fixeron todo o posible para, primeiro, intentar paliar a súa dor, sobrevivir a todos estes aldraxes que tiveron que soportar, porque quedaron marcadas, humilladas.
Por Angelo Nero
A historia de “O péndulo” contén, como unha matrioska, moitas historias, que van saíndo das caixas nas que se mergullan as protagonistas, na procura de respostas. Unha destas historias é a de María Gómez, alcaldesa de A Cañiza no 36, e a única muller que presidiu un concello galego na Segunda República, quen rematou, por certo, ligada polo destino a outra das nosas represaliadas, Urania Mella, a presidenta da sección viguesa da Unión de Mulleres Antifascistas. ¿O de incluír a súa historia, como a de Pura, a filla do derradeiro alcalde republicano, Emilio Martínez Garrido, foi un xeito de tentar visibilizar a represión que o franquismo exerceu sobre as mulleres, que foi terrible, aínda que durante moito tempo descoñecida?
Si. Si están esquecidos todos os fusilados, maiormente están esquecidas as mulleres deses fusilados, as súas fillas, que tiveron que sufrir a posteriori todo o que sufriron. Eu inclúo na obra o relato da alcaldesa, en primeiro lugar, porque considero que é unha figura suficientemente importante como para que se lle de relevancia, e nn facer como fan na Cañiza, que ata que entrou agora este goberno socialista, tiñan o seu cadro detrás dunha aporta, para que non se vira, o que me parece unha vergoña. Outra muller como Urania Mella, que é un pensamento potentísimo, e o que lle fixeron a esa muller foi terrible, a min gustaríame facer outra obra so coa súa historia, e penso que hai que poñelo en valor, foi moi relevante.
Se eles cargaron co peso do esquecemento, elas cargaron co peso do esquecemento e da deshonra, ademais, por ser mulleres, e logo a valía dunha muller como a alcaldesa, que era unha muller firme, que non calaba, que tamén denunciaba que lle estaban facendo presión os seus compañeiros, os seus camaradas, incluído o meu bisavó.
Eu sempre o digo, si me interesa dar unha perspectiva de xénero, sempre traballo con esa perspectiva, pero ademais porque tamén quería por en valor á miña avoa, e a miña bisavoa. A ver, a miña avoa, ademais de raparlle ou non o pelo, hai versións contraditorias niso, hai xente que me di que si, outra xente que me di que non, sabe dios que máis barbaridades lle fixeron e non me contaron, ou eu non cheguei a saber porque neste run run sempre sae que a miña avoa tiña 18 anos, cando lle mataron o pai, e todo o mundo me dicía que era moi guapa, e lévache a pensar: que demo lle fixeron a miña avoa.
Eu quería poñelo en valor, igual que a miña bisavoa, que xa digo que me parecía una muller contundente, e moi clara, que non calou, entraba a garda civil na tenda, isto encantoume descubrilo, e estaba a muller de outro dos fusilados, Justo Moure, e preguntaban: ¿está a Jesusa?, e ela respondía: Non, aquí non está. Non soportaba á garda civil, e enfrontábase a eles, e iso a min gústame, que fora unha muller de carácter.
E logo, con respecto a miña avoa, que xa, tanto ela como María Gómez, fíxate, morreron de Alzhéimer, isto o conto na obra, a miña avoa morreu de Alzhéimer, e ca lembranza do pai era unha cousa horrorosa, berraba: papa, papaiño, papaiño… e María morreu de Alzhéimer pensando que viñan buscala aquí, na cárcere de Vigo, que acaban de fusilar ós compañeiros e que a ían matar a ela. Ambas mulleres quedaron no 36, as dúas, e para min isto tamén foi un punto de conexión do sufrimento destas mulleres que hai que narralo, o das mulleres que quedaron aquí, o que tiveron que pasar, o que tiveron que aguantar, torturas, humillacións, insultos, e isto hai que reivindicalo, e reivindicar que non se volva a facer.
Aínda que semella que a obra está nucleada ó redor de Tirso, son as voces das mulleres tamén as que contan a historia, as que rachan o silencio, e tamén sodes tres mulleres as que interpretades a todo un crisol de personaxes, ¿é tempo tamén de que non só se lle de visibilidade á represión das mulleres, se non que tamén é importante que se faga dende unha sensibilidade feminina?
