Entrevista a Eva Mejuto (2ª parte): “Vexo a literatura como unha oportunidade de encher, dende a ficción, os silencios que a historia oficial deixou”

© Distrito Xermar

Cando vou a un instituto, eu tento dicirlles ós rapaces ¿e vos que coñecedes da vosa historia, dos vosos avós, dos vosos bisavós, a que se dedicaban? E, sobre todo, intentar xerar a curiosidade ¿quen fomos?, ¿porque somos así? ¿adonde queremos ir?

Por Angelo Nero

Retiros espirituais de ioga, búsquea do tesouro, concerto e encontros de poesía, semella que a illa de San Simón vale para acoller calquera tipo de evento, pero sigue sen significarse por se un campo de concentración franquista, ¿que opinión tes do que está sucedendo na illa coa bendición da Xunta de Galicia?

Eu, evidentemente, defendo que San Simón sexa a Illa da Memoria, que se saiba todo o que houbo, que non se branquee, que non se oculte, e é o espazo óptimo para facer ese traballo, e que as institucións non o queiran recoñecer, e non o queiran dedicar a iso, pois están negando unha parte, e están perdendo unha oportunidade magnifica de coñecer o noso país, de coñecer a nosa historia, e de coñecer os nosos espazos da Memoria. É unha mágoa que se perda esa oportunidade.

Eu, na pouca parte como escritora, porque teño unha capacidade limitada do que podo facer, pero o que si podo é coller as ferramentas que eu coñezo, que son os libros, que é a literatura, para achegarme a moitos traballos que fixeron, como dicía antes, moitas asociacións, e ó mellor que non son tan accesibles para o público infantil e xuvenil, e, dalgunha maneira, me alimento de toda esa información, para despois convertela nun texto literario, e a partir de ai facilitar ese traballo, e facer de ponte. Eu, evidentemente, non son historiadora, non son investigadora, pero para min ese traballo é fundamental, e teño que agradecerlle a xente que colaborou, que investigou, que estudou, e que recuperou esas voces, podo crear estes textos, no so da historia familiar que eu vivín.

Entón esa parte de traballar a Memoria dentro da literatura pois é algo que naceu xa con “Memoria do silencio”, aínda que hai outro libro sobre San Simón, que aínda non acabei pero no que xa levo un tempo, e outro que tamén ten que ver con iso, porque eu vexo a literatura como unha oportunidade de encher, dende a ficción, os ocos, os baleiros, os silencios que a historia oficial deixou. Temos a historia das batallas, dos acontecementos, das visións políticas, pero a historia humana, das persoas, queda moita por contar. Entón creo que a literatura é un espazo ideal para contar esas historias.

Pontevedra está sendo pioneira no país en canto á “Memoria das Mulleres”, mesmo teñen un espazo que se chama así, ti tamén semellas nesa tarefa, pois na túa anterior novela “Memoria do silencio”, recreabas a historia das irmás Touza, que salvaron a centos de fuxidos do fascismo. ¿Estamos nun momento doce para a recuperación das invisibles, das silenciadas, desas mulleres que foron represaliadas dobremente, por antifascistas e por ser mulleres?

A historia das irmáns Touza a min sempre me fascinou. E me horrorizou cómo non sabía eu desa historia, eu coñecía a historia do pixama a raias e tantas outras, que me chegaron por películas, por plataformas, contadas desde fora, e resulta que temos a nosa historia, tan próxima, tan espectacular, tan importante, e que non a coñecemos. Dalgunha maneira eu fago ese traballo porque me parece importante que esas voces se recuperen e, sobre todo, que lles cheguen a esa nova xeración.

Non sei se estamos nun momento doce, pero si é certo que hai unha sensibilidade, e iso é importante. Hai autores, e autoras, hai editoras que están apostando por este traballo. Porque si eu publiquei “Memoria do silencio”, “A lavandeira de San Simón”, e porque Xerais me abriu ese espazo, me deixou publicalo, e entón, nese sentido, eu agradezo moito.

