Entrevistamos a Carlos Morais, portavoz nacional de Agora Galiza-Unidade Popular: «Entendemos a Operación Jaro como unha operación para criminalizar unha parte do movemento independentista»

Entrevistamos a Carlos Morais, portavoz nacional de Agora Galiza- Unidade Popular, para falar sobre a represión do independentismo, de memoria histórica, do proxecto dá organización na que milita e dá súa política de alianzas. Este arraiano de Mugueimes, no Val do Límia, licenciado en Arte, Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, compaxina a súa actividade política a prol dá independencia e o socialismo, coa recuperación dá memoria antifascista de Galiza con diversas publicacións e a través do Comité pola Memoria Histórica do Val do Límia. Tamén é Membro do Comité Executivo dá Presidencia Colectiva do Movimento Continental Bolivariano.

Bo día, Carlos, cómo definirías a Operación Jaro?

Eu creo que habería que encadrar a Operación Jaro como outras operacións que ten habido nos últimos dez anos, por non retroceder a outras que houbo contra a esquerda independentista, ou contra o sector da esquerda que non se somete ó politicamente correcto, refírome por exemplo a operación de 1980 contra a Liga Armada Revolucionaria, como parte da lóxica do post franquismo. Aquí non houbo unha ruptura coa ditadura senón que houbo un acordo entre os sectores chamados aperturistas do réxime emanado da vitoria da guerra civil, guerra de clases, de 1936/1939, e dos sectores da esquerda institucional, concretamente o PCE e, en menor medida, o PSOE. Por tanto, o actual réxime é un réxime que non depurou ós aparellos do estado, a policía, garda civil, o exército, o sector todo do poder xudicial, etc., segue funcionando en base as mesmas chaves cognoscitivas que provocaron o levantamento de un sector maioritario do exército, co apoio da oligarquía, entendida esta cómo os latifundiarios do sul, a burguesía industrial do norte, a Igrexa católica, e a nobreza e a aristocracia con apoio dos países fascistas e a pasividade das democracias burguesas de Europa.

A Operación Jaro non é mais que unha nova operación para perseguir a umha das poucas expresións políticas que hai neste país, na Galiza, que loita contra o post franquismo, que é o Movemento de Liberación Nacional.

Nos entendemos, como organización revolucionaria galega, como Agora Galiza-Unidade Popular, a Operación Jaro como unha operación para criminalizar, para intoxicar a unha parte do movemento independentista, porque é erróneo, dende o noso punto de vista, concibir a Operación Jaro como unha operación contra o independentismo no seu conxunto. É contra unha parte do independentismo, afortunadamente o independentismo neste país e moito máis hoxe que o que representan os doce militantes que hoxe están encausados en Madrid.

Existen motivos para que actualmente na Galiza se leven a cabo operacións de comando, executadas por fozas especiais, e gardas civís encarapuchados que asaltan de madrugada a punta de metralleta domicilios de militantes independentistas?

Non existen hoxe, nin hai vinte, trinta, nin cincuenta anos, nin aquí nin en ningún lado. Isto é unha parte da dinámica da loita de clases, si ti es unha forza insurxente, polo tanto estás sometida á represión por parte do inimigo, e falamos en claves que non son do politicamente correcto, nin na lóxica institucional burguesa. Eu defino ao Estado español, ao que representa hoxe o bloque de clases oligárquicas, como o inimigo, non me refiro ás forzas políticas que xogan dentro do campo da normalidade democrática burguesa, non. Evidentemente non existen motivos dende o punto de vista do combate a unha determinada organización armada, que se descoñece en estes momentos a súa existencia, máis si que ten lóxica, máis lóxica dentro da loita de clases.

Existen restos de grupos ou organizacións que defendan ou executen unha loita política armada no independentismo galego?

Descoñezo.

A que se debe entón a permanente insistencia da xustiza española en vincular ao independentismo galego a Resistencia Galega?

