Entrevista a Carlos Taibo: “A OTAN leva trinta anos desenvolvendo unha operación de cerco sobre Rusia”

A que clase pertence Putin? A que clase pertence Zelenski? Son representantes orgánicos dos grandes poderes económicos, pois eu estou coa xente da rúa en Rusia, e en Ucraína, permanentemente esquecida entre nós

Por Marco Santos

Cóntanos, Carlos, que te trouxo outra vez por Redondela?

Eu penso que veño todos os anos, e o ano que non veño o boto en falta. É un lugar agradable, de xente amiga, o paso ben, e prestan atención ás cousas que eu digo, para que vou pedir máis, cando menos minoría selecta que acude ás miñas palestras, que debe ser 0,01% da populación, máis iso acontece en Redondela e en calquera outro lugar.

Trouxeches un libro novo, ese libro vai sobre Ucraína, pero a guerra de Ucraína comezou o día 24 de febreiro, e ese libro se editou ou máis ben saíu á rúa, dous días despois.

Dous días antes. A ver, as dúas primeiras edicións dese libro aparecen en 2014. O libro esgotouse e o editor, con criterio respectable, decidiu non publicalo de novo, máis, dende antes do nadal, andaba tras de min para que traballase nunha actualización. Eu negábame, ata que, aló polo 20 de xaneiro, escoitei como a ex presidenta de Madrid, Cristina Cifuentes, explicaba nun canle de televisión as claves fundamentais de comprensión do conflito de Ucraína, e iso foi superior a min, e decidín traballar nunha actualización. A terceira edición apareceu un pouco antes da intervención militar rusa, e eu non prevía que ía haber dita intervención, e despois viñeron catro edicións máis.

De verdade pensabas que non ía haber unha intervención militar rusa?

No mellor dos casos que habería algún movemento de pezas menor na Ucraína Oriental, eso era posíbel, porque non era moi arriscado. Eu dixen onte que, para min, Putin era un político prudente. Non nos enganemos, isto non quita que non sexa un asasino noxento, que creo que o é, máis isto non quita que medía as consecuencias dos seus actos, de tal maneira que creo que calquera persoa que traballase sobre estes conflitos tería dito que era impensable unha intervención militar rusa de carácter global e tan rotunda, entre outras cousas porque se ía volver contra os intereses de Rusia. Con toda evidencia, nos equivocamos.

Non cres que ese pulo que lle deu a Putin para invadir a Ucraína, tivo algo que ver coa OTAN?

Claro que si. A OTAN leva trinta anos desenvolvendo unha operación de cerco sobre Rusia, visiblemente provocadora, incorporando estados da Europa Central, e Oriental, establecendo bases militares arredor do territorio de Rusia. Esta é uha das explicacións, claro que si, da intervención de Moscova, a outra é que Rusia é un imperio e que ten dereitos adquiridos e incontestábeis con relación a Ucraína, Bielorrusia, co Cáucaso, con Asia Central, de tal maneira que a mestura destes dous elementos non é que explique a intervención, que para min sigue sendo algo inexplicábel, profundamente estúpida, máis senta uns alicerces de comprensión do acontecido.

Tamén é certo que o gañador de todo este conflito é EEUU, claramente. Sin saír de España, porque, por exemplo, EEUU a implicou para virar a política con Marrocos, o que nos puxo contra Alxer, co tema do gas natural, e agora o gas nolo vende EEUU máis caro. Incrementamos o IPC para as armas ata o 2%… Aquí o gañador claro é EEUU?

Parece. O que acontece é que estas crises sabemos como comezan, pero non sabemos como terminan, de tal maneira que isto pode ter moitas voltas, máis, claramente, a lectura que propós é a lóxica. Washington sae gañador en todos os escenarios. Se a Unión Europea responde de maneira unificada ante Rusia, sae gañador, e se a Unión Europea se divide internamente, tamén sae gañador. E isto e moi indicador dunha política americana que é moi cómoda e moi interesada. O que pasa é que, claro, na rebotica deste conflito está a confrontación de EEUU e China, e isto obriga a temperar moito e ollar con consecuencias difíciles de determinar que non van a ser necesariamente favorables a Washington. A cousa é complexa, e a posibilidade de moverse con soltura, nestas análises, é nula. Eu son incapaz de facelo.

