Por Daniel Seixo
Entrevistamos a Margarida Corral Sánchez, Secretaria Confederal das Mulleres e Técnica de Igualdade da CIG. Con ela falamos sobre os dereitos laborais das mulheres, o teito de cristal, a desigualdade no emprego e un feminismo de clase, proletario e combativo.
Homes e mulleres, «Igual trabalho, igual salario”, cúmprese realmente?
De xeito rotundo, non. Se revisamos os últimos datos da Axencia Tributaria, podemos comprobar como a fenda salarial na Galiza foi do 21,5 %. Isto supón que as mulleres ingresaron de media, bruto anual, 16.123 €, mentres que os homes 20.554 €, polo que a diferenza a favor dos homes foi de 4.431€.
A meirande parte das discriminacións salariais que padecen as mulleres teñen que ver coa clasificación profesional, cos sistemas de valoración dos postos de traballo, coa distribución das actividades dentro da empresa e coas regras de promoción profesional, ao primar valores esencialmente masculinos ou asociados á distribución de roles sociais.
Para detectar se existe discriminación na clasificación profesional nunha empresa é imprescindíbel detectar se hai postos de traballo que maioritariamente ocupan as mulleres e/ou postos de traballo que ocupan os homes. E a continuación, buscar se as condicións de traballo, a valoración, a retribución e as posibilidades de ascenso ou promoción profesional son iguais nun e noutros postos, e o motivo da segregación.
Pese á ilegalidade de discriminar salarialmente ao persoal en función do seu xénero, o certo é que hoxe en día a minusvalorización dos traballos feminizados é un feito incontestatábel, tanto no sector público como privado, e é moito máis frecuente que o chan pegañento, porque está interiorizado en cada unha e cada un de nós. De aí o reto. O cambio social pasa por situar o traballo relacionado cos coidados no centro das políticas públicas e privadas, por revalorizar este tipo de traballos non só co obxectivo de eliminar as desigualdades, senón para poder avanzar como a sociedade xusta e equitativa que demandamos.
Como definiría a situación actual da muller no mercado laboral do estado espanhol?
A muller é a principal afectada polo empobrecemento e precarización do mercado laboral galego. A situación das mulleres no mercado laboral é infinitamente máis precaria que a dos homes.
Nun estudo que fixemos público con ocasión da folga internacional de mulleres do pasado 8 de marzo, denunciábamos que o 37% das mulleres asalariadas galegas acadaron ingresos inferiores a salario mínimo (SMI), mesmo que o 20,5% non chega á metade do soldo mínimo. E que o grupo de asalariadas onde máis medrou a ocupación foi precisamente o das de menores ingresos, entre as que percibiron menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional (SMI). Concretamente neste grupo houbo un incremento do 14%, e os seus ingresos só aumentaron un 7%.
Se no ano 2009 unha soa muller das de maiores ingresos cobraría o mesmo que 62 de menores ingresos, no ano 2017 a relación é de 1 a 85,2. Este forte medre da precarización é consecuencia de que as actividades en que máis medrou a ocupación foron as que teñen ingresos por salarios máis baixos.
Por outra banda:
- O 47,8 % das mulleres ocupadas en Galiza teñen máis de 45 anos,
- 85% das mulleres en Galiza traballan no sector servizos,
- as galegas ocupan o 77,3% dos traballos a xornada parcial,
- a taxa de temporalidade feminina é do 27,5%,
- hai unha alta rotación derivada da escasa duración dos contratos: o 46,8% dos contratos rexistrados a nome de mulleres duraron menos dun mes no ano 2018,
- o 47% dos contratos rexistrados a nome de mulleres foron a xornada parcial.
En definitiva, todos estes datos confirman que a PRECARIEDADE segue a ser a definición da tipoloxía do emprego das galegas.
Como se adaptou o mercado laboral e as dinámicas patrón/empregado aos cambios no rol público e privado das mulheres?
