Jose G. Barral: “tiña claro que este cura peculiar, en crise, acabaría dando a volta, traspasando os limites da sua condición sacerdotal”

No propio desenvolvemento da novela, a min tamén me sorprendeu de como as persoaxes chegaron incluso a empatizar entre eles e de ter un obxectivo común

Por Angelo Nero

Cruzados polo camiño. Conxeturas compostelás verbo dun papa atribulado” foi a obra gañadora do II Premio de Novela Camino de Santiago, convocado por la Academia Xacobea, un thriller con moito humor que semella facer escarnio do “Código Da Vinci”, en torno á visita do papa Benedicto XVI a Compostela, no ano santo xacobeo do 2010, na que un detective moi especial, o sacerdote Evencio de Borbén, ten que atallar unha conxura contra a igrexa a contra reloxo, seguindo unha ringleira de actos vandálicos ó longo do camiño de Santiago. “O autor constrúe unha historia que mestura o xogo da investigación coa reflexión sobre os restos da relixiosidade nas épocas de tendencia secular, levándonos polos escenarios simbólicos, emocionais e reais do Camiño,” sinalou o xurado do certámen.

¿Como xurdiu a idea de artellar unha historia co escenario da visita papal a Compostela, e facelo en clave case de novela negra, ideando un complot no que serán decisivas as pescudas de Evencio de Borbén, un moderno sacerdote, motero e informático, con certa crise vocacional?

A idea xurdiu ó fío de bastantes libros que, a comenzos deste século se publicaron sobre o particular, sobre situacións ó longo da historia, sobre explicacións en claves insólitas, exotéricas, ese tipo de “literatura” conseguiu unha certa notoriedade, no que había un pouco de todo, pero que non acadaba, certamente, unha altura relevante. E a idea xurdiu, intentando facer unha especie de parodia sobre isto, coller un feito referencial como foi esa visita, e darlle un enfoque particular sobre un complot desas características, e como se podería desmontar. E para iso botei man de personaxes un tanto peculiares.

Detrás de unha novela como esta, que recorre un bo treito do Camiño de Santiago, semella que hai un traballo de documentación importante, ¿Levoute este traballo a recorrer os escenarios naturais onde transcorre a acción do libro, seguindo os pasos de Evencio, Minerva e Markus?

Internet da para moito. Parte dos itinerarios, os máis próximos a Galicia, coñecíaos, un pouco Carrión de los Condes, e Logroño simplemente de paso. A verdade é que, agás a zona do Bierzo e a zona de Galicia que a coñezo de sobra, si que a novela deu pe para que eu visitase eses lugares, pero a posteriori de habela escrito. Non saíu da miña propia experiencia, da miña percepción, senón que collín distintos documentos, fundamentalmente de tipo visual, sobre igrexas, monumentos, lugares significados, e, a partir de aí fun sacando material, con maior ou menor acerto, para materia prima da novela.

As personaxes secundarias do libro son un dos principais atractivos da novela, dende a atractiva bibliotecaria, que será unha tentación constante para Evencio, ata esa sorte de Iker Jiménez suízo, que se converten nos seus principais aliados, pasando por directoras xerais de patrimonio como Bernarda Alarcos, violentos policías como o comisario Chamadoira, vigaros, alcaldes, garda civís, e ata espías vaticanos. Semella que cada un deles responde ós seus propios intereses, e que todos agochan información para resolver a trama ¿non si?

Efectivamente. Para darlle este enfoque, un tanto peculiar, que non responda fielmente ó desenvolvemento dun guión de novela negra, a selección de personaxes tense que facer con certo esmero, con certa dedicación. E de aí foron xurdindo personaxes dificilmente compatibles entre si, dificilmente situables nese contexto, de pescudas, pero eu creo que, ó final, esa especie de amalgama heterodoxa foi collendo certo corpo, ata o punto de que no propio desenvolvemento da novela, a min tamén me sorprendeu de como chegaron incluso a empatizar entre eles e de ter un obxectivo común.

Por outra parte, ¿como fas para encaixar todas estas personaxes na intricada trama de “Cruzados polo camiño”?

Non o sei moi ben. Eu non sei escribir, eu son un bo lector, a min o que me gusta, realmente, é ler e gozar la lectura de persoas que escriben moi ben. Digamos que tiña unha idea moi clara do personaxe principal e logo os outros os fun perfilando ós poucos, a sabendas de que este cura peculiar, en crise, acabaría dando a volta, traspasando os limites que a sua condición sacerdotal lle impedían. Entón pensei, aínda que el tiña desavenenzas de tipo teolóxico e doutrinal, que mellor que unha muller para decidirse a dar ese paso. Logo o do Iker Jimenez, precisaba dunha personaxe que tivese un certo dominio sobre todas esas claves esotérica, porque o de Minerva era un perfil máis crítico, máis político a enfocar ás problemáticas sociais, e o de Evencio era un enfoque relixioso, co seu particular punto de vista, e o de Markus proporcionaba ese coñecemento sobre os cruzados, sobre os ovnis, o escurantismo, sobre a explicación esotérica da Biblia, e así foi como, máis ou menos, os fun pergeñando.

Un cura con crise vocacional, expertos en ocultismo, atentados contra igrexas, seitas integristas, policías sacados do antigo réxime, conxuras vaticanas, todo moi politicamente incorrecto. Non parece una novela escrita para promover o Camiño de Santiago, ¿colleute de sorpresa a concesión do premio outorgado pola Academia Xacobea?