En parte está respondida na primeira pregunta, Represión contra unha parte da esquerda independentista, non contra o conxunto do independentismo. Dentro do BNG hai sectores independentistas, e fora do BNG, no espazo da chamada nova política, hai organizacións que se declaran como independentistas, pero o que é o independentismo revolucionario, tanto aquel de expresión socialista, que podemos representar nós, como outro, pois non se axusta exactamente ao que é a loita política que permite a lóxica sistémica, que é a vía electoral e a vía institucional, por tanto hai que entender a resposta en base a eses parámetros.

Gran parte das acusacións baséanse na participación en homenaxes aos militares fusilados polo exército español apos a Revolución Galega de 1846, e a promoción de actos de Memoria Histórica da loita independentista no século XX, así como a participación en recibimentos  de ex presos e ex presas independentistas convocados publicamente. Baseándonos nestas acusacións, existen motivos para falar de montaxe xudicial e policial tal e como fan sectores próximos aos propios acusados?

Evidentemente que si, eu creo que había que facer unha pequena reflexión histórica. O día 11 de outubro, día da Galiza Combatente, foi instaurado no mes de xuño, ou xullo, agora non recordo exactamente, do ano 2001 pola Direción Nacional da recen constituída NÓS-UP, resultado do Proceso Espiral. Naquela altura o conxunto das diferentes correntes que estabamos en NÓS-UP non nos identificabamos co Día da Galiza Mártir, polo cariz claramente institucional, polo carácter tan morniño que lle daba o nacionalismo naquel momento, e tamén os sectores do galeguismo que reivindicaban e homenaxeaban  a Alexandre Bóveda. Umha parte da recuperaçom da Memoria Histórica deste país está excesivamente sesgada por parte dos sectores que iniciaron a súa recuperación, xa, no principio dos oitenta, o nacionalismo galego. Por tanto, levou as ascuas ás sardiñas, sobredimensionando a importancia que tiña o Partido Galeguista e sectores do nacionalista en 1936. A figura de Bóveda foi escollida para o Día da Galiza Mártir por Castelao, por tanto é difícil de modificar, máis non representa a inmensa maioría, dende o noso punto de vista, dos case dez mil executados neste país, que estaban na maioría vinculados a partidos operarios e organizacións sindicais. Eu non estou dicindo que non houbese centos de galeguistas represaliados, e algunhas ducias executados, ou tamén sectores da esquerda republicana pequeno burguesa, pero a inmensa maioría procedían do movemento obreiro, da Fronte Popular. Por tanto con esa data do 17 de agosto non nos identificamos.

Logo estaba o 12 de agosto, aniversario da caída en combate, porque esa é a realidade, de Xosé Ramón Reboiras Noia, de Moncho Reboiras, contrariamente á lectura completamente maquillada que fan os herdeiros do partido no cal militaba o revolucionario independentista e comunista galego. Moncho Reboiras, en 1975, nese momento era o comandante, digamos, dunha tentativa de construír un exército popular de liberación nacional. Non era como aparece na última película, un home dedicado á causa de articular o asociacionismo cultural, de crear o xermolo do primeiro sindicalismo nacionalista e de clase. Esa é unha interesada visión maquillada e, diría máis, manipulada, para presentalo como politicamente correcto. Nese ano, no 2001, instauramos esa data, con o obxectivo de facer unha homenaxe ao mellor desa Galiza Combatente, desa Galiza que non se resignou, que non se resigna, desa Galiza que loita polo futuro, desa Galiza operaria, desa Galiza patriótica, que loitou, basicamente, ó longo da historia contemporánea, en contra da opresión nacional e pola emancipación da clase obreira. E tamén denunciar, de algunha maneira, como o nacionalismo institucional, o BNG, é o digo sen ningún tipo de complexos, naquela altura, no 2001, e agora, no 2020, porque é o mesmo, aínda que  se vista con outro roupaxe, máis é o mesmo BNG, non se identifica plenamente nas seus referentes históricos, con algún dos máis destacados episodios da resistencia e da rebelión dos sectores máis avanzados do pobo galego contra os diferente tipos de opresión.

