Entrevista a Jose Vieira (1ªparte): «Salgueiro Maia era, realmente, o home da Revolución.»

Esta é a madrugada que eu esperava. O dia inicial inteiro e limpo. Onde emergimos da noite e do silêncio. E livres habitamos a substância do tempo.

Sophia de Mello

Primeira parte da entrevista con José Vieira, mestre, investigador e capitán de Abril. Un relato persoal do 25 de Abril, un dos últimos capitán do movemento revolucionario que liberou pacificamente Portugal. Unha conversa xunto co seu amigo Luís Chapela Bermúdez adentándonos unha vez máis naquela noite do 24 de Abril, antesala da revolución. Esta entrevista tivo lugar no salón de plenos do Concello de Moaña, grazas a iniciativa de Xosé Daniel Costas Currás de Mocidade e Igualdade.

LUÍS CHAPELA: Hoxe temos aquí con nos, a unha persoa que, probablemente, moita xente vexa polas nosas rúas, e descoñecen quen é. Este home é Jose Manuel Vieira, foi un capitán do 25 de abril, da Revolución dos Cravos, e naceu en Vilanova de Freira, en Portugal, en 1942, e ten unha dilatada carreira que sempre combinou cos estudos dende moi novo. Comezou cuns estudios en comercio, que logo completaría con estudos superiores no Porto, e vai ser nesa andadura cando se interesa polas matemáticas, aplicadas ás ciencias sociais, abríndose novos horizontes na súa vida. Cursa o doutorado na Universidade da Sorbona, en París, baixo a titoría de Raymond Barre, que logo sería primeiro ministro de Francia.

A súa dedicación docente universitaria dura 38 anos, que desenvolve en diferentes universidades: Lisboa, Mozambique, e nas Baleares. Outras dedicacións que levou a cabo foi a formación de cadros en direción de empresas, en varias zonas de Mozambique, en lugares a desenvolver, onde traballou activamente, incluso na construción de escolas onde tamén exerceu de mestre.

Foi fundador de colectivos e cooperativas en Portugal, de estudantes, de cine-clubs, de bibliotecas… foi un home moi activo ó longo da súa vida. E membro senlleiro e de honra do Ateneo Comercial do Porto, colectivo que conta con máis de 500 anos de vida, tendo a maior biblioteca privada do país veciño, que asemade alberga unha importante colección de arte. Tamén é socio numerario da Asociación Intenacional das Matemáticas en Francia.

Na nosa comarca está totalmente integrado en diferentes colectivos, da Memoria, da sanidade, e tamén forma parte da directiva da Asociación Cultural Irmandade do Dolmen. Colabora igualmente con movementos solidarios e de axuda ós refuxiados, da sanidade, etc. Na actualidade está desenvolvendo un traballo para dar a coñecer a Renda Básica Universal, como norma para seguir nos novos paradigmas sociais, como forma de subsistencia, e para combater as desigualdades impostas polos amos do mundo.

Na Revolución dos Cravos, Jose Vieira, que é desas persoas cunha nobreza e cunha integridade total, enfrontouse á ditadura de Salazar, e foron capaces de vencelo, cunha loita pacífica. Na Revolución dos Cravos brilou con luz propia, e por encima dos camaradas que alí estiveron, un amigo del, o Salgueiro Maia, un facho que sigue a alumear ó pobo, e a todas as persoas do mundo, que loitan polas causas xustas. Jose Vieira, en definitiva, é unha desas persoas que son dignas e nobres, e un soñador empedernido, que quere un mundo sen miserias e sen miserables, un mundo onde ninguén se sinta marxinado. É un soñador que sabe ver nos ollos o corazón das persoas.

Ímoslle facer unhas preguntas sinxelas, como esta: ¿en que ano chegaches ó Morrazo?

JOSE VIEIRA: Eu cheguei ó Morrazo fai agora seis anos. Na segunda quincena de maio, fai seis anos que estou no Morrazo. No cal me sinto perfectamente integrado. Aquí, no Morrazo fun recibido cunha amizade e cun cariño que é pouco habitual, é algo que teño que agradecer a toda a xente do Morrazo. En especial, me sinto agradecido, especialmente á xente de Moaña.

LUÍS CHAPELA: No 25 de abril, ti xa estaban en situación liberada do servizo militar, ¿porqué te volveron a chamar a ti?

JOSE VIEIRA: No 25 de abril acontece que había individuos que estaban en activo, e esa foi a situación da meirande parte dos que participaron na rebelión. No entanto, había outros elementos que, por razóns temporais, xa estarían licenciados. Isto no campo dos milicianos, daqueles que non eran militares de carreira. Entón o que acontece e que moitos de nós, os que non eramos de carreira, estabamos comprometidos dende o principio coa loita, e nese compromiso había, dentro dos milicianos que participaron na Revolución do 25 de abril, seguramente, unha trintena de elementos. Todos estes elementos xa tiñamos tarefas atribuídas no principio da Revolución.

