Da Pachamama á Achachila. As mulleres que desafían ó imposible.

Non foi fácil subir, pero nada é imposible. Soñar non costa nada, hai que seguir adianta como nos que loitamos para chegar ó Aconcagua. As mulleres somos moi fortes, loitadoras e emprendedoras, e hai que romper esas barreiras para seguir adiante

Por Angelo Nero

Lidia Huayllas, muller aymara de cincuenta anos, levaba subindo ó Huayna Potosí (6.088 m.), a metade da súa vida, aínda que a súa ascensión sempre se detiña en Campo Alto, a 5.100 m. de altitude, onde os alpinistas, a meirande parte estranxeiros, pasan a noite antes de asaltar o cumio, e onde ela e outra porteadoras indíxenas, coma ela, cargaban as equipaxes e os materiais das expedicións, cociñaban e agardaban o seu regreso do ascenso final, para recibilos cun mate de coca que os repuxera do esforzo e dos efectos do mal de altura, antes de cargar outra vez con todo para o descenso. En todos estes anos a Lidia medroulle a curiosidade polo cumio, que, pola súa condición de muller indíxena, de cholita (como se lles define despectivamente), lles era negada.

Coa chegada do goberno de Evo Morales, os pobos indíxenas comezaron a conquistar espazos públicos que antes tiñan vetados, e tamén as mulleres aymaras, quechuas e doutros pobos orixinarios, pasiño a pasiño, axudados polas novas leis e políticas gobernamentais, escalaron cara cumios antes inimaxinables. Foron alcaldesas, policías, deputadas, empresarias, seguidoras da estirpe de Bartolina Sisa, e a Lidia e a outras cholitas como Dora Magueña lles xurdiu a pregunta: ¿por qué non escaladoras?

A finais de 2015, Lidia, Dora, e outras dez mulleres indíxenas, na súa maioría esposas de guías de montaña, subiron ó cumio do Huayna Potosí, coas súas “polleras” baixo o equipo de montaña, reivindicando así tamén a súa condición de aymaras.

“Foi unha alegría incrible, pera para nos foi un pouco difícil a primeira vez, xa que non o coñecíamos e o retorno era máis perigoso porque ás veces derretese a neve e tes que baixar a presa”, apuntaba Cecilia Ilusco, outra das integrantes de esta expedición iniciática, ás que lle seguiron outras nas que as Cholitas Escaladoras, xa formadas como un colectivo de 16 mulleres, ascenderon ós principais cumios de Wiliwya: Illimani (6.462 m.), Parinacota (6.200 m.), Pomarapi (6.000 m.), Acotango (6.080 m.), e o máis alto do país, o Sajama (6.542 m.). Co tempo ás súas montañas quedáronselles pequenas e quixeron subir o reto, ascendendo á montaña máis alta de Latinoamérica: o Aconcagua (6.960 m.).

Foron cinco ás cholitas que, a principios de 2019, viaxaron a Arxentina para converterse nas primeiras indíxenas en pisar ese cumio, aínda que só dúas, Analía Gonzáles e Elena Quispe, conseguiron finalmente o seu obxectivo. Esta é a aventura que se empeñou en filmar o director leonés Jaime Murciego, que carecía de experiencia na montaña – o seu anterior proxecto foi  “Boxgirls” (2016), no que puña o foco nas xoves de Nairobi, que atopaban no boxeo un medio no que emponderarse e plantarlle cara á violencia patriarcal-, quen asumiu o reto de mostrarnos esta historia de superación que se estreou en Bilbao, no seo do 13 BBK Mendi Film, o prestixioso festival de Cinema de Montaña, no mesmo día, fai agora un ano, no que puidemos ver o filme e coñecer ás súas protagonistas.

Alí estaban Analia, Dora, Elena, Lita e Cecilia, cos seus sombreiros de bombín, as súas polleras e os seus aguayos –unhas teas multicolores que valen para envolver obxectos e cargalos ás costas- coa intención de conquistar ó público do Mendifilm, de tal feito que acadaron o premio do Xurado, “por contar unha gran historia, que mestura temas que dificilmente saen á luz, mostra xestos de superación e está basada nun reto épico».

“Non foi fácil subir, pero nada é imposible. Soñar non costa nada, hai que seguir adianta como nos que loitamos para chegar ó Aconcagua. As mulleres somos moi fortes, loitadoras e emprendedoras, e hai que romper esas barreiras para seguir adiante”, dicía Lidia nunha entrevista, na longa xira de presentación de “Cholitas”, que foi interrompido pola pandemia. Nunha sociedade tan patriarcal como a boliviana, e onde os indíxenas son relegados ós peores traballos, non foi doado para estas mulleres facerse coa acreditación de guía de montaña, máis cada vez son máis as cholitas que non se conforman con ser cociñeiras e porteadoras, e que tamén queren subir ós cumios do seu país e do continente enteiro. De tal xeito que, na presentación do filme, confesáronnos que xa tiñan en marcha a preparación para a súa expedición ó Everest, para poñer no cumio máis alto da terra a súa bandeira, a Whipala, ese símbolo que outra muller, a presidenta golpista de Bolivia, Jeanine Áñez, tanto despreza.

Título orixinal: Cholitas / Director: Jaime Murciego Tagarro e Pablo Iraburu / Duración: 80′ / Ano de produción: 2019 / Nacionalidade: España / Produtora: Arena Comunicación Audiovisual

Se el primero en comentar

Dejar un Comentario

Tu dirección de correo no será publicada.




 

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.