E a que me refiro?, a que se nos ten presentado externamente, pero tamén desde dentro como un país submiso, e non somos mais submisos nin mais mansos que calquera outra sociedade do noso contorno xeográfico. Foi este país quen puxo en marcha as primeiras guerrillas contemporáneas, e fomos o primeiro lugar de Europa onde se derrotou ó exército invasor napoleónico francés, e foi o pobo armado e organizado. Promovemos un dos primeiros levantamentos político-militar de Europa occidental, en 1846, a Revolución Galega de 1846, e así ata hoxe, máis todo está deliberadamente infravalorado, subestimado pola historiografía. Aquí declarou-se, en 1931, o 27 de xuño, a I República Galega, e non é un facto, un episodio que non ten maior importancia. Embora foi un facto histórico moi efémero, evidentemente, máis hai que facer unha lectura de clase desa república, foi unha república operaria, foi a clase obreira quen chamou á greve geral. 

Aquí creáronse as primeiras organizacións guerrilleiras para combater ó franquismo, que estiveron operativas ate case a metade da década dos cincuenta, e si esa experiencia desapareceu non foi porque se tomou unha decisión neste país, senón porque en Moscovo, dentro da súa xeopolítica mundial, impúxolle a Madrid, e Madrid a súa vez impúxolle á Guerrilla Galega, porque estaba moi vinculada ó Partido Comunista, que era necesario cambiar de estratexia, e había que optar pola greve geral pacífica, por introducirse nos sindicatos verticais, etc, etc. Ao longo da nosa historia hai moitísimos episodios, como o DRIL.

O Día da Galiza Combatente, o que pretendía, o que pretende, pois se sigue celebrando. Agora Galiza-Unidade Popular celebrou este ano ó Día da Galiza Combatente moi preto de aquí, no Galiñeiro, honrando a dúas das figuras que son esenciais na nosa mochila de combate, que son Benigno Álvarez, precursor do comunismo galego, de aplicar o marxismo-leninismo á situación concreta deste país, e non un mero apéndice do que ven de fora, e a Moncho Reboiras.

O Día da Galiza Combatente escolleuse porque nesa data morreron dous militantes independentistas nunha acción armada, na cal nós ó longo destes anos nunca ocultamos. Este ano foi a vinte edición, esa é a razón do Día da Galiza Combatente.

Por parte do Estado español que se intoxique e se chegue a criminalizar a figura de Moncho Reboiras, que se criminalice facer unha homenaxe a un preso que acaba de saír dunha prisión, que se lle envíe uns parabéns polo seu aniversario… danos elementos para caracterizar cal é hoxe o estado de saúde desta seudo democracia borbónica e post franquista, en plena involución reaccionaria ao marxe de quen esté gobernando conxunturalmente na Moncloa.

Que diferenza os postulados do independentismo galego dos do BNG, a formación política maioritaria no nacionalismo galego?

Eu creo que esa pregunta ten unha complicada resposta porque o independentismo galego non é algo homoxéneo, eu podo dar a nosa opinión, como unha expresión dese independentismo.

Nós non gustamos xa da formulación, o concepto de independentismo, nos definímonos como esquerda independentista, porque para nos a contradición principal é Capital – traballo. Máis nunha nación oprimida a loita de clases adoita a forma de loita de liberación nacional. Nós somos un movemento revolucionario que ten como obxectivo tomar o poder, e o poder non se toma, como ten demostrado a historia da loita de clases, dende fai máis de 150 anos, introducindo un papeliño nunha urna, nin mediante un referendo, nin mediante unha consulta popular, a revolución faise organizando a revolución, organizando a aqueles sectores sociais obxetivamente interesados en modificar, en conquistar o futuro, e iso é por medio, dende o noso punto de vista, de unha insurrección, que denominamos Insurrección Nacional Operaria e Popular.

O BNG forma parte do xogo político da terceira restauración borbónica, da segunda restauración monárquica, está nas marxes dese xogo político, non é unha forza central, mais está integrado contraditoriamente nese xogo.