As mulleres conseguimos máis autonomía respecto dos homes, pero non do capital. Vivir pola nosa conta cambiou as nosas dinámicas nos fogares, pero non as relacións de poder entre mulleres e homes, nin tampouco as relacións entre as mulleres e o propio capitalismo. Agora as mulleres temos dous traballos e menos tempo para nós (para o noso autocoidado, mais tampouco para loitar e participar en movementos sociais e políticos).
A patronal non facilitou a compatibilidade entre as responsabilidades de coidado das persoas traballadoras e a xornada laboral, mantendo aínda hoxe en día unha xornada presencialista, prolongada, partida, que comeza ben cedo pola mañá e remata a última hora da tarde e interrompida con longas paradas para xantar, derivada da época fordista, e establecida desde unha óptica masculina na que os homes non participaban na esfera reprodutiva, polo que a incorporación das mulleres ao mercado laboral fíxose sen que estas abandonasen os traballos relacionados co coidado. Todo isto ten graves consecuencias para a saúde física e psicolóxica das mulleres da clase traballadora, xa que teñen que enfrontarse aos efectos dunha dobre presenza, dunha dobre e extenuante xornada, e ao tempo, perxudícaas tanto no acceso ao emprego, como na promoción profesional.
Ao sistema capitalista interésalle acentuar a división sexual dos traballos e o mantemento dos coidados na esfera privada, ocultando o valor social e económico deste tipo de tarefas
Respéctase realmente no estado espanhol o dereito das persoas trabalhadoras a solicitar a adaptación da duración e distribución da xornada de trabalho de cara a facer efectivo o seu dereito á conciliación da vida laboral e familiar?
Non. Galiza foi a segunda comunidade do estado español, só superada por Madrid en liderar a presentación de denuncias xudiciais relativas aos dereitos de conciliación. É ben certo que a lexislación é o suficientemente ambígüa como para que a meirande parte das solicitudes teñan que rematar nos xulgados, xa que fala do “dereito a solicitar” a adaptación da xornada de traballo, mais non do dereito a adaptala como tal, e a meirande parte dos convenios colectivos non recollen este artigo como un dereito nin concretan como levalo a cabo.
Que marcos lexislativos afectan a esta necesidade?
A Lei orgánica 3/2007 de 22 de marzo para a igualdade efectiva de mulleres e homes, recollía hai máis de doce anos o dereito do persoal a reducir a súa xornada de traballo por coidado de menor (primeiro de 8 anos e logo ampliouse aos 12 anos) correspondéndolle ao persoal a súa concreción dentro da súa xornada ordinaria diaria (isto modificouse coa aprobación da reforma laboral), e ao tempo o artigo 34.8 estabelecía que o persoal tiña dereito a adaptar a duración e distribución da xornada para facer efectivo o dereito á conciliación.
Coa entrada en vigor do RD 6/2019 de 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e na ocupación faise unha actualización do artigo 34.8 do E.T. de maneira que recolle o dereito do persoal a solicitar as adaptacións da duración e distribución da xornada de traballo, na ordenación do tempo de traballo e a forma de prestación, incluída a prestación do traballo a distancia para facer efectivo o dereito á conciliación da vida familiar e laboral, mudando por tanto a concreción do dereito, xa que agora o limita á solicitude, que deberá xustificar diante da empresa, abríndose un prazo dun mes de negociacións entre a empresa e a persoa traballadora para chegar a un acordo, a non ser que a negociación colectiva recolla unha mellora deste dereito ou o concrete doutro xeito.
Como se reparte a porcentaxe entre homes e mulheres á hora de acceder a permisos ou excedencias para o coidado dos filhos e filhas?
As mulleres seguen a ser maioritariamente quen se acollen a estes permisos, aínda que paseniñamente comeza a medrar o número de solicitudes de redución de xornada, permisos de coidado por hospitalización e adaptacións da xornada por coidado no caso de homes traballadores. No caso das excedencias as solicitudes dos homes son case anecdóticas.
Son conscientes os homes das actuais desvantaxes das súas companheiras neste sentido?
