Uxía Senlle: “En Galiza parece que todo foi menos grave polo feito de non haber «guerra», cando en realidade a represión foi brutal”

Uxía Senlle e Su Garrido Pombo na rodaxe de Acorda. Foto: Alba Díaz

Queta Molas, Telmo Comesaña, Blanca Francés e Tatán, que nos contaron en primeira persoa as súas testemuñas. Sen elas, sen o seu compromiso e o das asociacións que as representan, non se podería ter abordado este proxecto. Elas e eles mantiveron acesa a chama da memoria. 

Por Angelo Nero

A música como fío condutor da Memoria colectiva, nos trae o ecoar das voces silenciadas, das mulleres e homes que sufriron o xenocidio en Galicia, pois no noso país non se pode falar de guerra, non houbo frontes, so unha represión sistemática dos antifascistas que soñaban un mundo mellor, mestres, sindicalistas, políticos, obreiras, tamén músicos… ¿cómo xurdiu este proxecto que tenta “dar voz ás vítimas a través das cancións en situacións concretas e lugares simbólicos”?

Foi un encargo e unha idea orixinal do Departamento de memoria histórica da Deputación de Pontevedra co asesoramento imprescindible de Montse Fajardo. E déronnos a liberdade de enfocar este documental dun xeito moi atípico, introducindo as cancións e a narración de Lois Pérez coma un fío conductor.  A música é unha ferramenta moi poderosa e é moi evocadora, e nos leva a eses lugares para facer o relato dos feitos moito máis estarrecedor. Coma di Lois, autor do guión, volvemos aos lugares onde habitou o silencio, o medo e a perda, e poboámolos de música, cancións e palabras.

Os lugares tamén teñen Memoria, aínda que este agochada, agardando que alguén a invoque, que sinale onde se cometeron aqueles crimes do fascismo, onde os bos e xenerosas padeceron cárcere ou onde foron asasinadas: a antiga Escola Normal de Pontevedra, Ponte Regueiro na Estrada, Pazo da Revolta en Marín, O Salgueirón en Cangas, o areal de Carril en Vigo, a Volta dos Nove na Enseada da Bombardeira en Baiona, a Volta da Moura en Guillarei e a Illa de San Simón ¿Cales foros os lugares que máis pegada deixaron en vós, os que máis vós impresionaron, na gravación de Acorda?

Desde ben cativa, a min deixoume moita pegada A Volta da Moura porque coñezo a familia directa dos asasinados, como é o caso de Blanqui, unha das miñas amigas da infancia. Impresionoume o relato dos feitos e o xeito macabro de levar a cabo os asasinatos. Mais iso non é unha novidade, en moitos era así. Cada un dos lugares ten un simbolismo especial. O das nove cruces na Bombardeira é moi impactante, así como a historia da Capirota no Pozo da Revolta. A Illa de San Simón que é tan emblemática e ademais aproveitamos para reivindicala como Illa da Memoria, un lugar que nos sobrecolle sempre que a visitamos.

Marina Oural e Ugia Pedreira interpretando o «Romance da lavandeira». Foto: Alba Díaz

Polas condicións especiais de cada lugar, cada peza debeu ter as súas propias dificultades para gravar, non debeu ser doada a rodaxe, contando que, moitas veces tiñades xa unha axenda marcada e o tempo non sempre axudou. ¿A que dificultades técnicas vós tiveches que enfrontar para a realización deste documental?

As dificultades ligadas ao tempo de pandemia e restricións que nos toco vivir dificultaron enormemente a gravación, as inclemencias climáticas que nos levou a aprazar unha xornada de gravación, e a falta de tempo en cada unha das localizacións, pois para ser un documental é de baixo orzamento e non nos permitía explaiarnos en cada localización. Só que todos os atrancos foron salvados co oficio da brillante equipa técnica que nos acompaño e que fixo máis levadeira a rodaxe.

Como sinalabades na presentación de Acorda, este filme “pretende ser un exemplo de resistencia e dignidade, porque todas as persoas que viviron iso e que deron a súa vida tamén pola liberdade e a democracia, queremos que teñan o seu recoñecemento e a súa visibilidade”. ¿Que recorrido vai a ter o documental? ¿Vai a mostrarse só na provincia de Pontevedra, ou ten vocación de que se espalle por todo o país?

Pois ademais da súa proxección en diferentes festivas, como o OUFF en Ourense ou proximamente en Cineuropa, mostras e nos lugares de rodaxe, e tamén noutros concellos e asociacións da memoria ou culturais que o soliciten despois do percorrido polos festivais. Espallarase por todo o país, e mesmo fóra de Galicia, porque non se coñece moito o que aconteceu nesta terra, onde parece que todo foi menos grave polo feito de non haber «guerra», cando en realidade a represión foi brutal.

