Por Daniel Seixo
Un Como foi o proceso da canteira de Casalonga ata chegar ao momento no que nos atopamos actualmente?
A veciñanza ten coñecemento do problema cando o concello convoca unha asemblea informativa no mes de maio de 2018. Alí saltan todas as alarmas, pero a empresa xa levaba máis de un ano movendo fíos, xa tiña mercado a canteira e o dereito mineiro e xa solicitara en medio ambiente os permisos para construír unha planta de produción de biogás a partir de lodos de depuradora, residuos de matadoiros, residuos de conserveiras e outros moitos residuos orgánicos de todo tipo. Paralelamente a isto xa comezara a mover en minas a idea de “restaurar” a canteira con residuos de construción e demolición entre outros, empregando os restos que saíran da planta de biogás como cuberta final de tecnosolos e as augas residuais para regar os eucaliptos que se plantaran. O Negocio sería redondo e A Casalonga estaría condenada.
Coa mobilización e os informes municipais conseguiuse que a xunta arquivara o proxecto da planta de biogás pero o resto segue adiante. Agora mesmo estamos agardando a que a Dirección xeral de Minas saque a exposición pública o proxecto de restauración da canteira que contempla facer desaparecer o monte da Casalonga e volver a construílo con dez millóns de metros cúbicos de residuos.
Estamos a falar da transformación “encuberta” dunha canteira nun vertedoiro?
Todo depende do que se retorza a linguaxe. Cando botas nun burato dunha canteira residuos de construción e demolición considerados inertes e os tapas, segundo a lexislación española (que non a europea) pasan a ser “material valorizado” en entón non sería un vertedoiro. Para nós encher un burato con dez millóns de m3 de residuos (farían falta cen prestiges para abarcalos) é claramente facer un vertedoiro.
En que momento e con que obxectivos xorde a plataforma Casalonga Limpa?
Unha semana despois da primeira asemblea informativa convocada polo concello xa se organiza unha asemblea veciñal e desta sae xa un primeiro grupo de traballo para poñer a andar a plataforma. 15 días despois tiñamos xa os estatutos entregados por rexistro na Xunta e a plataforma posta a camiñar con máis de 40 persoas repartidas en mesas de traballo. Tras as primeiras asembleas convocadas xa formalmente eramos máis de 500 socios dados de alta na plataforma.
As respostas que recibimos ate o de agora foron dende Madrid que hai que agardar a que haxa goberno, e dende a Xunta que o arregle o concello ou o goberno central
Como afectaría o procedendo de baleirado da lagoa ó ecosistema?
Non podemos estar seguros de cal sería o efecto porque non podemos entrar na finca nin tomar mostras de auga. O que si sabemos é que alí hai especies invasoras como o carpín dourado ou a herba da pampa e que o baleirado se fixo abrindo unha válvula a caño libre que soltou entre de 5000 e 10000 m3 de auga en un par de días ladeira abaixo polo medio de propiedades privadas, sen ningún tipo de control e sen ningunha análise previa da auga que garantira a viabilidade de devolvela ó rio Tinto e o Sar. Todo isto amparándose nun permiso de augas de Galicia de hai 20 anos e sen ningún estudio sobre o terreo da situación actual. Por outro lado, nós mesmos constatamos a existencia na lagoa de ducias de especies de aves e plantas acuáticas así como outras como o falcón peregrino ou a lontra, todas elas dependentes da masa de auga. Nin que dicir ten que desaparecerían se desaparece a lagoa.
Podería chegar a verse afectado o río Tinto?
Evidentemente, tódolos problemas que puideran ter eses preto de 10.000 m3 de auga vertidos ladeira abaixo puideron chegar ó río tinto o mesmo día e ó Sar nos seguintes. Como curiosidade, estes días na N550 ó paso por Casalonga un camión cisterna con xabrón perdeu parte da carga, o cal encheu 1 km de estrada de escuma. En media hora o río Tinto estaba cuberto da mesma escuma.
Están a cumprirse neste proceso as esixencias realizadas pola Xunta? resultan suficientes esas esixencias?
