Entrevista a Jose Vieira (2ªparte): «a organización estaba tan ben feita que non foi preciso nin morrer, nin matar»

A Baixa do Porto no dia 25 de Abril de 1974

Aquele que na hora da vitória

respeitou o vencido

Aquele que deu tudo e não pediu a paga

Aquele que na hora da ganância

Perdeu o apetite

Aquele que amou os outros e por isso

Não colaborou com a sua ignorância ou vício

Aquele que foi «Fiel à palavra dada à ideia tida»

como antes dele mas também por ele

Pessoa disse

Sophia de Mello

Segunda parte da entrevista con José Vieira, mestre, investigador e capitán de Abril. Un relato persoal do 25 de Abril, un dos últimos capitán do movemento revolucionario que liberou pacificamente Portugal. Unha conversa xunto co seu amigo Luís Chapela Bermúdez adentándonos unha vez máis naquela noite do 24 de Abril, antesala da revolución. Esta entrevista tivo lugar no salón de plenos do Concello de Moaña, grazas a iniciativa de Xosé Daniel Costas Currás de Mocidade e Igualdade.

LUÍS CHAPELA: Cando aquela noite soou o “Grândola, vila morena”, ti, concretamente ¿en onde estabas?

JOSE VIEIRA: É curioso, pero é unha pregunta que eu sempre gosto de contestar, nas moitas charlas que fixemos sobre isto. Era evidente que eu xa non estaba no servizo, pero nos tiñamos información ó minuto, de como estaba a ser procesado o movemento. Vou un pouquiño atrás para dicir que nós, no día 16 de marzo, fixemos un balón de ensaio, aínda que moita xente non o considerou, nos fixemos sair un grupo de instrución de infantería do Batallón nº 5 de Caldas da Rainha para Lisboa, nos sabíamos que podía ser arrestado, sabíamos que ía ser abortado ese proceso, pero nos o fixemos para que o goberno fascista de Marcelo Caetano dixese: “xa está dominada a revolución posible”, e entón foron arrestados os nosos compañeiros.

Máis este era un movemento de distracción, mentres foise preparando todo o proceso, procurando o máximo sixilo, empregando a técnica, e é preciso que se diga isto, que foi deseñada polo Partido Comunista Portugués, a través das células nas que se coñecía ó seguinte, pero non se coñecían ós outros. Nos tiñamos un proceso no que eu coñecía quen era o meu inmediato, pero non coñecía quen estaba por detrás, nin quen estaba ó lado. Isto permitiu que a PIDE estivese completamente confundida.

Entón, cando foi o día programado para facer a Revolución, eu sabía que sería aquel día, o 24 de abril, e nese día sabía que había dous sinais, o sinal inicial de preparación, que sería unha canción retransmitida pola Radio Renascença, que era “E despois do adeus”, do cantor Paulo de Carvalho. Cando escoitamos esa canción, eu e os que tiñamos que saír, abandonamos os sitios onde estabamos, aqueles que estabamos fora do servizo, vestimos o uniforme, como no meu caso, e nos diriximos ós sitios que nos eran destinados no esquema da Revolución. E tiñamos que agardar que houbese a contrasinal, que era o “Grândola, vila morena”, pero a canción do Zeca Afonso debía saír ás 24 horas, ou sexa a media noite, e estabamos todos agardando, quietiños, con angustia, porque sabiamos o que se xogaba, porque sabíamos que si fallabamos ían cortarnos a cabeza.

Por razóns que, agora, tal vez serían difíciles de explicar, o movemento atrasouse vinte e pico minutos, son vinte catro ou vinte cinco minutos dunha angustia absolutamente diabólica. Imaxinen que están dentro dun coche, coa pistola encima dos xeonllos, e non sabe se vai morrer ou se vai matar, porque non tiñamos outra alternativa: ou morres, ou matas. Pois a organización estaba tan ben feita que non foi preciso nin morrer, nin matar, esa é unha das grande figuras que podemos, na Revolución do 25 de abril, mostrar ó mundo. Tivemos unha Revolución na que non houbo mortos, nin houbo feridos, nin houbo necesidade de dar tiros. Porque nos fixemos o que o pobo quería.

Entón, eu saín, agardei pola sinal do “Grândola, vila morena”, e a miña misión era a de arrestar ó comandante da maior unidade militar da cidade de Porto, que tamén era a miña base, a unidade de infantería nº 1, que, naquela altura, estaba un mes de instrución, e tiña, máis ou menos, dous mil homes dentro. Non houbo problema para entrar, bastaba con presentarse cos galóns de oficial, aínda que o individuo que estaba na porta non me quería deixar entrar, pero os galóns obrigaban, entrei e me dirixín a casa do Coronel, que vivía dentro do cuartel. Toquei á porta, a muller veu a abrir, a pesares de que xa debían estar deitados, e eu lle dixen que quería falar co marido, máis ela non quería, máis apareceu, e eu lle dixen: “meu Coronel, teña paciencia, pero está preso, está arrestado”, e lle mostrei a pistola. O home non puxo resistencia, non deu dificultades, porque nos sabiamos que este era un home que estaba entre os dous canais.