LUÍS CHAPELA: ¿Cómo foi, concretamente, o traballo táctico que ti levaches, nesa xornada do 25 de abril?

JOSE VIEIRA: Nós tiñamos participado activamente na programación do 25 de abril, máis, algún de nós, tamén tiñamos participado no documento, fundamental, teórico, das razóns que nos levaban a dar o golpe militar, porque os milicianos eramos os que tiñamos máis formación política e filosófica, que tiñan a capacidade de analizar esa situación. Había nesa tarefa máis milicianos que propiamente elementos do cadro permanente do exército. Non entanto, había unha interligazón perfectamente xusta, paritaria.

Aquí cabe facer unha pequena reflexión sobre o 25 de abril, é un movemento de capitáns, dos primeiros oficiais que estaban entre os suboficiais e os que estaban máis elevados, de maior graduación, e os de menor rango. Porque, inicialmente, era un movemento dos oficiais do cadro contra os milicianos, xa que os milicianos estabamos a ocupar os postos que lle pertencían os cadros militares. Isto foi así porque non había oficiais do cadro para comandar as unidades militares, na Ultramar, e entón o réxime nos equiparou a nós cos elementos do cadro. Isto xerou un malestar nos cadros, porque dicían que nos, lle íamos quitar as súas condicións en termos de carreira militar.

Entre tanto se fixo unha reunión, en Guinea-Bissau, na que estiveron presentes milicianos e militares do cadro permanente, e chegouse a conclusión de que o inimigo non eran os milicianos, o inimigo era o Salazar, o réxime ditatorial. E a partir desta reunión, que foi feita no monte, para agocharse da PIDE, da Polícia Internacional e de Defensa do Estado, determinou a unión entre os milicianos e os militares do cadro, e acabaron os conflitos entre eles, e acordaron que o obxectivo era acabar co réxime, acabar coa guerra colonial, dar a independencia ós pobos colonizados, e, se for posible, apoialos a posterioridade e axudalos no desenrolo económico, como debía ser.

LUÍS CHAPELA: Eu sei que tiveches unha grande amizade co Salgueiro Maia. ¿Como naceu esa amizade?

JOSE VIEIRA: O Salgueiro Maia para algún de nós, milicianos, e tamén para os militares de cadro, é un facho, un elemento a seguir, era sen dubida o individuo máis desposuído de maldade, de calquera que non foxe o seu veciño, os seus concidadáns. Era moi humilde, totalmente dado a todo aquilo que podía axudar. Unha das cousas características del cando estaba na instrución –en xeneral, os instrutores no exercito, son duros, e tratan os soldados dunha forma ríxida- trababa á tropa do xeito contrario, el procuraba que cada soldado de cabalería, pois el era oficial deste corpo, fora o seu amigo, procuraba escoitalos no día a día, cando ollaba a algún con algunha dificultade, espontaneamente, tentaba ver como podía facer para o axudar. Moitas veces o Salgueiro Maia retirou diñeiro da súa propia conta para axudar a individuos que tiñan dificultade para soster a súa familia, era o que nos chamamos un pan, un pan doce.

Máis o lado dun home bo, había unha muller extraordinaria, que era a miña coñecida, a miña compañeira, desde a facultade, na Universidade, e tiñamos unha amizade por larga data. O Salgueiro Maia coñeceuna a posterior, e con aquel home senlleiro e entrañable, tiven tamén unha amizade que se prolongou no tempo. Era un home que, cando falaba, era todo ilusión. E tiña unha ligazón, sobre todo cos máis humildes, con aqueles que máis dificultades tiña, era un home que procuraba que toda a xente puidese vivir con dignidade. Salgueiro Maia era, realmente, o home da Revolución.

O Otelo Saraiva de Carvalho era o grande estratego, e o home de coraxe sen calquera problema de facer xestos de prestixio, sen medo, ese era o Salgueiro Maia. No día da Revolución, no día que chegou a Lisboa, ó Terreiro do Paço, foi o home que gañou a Revolución, foi o home que foi capaz de ofrecer a peito descuberto, sabendo que podía morrer en calquera momento, e foi capaz de se enfrontar ós canóns, ás ametralladoras, do Batallón nº 7 de cabalería, que era o inimigo, a unidade que defendía ó Marcelo Caetano.

Mesmo tivo a humildade, despois de haber vencido, na rúa do Arsenal, en Lisboa, cando se achega ó Cuartel do Carmo, para arrestar a Marcelo Caetano, no momento en que tiña o poder na man, de ofrecerllo ó graduado que tiñamos máis grande no Movimento das Forças Armadas, o Xeneral Espinola, que foi un individuo infiltrado pola extrema dereita na comisión do 25 de abril. Pero é importante que se diga que nos necesitabamos do 25 de abril de ter algúns oficiais superiores, para que puidese facerse a transición sen que houbese sangue. Salgueiro Maia é, unha vez máis, que fai esa ligazón, cando cede o Comando no Cuartel do Carmo ó Xeneral Espinola.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.