Non. Como exemplo entre outras moitas cousas incomprensibles, a propia xunta comunicou ó concello que o plan de restauración e a declaración de impacto ambiental (DIA) vixentes eran as que tiña concedidas a anterior empresa no ano 2001. Consultados estes documentos constatamos que non se cumpre a maior parte das condicións impostas na DIA. Entre outras non hai valado perimetral, non hai valado cinexético no alto dos taludes, non se limparon nunca as balsas de decantación ( debera ser cada 6 meses), non se analizou nunca a auga (debera ser cada 3 meses), non se substituíron os eucaliptos da pantalla vexetal por piñeiros, non se aireou nin aboou o acopio de terra vexetal ( debera ser cada 6 meses), e un longo etc de incumprimentos que a propia DIA di que implican a paralización cautelar da actividade. A día de hoxe nada.
Existe transparencia nas negociacións entre a companhía e o goberno galego?
Só temos acceso (e con moito esforzo) á documentación do expediente de minas relativa ó proceso. Se hai negociacións entre a compañía e o goberno descoñecémolo. O que está claro é que o escurantismo e as aprobacións de trámites por silencio administrativo que se fan dende a Dirección Xeral de minas non axudan a pensar ben.
Chegaron a presentarse máis de mil alegacións para conseguir paralizar este proxecto, existe colaboración por parte da Xunta neste sentido?
Esas alegacións fixéronse no período de exposición pública feito pola Dirección Xeral de Medio Ambiente da nova DIA presentada pola empresa. O prazo de presentación rematou o 23 de Setembro e a día de hoxe tampouco sabemos nada dese proceso. Cabe salientar tamén que houbo un punto de inflexión importante na postura da xunta a través da Dirección xeral de minas cando no mes de Agosto nos comunicaron que non consideraban á plataforma parte interesada no proceso. Aí puxeron as cartas boca arriba. Queren apartarnos.
Cal foi a reacción dos diferentes grupos políticos no que se refire a este proxecto?
Dende un principio todos os grupos políticos municipais sen excepción se opuxeron ó proxecto, en pouco tempo tiñamos declaracións institucionais dos concellos limítrofes, do concello de Santiago e da Deputación da Coruña opoñéndose ó proxecto feitas por unanimidade. A partires de aí percibimos máis apoio por parte duns partidos que de outros…
Esixen cambios lexislativos a nivel estatal e autonómico para que ningunha mina galega poida volver converterse nun vertedoiro, déronse pasos neste sentido?
Si. Solicitamos reiteradamente ó goberno central, á xunta e ó concello que fixeran cambios lexislativos e normativos dentro das súas competencias. Polo de agora isto só serviu para que se pasaran a pelota uns a outros. Nos temos claro que unha modificación puntual da lexislación mineira estatal no referido á restauración con residuos ou da lexislación da xunta relativa a residuos ou minas, ou incluso da lei do Solo de Galicia rematarían con este problema. As respostas que recibimos ate o de agora foron dende Madrid que hai que agardar a que haxa goberno, e dende a Xunta que o arregle o concello ou o goberno central.
Manexan cifras aproximadas da cantidade de residuos que poderían ser transportados a Casalonga en caso de que finalmente se levase a cabo este proxecto?
Si, sairían da canteira arredor de 5 millóns de m3 de áridos e pedra e entrarían dez millóns de residuos “inertes” para o recheo e preto de 200.000 Tn máis de residuos para a fabricación dos tecnosolos da cuberta final. Máis de medio millón de viaxes de camión entrando e saíndo pola travesía da N550 entre as casas en Casalonga ó longo de 30 anos.
Estamos a falar dun posible atentado contra a saúde pública?
No que respecta á saúde pública hai tres vectores de contaminación: Terra, aire e auga. No caso da terra os residuos introducidos levan fraccións de metais pesados e outros compostos químicos que inda que en porcentaxe non son significativas ó multiplicalas dez millóns de toneladas de toneladas convértense tamén en Toneladas. Entrarían no burato con total seguridade centos de toneladas de chumbo ou mercurio por citar algúns. No que respecta ás augas, máis de 1000 persoas beben auga de mananciais que nacen na faldra do monte da Casalonga. É evidente que estas sustancias acabarán pasando á auga e dela a quen a beba ou ás plantas que reguemos. Ademais a propia explotación da canteira pode liberar cantidades importantes de radón que poderá incorporarse tamén ás augas subterráneas pois como vimos nas primeiras voaduras, estas fixéronse sobre a auga da lagoa e o radón liberado pola pedra no canto de pasar á atmosfera sen problema queda atrapado na auga. Por último respecto do aire non temos constancia de ningún estudo que poña enriba da mesa que gases poden liberarse na produción dos tecnosolos e dos seus efectos.