Eu tanto como sensibilidade feminina non sei, sensibilidade feminista dende logo, ou intención feminista, e dicir, poñer en valor o que che acabo de dicir, que estas mulleres loitaron e fixeron todo o posible para, primeiro, intentar paliar a súa dor, sobrevivir a todos estes aldraxes que tiveron que soportar, porque quedaron marcadas, humilladas, todo unha serie de insultos, roubos e o que fose, dáballes igual.
Entón, si creo que temos que empezar, non so no relato da Memoria Antifascista, senón en todos os relatos, a contar con intención feminista, e a contalo dende aí, porque somos as grandes esquecidas da Historia, con maiúscula, e da historia máis en pequeniño, como esta, que ven a ser o mesmo, que se une en moitos puntos.
Chama a atención na obra a súa escenografía, ese balbordo de caixas que se abren para que falen os silencios, as fotografías que se proxectan nun muro de cartón, que nos miran demandando respostas. Toda esta posta en escena, a iluminación, o atrezzo, o son, tan precisos para procurar unha atmosfera propicia para apuntalar o relato, ten un equipo detrás, aínda que non se vexa, no que, por suposto, hai que incluír a dirección e o guión ¿ademais das tres actrices que lle dades vida a “O péndulo”, quen forma parte desa equipa de Inversa Teatro?
Para escribir a peza, hai unha primeira versión, no 2019, pero a min non me gustaba e ademais ía ser publicada co Centro Dramático Galego, deixando así un pouco da man de sabe dios que, e a min no me interesaba algo tan persoal, poñer documentos que non viñan a conto, nesa edición. Entón cando xa desta vez decidín facelo, tiña moi claro que eu tiña tanto material, e tiña tanta lea mental, e tanta dubida, que eu precisaba a alguén externo, pola carga emocional, e o traballo de co-escribir foi de Ernesto Is. El moi ben, dende fora, soubo drenar, non so moitos dos documentos, que eu por min faría unha obra de catro horas, e tiña tanto que contar, senón tamén el soubo percibir todo o meu proceso pendular, -na obra se ve, eso foi real-, a miña búsquea, as miñas dubidas, os meus medos, todo iso, foi real, e sen el non tería sido posible.
E logo, outra persoa, para min, imprescindible, que tamén traballou, non so na dirección, senón na dramaturxia, foi Carlos Álvarez-Ossorio, que foi a miña persoa de confianza. Carlos e eu falamos moitísimo, e traballamos man a man en todo. Ademais el é un director excelente, e dende fora soubo perfectamente encaixalo todo. Del tamén foi a idea de colocar as caixas, entre el i eu, inspirámonos no Arquivo Militar de Ferrol, en todo esa gran chea de caixas e documentos, e queríamos que todo iso estivese, así como a sensación que tiven de que fago con todo iso, e a verdade que a solución que atopamos coa estantería, onde colocar as caixas, que é máis complicado do que parece, e que ó final quedou moi ben. E tamén colocar o audiovisual e as luces de forma diferente, non nunha mera pantalla.
Tamén tiñamos claro, dende o principio, a min me interesaba moito trasladar o peso do papel, e o potente que é ler un papel real, trasladalo ó público, porque ti les unha sentencia de morte, ou un documento destes, e quedas un pouco en shock, é moi forte, e nos queríamos que ese impacto, que tamén o tivese ó publico, e creo que a través das caixas, deste montón que da a sensación que te ven enriba, quixemos tirar por aí o espazo escénico.
Logo a música, vídeo e fotos, unha parte moi importante, foi a cargo de Jesús Andrés Tejada, unha persoa de máxima confianza, con quen tamén eu adoito traballar. Rosa e Nerea, que ademais son tamén as miñas amigas, coidáronme moito, estiveron sempre aí, e tamén Carlos, Ernesto, Jesús, Marieta Rodríguez no deseño gráfico, que sabe conceptualizar perfectamente sempre o que eu penso, e logo xente en comunicación. Eu sentinme moi acompañada neste proceso, eles entenderon que non era unha mera montaxe, como outras, porque isto é persoal, eu estou falando da miña familia, e a min dábame moita vergoña falar disto, ó principio, pero eles foron amigos e amigas e me axudaron nisto.