Sheila Patricia, cantante, e bisneta dunha «madriña de San Simón». Foto: Alba Díaz

Marina Carracedo e Uxía Senlle, sodes as directoras do documental, pero detrás hai toda unha equipa, que compre salientar, así como un feixe de persoas que vós asesoraron sobre os contidos. Contádenos quen formou parte desta equipa e cal foi o asesoramento preciso para a realización de Acorda.

A co-directora artística Marina Carracedo tivo un peso enorme na concepción, creación, concepción e execución do proxecto. Sen a súa mirada atenta, o seu criterio e ideas, este documental non sería o mesmo. Tamén quería agradecerlle a ela o traballo de produción en tempos de restricións máximas, cando tivemos que facer a rodaxe en condicións moi complicadas.

Este docu foi un reto, o traballo dun equipo moi dedicado, que puxo alma e moitas horas de traballo. Comezou por quen nos abriu os ollos e nos asesorou e nos guiou, con coñecemento e paixón por eses lugares e os seus, as súas protagonistas: a escritora Montse Fajardo, cuxo libro, un cesto de mazás, inspirou a canción que é banda sonora deste ‘Acorda’ e que compuxen e logo arranxou Su Garrido Pombo.

Hai que sinalar o traballo inxente dos operadores de cámara Clara e Pedro, o novísimo e boísimo realizador Lucas Terceiro que conseguía con poucas tomas, resultados moi brillantes así como o son en directo de Arturo Vaquero.

Puxo moita carne no asador tamén o noso guionista, narrador e poeta, Lois Pérez, que enfiou moi ben todas as historias e contounas coa delicadeza e a forza que merecían destacando sempre a loita e a dignidade das e dos protagonistas. A poesía veu da súa man, de como soubo contar, con garra e firmeza, a barbarie e tamén o canto de resistencia.

Queta Molas, Telmo Comesaña, Blanca Francés e Tatán, que nos contaron en primeira persoa as súas testemuñas. Sen elas, sen o seu compromiso e o das asociacións que as representan, non se podería ter abordado este proxecto. Elas e eles mantiveron acesa a chama da memoria.

Coa música semella que é máis doado chegar ás novas xeracións, a aqueles que non sufriron na súa pel a represión da ditadura, ós que non escoitaron as historias dos seus avós e, polo tanto non teñen un vínculo coa Memoria… ¿Foi por este motivo que se apostou no proxecto por voces novas como as de Tanxugueiras, Ezetaerre, Sheila Patricia ou Su Garrido? Aínda que no caso de Sheila Patricia sei que ten un vínculo especial cun dos lugares máis emblemáticos da Memoria, coa Illa de San Simón.

Claro que foi unha aposta pola xente nova algo que nos moveu. Aínda que todas estas artistas son moi comprometidas coa memoria mesmo sen ter vivido en primeira persoa esas situacións. Mais teñen un posicionamento antifascista, saben escoitar a quen as viviu. No caso de Sheila, ela si tivo unha bisavoa madriña de San Simón, unha familia represaliada. As Tanxugueiras escribiron unha nova letra: Autocracia para contar eses anos escuros…

Emilio Rúa e Silvia Penide que nos puxeron a pel de pita coa peza de Emilio: Vida miña, cantada ao pé dun lugar de morte. A performance de Ugia Pedreira e Marina Oural que recrearon de xeito ben orixinal o romance da lavandeira. Sheila Patricia, bisneta dunha madriña de San Simón interpretou maxistralmente o popularísimo Manolo mío. Eladio dos Santos deixounos sen alento coa súa versión de Agardarei, poema de Celso Emilio e música de Batallán, un canto de esperanza e de futuro. Tanxugueiras e Isaac Palacín deixaron a súa pegada cun canto sobre a violencia na ditadura franquista que nos tocou fondamente. Que elas, tan novas, sintan que teñen que facer esa denuncia, parécenos importantísimo.

Eduardo Rodríguez Cunha, «Tatán», e Lois Pérez, conversando na Illa da Memoria. Foto: Alba Díaz.

Tamén hai un proxecto, paralelo á traxectoria do documental, para montar unha exposición fotográfica a modo de crónica da rodaxe. ¿Quen participa nesta exposición, e como xurdiu esta idea?

A exposición está xa en marcha no Edificio do Museo onde tamén están as oficinas da Deputación e son da excelente fotógrafa luguesa encargada do making of, Alba Díaz. Recomendámola vivamente. Nas súas imaxes conseguiu captar toda a maxia da rodase, a dureza, a tenrura en retratos en branco e negro cheos de sensibilidade.

Son moitos os lugares da Memoria que quedan fora deste documental, a represión espallouse por toda a nosa xeografía, ¿haberá segunda parte de Acorda para recoller estes lugares que quedaron sen sinalar?

Claro que haberá segunda parte. Aínda non sabemos cal será o formato mais haberá máis lugares porque desgraciadamente son moitos os que quedan aínda por abordar, investigar e desentrañar.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.