Entrevista a Galiza Nova: “Multáronos con 300 euros por cabeza por facer un mural en defensa dos dereitos do colectivo LGTB”

Resultado de imagen de mural galiza nova multa

 

Que sucedeu o 27 de outubro?

O 27 de outubro, eu e outras 4 compañeiras de Galiza Nova fixemos un mural en defensa dos dereitos do coletivo LGBT nun muro de cemento en Combarro, co lema “Construíndo a Galiza diversa”, tal e como se decidira na asemblea comarcal de Pontevedra-Caldas de Galiza Nova. Tres meses e medio máis tarde, chegounos a cada unha unha carta inesperada a casa notificándonos dunha multa de 300 euros por cabeza.

Que motivo se argumentou para multar aos cinco militantes de Galiza Nova?

A multa púxose en base ao artigo 37.13 da “Ley de seguridad ciudadana”, máis coñecida como Lei Mordaza, que estipula multas de 100 a 600 euros por “danos ou deslucimento a bens de uso público”. O argumento por tanto é que o noso mural danaba ou ensuciaba de algún xeito o muro. Cousa que non é certa, xa que a nosa actuación non foi ningún acto vandálico, senón unha expresión política en favor dos dereitos sociais que non só non danaba a estética do lugar (era un muro de carga ao lado dunha estrada), senón que de feito a melloraba, xa que foi feito por riba dunha pintada vella que había antes no seu sitio.

Existe algún denunciante particular ou son Guardia Civil e Subdelegación de Gobierno os que actúan de oficio?

O denunciante foi a Guardia Civil de Pontevedra actuando de oficio, non houbo denunciante particular. O muro era de uso público, a propia notificación do expediente así o indica.

Consideran que a temática do mural ou a organización asinante influíuron nesta sanción?

Estamos convencidas, non só polo feito de que vemos pintadas da ultradereita a diario por Poio ePontevedra sen ningunha consecuencia, ás veces incluso enriba dos nosos propios murais; senón tamén porque non é a primeira vez que nos poñen unha multa a militantes de Galiza Nova na comarca polo mesmo motivo. Xa houbo unha denuncia semellante por un mural de Rosalía en Pontevedra no seu día, que recurrimos e finalmente quedou en nada.

Existe moita demagoxia en certos partidos políticos á hora de defender ao colectivo LGTB? 

As reivindicacións do coletivo sempre foron asociadas á esquerda política e aos movementosprogresistas, xa que o conservadurismo de partidos como o PP historicamente levounos a apoiar políticas invisibilizadoras ou directamente discriminatorias. Hai exemplos a mans cheas de propostas de leis en defensa deste coletivo que son tumbadas polo PP. A día de hoxe tamén existen forzas de dereita “liberal” que din defender os dereitos deste coletivo; porén, a nada que un rabuñe, vese que o que realmente defenden son os seus intereses de clase disfrazándoos de política pro-LGBT, como é no caso paradigmático dos ventres de alugueiro.

Que supón para a militancia de base a Lei Mordaza?

A Lei Mordaza supón na práctica unha forma de criminalización da disidencia política. Dende as multas por manifestarse ou facer murais políticos á confección de listas negras de “infractores”, pasando polo maior poder dos policías, todo vai encamiñado a castigar a quen ouse alzar a voz. Nós asumímolo e non imos deixar de dar a batalla a pesar diso, mais tamén hai que recoñecer que pode botar cara atrás a parte da nosa militancia, especialmente as persoas máis novas que poden ter problemas familiares se se ven envoltos de súpeto nun proceso xurídico como este.

Preténdese silenciar á oposición de esquerda ou a deriva opresiva é xeral?

Máis que á oposición de esquerda en xeral, a persecución é a calquera que supoña unha contestación ou ameaza ao actual estado de cousas. Evidentemente nós, como nacionalistas, feministas e de esquerdas, imos estar no albo si ou si. Aínda que hai unha maior intensificación hoxe desta represión, non debemos esquecer que non é nada novo, estas cousas levan sucedendo sempre; non debemos esquecer a traxectoria do estado español.

Van continuar usando os murais como ferramenta política?