Eu creo que o traballo que se fixo en Pontevedra con “A memoria das mulleres” é absolutamente marabilloso, que se leva facendo xa dende o bipartito, impulsado totalmente por Luís Bará, que non é un traballo de hoxe, senón de hai moito tempo, pero digamos que hoxe estase volvendo a facer esas cousas. E non so é importante que se fagan, senón que se creen espazos, que despois teñan difusión. A min paréceme interesante poder visitar, con “Memoria do silencio”, non sei cantos institutos, e os visitei porque había profesorado que  me abría as portas, que leu o libro e lle pareceu interesante tratalo na aula. Creo tamén que a xente está sensibilizada, e tamén ten medo, estamos vendo como volven condutas de ultradereita a negar os dereitos, e hai xente que está reaccionando, e creo que esa reacción é necesaria. Non é un momento doce, pero é certo que hai unha sensibilidade, que está aí. Polo tanto, a xente que leva tanto tempo traballando nisto, é magnifico que nos deixen o traballo, que nos non puidemos facer. Creo que temos que aproveitar cada quen a parte que lle corresponde, as docentes, as educadoras, nos que escribimos, e as asociación de memoria tamén, aproveitar esa demanda, por así dicilo, para crear pontes, para crear redes. Así como as irmáns Touza tiñan aquela rede de axuda para que cruzaran a fronteira, ou as lavandeiras tiñan a súa rede de axuda para asistir ós presos, nos tecemos as nosas redes de axuda para as persoas que nos dedicamos a distintos ámbitos, e que temos esa sensibilidade, esa vontade, de denuncia e de reivindicación, e de romper con ese silencio.

Seica que “A lavandeira de San Simón” inicia un proxecto de Xerais, chamado Pequena Memoria, da que ti es coordinadora. ¿En que consiste este proxecto e que novas nos agarda?

Para min “A lavandeira de San Simón” foi un proxecto meu, eu fun a Xerais a explicalo, pero tiña claro que non quería que fora un proxecto único, quería que fose a apertura dun espazo, o da Pequena Memoria, que agora é unha colección de Xerais, que o segundo título foi “A nena lectora” de Manuel Rivas, con Susana Suniaga, que falas das mulleres da fábrica de tabacos de A Coruña, e do seu contexto tamén. E ese espazo feito en álbum ilustrado, creo que foi unha aposta moi valente por parte de Xerais, y esta tendo moi boa acollida. Hoxe mesmo acábanme de dicir que vai a saír a terceira edición dese álbum, en pouco máis dun ano, e iso nun libro ilustrado que se reimprima tantas veces é algo bastante excepcional. Estou moi contenta por isto, e porque o libo de Manuel Rivas funcionou tamén bastante ben, e agardamos que veñan proxectos súper interesantes, que sigan explorando, que sigan recuperando, e que sigan recuperando, á rapazada e ó profesorado ca súa propia historia.

Estou preparando agora dous proxectos máis, con dúas autoras galegas, tamén, que seguen esta liña de mulleres, non sei si o podo dicir, que tiveron que ver con revoltas. Ímolo deixar por ai.

Tanto “Memoria do silencio” como “A lavandeira de San Simón” van dirixidos a xente moza, aínda que poden ser lidos e disfutrados tamén polos lectores adultos. Recentemente creouse a Mocidade Galega pola Memoria, como “un espazo xuvenil galego para a recuperación da memoria histórica dende unha perspectiva de xénero, galega e de clase”. ¿Cal é a importancia que lle das á transmisión da memoria, en especial entre as xeracións máis novas, que non coñeceron a ditadura, e nin tan sequera viviron a transición?