Washington, en ningún caso, coa expansión da OTAN, despois da guerra fría, cumpriu os tratados que firmou, a non expansión da OTAN. Non parece raro que Rusia se sinta atacada. Non?

Ten todo o dereito e a lexitimidade a protestar polo que ten acontecido, o que pase é que, claro, a resposta en forma de intervención militar en Ucraína é calquera cousa, menos afortunada, e non so iso, é criminal, no seu perfil preciso, polo que a min me parece absolutamente necesario que subliñemos a responsabilidade occidental, non so de EEUU, máis tampouco liberemos de culpas a Rusia, que podería ter buscado, por exemplo, un procedemento de achega á Ucraína, interpretando que son dous pobos moi próximos entre si, e procurar cultural e politicamente seducir ós ucraínos. Con toda evidencia a estratexia de Rusia non foi a sedución, foi o golpe duro.

Teño a sensación de que esta guerra comezou no 2014. Pero creo que a mecha do conflito actual foi ese comentario de Biden dicindo que Rusia ía invadir si ou si Ucraína, que foi acendendo a chama ata que prendeu. E creo que Putin non podía tragar con iso.

A ver, onte na palestra, reclamei un exercicio de comparación, e acontecería así: si en Canada e en México chegasen ó poder forzas hostís a EEUU que anunciasen o seu desexo de colocar a eses dous países nunha alianza militar inimiga de EEUU, como rexería EEUU? De maneira máis benigna que Rusia? Con toda certeza non. Isto significa que este elemento temos que tomalo claramente en consideración na política norteamericana, profundamente hipócrita e interesada. Máis aínda, eu sospeito que EEUU desexa que este conflito bélico se prolongue no tempo, porque debilita a Rusia, debilita a Unión Europea, promove un negocio interesante para EEUU no terreo enerxético, con outro grande negocio por detrás, o da reconstrución de Ucraína, e así con certeza todas as grandes potencias están interesadas, tamén China, que é unha esperta en reconstruír países. Ademais do negocio armamentístico, nese sector deben estar felices, porque teñen agora unha conta de resultados moito máis sólida da que tiñan hai catro meses.

A política do estado español, do goberno “máis progresista da historia”, que é mandar armas para acadar a paz, como se come iso?

É un debate que non omitirei que é complexo. Eu dixen onte que unha das armadillas que nos aplican é facernos unha pregunta sobre o escenario de hoxe, a 10 de xullo de 2022, sen permitirnos examinar como chegamos a ese escenario. Entón, as potencias occidentais, en primeiro lugar, Rusia tamén, foron movendo os seus peóns, para conducirnos a un calexón sen saída, e cando estamos nese calexón preguntan: que, hai que armar ós ucraínos? Non, eu teño que facer preguntas sobre o anterior, e demandar destas instancias que expliquen como pecharon outras portas que podían ter permitido unha resolución pacífica destas tensións. E por iso penso que a pregunta é retorcida. É lexítima, claro, máis é retorcida.

Nin o goberno español nin Europa aceptaron ós desertores que abandonaban Rusia e Ucraína, e desde o meu punto de vista é a nosa primeira tarefa, apoiar ás xentes que en Rusia e en Ucraína resisten fronte ós poderosos respectivos, fronte ós oligarcas, aquí ninguén fala, mesmo na esquerda, da loita de clases. A que clase pertence Putin? A que clase pertence Zelenski? Son representantes orgánicos dos grandes poderes económicos, pois eu estou coa xente da rúa en Rusia, e en Ucraína, permanentemente esquecida entre nós.

A hipocrisía a temos tamén aquí. Hai concellos coa bandeira de fondo de Ucraína e o Non á guerra, pero só a esa guerra, porque son loiros e de ollos azuis, non son refuxiados como eses que saían antes na televisión. E a política de España e a de acoller ós ucraínos, pero, nembargantes, non falamos da xente do Sahara, onde hai unha guerra, non falamos do Iemen, onde hai outra guerra, non falamos de Palestina, onde hai unha invasión.