Son, ou cando menos, comezan a selo. E tamén a “sufrir en carnes propias” algunhas das discriminacións que até o de agora só padecían as mulleres, por mor da corresponsabilidade e o exercicio dos seus dereitos de conciliación.
En que consiste a adaptación voluntaria de xornada?
En realizar modificacións na distribución da xornada laboral, desde cambio da quenda, comezar máis cedo ou máis tarde a xornada, concentrala nunha xornada continuada se estaba con xornada partida, solicitar teletraballo, traballo a distancia, combinando con xornadas presenciais, etc. Digamos que se trata de adaptar o horario laboral ás responsabilidades familiares, intentando compatibilizar o traballo cos horarios escolares das crianzas, horarios do centro de día ao que asistan as persoas dependentes a cargo do persoal, etc.
Cal é a diferenza entre adaptación e redución?
A concreción horaria dentro da xornada habitual é un dereito que ten o persoal que decida reducir a súa xornada por motivos de coidado de fillas ou fillos menores de 12 anos (a non ser que se estableza outro rango de idade vía negociación colectiva) ou familiares a cargo. Mais isto supón unha redución salarial proporcional ao número de horas reducidas, que van dun oitavo até un máximo da metade. No caso da adaptación, distríbuese a xornada, pero non conleva redución horaria, e por tanto o salario que se percibe é íntegro. Mais a solicitude debe negociarse coa empresa.
Que pode facer un trabalhador / unha trabalhadora no caso de que a empresa se negue a respectar os seus dereitos á hora de solicitar medidas de conciliación laboral?
Alén da posíbel acción sindical, o persoal como tal ten 20 días de prazo a contar desde a denegación do dereito para presentar unha demanda no Xulgado do Social.
O teito de cristal persiste, e a partir dun determinado nivel de ingresos, as mulleres practicamente desaparecen do mercado de traballo
Chegaremos a ver a un futbolista de baixa por paternidade?
Temos que comezar a mudar os termos, dado que nun par de anos os permisos serán de igual duración para todas as persoas proxenitoras, con independencia do seu xénero, así que é bo que comecemos a familiarizarnos coa denominación, e pasar a falar xa non de maternidade ou paternidade, senón de prestacións por nacemento e coidado de menor. Mentras que as prestacións non sexan obrigatorias e de igual duración para ambas, vai a depender evidentemente do grao de implicación desa persoa no coidado. Os cambios lexislativos van dirixidos a impulsar a corresponsabilidade, porque na práctica a meirande parte das usuarias das medidas de conciliación son as mulleres.
Respostando á pregunta, actualmente é máis frecuente ver aos homes que se adican ao fútbol profesional dedicándolle os goles ou triunfos deportivos ás crianzas recén nacidas, que incorporándose aos coidados desde o mesmo hospital. As ausencias destes son un reflexo desa falta de implicación e do machismo imperante na sociedade.
De feito, lembro que foi noticia no seu momento unha declaración do entrenador de baloncesto lituano Sarunas Jasikevicius ao cal lle preguntaron pola ausencia dun xogador do seu equipo, Augusto Lima, nas semifinais, por atoparse de permiso tras o nacemento do seu fillo. A excepcionalidade da pregunta, o feito de que o propio entrevistador opinase dun xeito desfavorábel, demostra que estamos aínda moi lonxe de acadar a igualdade e a corresponsabilidade dos homes nos coidados.
Que opina da polémica desatada pola baixa de paternidade de Pablo Iglesias en pleno proceso de negociación política co PSOE?
As polémicas para quen as crea. Pablo Iglesias é un deputado máis dun total de 300 e pico deputadas e deputados que hai no Congreso. Ten dereito a acollerse á baixa por nacemento e coidado como calquera outra persoa que estea nestas circunstancias. Non facelo si sería criticábel para min.
