Alberto Gonçalves Herrero, secretario comarcal da CIG-Vigo.
O movemento obreiro enfrontou ao longo da súa historia diferentes contextos. A maioría deles cheos de dificultades. Persecución, represión, clandestinidade. A loita sindical supuña, e supón aínda en moitas latitudes do planeta, un risco mortal. No entanto, a forza da razón e un compromiso en prol dunha causa, a da emancipación da humanidade, permitiu desenvolver esa loita de maneira continuada e constante. Os mártires de Chicago, que deron lugar á proclamación do 1 de maio como Día do Internacionalismo Proletario, son exemplo desa determinación heroica que chega até os nosos días.
Este 1 de maio foi inusual. O confinamento, no marco dunha crise sanitaria sen precedentes pola pandemia do coronavirus, que xa se cobrou a vida de 547 galegas e galegos, impediunos poder celebralo mobilizándonos nas rúas. Mais estas particulares condicións non nos privaron de exercer a nosa dignidade como clase traballadora galega desde un marcado afán reivindicativo e combativo. Moitos millares de fiestras e balcóns de Galiza secundaron o chamado da CIG a visibilizarmos a loita da clase obreira nun berro de dignidade. Nunha acción simbólica, coa que deixamos patente que non arriamos as bandeiras. Moi ao contrario, fixemos que o vento batese nelas como en calquera primeiro de maio. A bandeira vermella do movemento obreiro, e a bandeira da nosa Patria, Galiza, xuntas máis unha vez expresando o anceio de todo un pobo de conquistar a nosa plena liberación nacional e social. O noso soño compartido de construír unha sociedade nova, xusta socialmente, igualitaria, libre de toda forma de opresión e explotación e radicalmente democrática, que só pode cristalizar nunha Galiza ceibe e socialista.
Son tempos convulsos. Cheos de incertezas e adobiados polo medo. Tempos de crise que desde a CIG, como primeira forza sindical galega, dicimos alto e claro que non imos pagar a maioría social que representamos as clases populares. Tempos de dificultades para moitas familias traballadoras, con máis de 200 mil compatriotas en ERTES, con millares que perderon o emprego ou que por causa da ultraprecariedade das ETTs están nunha suspensión que os priva de salario. En moitos fogares non entraron ingresos nas últimas semanas e non saben cando van cobrar o seu salario ou prestación. Por iso, diante da propaganda e dos discursos, temos que esixir medidas e decisións. A clase obreira non comemos promesas, non pagamos as facturas con anuncios, non subsistimos con declaracións ben intencionadas.
A ineficacia e insuficiencia das medidas adoptadas polo Goberno español e a total incomparecencia da Xunta de Galiza, deixan o pobo traballador galego nunha situación de total desamparo. Cómpre reaxer. Cómpre esixir o que por xustiza nos pertence. Demandando políticas públicas que protexan a clase traballadora e non o grande capital. Non podemos permitir máis políticas que empobrezan a maioría do pobo e que pretendan confinar os nosos dereitos sociais e laborais. Non podemos tolerar máis abusos patronais. Só a mobilización, a loita organizada, a que impida que como en crises anteriores sexan os ricos e poderosos quen se salven a costa do sufrimento da maioría explotada.
Hoxe as reivindicacións que sostemos desde hai tempo non só non caducaron senón que gañaron en urxencia. Hai que botar abaixo as reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións, que só produciron máis paro, peores salarios, pobreza e emigración. Hai que reverter os brutais recortes nos servizos públicos. Hai que promover a intervención pública directa para poñer fin á desertización produtiva e iniciar un proceso de reindustrialización. E temos que alargar os sistemas de protección social, financiándoos cunha fiscalidade progresiva e xusta. É preciso, en resumo, un xiro de 180 graos nas políticas sociais, laborais e económicas tanto da Xunta como do Goberno español, para sentar as bases dun punto de partida desde o que, recuperando os dereitos que nos roubaron coa coartada das crises, conquistar unhas mellores condicións de vida e de traballo.
O proletariado temos todo por gañar. A historia aprendeunos, con moitas dificultades, que ningunha vitoria nos foi regalada. Que todo, absolutamente todo, o conquistamos con loita. Con mobilización e conflito. Non é tempo de nos acomodar na trampa dos pactos sociais cos que pretenden que acordemos o alcance da nosa derrota. É tempo de loita obreira e popular. Onte, hoxe e sempre.
Avante coa loita obreira!
Viva o Internacionalismo Proletario!
Viva Galiza ceibe e socialista!
Se el primero en comentar