¿Porque isto acontece? Porque tamén había un cansazo dos militares de cadro, que eran os menos que había na cidade, basta dicir que en Portugal, que naquela altura debía ter nove millóns de habitantes, e tiña unha forza militar de 140.000 homes en activo, no momento, e non había capacidade de cadros para se manter. E cada dous anos eran enviados a Ultramar, e isto tamén os cansou. E isto os tornou proclives para favorecer a Revolución.

A partir dese momento, eu teño que atopar sesenta soldados para o meu obxectivo, que era tomar a Rádio e Televisão portuguesa, o posto de produción nº 2, ou sexa no Monte da Virgem, en Santo Ovidio, Vila Nova De Gaia. Aquí tamén sae unha anécdota moito engraçada, levei sesenta homes, en dous camións, e distribuín a cada home unha G3, unha metralladora automática, que naquela altura era a que utilizabamos no exército, e que eles tiñan na instrución, pero so deixei levar en cada cargador unha bala, porque os homes tiñan menos de dous meses de instrución e non sabían disparar, e se había casqueira cousa algún deles se mataba.

Entrei, finalmente á Rádio e Televisão portuguesa, e topei co individuo que era da seguridade, que era un tenente da Garda Nacional Republicana, e eu díxenlle: “dáme a arma porque estás preso, isto é unha Revolución”, e o individuo non quixo facer o heroísmo coa arma, eu lle dixen “teño aquí os homes, detrás miña nos camións”, e ante a dubida entrego a arma e tomamos a televisión. A RTP deixou de emitir, porque eu obriguei a parar, e púxeme en comunicación con Lisboa, que dispuxo que a televisión de Porto fora o organismo que emitise os comunicados das Forzas Armadas. Máis isto tiña un problema, o de atopar unha comunicadora, ou un comunicador, para facer o servizo, e entón, eu coñecía, porque fora a miña compañeira, e mesmo namoriscara con esa chica, Manuel Melo, que acabou ó pouco tempo como deputada, que era, naturalmente, unha presentadora,  e que tamén unha grande poetisa, que fora tamén presa cando publicou un poema extraordinario, “Negro morre”, sobre o racismo portugués en África. Entón, mandei buscar a Manuela Melo, e traballou 36 horas seguidas, para preparar os comunicados das Forzas Armadas.

LUIS CHAPELA: Na actualidade eu teño escoitado de todo, que si isto xa non é o que era, que se a xuventude xa non quere saber nada. E ti, ¿como ves a situación, agora mesmo, ó redor do 25 de abril, en Portugal, e incluso aquí, na Galiza?

JOSE VIEIRA: Eu son un optimista por natureza, pero, como ti ben sabes, dedícome bastante ó análise social, socio-político, e sobre todo como economista, e quero acreditar que a xuventude, neste momento, é capaz de tomar nas súas mans a bandeira para seguir adiante. Os xovens son naturalmente mellores que nos, son máis xenerosos, non entanto, eu teño que dicir que os xovens que consideran esta Revolución, e a todos os movementos que piden respecto, en Portugal e na Galiza, para atopar solucións á desigualdades sociais, que é aquilo que máis nos aflixe neste momento, as desigualdades de oportunidades para eles ter unha vida capaz, eles pasan desta situación, porque consideran que a miña xeración, e o que fixemos naquela altura son batallitas, son contos de fadas, e por iso é difícil chegar a unha comunicación na que eles sintan… Por outro lado, hai unha masiva información manipulada, en Portugal e na Galiza, no sentido de bloquear a capacidade intelectual dos xovens, de poder facer análises reais e factibles daquilo que eles viven neste momento, e daquilo que eles teñen que perspectivar no futuro. Parece que falta, neste momento, un nivel de formación estudantil, na conciencialización do mundo en que viven. Esa é unha lacra que nos deberíamos combater. Eu teño facer algo, indo a falar ós institutos, porque considero que é ai onde está a mellor materia prima, e é ai onde nos debemos actuar. Eu teño moita pena, de dicir isto que vou dicir: se nos non nos empeñamos, os que agora aínda estamos ós xovens, o futuro que nos espera é cada vez peor, basta ollar para as características dos novos empregos, e das oportunidades que traen, eu creo que con isto respondín máis ou menos.