E nunca se falou de entregar armas ós palestinos e ós saharauís, aplicando unha fórmula paralela a de Ucraína. Subliño, a min pareceume moi ben que acollamos ós refuxiados que foxen dunha guerra noxenta en Ucraína, este non é o problema. O problema é en efecto, porque non acollemos nos mesmos termos a outras xentes, de pel escura, que proceden doutros conflitos? E non hai que ir moi lonxe, Chechenia, hai vinte anos, un pobo masacrado polo exército de Putin. Acollimos ós chechenos? Non. Eu creo que teño dereito a considerar que aquí hai un código xenófobo, racista, e, sobretodo, que hai intereses evidentes de por medio, que fan que o de Chechenia nos fique moi lonxe, e isto, en troques, parece como se nos fósemos ucraínos, que non é unha perspectiva que me pareza rexeitábel, pero deberíamos ser tamén saharauís, palestinos ou kurdos. E estes non. É a hipocrisía tradicional das nosas sociedades.

O outro día lin, nun debate nas redes sociais, “é que a guerra de Ucraína está condenada pola comunidade internacional”, pero, nembargantes, esas que ti sinalas non están condenadas pola comunidade internacional. Entón, quen é esa comunidade para dicir si unha invasión é lexítima ou non? Parece ser que a invasión de Palestina, por parte de Israel, ou a invasión do Sahara, por parte de Marrocos, ou do Iemen, por parte de Arabia Saudí, son lexítimas, e como a comunidade internacional pecha os ollos, parece que non hai tal invasión.

É a dupla moral de sempre, tratamos de maneira diferente ós amigos, e ós inimigos, e tratamos tamén de maneira diferente ós poderosos e ós débiles. Esta é a historia recente do planeta de maneira moi clara, non teño ningunha dúbida.

Falemos, por último, da publicidade que lle están dando a este conflito, por parte dos medios españois e internacionais, non que os medios da outra parte están silenciados. Aquí nos están vendendo só a película da OTAN.

Os nosos medios caracterizanse, en primeiro lugar, pola censura. As opinións que se atreven a subliñar que as potencias occidentais teñen responsabilidade, son proscritas. En segundo termo, por unha manipulación maniquea. O dicía onte, entendo que en Ucraína hai un agresor e un agredido, e isto, lexitimamente, conduce a mostrar solidariedade co agredido, máis non ate o punto de deturpar a realidade. Parece como se existise un exército asasino ruso, e dun grupo de monxas que resisten do lado ucraíno. Obviamente a realidade é máis complexa. E, alén diso, hai unha crecente rusofobia, que, as veces, é hilarante. E que, a miúdo, se traduce nunha ucrainofobia, do outro lado, que é igual de lamentábel.

O resultado é que desapareceron os expertos e todo isto ficou nas mans dos tertulianos, que son xente que, por definición, non saben absolutamente nada, e que se limitan a impartir doutrina. Ata o punto que, neste caso, e ata onde eu podo coñecer, porque non sigo isto moito, vin tertulias onde todos pensaban o mesmo. Supoño que unha dinámica fundamental dunha tertulia é que exista unha discrepancia e polémica, en relación con Ucraína non a hai.

Existía antes, e vou a romper unha lanza a favor do Coronel Baños, que é un xeopolítico, el está na dereita e eu estou á esquerda. E foi un home que dixo, non isto é así e se están equivocando, aquí está a historia. E, da noite para a mañá, desapareceu. O chimparon das tertulias, e agora da igual, todo o mundo que vai, sexa de dereitas ou de esquerdas, pensa o mesmo que Ferreras.

Discurso pechado. E isto é preocupante porque eu penso que os xornalistas de abaixo podían facer máis, entendo que o escenario é autoritario é represivo, máis non vexo un aceno de resistencia fronte a isto. Non so iso, porque nos preparan para o futuro, dun colapso, onde a censura vai ser aínda máis forte. Isto é un experimento. Imos a peor. Hai vinte anos, con ocasión da intervención norteamericana en Irak, eu entendo que o debate era máis aberto, había voces disidentes, había discusión. Agora non a hai.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.