Por Daniel Seixo
Depende das zonas hai un número de Centros de Información á Muller suficiente para atender ás usuarias (como son as provincias da Coruña e Pontevedra) e noutras, onde a dispersión rural é considerable (Lugo e Ourense), non hai todos os que serían precisos. Por outra banda, esíxese, a nivel de persoal, o mesmo número de profesionais para un CIM rural ou con poucas usuarias que para unha grande ou da cidade, o que é absolutamente inaceptable porque non teñen o mesmo volume de traballo. Así pois, o desequilibrio está aí, e é moi preocupante porque non hai persoal, non se contrata tal e como sería preciso e hai un desbordamento que afecta claramente ás técnicas que traballan nos Centros de Información á Muller e que, por suposto, redunda na atención ás usuarias que se achegan con problemas de desigualdade e de violencia machista. Elas son o motor dos CIMS e se non se lles pode atender correctamente, está claro que hai un problema.
Vense habitualmente excedidas polo número de casos recibidos?
Si, en moitas máis ocasións das que nos gustaría. A atención as vítimas é multidisciplinar. As mulleres, no primeiro momento, hai que escoitalas o tempo que sexa preciso. Non é unha atención pautada de dez minutos e paso á seguinte que ten cita. Poden pasar horas no despacho recibindo atención xurídica, psicolóxica, tramitando axudas, derivando a outros servizos , etc. Toda esta labor cotiá ten que ser compatible coa tramitación de axudas e subvencións e os trámites burocráticos derivados disto, ademais da programación, elaboración e execución de campañas de sensibilización, obradoiros, actividades diversas, realización de plans de igualdade, memorias, informes e todo tipo de protocolos, convocatoria e celebración de mesa de coordinación local contra a violencia machista, etc. Evidentemente toda esa carga de traballo unida á falla de persoal que hai provoca que moitas das profesionais que traballamos nisto sufran a síndrome de burnout por mor da saturación na que viven día a día.
É moi preocupante a escalada da violencia entre a xuventude
Quen debería asumir a responsabilidade desta situación?
Obviamente os responsables políticos. Cando se modifica o Decreto de 2004 polo Decreto 130/2016 a Vicepresidencia da Xunta establece no seu artigo 10 que o persoal mínimo que ten que ter un CIM e só contempla: asesor/a xurídico/a, psicóloga/o e director/a, pero non establece a obriga do apoio por un/ha auxiliar administrativo/a o que é absolutamente imprescindible nos CIMS. Ademais a figura da dirección é compatible coa de asesoramento xurídico ou atención psicolóxica, razón pola que nunha porcentaxe moi elevada dos casos é a mesma persoa, algo que a día de hoxe é incompatible coa enorme cantidade de responsabilidade que ten que asumir a titular que desenvolve o posto de dirección. É moi complicado para todos os CIM que teñen un número de atención a usuarias elevado e, por riba, unha chea de actividades.
Transfórmase isto en maior desprotección para as mulheres?
Por suposto, se estamos facendo unha cousa non podemos atender a outra, e se non hai tempo hai “listas de espera”. Hai compañeiras de CIMS que, ou pola dirección, ou porque están contratadas a media xornada ou só 10 horas (que é o mínimo que marca o Decreto) teñen atencións ata un mes ou máis de espera.
Soe vir acompanhado o suposto compromiso político co feminismo dunha adecuada dotación orzamentaria?
En absoluto, na maioría dos casos existen os CIMS sen case dotación orzamentaria ou cunha cantidade insuficiente para reforzar o cadro de persoal ou mesmo realizar actividades.
Que sería necesario para un correcto funcionamento?
Loxicamente máis persoal especializado para a atención integral e multidisciplinar que as mulleres precisan e merecen e a posibilidade, como se falaba na pregunta anterior, de ter un orzamento propio para o desenvolvemento de actividades e campañas que son moi necesarias.
Que perfís profesionais resultarían máis urxentes para incorporarse a estes centros?
Cada quen terá as súas propias necesidades, desde logo profesionais expertas en xénero. Desde as Axentes de Igualdade de Oportunidades ata traballadoras sociais ou Educadoras familiares propias dos CIM, para non ter que derivar ás de atención primaria.
Supón o rural un punto especialmente negro para os Centros de Información á Mulher?
Si, son zonas illadas en moitas ocasións e onde non hai CIM ou está moi lonxe é imposible achegarse. Son mulleres cunha problemática específica e xa non falemos das que teñen máis de 65 anos, un segmento de idade moi castigado pola falta de axudas e que é absolutamente preciso visibilizar e tratar como se merece.
Conhecen agora as mulheres melhor os seus dereitos?