Considera que se pode remendar o capitalismo, que se poden conseguir melloras, dentro do marco da estrutura xurídico-política emanada da reforma do réxime do 36/39, metamorfoseado no actual réxime do 78, e por iso aposta basicamente, exclusivamente, pola vía electoral. Alguén pode dicir: non, o BNG aposta por a mobilización popular… Non, o BNG utiliza a mobilización popular para resituarse sempre no taboleiro político e acumular forzas sempre visadas na lóxica eleitoral, para incrementar o seu anaco de tarta institucional. Máis por moito que se vista de seda, nada cambia. A esquerda independentista revolucionaria, que nos representamos, está moi afastada, tanto na súa liña estratéxica como na súa liña táctica, do actual BNG, outra cousa é que isto non quere dicir que podamos chegar a acordos puntuais, como con sectores da esquerda española actuantes neste país, cos que coincidimos en certas cousa, máis á hora da verdade o BNG nunca vai apostar por unha ruptura, porque nin é unha forza xenuinamente soberanista, é unha forza autonomista radical que o único que pretende e xestionar as institucións do réxime aquí neste país, e influír para defender os “intereses” da Galiza, que non son exactamente os intereses do pobo traballador galego.

Poño un exemplo, a demanda de unha tarifa eléctrica galega, iso a quen beneficia son ás grandes grandes empresas, non beneficia ó pobo pobre e traballador que padecemos unhas facturas abusivas das eléctricas., Poño un exemplo, pero podía por outros. En Alcoa o BNG acaba de vendernos a moto de que logrou que o PP e o PSOE secunden a nacionalización da empresa. Mais iso é unha nacionalización–trampa, falsa. É o mesmo que se fixo aquí coa banca, cando un grupo de oligarcas, de delincuentes, roubaron e saquearon unha parte dos bancos. O Estado promove unha nacionalización, é dicir, sanean os bancos con fundos públicos, inxectando máis de oitenta mil millóns de euros, e logo se lle venden ós seus “amiguetes” por catro cans.

Pois o caso da posible nacionalización de Alcoa é unha fraude. A empresa tería que ser re-nacionalizada, pois foi privatiza polo PP, por Aznar. A saída que propón o BNG é unha falsa “nacionalización”, pois o que procuran é logo venderlla a multinacional Liberty House. Por iso nos defendemos, non exactamente a nacionalización de Alcoa, senón que falamos de control operario. Sabendo que iso non é hoxe moi fácil, porque non hai suficiente conciencia na clase obreira, no proletariado., e porque os sindicatos hexemónicos non están por esa liña.

Hai diferenzas de fondo co BNG, tácticas e estratéxicas, evidentemente. O BNG é unha forza interclasista, nós somos umha organización socialista e marxista. Nós somos unha forza patriótica independentista, e o BNG mais alá da retórica de algún dirixente practica un autonomismo radical, só aspira á plena transferencia de todas as competencias autonómicas. Descarta construír um Estado Galego, e moito menos umha Pátria Socialista.

Observamos, ao longo destes anos, operacións policiais e causas xudiciais contra o independentismo galego, vasco ou catalán. Consideras que se busca, de facto, erradicar ás alternativas políticas independentistas do Estado español?.

Si, obviamente. Preténdese situar o que son as reclamacións dos independentismos revolucionarios dentro deses parámetros chamados “terrorismo”, para isolalos socialmente, para intoxicar e para criminalizar, evidentemente.

Que sente un cando afronta accións contra o independentismo galego como esta Operación Jaro, mentres esta mesma semana o Estado español recibe a Leopoldo López como preso político venezolano?.

Exactamente sinto o que levo sentindo desde que teño conciencia de clase, conciencia nacional: isto é unha farsa, vivimos nunha falsa democracia onde realmente as castas políticas hexemónicas non son máis que os capataces do poder económico, da oligarquía, tanto da oligarquía industrial como da financeira, e a marxe de quen este xestionando directamente o goberno en Madrid, quen ocupe a Moncloa, practicamente as diferenzas son mínimas. Hoxe o mal chamado goberno progresista mantén intacta a política internacional de vender armas ás ditaduras, de vender armas ás monarquías feudais do Golfo Pérsico, amigas da Casa Real, ten a mesma política de bloqueo e de agresión a procesos antiimperalistas como ó proceso bolivariano da Venezuela.