Tenhen constancia de que se chegaran a comprar contedores de cara a poder desprazar residuos do norte de Europa a Galiza?
Esa información chegounos hai xa uns meses como un ruxe ruxe que falaba de fletar directamente barcos cargados de lodos de depuradora entre os Paises Baixos e Galicia mais non puidemos constatala de ningún xeito. O que si é certo é que Galicia ten a día de hoxe sobredimensionado o mercado do tratamento de lixo e o propio plan PRIGA o recoñece. Pola contra países como Bélxica ou Holanda teñen un problema con isto pois a súa poboación cuadriplica á galega para a mesma superficie e existe unha directiva europea que obriga a tratar os residuos dentro da unión europea. O noso medo é que nos convertamos no pozo negro de Europa con varios centos de canteiras abandonadas na nosa xeografía e unha lexislación facilitadora.
Existe algún tipo de interlocución con Toysal? Déronlhes algún tipo de explicación?
Non, a nosa postura e a de Toysal a día de hoxe son irreconciliables. Eles aspiran a gañar moitos cartos a costa de que nós perdamos a nosa contorna. Non vemos puntos de encontro posibles.
Gozan dunha estimación aproximada do posíbel número de casos similares ao da canteira de Casalonga en Galiza?
Non temos ningún estudo completo, pero si coñecemos a realidade de outros moitos casos como o de Miramontes, a mina de Touro, a mina de Lousame, a contorna de Sogama ou o concello de As Somozas entre outros moitos. Ver en que se converte unha comarca cando se implantan estas empresas danos a medida de a onde podemos chegar si non o paramos. En ningún caso vemos que a situación sexa asumible. O deterioro e sempre moi grande. Iso danos forza e determinación.
Mantenhen contactos con outras localidades afectadas por proxectos relacionados coa minería como poden ser Miramontes, Touro, As Somozas ou Ordes?
Como diciamos, temos información de outras realidades porque temos creado unha rede de plataformas con problemáticas similares na contorna do Ulla e o Sar. Nesta rede ademais de ter liñas de actuación conxunta, tamén compartimos as experiencias que imos tendo e iso danos ferramentas para seguir cara adiante.
Para nós encher un burato con dez millóns de m3 de residuos, farían falta cen prestiges para abarcalos, é claramente facer un vertedoiro
Supón a mobilización cidadá unha arma efectiva contra este tipo de atropelos?
Temos claro que si non nos houberamos mobilizado dende un principio agora teriamos xa na Casalonga unha planta de biogás e un vertedoiro. Se seremos quen de parar tódolos intentos da empresa (segue a ser a propietaria das parcelas da canteira) é algo que saberemos ó final do camiño. Nós cremos que o conseguiremos se temos o apoio de tódolos veciños.
Que pasos inmediatos van levar a cabo desde a súa plataforma?
Cando se fixo o baleirado da lagoa fixemos unha denuncia á fiscalía de medio ambiente e agora estamos agardando a ver cara onde camiña. Seguimos vixiantes para que calquera actividade que se realice mentres tanto na canteira respecte escrupulosamente a lexislación vixente e seguimos insistindo na necesidade de decretar unha paralización cautelar da actividade mentres non se resolve o expediente do novo plan de restauración.
Consideran que recibiron unha atención informativa adecuada por parte da RTVG?
En ano e medio de traballo e mobilizacións fomos varias veces portada dos xornais máis importantes de Galicia, tivemos ducias de entradas en todas as emisoras de radio privadas, centos de entradas en xornais dixitais, varias campañas de difusión, ducias de preguntas parlamentarias de tódolos partidos da oposición, actos culturais, asembleas informativas… A RTVG adicou neste ano e medio arredor de vinte ou trinta segundos de imaxes de xente protestando nun par de telexornais. Non. Non foi suficiente a atención informativa da RTVG.
Se el primero en comentar