Entrevista a Alfonso Pérez Caneiro: “En Palestina hai un triunfo da impunidade”

Estes e o resto de nenos, medran nunha situación terrible. En moitos sitios son acosados todos os días polos soldados nos distintos check-points, sofren a detención e a morte de familiares.

Por Angelo Nero

Tuba y Maghayir al-Abeed son dúas pequenas poboacións palestinas nas montañas do sur de Hebrón, onde viven un feixe de familias en rudimentarias vivendas escavadas na terra, nesa terra que, segundo os colonos, Yavhé prometeu ó pobo xudeu, polo que, como se ven repetindo en toda Palestina, dende a Nakba, o grande éxodo que obrigou a 700.000 árabes a abandonar os seus fogares, os seus habitantes son continuamente acosados para que a abandonen.

Pese a todo, “cos outeiros cercados e desgarrados, e as emboscadas do novo pasado”, como no poema de Mahmud Darwish, as humildes e pacíficas xentes de Maghayir al-Abeed e Tuba, resisten ó fanatismo sionista, tan duro como os rigores climáticos que teñen que enfrontar, con temperaturas baixo cero en inverno e os 40 graos que chegan a acadar en verano.

E unha desas mostras de resistencia dos habitantes destas aldeas, a protagonizan unha vintena de nenos palestinos, que percorren todos os días o camiño á escola, atravesando polo medio de dúas colonias, unha de elas, ilegal incluso para o estado hebreo, o outpost de Havat-Maoon, habitado por integristas xudeus que lles insultan e lles agraden, polo que, dunha forma excepcional en toda Palestina, son escoltados polo exército de Israel no seu traxecto.

Alfonso Pérez Caneiro e Marga Pazos, dous periodistas moi populares na televisión autonómica galega, deixaron a seguridade dos estudos da TVG, e viaxaron a Hebrón para documentar esta pequena gran historia de resistencia. En NR contactamos co primeiro, para que nos falara desta experiencia, que recolleron do documental “Colonos e pombas”, en 2015.

Cambia a forma ata na que falas ós teus fillos. Date conta de que moitos dos teus problemas non son tales”, declaraba Marta Pazos na estrea do documental. ¿Realmente cambia a visión que tes ata entón, cando te mergullas de primeira man nunha historia coma esta?

Cambia moito. Aprendes a relativizar moitas das cousas que pasan no teu día a día. A Marga afectoulle moito máis. Eu sempre intento marcar distancia e non implicarme persoalmente malia que hai momentos que non podes. No meu caso pasoume en Gaza tras visitar un hospital infantil e en Beirut entrevistando a una refuxiada siria.

Intento que estas historias sexan un exemplo para a miña filla pero dentro dun proceso de aprendizaxe. Tampouco quero relativizar os seus problemas e as súas preocupacións en función da miña experiencia en situacións críticas.

Cóntanos, Alfonso, ¿Como chegou a vos a historia destes valentes rapaces de Hebrón, que tódolos días vense obrigados a desafiar a ira dos agresivos colonos xudeus? O documental condensa a historia en trinta minutos, sen embargo, imaxino que detrás hai un proceso longo e laborioso. ¿Canto tempo invertiches no proxecto, e que dificultades tiveches que sortear para levalo a cabo?

Neste caso o proceso comezou uns oito meses antes. Atopei esta historia e parecíame magnífica e delirante ao mesmo tempo (o exército de ocupación que está en Cisxordania para protexer aos colonos, ten que protexer a nenos palestinos dos propios colonos).

Entrei en contacto coa ONG italiana que traballa sobre o terreo e todo foron facilidades.

Houbo dúas dificultades. A primeira foi que non sabíamos que o camiño que fan os nenos escoltados está prohibido para todo o mundo salvo para os colonos, o exército e para os nenos cando van a escola. Como nós traballamos como MoJo´s (xornalismo co móbil) decidimos que Marga se metera cos nenos facéndose a despistada… a ver que pasaba. Meteuse e non lle dixeron nada. Pero foron minutos moi tensos. Foi a primeira vez, e creo que a única, que se gravou o camiño completo dos nenos.

O outro problema era lograr falar cos colonos. Algún pediunos cartos e outro aceptou a entrevista pero sen poder gravalo. Falamos cun voceiro dos colonos de Hebrón pero despois de moitos intentos e problemas.

O documental estreouse en 2015 no Festival de cine árabe AMAL, máis, pese ós anos transcorridos, segue sendo moi actual, xa que a situación dos nenos palestinos non mellorou. ¿Seguiches a evolución da historia dos nenos de Tuba y Maghayir al-Abeed que protagonizan a túa película, e a situación da infancia na Palestina ocupada en xeral?

