Entrevista a Telmo Varela: “A oligarquía recorre constantemente a represión para perpetuarse no poder”

Os traballadores de Freire en febreiro do 72 vamos a folga polo convenio; en Marzo en protesta polos asasinatos de Ferrol; en Maio en solidariedade cos compañeiros de Barreras. E en Setembro desatase a folga xeral.

Por Angelo Nero

Con 16 anos comezas a traballar no asteleiro Freire, e o fas nun ano que vai a ter fixado no imaxinario obreiro da cidade, pois o pouco de entrar, comeza a primeira folga, e aínda que ti xa tiñas constancia de loitas anteriores, xa que teu pai foi tamén un líder sindical en Freire, debeuche coller por sorpresa. ¿Cales son eses antecedentes das grandes folgas que se deron, especialmente en Vigo e Ferrol, e que desembocaron no Setembro Vermello do 72?

Os antecedentes, penso eu, hai que buscalos na propia ditadura. A falla de liberdades políticas, de expresión, de reunión, de manifestacións, así como, as duras condicións de traballo, falla de seguridade e hixiene, o despotismo dos encargados, xefes de taller, etc.

Outro antecedente, non menor, pensa que no ano 72 xa transcorreron 33 anos de consumado o golpe de Estado fascista. Os nen@s da época do golpe pasaron anos de fame, anos de tristura, amargura e escuridade. O fascismo estaba roubándonos o soño dos ollos, queimábasen as pestanas por non poder mirar un futuro certo, as mans entumecíanse por non poder alcanzar a liberdade. O corazón murchábase ao mirar as condicións en que produciamos bens de consumo aos que non tiñamos aceso. Os estómagos os tiñamos cosidos de tanto sufrimento. A loita é loita cando afronta dificultades, esquiva obstáculos e proxecta un futuro de auga clara, condutora de homes e mulleres que soñan cun futuro esperanzador e ilusionante.

Cando se dan estes condicionantes o proletariado e capaz de grandes xestas. É precisamente cando pode tomar o ceo por asalto.

Os traballadores de Freire en febreiro vamos a folga polo convenio; en Marzo en protesta polos asasinatos de Ferrol; en Maio en solidariedade cos compañeiros de Barreras. E en Setembro desatase a folga xeral.

Daquela aínda non agromara o xerme do sindicalismo nacionalista, as Comisións Obreiras comezaban a organizarse, tentando copar o Sindicato Vertical, pero ademais xurdían novas expresións proletarias como Organización Obreira. Xa que ti militaches nesta última, ¿como xurde, en que momento, e que protagonismo tivo nas folgas dese ano?

Cando as CC.OO., autónomas e independentes, foron controladas polo Partido carrillista o seu obxectivo era copar o Sindicato Vertical. Isto ocorría paralelamente a política de reconciliación nacional impulsada polos carrilistas. Por un lado, querían reconciliarse cos verdugos de miles e miles de republicanos e antifascistas. E ao mesmo tempo chamaban a copar un Sindicato Vertical baleiro de obreir@s. Unha institución morta querían darlle vida e levar os traballadores a ese “cuartelillo”.

Estas políticas xeraron un gran malestar nos militantes máis formados, honrados e inquietos. Militantes do PCE como Hierro Chomón e Anxo García non comulgaban coa “reconciliación nacional”. Nas xuventudes o rexeitamento era moito maior, os irmáns Collazo, Alonso Riveiro, Casimiro Xil, Aurora Caride, Carmen Cayetano, Benedicto, Braulio Puga… practicamente toda a xuventude proletaria estaba con Abelardo Collazo. Só un pequeno grupo de estudantes e de crases acomodadas da cidade quedaron con Enrique Curiel.

En CC.OO. dábase o mesmo proceso. En cada folga o malestar era maior e saltaba a luz, pola política pactista e timorata dalgúns dos seus dirixentes. Na folga de Maio en Barreras un grupo importante, con Moncho de Barreras, Anxo Guisande, Lois Abalde e Xesús Chaves a cabeza, desligasen de CC.OO. para confluír en Organización Obreira.