O interesante de escribir estes libros, para min, e que son a primeira que teño que investigar, que me teño que informar, e son a primeira que aprendo, cando escribo un libro. Non sei si  investigación é moito dicir, pero si de inmersión nun tempo, nun contexto, que para min é súper gratificante porque son a primeira que aprendo, e tamén me indigno de non saber segundo que cousas. E despois facer ese traballo de interiorización, de facelo meu, e de transmitilo á xente. Para min é un proceso moi fermoso porque despois me permite, unha vez que acaba o libro, non é que acabe o proxecto, eu estou acompañando, tanto en “Memoria do silencio”, que eu espero que poidamos facer roteiros tamén en San Simón, pero cadrou o tema da pandemia, estaría moi ben, porque a min, cando vou ós institutos, me permiten facer un debate, primeiro co profesorado, que se interesa polo tema, e despois co alumnado. E cando vas a un centro, aínda que vaias un día, unha hora, eles estiveron lendo antes o libro, e eu lévolle revistas da época, lévolle vídeos, lévolle fotos, a foto dos nazis na Gran Vía en Vigo, esas cousas que parecen tan incribles, e despois queda ese pouso, que da para o debate, para a reflexión, e eu tento dicirlles ¿e vos que coñecedes da vosa historia, dos vosos avós, dos vosos bisavós, a que se dedicaban? E, sobre todo, intentar xerar a curiosidade ¿quen fomos?, ¿porque somos así? ¿adonde queremos ir?.

Tamén ves de participar no programa “Guerrilla”, que nace, segundo un dos seus impulsores, Nacho Fungueiriño, “para perseguir la utopía a través de la cultura. Una cultura comprometida, alternativa, revolucionaria, de resistencia y accesible a todo el mundo”. ¿Cómo foi a túa participación no coloquio no que conversaches con Manuel Gago, e que opinión levaches desta iniciativa?

En todo este tipo de proxectos, como “Guerrilla”, nótase que a cultura deste país sempre foi comprometida, revolucionaria, resistente, foino sempre, e creo que agora tamén, e ese espazo foi moi interesante para min. Compartir mesa con Manuel Gago, que é xornalista tamén, estudamos na mesma facultade, creo que temos os dous moita curiosidade e compartimos sensibilidade, é unha persoa que admiro moito, que traballa súper ben,  e do que sempre aprendo. Iniciativas como a de “Guerrilla” son moi interesantes porque achega reflexións actuais a un público novo, e é moi importante isto, chegar a novos públicos, e no tema da Memoria é algo fundamental. Manter o público que sempre está, pero tamén chegar á xente nova, e facer esa ponte, que xente de máis idade fale coa xente máis nova.

A nosa sociedade íllanos moito, parece que os mozos non queren saber nada da xente de mediana idade, e moito menos coa xente maior, e iso o temos que romper, porque a relación interxeneracional e fundamental para facer unha sociedade máis reflexiva, máis rica, e na que aprendamos os uns dos outros. Eu ando niso, e gasto moito tempo e enerxía, dende a literatura, que o mellor non é o medio onde a rapazada teña máis vontade, porque, moitas veces, os libros que len son de lectura obrigada, dentro do centro, pero eu sei que moitos deles empezan lendo un libro de maneira obrigatoria, a min tamén me pasou, pero despois o agradecen, e eu participo moito, me gustan os clubs de lectura, porque tamén é un grupo onde mozos e mozas que se xuntan a socializar, a reflexionar, a pensar e a debater a partir dun libro. Fun a moitos clubs con “Memoria do silencio”, con “A lavandeira de San Simón non tanto”, e eu penso que son iniciativas interesantísimas, porque moitas veces pensamos erradamente que a rapazada non pensa, non le, non reflexiona, e moitas veces as persoas adultas non o fan tampouco. E creo que temos que falar ca rapazada, temos que contarlles historias, temos que escoitar tamén o que eles nos teñen que contar, sobre todo ós adolescentes, que teñen unha sensibilidade enorme, e cando conectan cun tema, a súa paixón é brutal, e creo que é un camiño por facer aínda, ese traballo ca rapazada, que é fundamental, porque da reflexión que teñan eles vai depender, en boa medida, o seu futuro, o noso futuro, e o futuro do país. E iso é algo que temos que construír entre todas, entre xente de distintas xeracións.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.