Por último, o teu bisavó Tirso pediu, antes de ser asasinado por un delito de rebelión que non foi tal, que se lle fixera xustiza, e oitenta anos despois, en 2016, e xa que a xustiza española se inhibe nos casos dos crimes do franquismo, vos adherides á Querela Arxentina, instruída pola xuíza Servini de Cubría, na causa aberta por crimes de Xenocidio e lesa humanidade. ¿Que pensas de ter que procurar a xustiza que nega este estado ás vítimas do franquismo na outra beira do Atlántico? E ¿cal é a túa opinión, se a tes, do Anteproxecto de Lei de Memoria Democrática?
Con respecto a isto que dis, o inicio, “que me fagan xustiza” foi Justo Moure, na súa última carta, quen o dixo, esas palabras recollelas o seu neto, Xavier Pérez, que é medio primo meu, porque Justo tócame pola parte da miña nai, e en Cataluña declara reafirmándose no que dixera o seu avó, adheríndose á Querela Arxentina. A min paréceme, de novo, como o da Cruz do Castro, un escándalo, que aínda hoxe en día non podamos dicir que a Guerra Civil foi ilegal, senón que teñamos que dicir que foi ilexítima, per se, paréceme anacrónico.
É unha sensación de continuidade, de seguir molestando, premendo, de non querer realmente xustiza, porque non interesa, porque non hai vontade, e está claramente demostrado que non hai vontade, porque hai partidos políticos como VOX que están aquí, e que xa están no poder, considerando que a sua ideoloxía é unha cuestión de opinión. E que o fascismo non é nunca, en ningún caso, unha opinión respectable, primeiro non é unha opinión, e segundo non e respectable.
Non podemos ter a esas persoas no poder, polo tanto, e se as mantemos, é contraditorio, pois se temos a VOX no poder non podemos dicir que se xulguen ós crimes do franquismo. Entón, debería haber un proceso social de reconstrución de todo isto e de reparación real, e como iso non sucede temos que levar os crimes a xulgar fora, na xustiza internacional, e por sorte aínda se pode xulgar internacionalmente. É vergoñento, non teño palabras.
Con respecto ó anteproxecto de Lei de Memoria Democrática non quero pronunciarme, porque non o coñezo en profundidade e prefiro non meter a zoca, pero si me falas da lei de Zapatero de memoria históricas, dígoche que me parece un verdadeiro insulto, paréceme un papel pintado que pos enriba dun muro de ladrillos cheo de buracos, que metes así os dedos e non ten base ningunha, que ven a dicir que os crimes do franquismo non son ilegais.
Fálanos, para rematar, polo recorrido de “O péndulo”, tanto polo da obra teatral, como polo libro, publicado por Edicións Positivas.
Estreamos en Vigo o 4 de marzo, con gran acollida, estamos moi contentas vendo que hai interese polo tema, hai ganas de saber, de feito ó rematar as funcións sempre ven xente a contarme a súa historia, cousa que agradezo, outra xente que me pregunta onde pode indagar polo seu pasado, cousa que tamén me satisfai moito, que se consiga iso. Logo estivemos en A Cañiza, que estivo moi ben, tamén é certo que foi quen foi, e quen non quixo ir non foi. E logo estivemos en Silleda e Gondomar, a través da Deputación de Pontevedra, pola sua área de Memoria Histórica. E agora, tamén tivemos a presentación do libro en A Cañiza, na Mercería Pepa, no negocio familiar, cousa que foi moi bonita, e agora en Compostela, onde hai unha asociación de Memoria arxentina, que quere encadrar a presentación do libro dentro dos seus actos reivindicativos. Ademais estaremos en Compostela, noutro festival, coa peza de teatro. E logo imos estar na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, con moitas ganas ademais.
Agora mesmo estamos nese proceso de, aínda qeu non me gusta falar deste xeito, venta, porque ó final é un espectáculo, e teño que vendelo, pero todo o que estamos recibindo é moi bo, moi positivo, está habendo moi boas críticas, saíndo moito na prensa, moitísimo interese e moitas ganas. Hai necesidade de falar deste tema, que a transición non se fixo cando se tivo que facer, e ó mellor esta xeración é a que está preparada para facela. Oxalá. Algo de esperanza teño.
Se el primero en comentar