Durante todos estes meses de inactividade política as organizacións políticas con representación no estado español tiveron a posibilidade de poñer fin á perda de dereitos que supuxeron as reformas laborais, das pensións e de negociación colectiva, aprobadas polo PSOE ou o PP, tiveron a oportunidade de mudar o réxime de prestacións reforzando a protección das familias máis vulnerábeis como son as monoparentais, familias numerosas e con membros con discapacidade; de alongar o permiso para o coidado da crianza lactante até os 12 meses; de acurtar a xornada laboral máxima a 35 horas; de reformar as xornadas laborais facéndoas compatíbeis cos horarios escolares; de modificar a lei de educación introducindo materias igualitarias e a prol dunha educación afectivosexual desde infantil até a ensinanza obrigatoria que loite contra o machismo, o acoso, a violencia; de crear unha rede pública de servizos sociosanitarios que poñan a problemática dos coidados como un asunto de estado, etc. mais decidiron parchear con medidas totalmente insuficientes. O que me parece incríbel é que o outro sexa polémico e que asumamos como algo inevitábel que sigamos deixando o peso dos coidados na abnegada (e non retribuída) responsabilidade das mulleres.
Ana Botín pode considerarse feminista, mais sería bo que exercese tamén delo
Continúan sendo as mulheres as que de forma maioritaria se ocupan das tarefas do fogar e dos coidados de descendentes e persoas maiores?
Rotundamente si.
Como poñer fin á dobre presenza laboral da mulher?
Coa corresponsabilidade dos homes nos labores do coidado, cando sexamos quen de conquerir que as mulleres non estén sobrerrepresentadas nos sectores relacionados co coidado, e cando os poderes públicos recoñezan como unha cuestión de estado a necesidade de revalorizar social e laboralmente o traballo dos coidados.
Porque é incríbel que a día de hoxe non se asuma o verdadeiro valor que ten a vida das persoas. Que teñamos en conta que todas as persoas necesitamos e necesitaremos coidados nalgún momento. Que a nosa vida non sería viábel sen que alguén se fixese cargo de nós, ou sen que que alguén nos coidase e nos protexese. Se somos conscientes de que todas as persoas precisamos de coidados durante o proceso de crecemento, mais tamén durante as enfermidades, as discapacidades que poidan xurdir, o proceso de envellecemento e finalmente na morte, entón chegaremos á conclusión de que o estado ten a obriga e o deber de asumir con urxencia necesidade de socializar o coidado, recoñecéndoo como un dereito universal para todas as persoas, e rematando coa inercia social de que este dependa exclusivamente da familia e, en concreto, nas mulleres. Os recursos e servizos sociais de atención ás persoas teñen que deixar de ser unha actividade residual, socialmente pouco valorada e con escasas retribucións, especialmente se temos en conta o envellecemento poboacional que deriva directamente na extensión de enfermidades crónicas e polo tanto na necesidade de coidados durante unha porción maior da vida
Mais ao sistema capitalista interésalle acentuar a división sexual dos traballos e o mantemento dos coidados na esfera privada, ocultando o valor social e económico deste tipo de tarefas. Porque así consegue maiores ganancias con menos custos. Invisibilizando e desvalorizando o traballo dos coidados, aforra directamente facerse cargo destes, contribuíndo á acumulación da riqueza.
Segue suponhendo o embarazo un factor de risco de cara a ser despedida no estado espanhol?
No estado español, na Galiza, e na meirande parte dos países do mundo.
Aínda que haxa unha lexislación específica proteccionista, a mentalidade machista derivada dunha socialización diferencial fai supoñer que ter unha crianza conleva menos produtividade, máis ausencias relacionadas co exercizo dos dereitos de conciliación, e, por tanto, a traballadora está máis exposta a riscos psicosociais, acoso e mesmo a poder ser despedida polo feito de ser muller e pretender compatibilizar o seu traballo asalariado coa familia. Aínda que a meirande parte das empresas agarden a que a crianza teña xa uns meses de idade para proceder ao despedimento, conscientes da nulidade do despedimento e das consecuencias da vulneración de dereitos fundamentais.