Si, neste aspecto avanzouse moito. Coñecen moito máis que hai 15 anos, por exemplo, pero aínda queda moito por facer, especialmente na zona rural.
E moi importante que todos os grupos políticos se teñan posto de acordo nun tema tan grave como é a violencia contra as mulleres
Que opinión merécelhes a estratexia de Vox tentando mesturar conceptos como a violencia intrafamiliar e a de xénero?
Non deixa de ser triste que coa cantidade de mulleres que seguen a ser asasinadas polo machismo non sexa suficiente para que alguén con responsabilidade política sexa quen de diferenciar a violencia machista, que é a que calquera muller polo feito de ser tal a pode sufrir, da violencia que se produce dentro da familia. Porque o machismo non é o resultado, é a causa e esta está na sociedade. Por iso é preciso un Pacto de Estado mais que contra a violencia de xénero, contra O MACHISMO.
Que tipoloxías de violencia machista adóitanse atopar de forma máis asidua?
A violencia PSICOLÓXICA é moi frecuente, ademais da física . Existe un auxe da violencia sexual, e coido que a gran descoñecida é a violencia económica , na que moitísimas mulleres se ven privadas do acceso aos cartos porque os seus maridos ou parellas non lle dan conta do que fan nin como está o tema. Quítanas das contas bancarias, retíranlles as tarxetas de crédito e teñen que “mendigar cartos” para ir á compra ou para algo que precisen. Xa por non falar dos impagos de pensións de alimentos dos homes a favor de seus fillos e fillas, que se incumpren sistematicamente e déixanos na precariedade máis absoluta. A porcentaxe deste delito é escandalosamente elevada.
Supón un marco adecuado de partida O Pacto de estado contra a violencia de xénero?
Evidentemente é imprescindíbel e moi importante que todos os grupos políticos se teñan posto de acordo nun tema tan grave como é a violencia contra as mulleres. Cousa ben diferente é cómo se está a desenvolver este Pacto. Non é todo o efectivo que desexamos porque o reparto económico podería mellorarse moito se fora obrigatorio reforzar con medios e persoal aos CIM e se creasen liñas de máis axudas e durante máis tempo para as vítimas, moi especialmente ás máis vulnerables.
Cal é o perfil maioritario da mulher que fai uso dos seus servizos?
Non hai perfil, aínda que a maioría de mulleres que fan uso destes Centros está entre os 24 e 54 anos. A maioría ten fillos e fillas a seu cargo.
Aumentaron as consultas de mulheres novas?
É moi preocupante a escalada da violencia entre a xuventude polo que hai que realizar un esforzo a maiores neste segmento de idade, sobre todo en educación. A adolescencia vive os roles e estereotipos con normalidade. Consume música absolutamente sexista e a través das redes sociais estanse a dar moitos casos de violencia.
Non hai persoal, non se contrata tal e como sería preciso e hai un desbordamento que afecta claramente ás técnicas que traballan nos Centros de Información á Muller
Nestes 20 anos, que radiografía farían da evolución da violencia machista?
Pois que do machismo pasamos ao posmachismo, ao neomachismo. Esa é a nova estratexia contra a igualdade. O discurso das denuncias falsas, de que tamén as mulleres matan e todo este tipo de argumentos, mentres que se eles matan “están tolos ou son toxicómanos ou alcohólicos” ou mesmo non son homes normais. Non é que son violentos porque son machistas…O triste é que ese discurso cala na sociedade.
Consideran que estamos socialmente máis concienciados na actualidade?
Evidentemente. Non se pode negar que hai un cambio desde a saída ás rúas das mulleres aquel 8M e o movemento #MeToo. Pero aínda queda moito por facer porque o machismo foi quen de reorganizarse, á vista está….
Resulta suficiente o salario dá liberdade?
Non, para nada. Especialmente se non atopan traballo nese ano e volven a quedar, no mellor dos casos, cunha RAI de 400 € para vivir ela e máis os fillos/as. Unha cantidade claramente insuficiente para calquera persoa e máis para elas. Por iso dicía que cos cartos do Pacto de Estado contra a Violencia habería que pensar en crear liñas de axudas de máis duración no tempo e de máis cantidade (segundo as necesidades de cada caso, por suposto). Non é o mesmo o caso dunha muller con tres menores a seu cargo que outra que non ten ningún, ou o caso dunha muller maior de 65 anos que está fóra do mercado laboral e que se atopa despois desa axuda sen a posibilidade sequera de solicitar unha RAI, precisamente porque supera esa idade. Non esquezamos que estas mulleres dedicaron toda a súa vida a súa familia, que non teñen formación, que non cotizaron nin van a cobrar pensión e que quedan nunha situación terrible.
Se el primero en comentar