro foi o 25 de maio de 2018. As traballadoras e traballadores da CRTVG decidimos naquel momento unirnos á iniciativa das compañeiras de RTVE, porque nós tamén reclamamos a independencia dos medios públicos do goberno. Desde aquela, hai 17 meses, todos os venres foron venres negros. Este próximo venres será xa o número 76.

Que os levou a tomar esta decisión?

A responsabilidade co noso traballo e con toda a cidadanía galega e a posibilidade de facer chegar o noso posicionamento á sociedade, grazas ás redes sociais. Demos un paso adiante en defensa dos medios públicos en resposta a actuacións que comprometen a súa calidade e, polo tanto, a súa propia existencia. Non pode ser que a Lei de Medios Públicos Audiovisuais aprobada polo Parlamento galego en 2011 siga incumpríndose, precisamente naqueles aspectos que buscan consolidar a súa independencia, como a elección da dirección xeral por maioría parlamentaria reforzada ou a creación do Consello de Informativos. Os medios públicos arrastran problemas crónicos de dependencia gobernamental desde a súa creación, pero nos últimos tempos a deterioración do servizo público está agravándose: desaparición de delegacións en Pontevedra, Ferrol e A Mariña, eliminación dos informativos locais na radio, programas ‘low-cost’ de dubidoso interese, falta de pluralidade e de enfoque propio e galego nos contidos informativos…

Cal foi a reacción inicial da Xunta?

Oficialmente, ningunha. O goberno galego evitou e rexeitou preguntas sobre o conflito nos medios públicos, desbotou calquera responsabilidade na situación e Feijoo mesmo chegou a dicir que non ve a TVG.

Mudou algo esa postura en todo este tempo?

Neste tempo non houbo ningún intento de achegamento por parte da dirección da CRTVG. Só vimos chamadas de atención e aperturas de expedientes incomprensibles a compañeiros, advertencias para que non se usen as camisetas de Defende A Galega ou ordes para que non se dese a información da concesión do premio Couso. É moi grave que o director xeral da CRTVG admitise en sede parlamentaria que se antepuxo unha suposta “protección da marca” ao dereito á información dos galegos. É moi grave e é falaz, a marca da CRTVG protéxese informando con rigor e calidade, non furtándolles noticias aos espectadores e oíntes.

Pódese falar dun apoio maioritario entre os traballadores?

Non hai mellor mostra que as fotografías que colgamos nas redes cada venres, nas que un número moi importante de traballadores e traballadoras dan a cara a pesar das presións.

O silenciamento do premio Couso a Defende a Galega é un exemplo representativo de como se silencia o que non interesa

Existe manipulación na CRTVG?

Nada impide que a haxa. Se o partido no goberno escolle o director xeral, que a súa vez nomea o resto das xefaturas, eses mandos non lle deben lealdade á cidadanía, senón a quen os puxo aí. Se na redacción non se debaten os enfoques informativos, se se despreza o criterio dos xornalistas e os profesionais non dispoñen de ningún órgano no que poder opinar sobre os contidos informativos, non temos un medio de comunicación senón unha canle de tranmisión de intereses que non son os da cidadanía. A inxerencia gobernamental nos medios públicos -e nos privados- é un mal endémico contra o que debemos rebelarnos os profesionais e toda a sociedade.

O silenciamento do premio Couso a Defende a Galega é un exemplo representativo de como se silencia o que non interesa. Durante a campaña das eleccións municipais os telexornais relataban unha sucesión de desastres e problemas en concellos non gobernados polo PP, en contraste con noticias positivas dos municipios con alcaldes populares.

Considera que a información en Galiza esta guiada politicamente?

Desde logo, non hai moito interese en que os medios de comunicación realicen debidamente o seu labor de control e fiscalización do poder. Nos medios públicos non se poñen en marcha os mecanismos previstos pola propia lei para evitar as inxerencias gobernamentais. Canto aos privados, ou se cadra deberiamos chamarlles concertados, reciben moitos cartos públicos a través de publicidade institucional e convenios sen a transparencia nin a regulación adecuadas.

Existe unha política de represión fronte os xornalistas díscolos?

Nun contexto de precariedade e redución das redaccións é aínda máis fácil apartar os xornalistas pouco dóciles.

Como describirían o modelo de CRTVG que tentan cimentar dende a Xunta? 

Manipulación e desmantelamento.

Existen certos temas nos que a censura ou a manipulación fose máis constante?

Todos aqueles que suponen un discurso crítico respecto do partido no goberno galego, como as mobilizacións

do persoal da Sanidade pública. En xeral, as protestas reciben unha atención moi diferente se apuntan ó goberno

central ou á Xunta, cando están en mans de partidos diferentes.

Existe «amiguismo» dentro da RTVG?

O que é constatable é, por exemplo, a falta de pluralidade nos participantes dos faladoiros. Abonda con repasar os nomes máis recorrentes e a representación neles doutros medios de comunicación.
Na escolla de caras visibles é inevitable que existan cuestións subxectivas; o importante é que se respecten os principios e obrigas da CRTVG na elaboración e presentación das informacións e que sexa posible un desenvolvemento normal das carreiras profesionais dos traballadores dos medios públicos, algo bastante difícil neste momento.

Poden os galegos e as galegas estar ben informados atendendo as súas canles públicas?

No sistema de medios galegos, en xeral, non resulta fácil informarse ben, de maneira veraz, rigorosa e plural.

Mostrou o xornalismo do resto do estado interese pola vosa situación?

Recibimos apoios de xornalistas doutros lugares do Estado, especialmente galegos que traballan fóra de Galicia. Tamén houbo medios de alcance estatal que recolleron as protestas na CRTVG. Na prensa galega, fóra dos xornais dixitais, é moito máis fácil atopar críticas durísimas a TV3 que referencias aos problemas nos medios públicos galegos.

En xeral, as protestas reciben unha atención moi diferente se apuntan ó goberno central ou á Xunta, cando están en mans de partidos diferentes

Cales son os seus plans de cara o futuro?

Continuar mobilizándonos e facendo chegar as nosas reivindicacións a toda a sociedade galega.

Que lhe dirían a todos aqueles mozes galeges que hoxe se plantexan estudar xornalismo?

Que o bo xornalismo é máis necesario ca nunca. Se escollen ese camiño, que esixan que nos seus estudos haxa formación e reflexión deontolóxica e debate sobre o estado do periodismo en Galicia. Cando cheguen a traballar aos medios, que nunca esquezan a súa función e responsabilidade social. Estuden o que estuden, que reclamen e apoien como cidadáns xornalismo honesto que nos dea ferramentas para entender o mundo complexo no que vivimos.

Desde o comezo deste curso hai alumnado da facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago que está participando nos Venres Negros. É unha excelente noticia que nos dá azos e esperanza no futuro.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.