Galiza foi a segunda comunidade do estado español, só superada por Madrid en liderar a presentación de denuncias xudiciais relativas aos dereitos de conciliación
Garante realmente o acceso da mulher a cargos empresariais de responsabilidade unha maior concienciación das empresas sobre as necesidades e dereitos das mulheres proletarias?
Non tanto sobre as necesidades e dereitos das mulleres proletarias, como a unha concienciación sobre as discriminacións que sufrimos as mulleres polo mero feito de selo, e que tamén lles afectan a elas. Porque se imos a casos prácticos, veremos que moitas mulleres con cargos de responsabilidade en empresas deixan á marxe a sororidade para explotar e discriminar ás do seu xénero para optimizar recursos e aforrar custes. O que se precisa non é só un maior acceso das mulleres a cargos de poder, senón unhas relacións laborais con perspectiva de xénero, un xeito diferente de ostentar o poder, afastando os roles sexistas, redistribuíndo a riqueza, optando por unhas relacións laborais familiarmente responsábeis e igualitarias.
Que sente cando escoita a Ana Botín declararse feminista?
É fundamental que unha muller se considere feminista ou se sinta identificada co feminismo como movemento de liberación. Non facelo sería ir contra unha mesma.
Mais outra cousa é que poidamos ter a Ana Botín como referente. Ser capitalista e neoliberal e apoiar a loita feminista é contraditorio.
Ela é unha das mulleres máis poderosas do mundo, algo que obtivo por nacer nunha familia rica, e a costa, por certo, dos sacrificios da clase traballadora ao seu servizo. Ela forma parte dunha estrutura empresarial que destaca por discriminar de xeito singular ás mulleres que traballan para ela, denegando os seus dereitos de conciliación, executando unha política dirixida a promocionar ás persoas que non teñen responsabilidades familiares, e por tanto aumentando a fenda salarial das mulleres. Ela representa á banca e ao capitalismo financieiro, á mesma Troika que impulsou políticas de austeridade e de recortes mentres impulsou cartos públicos para rescatar entidades financeiras.
Por tanto, Ana Botín pode considerarse feminista, mais sería bo que exercese tamén delo. As conquistas que logramos as traballadoras nunca dependeron das iniciativas das directivas e empresarias que conseguiron derrubar os teitos de cristal (moitas nunca tiveron contacto co chan pegañento, senón que sempre desenvolveron a súa actividade pisando unha confortábel moqueta), senón grazas á organización, á loita e á reclamación colectiva dos nosos dereitos.
Sorprenderíame moito que mulleres coma ela saíran publicamente a denunciar o desmantelamento do estado de benestar, e o impacto de xénero que isto ten. Por que non esixe un investimento real no sector público, no canto de investir en privatizar todos os servizos relacionados co coidado, para evitar que se devolvan as responsabilidades do traballo reprodutivo ás mulleres? Por que non adopta medidas dentro da súa iniciativa empresarial dirixida a eliminar as discriminacións e crear emprego estábel? O resto é un exercizo de hipocrasía.
Tenta imponher o poder político e económico un «feminismo de salón»?
Deliberadamente. Na Galiza sabémolo ben. No momento de máis auxe do feminismo o Partido Popular sacou unha liña de axudas fomentando asociacións de mulleres no rural, para contrarrestar ao movemento asociativo contestatario.
Nas últimas décadas o poder político e económico usou ao feminismo para promover o neoliberalismo e contrarrestar o potencial subversivo que ten o movemento de mulleres.
A ONU redefiniu a axenda feminista, e mediante a organización de varias conferencias mundiais, erixiuse como a representación das mulleres do mundo, definindo o que é e o que non é feminismo. Non é casual que desde as Nacións Unidas se eliminase o sufixo traballadora da conmemoración do 8 de marzo. Coa denominación Día Internacional da Muller, eliminaron de xeito definitivo do xérmolo colectivo o contido de clase que deu orixe á conmemoración. Porque ao poder non lle interesa a existencia de mulleres organizadas que manteñan unha actitude combativa e de confronto aos poderes económicos, contra con quen nos explota como clase e nos oprime como nación.
