Denuncia contra o Ministerio de Defensa de presos e presas políticos de Ferrol

O colectivo de presas e presos politícas de Ferrol na ditadura franquista presenta ao fiscal xefe de Galicia unha denuncia contra o Ministerio de Defensa. Considera que o incumprimento reiterado da Lei de Memoria Historica polo Ministerio de Defensa, negándose a retirar a simboloxía franquista, podería ser constitutivo de delito.

Por Manuel Monge / Presas e presos políticos de Ferrol

O 21 de decembro de 2020 un colectivo de presas e presos políticos de Ferrol na ditadura enviaba un escrito a Margarita Robles, ministra de Defensa, denunciando que en Galiza existen 23 símbolos franquistas en instalacións que dependen de Defensa e 13 están en Ferrol, e concluía: “Se o Goberno quere ter credibilidade e dar resposta á reivindicación de verdade, xustiza, reparación e garantía de non repetición, que demandamos as vítimas do franquismo, debería dar exemplo, respectando o propio ministerio de Defensa a lei, que está vixente desde hai 13 anos, e proceder á retirada da simboloxía franquista que depende directamente de Defensa”.

Con data 5 de febreiro de 2021 Defensa contestaba: “Conforme a los datos disponibles en este Departamento, no consta que existan actuaciones pendentes al respecto”.

Este colectivo enviaba un novo escrito en marzo de 2021: “Hai un evidente incumprimento da Lei de Memoria Histórica por parte de Defensa, unha ofensa ás vítimas da ditadura franquista, un desprezo aos acordos plenarios do concello de Ferrol. Se Defensa segue negando a evidencia poñeremos estes feitos en coñecemento da Fiscalía porque o incumprimento reiterado da lei podería ter un carácter penal”.

ESTA É A SIMBOLOXÍA FRANQUISTA QUE DEPENDE DE DEFENSA:

Rúas no Arsenal Militar de Ferrol: Almirante Fernández Martín, Almirante Vierna, González Llanos, Salvador Moreno, Marqués de Alborán, Soldado Lois, Crucero Baleares, Cándido Pérez, Almirante Honorio Cornejo.

O Pleno de Ferrol de 2 de marzo de 1981 (alcaldía do PSOE) xa retirou da cidade as rúas destes referentes do golpe de Estado de 1936. E en 2009, xa aprobada a lei de Memoria Histórica, o Pleno de Ferrol (alcaldía do PSOE) pedía a Defensa o cambio de nome destas rúas do Arsenal Militar, petición que non foi atendida polo Goberno (PSOE)

Igrexa Castrense de San Francisco de Ferrol: Cruz dos Caídos, placa aos Caídos do Baleares, placa con referencia ao bautismo do “Generalísimo”.

Escudo franquista na fachada do cuartel Sánchez Aguilera de Ferrol.

“Residencia de estudiantes Teniente General Barroso en Santiago”.

Edificio de Capitanía Xeneral na Coruña: “Sala de Honor Tte. Gral. Yagüe”. Relación histórica de bandeiras de España que evitan a referencia á ditadura despois da II República.

Museo Histórico Militar da Coruña: A explicación do alí exposto podería corresponder perfectamente a calquera ano da ditadura, que o converte nun museo de exaltación do franquismo. O retrato e o busto de Francisco Franco está acompañado dun texto no que non se fai referencia a que o 18 de xullo de 1936 houbo unha sublevación militar contra a Constitución e o goberno lexítimo e democrático da República. Tampouco se cualifica a Franco como ditador, nin se di que durante 40 anos tivemos unha ditadura criminal. Nos retratos do Marqués de Cavalcanti (José Cavalcanti de Alburquerque y Padierna) e do xeneral José Luis Romero Corral non se explica que se trata de dous golpistas que participaron no exército dos sublevados en 1936. Na explicación sobre “O mosquetón de Foucellas” (guerrilleiro Benigno Andrade García) ocúltase que a guerrilla loitaba para acabar coa ditadura. Sergio Peñamaría de Llano ten un retrato con esta indicación: “Uniforme de etiqueta de General de Brigada. Auditor General del Ejército y Alcalde de La Coruña”. Xunto ao retrato está o uniforme de militar de Peñamaría coas condecoracións. Noutra sala hai unha vitrina coa súa pistola. Como é posíbel que reciba tantos honores e distincións este militar que destacou pola criminal represión que protoganizou como tenente da Lexión en 1939 na comarca de Valdeorras (Ourense) e tamén como fiscal militar, solicitando penas de morte, entre outros, para dirixentes do PCE?

Escudo franquista no Cuartel de Atocha (A Coruña) da Forza Loxística Operativa (FLO) na Coruña, situado na porta do Comandante de Garda.

Cando se presentaban preguntas no Congreso sobre este evidente incumprimento da lei, a reposta do Ministerio de Defensa o 5 de abril de 2021 era sorprendente: “Se revisaron los símbolos y los nombres y se mantuvieron, ya que recuerdan a miembros de la Armada o buques con vinculación con la ciudad de Ferrol”. Con este razoamento, o ditador Franco, que tamén era de Ferrol, debería conservar as rúas e distincións que tiña nesta cidade?

No escrito de 21 páxinas (e 35 páxinas de documentos anexos) enviado ao Fiscal Xefe de Galicia, este colectivo solicita: “Que por parte desa Fiscalía se tomen as medidas oportunas para comprobar os datos que aportamos, tanto en Galiza como no conxunto do Estado, e actuar en consecuencia porque entendemos que esta reiterada actitude de incumprimento da lei polo Ministerio de Defensa, podería ser constitutiva de delito.

Presos e presas políticos de Ferrol que apoian este escrito:

Ignacio Fernández Toxo, Rafael Pillado Lista, Francisco Rodríguez Sánchez, Sari Alabau Albors, Vicente Couce Ferreira, Raúl Pillado Lista, Alfonso Tellado Sande, Antón Martínez Aneiros, Xosé Piñeiro Arnoso, Anxo Ferreiro Currás, Fina Varela Fontán, José María Freire Piñeiro, José Loureiro Fernández, Manuel Monge González e Ricardo Aneiros Sixto.

– Véxase o texto da denuncia de 21 páxinas entregada ao fiscal xefe, así como a referencia aos documentos adxuntos (34 páxinas) e documentos electrónicos.

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.