Na folga de Barreras, en Maio, Organización Obreira medra en prestixio e en organización, consolidándose como unha auténtica organización obreira.

En Setembro estabamos estruturándonos con novos militantes pois non paraban as reunións para captar máis militantes do PCE, xuventudes e CC.OO. Por tal motivo, non nos conviña unha nova folga. Pero unha vez esta prodúcese decidimos apoiala con todas as consecuencias. Aos 5 ou 6 día de folga xeral CC.OO. e PCE empezan a manobrar para desconvocala, é cando Organización Obreira pon toda a carne no asador, e a partir de aí o protagonismo absoluto é de Organización Obreira seguindo os traballadores as consignas e as tácticas promovidas por Organización Obreira.

Na loita participaron milleiros de obreir@s, a mellor da estirpe da crase obreira viguesa. Despois da Folga Xeral as pesadas gotas das consecuencias represivas parecen pasos subindo a costa e o forte vento golpeando de fronte. A represión aplastou toda esperanza e novos sacrificios tivemos que sortear a clandestinidade, a cadea, o exilio, a zancadilla e os ataques dos oportunistas de CC.OO. e os carrillistas. Gañáronse ben un posto na poltrona.

A asemblea de traballadores era unha das ferramentas decisivas na loita proletaria, e tivo un papel indiscutible nas folgas do 72, ¿cómo se realizaban estas asembleas, lembrando que estabamos nunha ditadura que non era, realmente, permisiva con calquera reunión obreira?

Jajaja.. estabamos nunha ditadura, certo, ríome porque faciamos máis asembleas antes coa ditadura que agora que están permitidas. Esta é unha máis das contradicións desta “democracia” borbónica. Coa achegada da “democracia” e a instauración do modelo representativo (“polo que ti non es ti, senón alguén que está representado por outro”), os organismos populares de tradición mobilizadora e reivindicativa, pasan a ser meros xestores e enlaces verticais coas distintas administracións. Deste xeito a dependencia do sistema burocrático imposto, e do abandono do asemblearismo como foro de debate e toma decisións, produce unha desmotivación e desencanto cos que hai que rachar.

A asemblea de traballadores era é sigue sendo unha ferramenta fundamental para o movemento obreiro. Sen asembleas non hai movemento. Nas asembleas debatese, saen propostas, tómanse decisións, forxase a unidade, e sobre todo, das asembleas saen os verdadeiros lideres naturais da clase obreira. Era aí onde saían e destacaban os lideres, onde se forxaban verdadeiros axitadores e mitineiros. Agora nas poucas asembleas que se fan, falan os liberados de cada sindicato, cada un solta o seu espiche e para casa. Iso non é movemento asembleario.

Por iso, con este 50 aniversario do Setembro do 72 queremos reivindicar con orgullo o espírito do 72. Queremos traelo as loitas de hoxe en día, aquel espírito, aquela loita e aqueles métodos de loita que están máis vixentes que nunca.

As asembleas de fábrica facíanse na propia fábrica sen ningún problema. Cando eran asembleas xerais faciámolas no monte, en algunha nave, en igrexas e algunha xa no Sindicato Vertical, polo empeño del CC.OO. de levarnos alí. Estas asembleas convocábase de boca en boca, cada un comunicáballo aos compañeiros con que tiña confianza. Aínda así tomabamos medidas de seguridade.

Outra das estratexias de loita eran os saltos, que, co tempo, se abandonaron da práctica sindical, e que mesmo derivaban en emboscadas á policía, ¿en que consistían estes saltos, e que repercusión tiñan non pobo que non estaba moi afeito a este tipo de accións, despois de mais de trinta anos de longa noite de pedra?

Os saltos son un método de loita eficaz. Por unha parte, faise visible o conflito en toda a cidade. Por outra, evítase a represión policial. Explícome: nunha manifestación masiva ou numerosa, si se produce unha carga policial, hai máis posibilidades de que haxa feridos e detidos.