Dentro do sistema capitalista colonizador, ao sistema interésalle un discurso homoxeneizado, light, que se quede na superficialidade. Empregando os nosos símbolos, apropiándose das datas revolucionarias, quédanse co aparencial (non hai máis que ver a proliferación da venda de camisetas de Frida Kalho ou coa palabra feminismo nunha morea de cadeas comerciais) ou desenvolven unha liña de acción política dirixida a favorecer a creación de asociacións de mulleres rurais, asociacións de amas de casa, asociacións antiabortistas ou profamilia subvencionadas con cartos públicos, no caso da dereita. E no caso da esquerda española, propiciando a creación de plataformas feministas con atraíntes nomes que non permitan deducir que tras elas están organizacións políticas estatais cunha estratexia claramente globalizadora, e cun discurso claramente institucionalizado, centralista, antinacionalista, antisindical e uniformador.
Conseguiu o feminismo ata o momento incidir realmente nas condicións materiais das mulheres?
O movemento feminista é o movemento social máis forte, e que reúne a un maior número de persoas na actualidade a nível mundial. O que ten máis posibilidades de mudar a orde social establecida. E aínda que nos queden moitos retos por conseguir, moitos muros que derrubar, o certo é que nas últimas décadas temos avanzado moito.
As mulleres conseguimos máis autonomía respecto dos homes, pero non do capital
Reduciuse significativamente na última década a fenda salarial entre homes e mulheres?
Desde o inicio da última crise económica a fenda salarial por sexo diminuíu, xa que no ano 2009 era do 23,07%, e actualmente falamos dun 21,5%. Diminución que ven provocada, en maior medida, pola perda de emprego masculino fronte ao feminino, perda de emprego que afectou a homes con salarios medios relativamente altos (procedían da industria e a construción), o que implicou que a media salarial masculina baixase mesmo nalgúns anos, e a que, comparativamente, as mulleres mellorasen a súa posición salarial relativa con respecto aos homes.
Mais o teito de cristal persiste, e a partir dun determinado nivel de ingresos, as mulleres practicamente desaparecen do mercado de traballo, e a presenza dos homes é cada vez maior.
Cales son máis as medidas máis importantes que propón o feminismo para intervir na desigualdade no mundo do trabalho?
É fundamental denunciar as eivas dun sistema que discrimina, que agrede, que precariza ás mulleres. Concienciar do traballo invisíbel que facemos as mulleres. Amosar que o noso papel na sociedade non é subsidiario, senón fundamental para o desenvolvemento da sociedade. Identificar e denunciar as agresións ás que nos someten e ás desigualdades que nos inculcan tamén na esfera educativa. Denunciar a existencia dun capitalismo salvaxe que explota aos seres humanos e á natureza explotando e aniquilando materiais, á man de obra que precisa para extraelos e contaminando o medio ambiente cos seus residuos. Denunciar un sistema económico que se vale do noso traballo de balde nos fogares e porén cólocanos nunha posición de desvantaxe social e económica. Combater unha violencia machista que agrede e asasina sen que se poña freo ás agresións.
A nível laboral é preciso investir en gasto público e no afortalamento dos servizos públicos con carácter universal: saúde, servizos sociais, servizos educativos. Poñer ás persoas no centro de todas as políticas públicas. E ao tempo derrogar as reformas laborais, de negociación colectiva e a reforma das pensións, que precarizaron as nosas condicións de traballo e incrementaron as desigualdades. Solicitamos a eliminación da retroactividade nas axudas á dependencia. Instamos á integración no réxime xeral das empregadas do fogar a todos os efectos e a valorización dos traballos relacionados co coidado, de xeito que sexan asumidos como un servizo público de carácter esencial. Impulsar medidas de corresponsabilidade que permitan compatibilizar as xornadas de traballo coas xornadas laborais, reorganizando estas e facéndoas compatíbeis cos horarios escolares e de organismos públicos, reformando tamén o calendario lectivo.
Resultan os espazos de trabalho un lugar libre de violencia machista?