Eu profésolle unha gran devoción á cidade de Santiago, e ó Camiño, certamente teño feito algúns tramos e creo que é un itinerario fantástico, calquera dos centos de camiños que hai por aí, pero non foi, en ningún momento, o que me inspirou. Esa idea do camiño de facer unha novela a propósito de, non era iso. Era coller un feito referencial da nosa historia recente e poderlle dar este enfoque, un tanto peculiar.

Direiche que, efectivamente, o primeiro sorprendido fun eu. A convocatoria dese certame foi o que me deu pe para presentalo, porque era un libro que levaba, practicamente, dez anos esquecido, no meu ordenador, non sucumbiu ós cambios de sistema operativo, por fortuna, e cando me enterei deste concurso, con pouquisima fe, presentei a novela, e logo foi unha noticia moi agradable.

O camiño de Santiago, ó seu paso por Vigo, non está exento de polémicas, e mesmo hai que afirma que “Vigo maltrata ós peregríns”, ¿Como vigués, consideras que hai algo de certo nestas afirmacións? ¿E que alternativas podería haber ó actual percorrido do camiño na cidade máis importante do sur de Galiza?

Si, creo que as queixas que hai, das persoas que están camiñando e que dende Portugal, dende A Guarda, dende Baiona se dispoñen a acometer a ruta, chámanlle a atención o ben cuidada que está ata chegar ó concello de Vigo, e despois do concello de Vigo, entón algo esta a pasar. Esta non é unha consideración política, nin ideolóxica, simplemente testemuñas de persoas que o teñen feito e que atopan que non hai sinalización, que os albergues sexan insuficientes para o numero de persoas que están a peregrinar, y que non haxa unha mínima sensibilidade por parte das autoridades locais para atender a estas persoas. Porque o Camiño non é un fenómeno relixioso, aínda que no comezo fora así, e creo que non deixa en bo lugar a esta cidade, o recordo que se van a levar as persoas que fan este camiño e que atopan en Vigo un paréntese, un lugar do que teñen que fuxir rapidamente, para continuar cara Chapela e o norte da provincia.

Alternativas hai un feixe delas, o propio camiño que agora está, tamén presenta algunha alternativa, pero aquí temos un montón de persoas especialistas en sendeiros, en percorridos, en sendas forestais e marítimas, que podían tratar catro ou cinco alternativas máis agradables que as que temos na actualidade.

A túa anterior novela “El último peaje”, na que estiveches asesorado por Domingo Villar, tamén estaba escrita en clave policial, aínda que naquela a trama ía polos camiños incertos da política, e o seu escenario era ría de Vigo, de feito arrancaba cun crime na icónica Ponte de Rande. Esta novela foi escrita castelán -así como “Cruzados polo Camiño”, que foi traducida por Carmen Torres-. ¿Tes previsto editar, aproveitando agora o impulso do premio, a túa primeira novela en galego?

O meu primeiro libro “Por catro perras”, foi en lingua galega. O segundo “El último peaje” tiven problemas para editalo e decidinme pola autoedición, para min asumir ese risco era menor en castelán, tendo en conta que teño familia e amigos fora de Galicia, e ampliar así o mercado potencial. E en “Cruzados polo Camiño” comecei a escribila en castelán, os últimos capítulos fíxenos en galego, e os traducín ó castelán, pero finalmente a novela foi traducida por unha especialista ó galego. Non teño previsto editar “El último peaje” en galego, teño aínda 80 dos 450 exemplares que editei no seu momento, no ano 2011, e agora estou metido noutro proxecto, e a ver como vai. Despois xa verei se paga a pena facer unha revisión desa novela, sería certamente moi estimulante e vertelo ó galego aínda máis, pero non o teño en mente. Se cadra, se tivera unha oferta interesante daría ese paso.

En “El último peaje” era unha detective, Silvana Seijo, a encargada de conducirnos por una trama de corrupcións urbanísticas, loitas estudantís, ambicións políticas e mesmo asasinatos, ¿é a novela negra o xénero onde te moves con máis comodidade? ¿E que autores de novela negra destacarías en Galicia?

Non sei exactamente, eu escribo o que escribo. Dende logo que é un xénero que me gusta, como lector, e temos aí cantidade de escritores e escritoras que teñen levado ese xénero a cumios importantes da literatura, posiblemente sexa a influencia deles a que me leve a escribir nesa clave. Partir dun feito insólito, dun accidente, cunha clave explicativa un pouco confusa, e tirar a partir de aí para artellar a novela. Seguramente é a miña forma de escribir neste momento. Non sei se serei quen de dar outro paso, pero non descarto nada.

En Galicia, loxicamente, Domingo Villar, que foi o escritor que situou a Galicia no panorama literario europeo e incluso internacional. Despois de Domingo Villar teño lido algunha cousa interesante, de Jose Cid, de Román Raña, pero vou máis á literatura norteamericana, aínda que o meu autor referencial é Vázquez Montalbán.

Despois de esta novela premiada, ¿pode ser que xa estes con algún novo proxecto do que nos queiras falar?

O novo proxecto é unha novela que transcorre ó final dos anos sesenta na cidade de Vigo, nun período tremendamente atractivo, porque foi un un período frenético, de grandes mudanzas na modernización da propia cidade, e que colle un feito referencial, como foi a desaparición dos tranvías, e a partir de aí intento construír unha trama sobre cales foros os motivos e as razóns que levara a ese cambio, claves de tipo político, económico, empresarial que levaron a eso, e loxicamente tamén falo doutras circunstancias do momento, deportivas e culturais. Ese foi un momento moi estimulante e decisivo no desenvolvemento da cidade.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.