Os saltos teñen o factor sorpresa, maior mobilidade, rápida retirada e dispersión das forzas represivas. Esa e a experiencia acumulada en Setembro do 72.

É certo que se utilizan pouco, porque os sindicatos non están pola labor, pero sigue sendo un método de loita tan válido como as folgas, as asembleas, os piquetes, as manifestacións… Na loita sindical está practicamente todo inventado e os sindicalistas coñecen todos este métodos, outra cousa é que queiran aplicalos.

Nas loitas polo convenio de metal de 2009 aplicouse en algunha ocasión a práctica dos saltos, con bos resultados.

E estes días, na loita do metal de Cádiz, ten pinta que están aplicando esta estratexia de saltos.

Foi moi importante tamén para a continuidade da folga as mostras de solidariedade que chegaron de toda Galiza, o que animaba á resistencia dunha cidade que, en setembro d0 72 chegou a estar sitiada polas forzas policiais, ¿en que forma se traduciu esta solidariedade?

Para calquera conflito que se prolongue no tempo a solidariedade é como espremer os astros, é a esperanza dunha sociedade fraterna; é necesaria para percorrer o camiño da loita e seguir resistindo, sabendo que estás arroupado. A solidariedade da folgas para continuar a loita e tamén é necesaria para que o inimigo non te venza pola fame.

No Setembro Vermello a solidariedade foi impresionante. De Lugo e Ourense chegaba toda clase de produtos do campo, dende leite ata xamóns. Mención especial para os barcos de baixura que descargaban caixas repletas de peixe fresco para os folguistas.

Tamén, seica, a solidariedade económica foi grande non só de Galiza senón do Estado español, pero esta solidariedade a controlaba os dirixentes de CC.OO. e ás mans dos militantes de Organización Obreira, reprimidos e despedidos, non chegou nin unha soa peseta. E a moitos militantes de CC.OO. tampouco. A onde foi a parar esa solidariedade económica, sábeno os dirixentes de CC.OO. e do PCE.

Foron moitos os protagonistas do Setembro Vermello que quedaron no esquecemento, quizais porque foron os que máis incómodos eran para as cúpulas sindicais que se crearon despois, ou porque foron os máis castigados pola represión, ¿que nomes cumpre rescatar para ter unha memoria real do 72?

Ambas cousas, incómodas para o sistema e para partidos e sindicatos oportunistas, e porque foron os máis combativos e, polo tanto, os máis reprimidos.

Sempre que se fala do 72 se nomea a Waldino Varela, Porriño, Sangrabiel, Xosé Comesaña (o Merreño), Manel (hoxe en día concelleiro con Abel Caballero), dirixentes sindicais inofensivos para o sistema, cando no colaboradores e sostedores deste sistema que nos oprime e nos explota.

Dan noxo cando falan do 72, falan de banalidades e de aspectos secundarios, intencionalmente, para ocultar o que realmente significou a Folga Revolucionaria do 72. Todos eles non reivindican nin están orgullosos do espírito do 72, pero a crase obreira si o está. Cada vez máis nas loitas e na rúa se reivindica o espírito do 72. Hai que recuperar ese espírito e esa combatividade para avanzar na procura dos nosos dereitos, cada vez máis ameazados polas continuas reformas laborais.

Hai que rescatar os nomes dos verdadeiros protagonistas da loita, o proletariado máis conscente e que se entregaron á loita sen ningún interese de protagonismo, foron Luís Abalde e Comesaña, carpinteiros de Barreras. Luís Abalde foi detido dúas veces, unha no franquismo e outra na “democracia”. Era tan querido e respectado en Barreras que as dúas veces foi readmitido. Xubilouse en Barreras e morreu mantendo os seus ideais intactos e conservando a esencia do que deber ser un proletariado.

