A Cidade da Selva foi o centro principal de artellamento da loita guerrilleira no noroeste peninsular e un refuxio para todos os guerrilleiros e guerrilleiras que precisaban dun lugar para repousar e continuar a súa loita.
Por Angelo Nero
A resistencia armada ó réxime franquista na Galiza desmonta ese relato instalado na nosa sociedade que sostén que na longa noite de pedra da ditadura apenas houbo oposición, e a que se deu foi residual, e que os fuxidos estaban illados do pobo. Hai traballos recentes que confirman a existencia dunha nutrida rede de apoio, con centos de casas onde daban acubillo “ós do monte”, e, ademais, grazas ó traballo de arqueoloxía de Sputnik Labrego, coñecemos a importancia dunha base guerrilleira, A Cidade da Selva, no cerne dos montes de Casaio.
Antes de que nos faledes do traballo desenvolto en Casaio, gostaríanos saber como nace Sputnik Labrego, e cales son os seus obxectivos.
Sputnik Labrego naceu por un proxecto concedido pola Xunta de Galiza no ano 2016 co obxectivo de analizar a longa duración das sociedades labregas do noroeste a través do rexistro material e antropolóxico a desenvolver no CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas). A idea de partida é que o campesiñado tiña unha longa historia que podía ser entendida dende o punto de vista dos obxectos, e que esta historia tiña momentos de moitas transformacións e grandes mudanzas ante as cales as sociedades labregas mostraban unha gran capacidade de resiliencia, adaptación e tamén resistencia. Un período que estamos a estudar é os momentos finais do Imperio Romano, que foi un período de moita tensión para as sociedades labregas. Outro é precisamente o proceso de imposición da modernidade, neste caso a través da Guerra Civil e do estado franquista, motor do xurdimento da loita guerrilleira. A chave do noso traballo é entender esta loita como, en parte, unha reacción das sociedades labregas a esa imposición das dinámicas capitalistas, que estaban a desmontar sus centenarios modos de vida.
E, ¿Como comeza a xermolar o proxecto de escavar a Cidade da Selva, nos vales das Morteiras e da Bruña, como foron os primeiros pasos, e con que medios contabades para levar a cabo o voso traballo arqueolóxico?
A orixe dos traballos sobre a Cidade da Selva hai que buscala nos traballos previos feitos sobre este sitio, como os de Secundino Serrano, Aurora Marco, Carlos Reigosa e outras persoas. Ademais, poucos anos antes de comezar nós o noso proxecto, o arqueólogo Xurxo Ayán escavara o primeiro contexto guerrilleiro na Galiza, o contexto da batalla de Repil. Esta foi a base na cal nós puidemos apoiarnos para abordar os traballos na Cidade da Selva. O primeiro paso foi, digamos, aterrar, facer contacto co sitio e con Casaio, que é a aldea onde se localiza a Cidade da Selva. Unha vez, e grazas á memoria da xente de Casaio e á actual Comunidade de Montes, puidemos atopar o primeiro campamento guerrilleiro no val de Morteiras. Cando chegamos e vimos este sitio, comprendimos deseguido a importancia material desta Cidade da Selva. Un campamento levou a outro e despois de cinco anos de traballo, atopamos cerca de 22 campamentos, e máis que non dimos atopados aínda e outros destruídos polas actuais canteiras de lousa. Grazas ao proxecto financiado pola Xunta de Galiza tiñamos os medios necesarios para iniciar o traballo, pero en último termo, o máis importante foi a nosa vontade e as nosas pernas para atravesar os fermosos, pero duros, montes de Casaio.
Quizás pola asociación co tema da recuperación da nosa Memoria colectiva, o voso traballo lémbrame o que leva a cabo a Sociedade Aranzadi, coa arqueoloxía forense nas exhumacións das fosas comúns do franquismo. ¿Ten algo en común os voso traballos ou o que facedes na Cidade da Selva é algo totalmente distinto?
Malia que non temos a inmensa traxectoria da Sociedade Aranzadi (e tampouco os medios e o apoxo institucional cos que agora contan, aínda que ben pelexaron por facer o seu camiño en condicións durísimas) os obxectivos son moi parecidos: reconstruír unha memoria que estaba por perderse e facer xustiza a todas as vítimas dun pasado traumático do que aínda sufrimos as consecuencias.
Paralelamente á escavación arqueolóxica, facedes unha minuciosa labor de documentación e de recollida de testemuñas orais, na que logrades a implicación de boa parte do pobo de Casaio. ¿Como foi esta parte do traballo documental, e con que sorpresas vos atopades a medida que avanzabades?