O exemplo de Leopoldo López é infame. É responsable da morte de 46 persoas, de promover o terrorismo na Venezuela, fai uns meses intentou dar un golpe de estado. Onte pola noite a televisión española definíao como unha “rebelión”. Para os medios de comunicación do sistema e, neste caso baixo o control do PSOE e Unidas Podemos, o que fixo Leopoldo López tentando un levantamento de sectores militares, tutelados por EEUU, era unha rebelión. Iso é un golpe de estado. O que está facendo o goberno do PSOE e Unidas Podemos é totalmente infame, este señor estivo refuxiado na embaixada de España en Caracas, dende alí dirixiu todos os procesos de desestabilización da República Bolivariana de Venezuela, e agora o Estado español o saca, de forma clandestina, e o coloca en Madrid, e se presenta isto como unha contribución á democracia na Venezuela!!. Dixémolo onte: España foi sempre un refuxio de fascistas, de nazis, de ex ditadores, durante o franquismo, e segue sendo agora.

Cal é o proxecto político de Agora Galiza-UP para o noso país, e que tipo de alianzas ten na Galiza e no estado español?

Nós definímonos como unha organización socialista e feminista de liberación nacional, o noso obxectivo é facer unha revolución de carácter socialista e antipatriarcal neste país. Esa revolución necesita organizarse. Somos unha organización relativamente nova na nosa constitución formal, embora procedemos dunha corrente política que se articula na metade da década dos noventa a volta de Primeira Linha, e que nos definimos como Movemento de Liberación Nacional Galego, a partir do ano 2000 con diferentes organizacións de carácter sectorial, no campo estudantil, no campo xuvenil, unha forza política máis ampla que era NÓS-UP, unha corrente sindical anticapitalista, a desaparecida CSA, dentro do sindicalismo nacional e de clase naquela altura, no conxunto de organizacións culturais, a abertura de centros sociais, de organizacións de mulleres, etc. Partimos de ai, embora ese movemento, en torno ó ano 2014/2015, tivo unha implosión, por unha serie de contradicións,  complexas de explicar. O sector que conformabamos NÓS-UP naquela altura contrario a disolución era minoritario. Mais negámonos a capitular, negámonos a arriar a bandeira vermella e a bandeira tricolor da nosa nación, e iniciamos a refundación inmediatamente, o mesmo día no que NÓS-UP se autodisolve, refundámonos co nome de Agora Galiza, posteriormente, na segunda Asemblea, incorporamos o de Unidade Popular.

O noso proxecto? Pois un proxecto para construír neste país unha sociedade sen clases, e contribuír, modestamente, mediante a revolución socialista galega, á revolución socialista mundial. A nosa política de alianzas? É ampla, xeometricamente variable, non nos fechamos a chegar a acordos con ninguén, mentres que haxa un acordo cun programa político definido. Nestes momentos non temos como prioridade, e descartamos a curto e medio prazo o traballo na fronte electoral, aínda que non temos unha doutrina abstencionista, consideramos que hoxe non é fundamental.

Para nós o fundamental e prioritario nestes momentos o rearticularmos a esquerda revolucionaria galega. Tentamos facelo sobre catro grandes liñas. Confrontar, deslindar, organizar e acumular.

Partimos da premisa que é necesario reconstruír a esquerda revolucionaria, tamto neste país como a nivel mundial, polo que é necesario rescatar o marxismo que está hipotecado e secuestrado pola pequena burguesía que o converteu nunha expresión mais de ideoloxía burguesa. E necesario deslindar coas diferentes alternativas das esquerdas reformistas que so contribúen a reforzar a lóxica sistémica, deslindar para organizar ó pobo traballador, para acumular forzas rebeldes.

É a clase obreira o suxeito do cambio, e este non derivará de inofensivas alianzas interclasistas, en que a pequena burguesía funcionarial, como por exemplo a que goberna o Bloque, ese lobby de profesores da CIG-Ensino, é quen marca a liña política pactista e conciliadora. A clase traballadora, o proletariado, ten que ter e asumir a direción política. Teñen que existir organizacións xenuinamente obreiras, nas que a clase traballadora ten que ser hexemónica, non só dende o punto de vista ideolóxico, senón tamén fisicamente nos organismos de direción, non pode estar tutelada por ninguén.