Comesaña, tan grande como bondadoso. Obreiro exemplar, como profesional, como compañeiro e como loitador. Non facía espaventos (podía facelos pola súa corpulencia), pero sempre estaba na primeira liña de combate. Nunha manifestación de Barreras (Maio do 72) na Porta do Sol cargaron os grises, os manifestantes dispersáronse, feito que aproveitaron os “Guerrilleros de Cristo Rey” para acurralalo nun portal e coas cadeas partíronlle o lombo. Nunca se recuperou desa lesión, quedou tocado de por vida, pero nunca faltou a unha asemblea, manifestación, sempre estaba ao pé do canón. A min salvoume de ser detido porque se interpuxo no camiño evitando así a miña detención. Un gran home, bo profesional, moi bo compañeiro, bo marido e bo pai. Practicamente nunca se menciona.

Anxo García, dirixente comunista, foi detido no 72 e pasou dous anos na cadea. Xunto con Abelardo Collazo e Moncho de Barreras era dos máis buscados e perseguidos pola policía, porque xogou un papel fundamental na ruptura co PCE. Ao saír da cadea xogou un importante papel na creación do SOG.

Benedicto, ninguén se lembra del . Un loitador coma a copa dun pino, o primeiro para todo voluntario para desempeñar calquera tarefa. Cumprindo unha destas tarefas tivo un accidente de coche quedando en coma durante 15 días. Aparentemente recuperouse e seguiu militando en Organización Obreira, falecendo meses máis tarde, o día 6 de Xaneiro do 1973 con tan só 25 anos. Foi o enterro máis multitudinario que asistín na miña vida. Todos os compañeiros de Barreras estaban presentes, a metade da xente de Coruxo e a práctica totalidade de San Miguel, de onde era natural. Este feito, por si só, di moito de quen era o querido Benedicto.

Braulo Puga, líder obreiro de Freire, detido e torturado catro veces, a primeira no ano 73, a segunda no ano 74 e logo no 75 e 76. Estivo preso na cadea de Vigo (onde está o Marco), na de Pontevedra e a Coruña. Na primeira detención ao saír os traballadores en asemblea acordan ir a folga para que sexa readmitido. Asegurándolle o posto de traballo ata a súa xubilación.

Xesús Italiane, Urbano Medraño… detidos, e no caso de Urbano dous anos preso, os seus dirixentes de CC.OO. non os lembran porque son loitadores incómodos para a cúpula do sindicato. Só queren obreiros submisos e obedientes que digan amén as súas políticas liquidacionistas.

Hai que seguir dando o combate pola luz, pola liberdade e o progreso para que os oportunistas de diferente pelaxe non se saían coa súa, si os deixamos acionar imponse a escuridade, outros corenta “anos de longa noite de pedra”.

A represión posterior foi brutal e continuada, destinada a quebrar o movemento obreiro, como anticipo a esa transición que debía ser pilotada dende a clase política que xa estaba negociando co réxime. ¿Cómo foi esa represión e que pegada deixou no sindicalismo que aínda estaba agromando?

A oligarquía recorre constantemente a represión para perpetuarse no poder, e en aqueles anos con máis motivos. Aínda vivía o ditador, pero na “trastenda” xa estaba a clase política negociando co réxime a transición do fascismo ao fascismo monárquico. A monarquía é a continuación do franquismo. Esa transición fragouse nas mesmas esencias do réxime fascista. Adolfo Suárez, lembremos, era o xefe do Movemento Nacional, nin máis nin menos; ó rei “O Campechano” o impuxo Franco, e así todo o demais.

A oligarquía española sabe perfectamente que o auténtico inimigo do capitalismo é a clase obreira. Por tal gallo, pertréchase ata os dentes para reprimir con saña, e derrocha inxentes sumas de diñeiro en difamar e calumniar a loita proletaria.

Os partidos de “esquerdas”, os pacifistas e a casta política pregoan que a liberación do proletariado deféndese con métodos pacíficos e armas espirituais, pero é atacado con armas materiais cada vez que sae á rúa a reivindicar os seus dereitos.

Así foi como no ano 72 frenou o avance organizativo da clase obreira, con detencións, tortura e prisión.

 

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.