A primeira sorpresa que tivemos é a apertura da xente vencellada con este pasado traumático para falar da súa historia. Aterramos (e utilizo esta palabra vontariamente) en Casaio co medo de que o noso traballo puidese provocar malestar na veciñanza. Hai que pensar que todas as familias de Casaio teñen algunha historia traumática de violencia ou represión. Porén, a medida que facíamos entrevistas o que entendemos foi que a xente tiña unha necesidade de contar a súa historia, de ser escoitada. Esta parte do noso traballo é a máis bonita, mais tamén a máis difícil dado o tipo de historias que estamos a recoller. É por isto que contamos cunha antropóloga, Olalla, que nos axuda a facer as cousas ben e a tratar este precioso material, que é a memoria, como se merece. A maiores, é grazas á memoria do colectivo que podemos atopar os campamentos que despois imos a escavar. Campamentos que sen esa fráxil memoria, a piques de perderse, estarían desaparecidos xa para sempre.
A pesares de que xa era coñecida a existencia da base guerrilleira nos montes de Casaio, antes de vos ninguén se interesara en facer un traballo de investigación sobre o terreo. ¿Que é o que vos atopades cando chegades á Cidade da Selva?, ¿Imaxinabades a magnitude do traballo que tiñades por diante?
Nin por asomo puidemos imaxinar o que realmente significaba a Cidade da Selva en termos materiais. O que atopamos foi un conxunto de campamentos perfectamente pensados e organizados para a loita guerrilleira. Un auténtico paisaxe da resistencia controlado por estes guerrilleiros e guerrilleiras que nos invita a afirmar que a Guerra Civil non remata en 1939, senón en 1946, momento final da Cidade da Selva.
De resultas da escavacións, extraedes un feixe de obxectos, que nos falan da vida diaria dos guerrilleiros. ¿Que clase de obxectos atopades nas construcións e que nos din de como vivían?
O que atopamos fundamentalmente é as cousas (a materialidade dicimos en arqueoloxía) que estes grupos de guerrilleiros, e a Garda Civil no caso de que houbera espolio, deixaron como lixo despois do seu uso. Isto é importante telo en conta para entender exactamente que estamos a ver. E o que mostran estes obxectos é unha organización guerrilleira perfectamente abastecida, o que relativiza a imaxe de fuxidos e bandidos que escapan e sobreviven no monte. As mediciñas, os obxectos de hixiene como as cremas de dentes, as vaíñas de fusil Mauser… todo é proba do grado de organización deste grupos e da capacidade que tiñan de ter cousas que nin sequera os veciños e veciñas das aldeas tiñan daquela. Un exemplo moi interesante é a cantidade de ósos de animais que atopamos nalgúns campamentos, que mostran unha dieta con moita carne, o que non era tan normal nos anos de posguerra.
O traballo desenrolado na Cidade da Selva, levouvos ás minas de Valborraz, na necesidade de darlle una contexto a existencia dunha base estable da guerrilla, e á proximidade dunha mina de wolfran, que foi administrada polos alemáns. ¿Cal é a conexión entre a Cidade da Selva e a Cidade dos Alemáns?
Estas dúas cidades representan dúas guerras que non poden entenderse por separado. A existencia da Cidade da Selva e da mina de Valborraz só ten sentido no contexto da Segunda Guerra Mundial e dos conflitos a escala internacional. Hai moita información que vencella aos grupos guerrilleiros coa economía do volfram e non sería raro pensar que un dos factores que levaron á Federación de Guerrillas de León-Galicia a instalar o seu Estado Maior nos montes de Casaio foi a existencia de toda esta rede de industrias. De calquera xeito, temos constancia documental de varios ataques dos guerrilleiros ás minas de volframio, que fixeron que algúns presos na mina de Valborraz se integraran na guerrilla. É claro que non é casual a existencia de dúas cidades tan relevantes nun espazo tan pequeno como son os montes de Casaio.
Lin nalgunha entrevista vosa a afirmación de que os presos da Cidade dos Alemáns tiñan mellores condicións de vida que a xente que vivía no seu entorno. ¿Como chegades a esta conclusión?
Recentemente Cristián Barrio publicou un fermoso libro recollendo a historia do seu avó, José Barrio, traballador nos anos 50 na mina de Valborraz e que nós tamén tivemos a sorte de entrevistar. José sempre contaba cun sorriso nos beizos como polas mañás para almorzar tiña un chocolate quente, e como utilizaba unha botella de cervexa Águila Negra para beber o viño que daban na mina. Estas cousas, o chocolate quente o as botellas de cervexa, eran luxos nas aldeas de ao redor. Mais aínda, na época dos alemáns, nos anos 40, os primeiros que viron a luz eléctrica e os ladrillos industriais utilizados de forma masiva para as construcións foron os presos do Destacamento Penal da mina de Valborraz. Isto é modernidade en estado puro.