A situación dos nenos é igual. Continúa a escolta e os ataques dos colonos… nada mudou. Estes e o resto de nenos, medran nunha situación terrible. En moitos sitios son acosados todos os días polos soldados nos distintos check-points, sofren a detención e a morte de familiares, rexistros nocturnos das súas casas… todo iso forma parte da súas vidas. Os ex-soldados de Breaking the Silence teñen todo moi ben documentado.

A pesares de que os medios de comunicación masivos non soen mostrar a realidade de Palestina máis que cando se dan episodios de violencia, son poucas as historias de resistencia non-violenta que nos chegan. ¿Non cres que teríamos outra visión de Oriente Medio, do mundo en xeral, se os informativos nos trouxeran historias coma esta na franxa de máxima audiencia?

Non o teño claro O que fixemos Fito Ferreiro e máis eu en Gaza, emitiuse en horario de máxima audiencia e tivo moi boa acollida. Creo que é máis importante convencer co relato, que non se fale dos palestinos en termos asociados ao terrorismo. Unha acción terrorista en Tel Aviv ou Xerusalém ten unha dimensión moito maior que os actos diarios de ataques dos colonos e do exército.

Non se contextualiza o suficiente. Creo que tamén hai unha certa fatiga na audiencia, que ven o problema palestino como algo eterno e irresoluble. E tamén existe unha rendición, porque sabemos que por moita indignación que nos provoquen as atrocidades do exército de Israel… nunca vai pasar nada. Hai un triunfo da impunidade.

En 2007 xa estiveches en Palestina, na Franxa de Gaza, onde gravaches “Engaiolados”, no que mostrabas a desesperante situación da poboación gazatí. ¿Cal foi a situación, a nivel de educación e sanidade, que te atopaches no que se deu en chamar “a maior cárcere a ceo aberto do mundo”?

A situación é terrible. Nos poucos días que estiven con Fito, a miña sensación era de agobio. Hai un esforzo moi importante pola escolarización, pero o conflito está presente permanentemente. Visitamos unha escola. Esa mañá contemplamos o drama dunha nena que perdera ao seu irmán horas antes. Nunha clase de pintura a mestra deu liberdade para pintar o que quixesen, e todos os nenos e as nenas pintaban escenas de guerra e de morte. Foi impactante.

O máis duro foi a visita ao maior hospital pediátrico de Gaza. Había nenos, bebés, que morrían porque non podían ter acceso a un simple tratamento de diálise. Moitos aparatos estaban estragados e non se podían arranxar porque estaban prohibidas moitas importacións. Se ademais teñen un familiar que Israel considere que está vencellado co terrorismo, tampouco lles deixan cruzar para seren tratados nun hospital de Israel. Vimos médicos chorando de impotencia, foi tremendo.

Nesta peza documental non agochas as críticas a Hamas, que goberna Gaza dende 2007, despois de que Israel abandonara, dous anos atrás, o territorio ocupado, e das eleccións parlamentarias palestinas, e que Al-Fatah, que as perdeu, fora expulsada da Franxa. ¿Pensas que a situación sería moi distinta de atoparse este territorio baixo o control da Autoridade Nacional Palestina?

Non, para nada. Sería igual. Mira como están en Cisxordania. Mellor que en Gaza pero sen poder pechalos pola existencia de centos de colonias. Para Israel, a existencia de Hamas en Gaza lexitímao para calquera acción militar e para poder controlar á poboación por terra mar e aire. Hamas é un mal necesario para Israel. Como é posible que sexa Israel quen permita quen entra e quen sae dun territorio que non lles pertence. Isto sucede e co permiso da comunidade internacional.

En 2006 tamén estiveches informando sobre o terreo, no contexto da guerra entre Líbano e Israel, coa invasión do exército hebreo, que so fixo retroceder a milicia de Hezbolá, e que durou pouco máis de 30 días, e onde recentemente regresou a tensión na fronteira. ¿Cres que ese foi o punto de inflexión no reforzamento de Hezbolá como un dos principais actores político militares do Líbano?

Hezbolá era xa un actor político e militar importante naquela época. Pero é certo que saíu reforzado. Un exército co poder de Israel non foi quen de derrotar a unha milicia, moi ben armada iso si. O seu líder, Hassan Nasrallah, saíu vivo e non acabou como o seu predecesor que foi asasinado polo exército de Israel en 1992. Seguen controlando o sur do Líbano e teñen unha presenza moi importante no Parlamento.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.