Non. O acoso laboral, o acoso sexual, e por razón de xénero e identidade afectivo/sexual non diminuíron, senón que se incrementaron durante o período de crise económica.
Existe un marco especifico para que as empresas saiban reaccionar e brindar apoio a aquelas mulheres que sufran violencia machista na súa contorna de trabalho?
Si. Aínda que habería que diferenciar as medidas de apoio ás traballadoras que son vítimas de violencia machista, das medidas de actuación en caso de detectarse unha situación de violencia no traballo, xa que esta podería darse en diferentes formas: acoso laboral, sexual, por razón de sexo ou identidade de xénero, agresións sexuais, etc.
Sexa do caso que sexa, hai empresas que contan cun protocolo de actuación para as traballadoras que sofren violencia de xénero, de xeito diferenciado, protocolos de actuación e prevención ante o acoso, ou cando menos medidas dirixidas a actuar neses casos, ás veces encadradas dentro da negociación do plan de igualdade na empresa, ás veces incluídas no convenio colectivo de aplicación.
En calquera caso, a Lei Orgánica 1/2004, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, reforma o texto do ET, introducindo preceptos que singularizan a situación da muller traballadora que é vítima de violencia de xénero. Así o artigo 37.8 contempla o dereito a reducir ou reordenar a xornada das traballadoras, o artigo 40.4 contempla o dereito a ocupar outro posto noutra localidade, os artigos 45.1 e 48.7 contemplan o dereito á suspensión do contrato, o artigo 49.1.m) á extinción do contrato.
Ao tempo, o acoso está regulado no Código penal (artigo 173.1); nos artigos 10, 14, 15, 16, 18 da Constitución; nos artigos 14, 15 e 16 da Lei 31/1995 de Prevención de riscos laborais e nos artigos 7, 12.3, 27,2 c), 46.2.i, e 48.1.1 da Lei Orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.
A muller é a principal afectada polo empobrecemento e precarización do mercado laboral galego
Existe un componhente significativo de mulheres militando actualmente no sindicalismo?
Eu podo falar da súa militancia no sindicalismo nacionalista, que é o que coñezo. E podo afirmar que é cada vez maior. Aínda que a meirande parte das estruturas sigan a estar aínda moi masculinizadas, a porcentaxe de mulleres que participan na estrutura sindical vai medrando paseniñamente.
A nivel de afiliación, un 46% son mulleres, e a meirande parte están encadradas nas federacións de servizos, na FGAMT, en saúde, ensino, administración e banca, sendo moito menor a súa presenza na federación da construción ou na industria.
Somos a central sindical con máis afiliación na Galiza e tamén a primeira en representatividade. Durante as últimas décadas fixemos unha aposta decidida por incrementar a participación interna das mulleres no sindicato, mesmo realizando modificacións estatutarias para garantir a representatividade nos procesos eleitorais, o cal foi parello a un reforzo da Secretaría e das Comisións e Encontros de Mulleres, que está dando os seus froitos en todas as federacións, comarcas e unións locais. Coido que hai esperanza no futuro para que as mulleres máis novas recollan o legado das antecesoras, e logremos nuns anos unha estrutura sindical paritaria.
É posible unha igualdade real entre homes e mulheres nun marco capitalista?
Para o feminismo de clase, non.
Xa falamos antes de como o capitalismo se vale do corpo das mulleres para que siga reproducindo persoas que alimenten o engranaxe capitalista, un traballo que fai de balde e que non está social nin economicamente valorado, precisando sempre dunha fonte económica que normalmente extrae do varón, para conseguir sobrevivir, aínda incorporándose ao traballo asalariado. Esta dependencia o que fai é intensificar as relacións de poder dos homes sobre as mulleres, incrementando as desigualdades.
O capitalismo é incompatíbel coa igualdade de oportunidades e de dereitos. Non só fomenta que aumente a fenda entre persoas ricas e pobres, senón que dentro da clase traballadora, oprime con máis forza ás mulleres, que son e serán sempre ás máis pobres entre as persoas pobres.
Se el primero en comentar