¿En algún momento a guerrilla supuxo un perigo real para o réxime en Galiza ou era un fenómeno, como nos dixeron, illado do pobo? ¿cal foi a verdadeira dimensión da Agrupación Guerrilleira de Galicia e León?
Nunha entrevista feita nos anos 80, Marcelino Fernández Villanueva (o gafas), dixo que eles se instalaron na Cidade da Selva coa firme intención de facer caer ao franquismo e ao fascismo. Estes grupos guerrilleiros tiñan moi claro o seu obxectivo, e isto ten un reflexo material nas estruturas que estamos a escavar e os obxectos que estamos a atopar. Esta xente construíu os campamentos coa idea clara de estar alí durante moitos anos, os que foran precisos. Era unha guerra e como tal a estamos a desenterrar.
Dentro desta Agrupación Guerrilleira de Galicia e León, hai nomes míticos como os de Manuel Giron, Marcelino Fernández Villanueva ‘O Gafas’ ou os irmáns César e Arcadio Ríos. ¿Foron algúns destes guerrilleiros ocupantes da Cidade da Selva?
Todos eles. A Cidade da Selva foi o centro principal de artellamento da loita guerrilleira no noroeste peninsular e un refuxio para todos os guerrilleiros e guerrilleiras que precisaban dun lugar para repousar e continuar a súa loita. Un dos aspectos máis interesantes da Federación de Guerrillas de León-Galicia foi que agrupou xente de todas as ideoloxías de esquerdas da época, o que permitiu que moita xente puidera pasar pola Cidade da Selva.
Aina que a labor da muller na guerrilla foi fundamentalmente a de enlace, tamén está acreditada a presencia no monte de mulleres como as irmáns Chelo e Antonia Rodríguez López, como rexistra Jose Antonio Gurriarán en “As mulleres do monte: Lembranzas e pantasmas dun neno da posguerra”. ¿Cal foi o seu papel na base guerrilleira de Casaio?
Como di Alejandro Rodríguez no documental que fixemos en torno a Cidade da Selva, a muller na guerrilla tiña o mesmo rol que a muller na sociedade. As guerrilleiras como Chelo ou Antonia, como mostra Aurora Marco no seu fantástico libro, tiñan as mesmas responsabilidades que o resto de guerrilleiros, aínda que algúns deles eran moi remisos a incorporación das mulleres na guerrilla. A súa presenza na Cidade da Selva non só está evidenciada nas testemuñas orais, senón tamén no rexistro arqueolóxico. Así atopamos algúns obxectos, como distintos tipos de cremas de mans por exemplo, que pensamos foron levados polas guerrilleiras.
En xuño de 1946 a Garda Civil ataca a Cidade da Selva, coincidindo coa celebración dun Congreso de Reunificación da Agrupación Guerrilleira. ¿Que consecuencias tivo este ataque para a Cidade da Selva e para a continuación da guerrilla?
Este ataque da Garda Civil implicou o final da Cidade da Selva e, con ela, a Federación de Guerrillas de León-Galicia. Unha vez souberon da ubicación exacta dos campamentos e foron capaces de entrar neles, os grupos guerrilleiros tiveron que marchar da Cidade da Selva. Aínda que a loita guerrilleira nos montes de Casaio continuou durante algúns anos, máis ou menos ata os inicios dos anos 50, xa foi un período de decadencia e de subsistencia. Pasiva máis que activa.
A historia da Cidade da Selva tamén está asociada a de Cambedo, unha aldea arraiana, en territorio portugués, que serviu de apoio á guerrilla e foi bombardeada pola garda civil e a garda republicana lusa, tamén en 1946, e a Repil, na parroquia monfortina de Chavaga, onde en 1949 tamén a garda civil asestou un duro golpe á guerrilla. ¿Seica houbo algunha colaboración de Sputnik Labrego, ou dalgún dos vosos membros no traballo arqueolóxico que se desenrolou nestas zonas?
Por desgraza, os que estamos a facer un relato arqueolóxico da guerrilla no noroeste non somos moitos e, afortunadamente, levámonos ben. Estes dous casos, tanto Cambedo como Repil, son auténticos exemplos de como este tipo de arqueoloxía non só é posíbel, senón que ofrece información moi relevante que doutro xeito non sería posible obter. Tanto Xurxo Ayán como Rui Gomes, directores destes proxectos, son exemplos de como se pode facer unha arqueoloxía obxectiva mais militante. Este é o camiño que nós queremos seguir na Cidade da Selva.
Se el primero en comentar