Evidentemente, os murais son unha ferramenta máis que axuda a espallar as nosas reivindicacións e a idea de sociedade na que nos gustaría vivir, a Galiza que nos gustaría construír entre todas. Son unha práctica que debería estar normalizada nunha sociedade democraticamente sá, e non imos deixar de facelo.

Existe liberdade de expresión no estado español?

Para nós está claro que nun estado no que un artista pode ser condenado por rapear contra a monarquía, un grupo de activistas pode ir á prisión por reclamar a devolución do pazo de Meirás roubado polos Franco, ou un pobo enteiro pode ser mallado pola policía e os seus líderes encerrados sen xuízo por querer expresar a súa vontade votando, a liberdade de expresión brilla pola súa ausencia.

Levaron a cabo algunha iniciativa para axudar aos militantes sancionados?

Si, Galiza Nova fixo uns marcapáxinas que puxo á venda para axudar a pagar a sanción. Custan 1 euro e neles saen Marcela e Elisa, dúas mulleres que casaran ás agachadas na Coruña no ano 1901, é dicir, a primeira voda entre persoas do mesmo sexo que houbo no noso país.

Axudan pintadas como as recentemente realizadas na Catedral de Santiago a fomentar un clima sancionador fronte á realización de murais políticos?

O certo é que resulta curioso o rebumbio que se armou sobre unhas pintadas na Catedral a nivel mediático, despois de ver que o ano pasado tamén houbera actos vandálicos na mesma catedral e non pasara absolutamente nada. Máis ben aproveitouse o feito de que apareceran esas pintadas anónimas para tratar de fabricar artificialmente ese clima de tensión e demonizar un movemento, o feminista, que hoxe é fundamental e un verdadeiro problema para o sistema patriarcal no que vivimos.

É a realización de murais un compoñente propio da súa organización ou supón unha alternativa ás grandes sumas monetarias que outros partidos dedican a propaganda e publicidade?

No nacionalismo en xeral e en Galiza Nova en particular non dispoñemos de moitos recursos financieiros. Non temos “padriños” mediáticos, nin o apoio de grandes empresas nin bancos. Por iso todo o que facemos é feito coas nosas mans e a través do esforzo militante. Os murais nese sentido son útiles para difundir ideas ou información mais non son o único que facemos, tamén colamos cartaces, penduramos faixas informativas, repartimos voandeiras…

Recibiron mostras de solidariedade por parte doutros partidos?

Non me consta ter recibido apoio nin mostras de solidariedade de ningún partido máis alá do propio BNG, que levou a nosa protesta até Europa da man da eurodiputada Ana Miranda. Fóra do mundo do nacionalismo non lembro ter visto nada, aínda que tal vez me equivoque.

Como se atopa actualmente o panorama en cando á loita LGTB en Galiza?

Pois a día de hoxe o movemento LGBT galego é amplo bastante variado, e ten bastante máis presenza que no pasado, con espazos artellados en chave galega como pode ser Avante LGBT, por exemplo. Os esforzos do coletivo van dirixidos a conquistas concretas como poden ser o facer efectivas as medidas recollidas na lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación do coletivo LGBT (que tras as modificacións que o PP fixera no seu día quedou nunha declaración de intencións) ou a loita por unha lei de identidade de xénero (despois de que o PP tumbara a proposta dunha lei galega nese sentido no 2017) como reivindicación do coletivo trans. A maiores do plano institucional, fan un gran traballo realizando campañas de formación, visibilizando as problemáticas do coletivo e pulando por acadar a plena inclusión en todos os espazos, ademais de denunciar os casos de LGBTfobia que infelizmente son unha realidade cotiá no noso país, agravada agora co rearme ideolóxico reaccionario e o auxe da ultradereita no estado español.


Necesitamos tu ayuda para seguir adelante con el periodismo crítico.

Nueva Revolución no tiene ánimo de lucro, pero sí tiene gastos. No queremos depender de nadie ni tener publicidad. Con 1, 2, o 3 euros al mes nos ayudarás a seguir mostrándote nuestros artículos.
Ayúdanos a seguir ofreciendo Nueva Revolución.

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Uso de cookies

Nueva Revolución utiliza cookies, no podemos evitarlo. Al seguir navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las cookies y la aceptación de nuestra política de cookies ACEPTAR

Aviso de cookies