Por iso nós somos contrarios ás políticas transversais, cidadanistas, a esas fracasadas expresións da nova socialdemocracia plasmadas na formulación do “poder da xente”. Chamemos ás cousas como son, sen eufemismos: é a clase traballadora, o pobo traballador, son as camadas populares, ou como se lle queira chamar, os donos do seu futuro.

Portanto, confrontar, deslindar, organizar e mobilizar son os eixos da nosa acción teórico-práctica. O incremento da conciencia revolucionaria e popular non se logra en etapas de refluxo, nin se consegue mediante pactos, senón se consegue mediante loita constante, na que a clase obreira toma conciencia de pertencer a unha clase oprimida e explorada, nas loitas nas súas fábricas, nos seus centros de traballo.

Confrontar, deslindar, organizar e mobilizar, para conquistar a hexemonía, para atinxir a toma do poder. Esa é a nosa estratexia, sabemos que iso hoje é moi complicado, moi difícil, máis non somos dos que nos rendemos, dos que capitulamos, dos tiramos a toalla á primeira de cambio.

Consideramos que nestes momentos as principais tarefas son configurar un gran muro antifascista, articular un bloque popular antifascista, o máis amplo, unitario, polo tanto plural dende o punto de vista ideolóxico, para pararlle ós pes ao que hoxe é unha alternativa que promove un sector da oligarquía. Eu sei que a maior parte da esquerda institucional, os que nos definimos como a esquerdiña, mira para outro lado, o seu antifascismo é de fin de semana, é dun día concreto, chaman a alertas antifascistas e logo as desactivan ás 36 horas, como fixo Pablo Iglesias cando Vox entrou no parlamento andaluz o ano pasado. É necesario facerlle fronte ó fascismo porque é unha grave ameaza, e non unicamente nos referimos o fascismo que pode estar articulado nas forzas políticas como Vox, que é unha forza fascista sen complexos, e no fascismo que pode estar nunha parte importante de Ciudadanos, e tamén no Partido Popular, senón refírome a ese fascismo que está medrando a pasos axigantados entre a conciencia popular, perante a derrota ideolóxica na que está instalada a maioría das forzas políticas da esquerdiña que sempre se someten ó politicamente correcto. 

Aquí xeráronse unhas expectativas moi grandes entre sectores populares que reclaman mudanzas de fondo, depositouse esperanzas no novo goberno do PSOE-Unidas Podemos, pero as mudanzas non se están implementando fundamentalmente por dúas razóns. Unha, porque é moi difícil levalas á práctica neste marco xurídico-político, e dúas, porque non hai valentía política de enfrontarse os poderes facticos, o Ibex 35,  e porque tampouco hai presión social na rúa, nen vontade de articulala. A esquerdiña son camarillas institucionais e aparellos políticos que non se apoian no movemento popular para forzar a que o goberno tome medidas e se enfronte ó bloque reaccionario. Perante esta frustración vai penetrando ese discurso facilón, promovido polo fascismo, un discurso moi populista, moi demagóxico, de enfrontar á clase obreira, ós sectores populares entre si, e envolverse na bandeira, na bandeira fascista, que non é a bandeira española, esa é a bandeira fascista e monárquica española.

A bandeira republicana e antifascista española é tricolor, por iso tamén é importante a loita no plano simbólico, iso que esta de moda por parte dos fascistas de levar as máscaras coa bandeira fascista penso que tamén hai que facerlle fronte a isto.

A nosa política de alianzas é o máis ampla posible, a nivel nacional e a nivel internacional. Formamos parte e promovemos diferentes espazos internacionalistas. Neste momento un dos espazos que estamos intentando construír a nivel internacional, é o da Conferencia Internacional que edita a revista dixital Insurxencia Global Proletari, cos camaradas de Andalucía e do País Vasco.

Tamén a nivel internacional, dende fai xa máis de unha década, estamos integrados no Movemento Continental Bolivariano, que é un espazo de forzas insurxentes de forzas, basicamente, latinoamericanas, e de forzas político-militares latinoamericanas, e non só.

Obrigadinho Carlos, pola atención con este medio, agardamos volver a contar coa túa ollada nas nosas páxinas.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.